Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Venres, 10 de maio de 2013 Páx. 15369

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para os aspirantes que non estean en posesión do título de bacharel.

O artigo 69.5 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dispón que os maiores de dezanove anos de idade poderán acceder directamente ás ensinanzas artísticas superiores mediante a superación dunha proba específica, regulada e organizada polas administracións educativas, que acredite que o aspirante posúe a madureza en relación cos obxectivos do bacharelato e os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas.

Para tal fin, as ordes do 30 de setembro de 2010 (DOG do 8 e do 11 de outubro) polas que se establecen os plans de estudos das ensinanzas artísticas superiores en Música, Arte Dramática, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais, dispoñen, no artigo 17, que os aspirantes que non estean en posesión do título de bacharel ou equivalente, e teñan dezanove anos feitos no ano de realización das probas, deberán superar a proba establecida no citado artigo 69.5 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e acreditar os seus coñecementos e a madureza en relación cos obxectivos propios do bacharelato.

En consecuencia, procede ditar instrucións para o acceso do alumnado que se atope en tales circunstancias, para o curso 2013/14, ás ensinanzas artísticas superiores de Música, Arte Dramática, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais. Xa que logo, en virtude das atribucións que lle son conferidas polo Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, esta dirección xeral

RESOLVE:

Convocar a proba de acceso para os aspirantes que non estean en posesión do título de bacharel ou equivalente, e fagan dezanove anos no ano 2013, ás ensinanzas artísticas superiores de Música, Arte Dramática, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais, para o curso 2013/14, que se rexerá polas seguintes instrucións:

Primeiro. Inscrición para realizar a proba

a) A inscrición realizarse na secretaría dos seguintes centros educativos entre o día seguinte ao da publicación da presente resolución e o día 30 de maio, ambos inclusive:

– Conservatorio Superior de Música da Coruña.

– Conservatorio Superior de Música de Vigo.

– Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña.

– Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela.

– Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo.

– Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense.

– Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

– Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

b) Para a formalización das solicitudes de admisión, os centros superiores facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na secretaría do centro, xunto cunha copia compulsada do DNI ou NIE ou pasaporte.

c) Os centros superiores onde se realice a inscrición deberán enviarlle á dirección xeral, a través do correo electrónico sxeefp@edu.xunta.es, o día 31 de maio, a relación de persoas inscritas para realizar a proba de acceso, ordenadas alfabeticamente, con apelidos, nome e número do documento nacional de identidade ou do documento acreditativo.

d) A relación de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios de cada centro o día 3 de xuño, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es

e) Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisional entre os días 3 e 5 de xuño, ambos incluídos, no mesmo centro onde se realizou a inscrición (ou a través do correo electrónico sxeefp@edu.xunta.es).

f) A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 6 de xuño no taboleiro de anuncios de cada centro, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es

Segundo. Desenvolvemento da proba

a) A proba de acceso realizarase o día 7 de xuño ás 9.00 horas no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela, de acordo co seguinte horario:

– 9.00 h: presentación.

– Das 9.30 ás 10.30 h: Lingua Estranxeira (inglés ou francés).

– Das 10.30 ás 11.30 h: Lingua Castelá e Literatura.

– Das 12.00 ás 13.00 h: Lingua Galega e Literatura.

– Das 13.00 ás 14.00 h: Filosofía e Cidadanía ou Historia da Filosofía.

– Das 16.00 ás 17.00 h: Historia de España ou Ciencias para o Mundo Contemporáneo.

b) As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e copia da folla de solicitude de inscrición.

Terceiro. Tribunal e cualificacións

a) A proba de acceso será administrada e avaliada polo tribunal que se recolle no anexo a esta resolución.

b) Os membros deste tribunal terán dereito á percepción de asistencias de acordo co establecido no capítulo IV do Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

c) A proba de acceso será cualificada cos termos de apto e non apto.

Cuarto. Admisión do alumnado

a) Unha vez concluída a proba, o tribunal publicará a listaxe provisional de persoas que superaron e non superaron a proba, o día 11 de xuño, no taboleiro de anuncios de cada centro e a través do portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es

b) Poderanse presentar reclamacións contra as cualificacións provisionais os días 11 e 13 de xuño, ambos incluídos, ante o presidente do tribunal avaliador, no centro onde se realizase a inscrición. Neste mesmo período, os centros remitirán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través do correo electrónico sxeefp@edu.xunta.es, as reclamacións presentadas para proceder á súa revisión.

c) As cualificacións definitivas publicaranse o día 14 de xuño, no taboleiro de anuncios de cada centro e a través do portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es

d) Contra as cualificacións definitivas, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, perante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Quinto. Emisión de certificación

Unha vez publicada a listaxe definitiva de aspirantes que superaron a proba, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa remitirá, o día 14 de xuño, os correspondentes certificados de ter superada a proba aos centros onde os aspirantes realizaron a inscrición.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2013

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO
Tribunal da proba de acceso de ensinanzas artísticas superiores
para alumnado maior de dezanove anos

Tribunal titular

Tribunal suplente

Presidente

Ricardo Pita Fernández

Presidente

Fernando Fernández Fraga

Secretario

Rubén Barderas Rey

Secretaria

Mª Luz Ares Fandiño

Vogal 1º

Noemí Álvarez Villar

Vogal 1º

Blanca Río Rey

Vogal 2º

Pilar Peñas Boleas

Vogal 2º

Mª Teresa de Jesús Rey Rey

Vogal 3º

Carmen Meiriño González

Vogal 3º

Mª Blanca Fraga Lago

Vogal 4º

Pedro Pérez Vérez

Vogal 4º

Antonio León Molina

Vogal 5º

Enrique Juan Álvarez Escudero

Vogal 5º

Julita Taboada Martínez