Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 13 de maio de 2013 Páx. 15600

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 71/2013, do 25 de abril, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dunha senda peonil na estrada PO-551, Marín-Rande (p.q. 2+000 ao 2+950, Bagüín-Marín) no concello de Marín (clave PO/12/067.06).

Con data do 21 de febreiro de 2013 a directora da Axencia Galega de Infraestruturas resolveu aprobar o proxecto de construción dunha senda peonil na estrada PO-551, Marín-Rande (p.q. 2+000 ao 2+950) (Bagüín-Marín) no concello de Marín (clave PO/12/067.06).

O mencionado proxecto ten por obxecto a creación dun itinerario peonil mediante a construción dunha senda peonil pola marxe esquerda, entre os p.q. 2+050 e 2+920 que permita interconectar os distintos núcleos de edificacións que se localizan ao longo da estrada PO-551 Marín-Rande e mellore a seguranza viaria dos viandantes.

Estas circunstancias obrigan a unha inmediata actuación dos poderes públicos para facer fronte aos problemas nos desprazamentos dos peóns. De aí a necesidade de proceder de forma inmediata á execución do proxecto de referencia e, consecuentemente, a unha urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios, os cales aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

De conformidade co artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, a aprobación dos proxectos de estradas de titularidade autonómica implicará a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos correspondentes aos fins de expropiación, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes.

A competencia para declarar a urxente ocupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia segundo o teor do previsto no artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de abril de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único.

Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de senda peonil na estrada PO-551, Marín-Rande (p.q. 2+000 ao 2+950) (Bagüín-Marín) no concello de Marín (clave PO/12/067.06).

Santiago de Compostela, vinte e cinco de abril dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas