Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 13 de maio de 2013 Páx. 15645

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a axencias de viaxe para a promoción e comercialización do destino Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

Entre os obxectivos básicos da Axencia están o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico a través da mellora da competitividade das empresas turísticas e a valorización dos recursos turísticos; o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial; a mellora do posicionamento do turismo no panorama nacional e internacional e a diversificación da oferta turística de Galicia coa consolidación dos produtos turísticos clave para competir no ámbito turístico nacional e internacional e a creación de novos produtos que posibiliten unha vantaxe competitiva e permitan desestacionalizar a demanda turística.

O turismo en Galicia estase a posicionar como un piar da economía galega. Neste momento, Galicia posúe un produto turístico amplo e diversificado que sitúa a nosa comunidade como un destino turístico preferente.

Na comunidade galega, como no resto do territorio do Estado, a actividade turística levada a cabo polas axencias de viaxe é un piar fundamental do fenómeno turístico e son, sen dúbida, as artífices do auxe experimentado nos movementos de viaxeiros, de aí a súa enorme importancia no sector, o que as constitúe como o cimento en que se asentan ou no núcleo sobre o que gravitan bo número do resto de actividades turísticas.

Neste sentido e na actualidade, as axencias de viaxe están asistindo a unha reestruturación e a un cambio nas súas actividades tradicionais derivadas dunha maior exixencia da demanda por parte dos consumidores, cunha conxuntura económica complicada; nace así o Plan de acción de turismo de Galicia 2010-2013.

O plan prevé actuacións para levar a cabo unha xestión integral durante o seu período de vixencia e converterse así nunha ferramenta de traballo ao servizo do sector. De cada política nacen unha serie de estratexias e, pola súa vez, de cada unha delas despréndense as liñas de actuación que hai que implementar. Unha das accións é o desenvolvemento do receptivo, que consideramos que pode ser complemento en cuestión de ingresos e, asemade, achegar valor engadido e, en consecuencia, incrementar o gasto e a estadía media dos nosos visitantes.

Así mesmo, de acordo coa recente aprobación da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, preténdese dar resposta ás demandas do sector e dos axentes sociais, recollidas no Plan de acción de turismo de Galicia, e establecer canles que permitan fortalecer a posición da empresa turística galega nun contorno de grande competitividade.

Todo iso fai necesario un esforzo constante na presentación de novos enfoques e solucións imaxinativas para as empresas do sector, de xeito que creen novos servizos mellor adaptados á demanda.

Así, as axencias de viaxe enmarcadas na nosa comunidade, como principal expoñente e medio condutor que dá a coñecer a abundante e múltiple oferta turística existente no noso territorio, teñen un reto neste momento que deriva na expansión, comercialización e difusión da oferta turística de Galicia en todos os ámbitos. Por iso, deben dar un asesoramento experto e especializado e xestionar de maneira activa o mercado turístico, a través da confección de viaxes á medida, ofertar novos servizos máis personalizados acordes coas tendencias que apuntan os mercados, e neste caso o mercado que demanda oferta galega, tendo en conta que a organización, creación e venda dun produto turístico implica coñecer a oferta turística e as actividades que se poden realizar na zona.

En consecuencia e con cargo aos créditos da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dispoño convocar axudas destinadas a favorecer a comercialización do destino turístico de Galicia.

Artigo 1. Bases reguladoras e réxime xurídico

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que se inclúen como anexo I para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a axencias de viaxe para a promoción e comercialización do destino Galicia a través do deseño de paquetes turísticos especializados en produtos cabeceira de marca turística de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L379, do 28 de decembro).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2013.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán presentarse en sede electrónica no enderezo da internet https//sede.xunta.es, conforme o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia ((http://turismo.xunta.es/).

b) Os teléfonos 981 54 74 04 e 981 54 63 64 e o fax 981 54 63 71 da devandita axencia

c) Presencialmente.

Artigo 6. Réxime de recursos

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2013

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I
Bases reguladoras específicas para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a axencias de viaxe para a promoción
e comercialización do destino Galicia a través da creación de paquetes turísticos cos produtos cabeceira da marca turística de Galicia

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a promoción e comercialización do destino Galicia a través do deseño de paquetes turísticos especializados na promoción e comercialización de produtos cabeceira da marca turística de Galicia.

2. Consideraranse proxectos subvencionables todos aqueles que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2013.

3. Os proxectos subvencionables consistirán no deseño de paquetes turísticos especializados na promoción e comercialización dos produtos cabeceira da marca turística de Galicia.

Os produtos cabeceira de marca de Galicia poden ser consultados na páxina web oficial de promoción turística, na epígrafe denominada «experiencias»

http://www.turgalicia.es/goza-destas-experiencias?langId=gl_ES

– Camiño de Santiago. Inclúense nesta epígrafe os produtos que articulen unha proposta de aloxamentos coordinados entre si para realizar por etapas os distintos camiños de Santiago en Galicia, incluíndo servizos de manutención e transfers que faciliten un paquete integral aos usuarios turísticos. Estes produtos poderán denominarse Bono Iacobus –marca rexistrada pola Xunta de Galicia–, xunto a outro termo que identifique as especificidades que introduza o comercializador e o diferencie dos competidores.

– Bosques de Galicia (Natureza).

– Mananciais de Galicia (Termalismo).

– Paseando entre viñedos (Enogastronomía).

– Turismo mariñeiro.

– Ruta das camelias (Xardíns de Galicia).

– Faros e praias salvaxes.

– Patrimonio oculto.

– Santuarios máxicos.

-«Top Ten dez lugares únicos»: Ribeira Sacra, Muralla de Lugo, Serra da Capelada, Ferrol da Ilustración, Torre de Hércules, Camiño de Santiago, Santiago de Compostela, Cabo Fisterra, Illas Cíes e Santa Tegra.

Tamén serán especialmente valorados os paquetes turísticos orientados ao turismo de golf.

Para os efectos desta convocatoria, os proxectos terán que presentar paquetes turísticos que inclúan obrigatoriamente o aloxamento e polo menos dúas actividades de lecer.

Considéranse accións subvencionables:

– Os gastos de deseño, maquetación e impresión de folletos, catálogos, orixinais de publicidade ou calquera outro material promocional relacionado coa creación dese novo produto.

– As insercións publicitarias en medios de comunicación ou calquera outro soporte: internet, redes sociais...

– Tradución e maquetación dos soportes de promoción existentes a outros idiomas.

4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

5. Cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior a 18.000 euros nos supostos de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o solicitante deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 04 A2 761A 770.0 cun crédito de 125.000 €.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas de minimis (DOUE do 28.12.2006), deberase garantir que no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supere o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

3. Estas axudas son compatibles con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 3. Beneficiarios

As persoas físicas ou xurídicas ou comunidades de bens que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e sexan titulares das axencias de viaxe que conten con clasificación turística expedida pola Comunidade Autónoma galega e que estean comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme). En todo caso, a casa central debe estar radicada en Galicia.

Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.

Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1, letra h), do Regulamento (CE) nº 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

Considérase empresa en crise se cumpre as seguintes condicións:

a) Se se trata dunha sociedade de responsabilidade limitada, que teña desaparecido máis da metade do seu capital subscrito e se perdese máis da cuarta parte nos últimos 12 meses ou

b) Se se trata dunha sociedade na cal, polo menos, algún dos seus socios ten unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da empresa, que teñan desaparecido máis da metade dos seus fondos propios, tal como se indican nos seus libros, e se perdesen máis da cuarta parte deles nos últimos 12 meses ou

c) Para todas as formas de empresas, que reúna as condicións establecidas no dereito nacional para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia.

Unha peme con menos de tres anos de antigüidade non se considerará empresa en crise durante ese período.

Artigo 4. Solicitudes

1. De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes, e unha vez aprobada mediante a Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, os interesados poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.es. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante.

A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán de carácter de copia auténtica.

Así mesmo, os interesados poderán tamén presentar as solicitudes de forma presencial por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os interesados achegarán a seguinte documentación:

a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

b) Memoria explicativa do proxecto. Esta deberá incluír a descrición de itinerarios e paquetes propostos.

c) Orzamento desagregado por conceptos do investimento que se vai realizar. De ser o caso, o interesado achegará tres orzamentos de diferentes provedores, segundo dispón o artigo 1.6 destas bases reguladoras.

d) Anexo III: modelo de declaracións

e) Se é o caso:

– Documento acreditativo da adhesión do establecemento ao Instituto para a Calidade Turística Española, emitido pola súa delegación territorial en Galicia ou, no caso de establecementos coa marca Q de Calidade Turística, documento acreditativo de certificación, emitido polo Instituto para a Calidade Turística Española.

– No caso de establecementos distinguidos con Compromiso de Calidade Turística, documento acreditativo do distintivo de Compromiso de Calidade Turística de Boas Prácticas concedido por un destino SICTED (Sistema de Calidade Turística Española en Destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Todo isto sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. Para os efectos do previsto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellaría competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar as citadas certificacións.

Así mesmo, e conforme o artigo 4 da Orde do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, o solicitante deberá indicar na epígrafe correspondente do formulario de solicitude a súa autorización para a verificación dos datos de identidade do solicitante.

Igualmente, de conformidade cos mesmos artigos 20.3º da Lei 9/2007 e 4º da Orde do 12 de xaneiro de 2012, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, deberá indicar na epígrafe correspondente do formulario da solicitude a autorización ao órgano concedente para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada, sempre que non teñan transcorrido máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que corresponden.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, facéndoo constar no formulario de solicitude, debendo presentar entón o DNI e as certificacións a que fai referencia este punto.

En calquera caso, nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano instrutor poderá requirirlle ao solicitante a presentación da documentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta Axencia Turismo de Galicia publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. A Axencia Turismo de Galicia velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e, para eses efectos, procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, e adoptaranse tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros. Non obstante, a Axencia Turismo de Galicia revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Órganos competentes

A Dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e correspóndelle á directora da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 7. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne ningún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. A área provincial correspondente da Axencia emitirá un informe que deberá sinalar se a solicitude e a actuación proposta é conforme coa normativa de ordenación turística vixente, así como a avaliación do proxecto presentado. O informe deberá indicar, ademais, a data de autorización ou clasificación en REAT e a existencia ou non dalgún expediente sancionador.

Así mesmo, achegarase informe da área de produtos sobre o interese turístico da solicitude e adecuación á liña de actuación correspondente.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 8. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O/a director/a de Competitividade, que a presidirá.

b) Os/as xefes/as das áreas provinciais.

c) O/a xefe/a da Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial, que actuará como secretario/a.

e) Un representante da Xerencia.

f) Un representante da Dirección de Promoción.

3. Os/as suplentes, de ser o caso, serán designados/as pola Axencia Turismo de Galicia.

4. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán, de xeito individualizado, os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte e indicando o importe da concesión que se propón para cada un deles.

5. No caso de existiren solicitudes que non figuran na proposta anterior por razón do baremo aplicado ao terse esgotado o crédito dispoñible, a comisión poderá emitir propostas sucesivas de concesión, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos, ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 9. Criterios de valoración

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán os seguintes, e cada un deles terá o peso que se especifica:

1. Orientación da oferta ao público familiar, á mocidade e a colectivos minoritarios. 10 puntos.

2. Incidencia na desestacionalización do destino Galicia. 20 puntos.

3. Que o establecemento solicitante acredite o seu compromiso coa calidade turística. Ata un máximo de 20 puntos.

– Se acredita certificación da marca Q de Calidade Turística do ICTE (10 puntos).

– Se acredita a súa adhesión vixente para o ano 2012 ao ICTE, no caso de establecementos aínda non certificados co Q de Calidade Turística (5 puntos).

– Se acredita o distintivo en boas prácticas de compromiso de calidade turística concedido por un destino SICTED (Sistema de Calidade Turística Española en Destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia (10 puntos).

4. Que as actuacións se leven a cabo nas provincias de Lugo ou Ourense. 10 puntos.

5. Que o paquete turístico presente unha oferta accesible a persoas e colectivos con discapacidade. 20 puntos.

6. Innovación e creatividade na realización de materiais promocionais e insercións publicitarias. 20 puntos.

2. Os proxectos que se recollen no parágrafo anterior como accións subvencionables poderán acadar unha subvención de ata o 40 % sobre o investimento subvencionable. A porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase con base na puntuación que alcancen os proxectos presentados, segundo se detalla a continuación:

Puntos

% axuda

61-100

40

41-60

35

21-40

30

0-20

25

Artigo 10. Audiencia

Efectuada a avaliación, a comisión levantará acta en que se concretará o seu resultado, á vista do que o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada que deberá serlles notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na dita notificación expresarase o importe previsto da axuda (expresado en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de minimis conforme o Regulamento (CE) nº 1998/2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis.(DOUE 28.12.2006, L 379).

Artigo 11. Resolución e notificación

1. Examinadas as alegacións, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e elevaraa á directora da Axencia Turismo de Galicia.

2. A directora da Axencia Turismo de Galicia, á vista da proposta de resolución, ditará no prazo de 15 días desde a súa elevación, a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e na cal, en todo caso, quedarán debidamente xustificados todos os aspectos contidos no artigo 34.4 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso- administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10.

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación. Transcorrido este cal sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a directora da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto de conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Administración turística galega.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Por estar esta convocatoria suxeita ao réxime de minimis tamén deberá comunicar calquera axuda obtida polo beneficiario baixo este réxime neste ano fiscal e nos dous anteriores. Estas comunicacións deberán efectuarse tan axiña como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Para tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas, salvo que autorizase expresamente no formulario de solicitude da subvención ao órgano concedente para a obtención delas mediante procedementos telemáticos. No caso que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

f) O beneficiario deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control; así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

g) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia.

Cando o proxecto dea lugar a documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, CD-Rom) deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

h) Igualmente o beneficiario deberá incluír, nas súas accións promocionais, a marca turística de Galicia. De ser o caso, na páxina web deberá inserir un banner cunha ligazón á páxina de promoción turística de Galicia. Nos folletos e outras publicacións deberá incluír na contraportada a marca turística, seguindo as indicacións do manual de uso. Para a aplicación correcta da marca deberán descargar de www.turgalicia.es/marca01 os arquivos informáticos cos elementos gráficos en calidade e formatos axeitados, así como as indicacións do uso.

i) Os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

j) Os beneficiarios quedan obrigados a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de mora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención

Artigo 16. Xustificación da subvención

Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de novembro de 2013 para presentar, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, orixinais ou copias cotexadas da seguinte documentación segundo a modalidade de conta xustificativa conforme o artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo V.

b) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

c) Memoria económica do custo das actividades realizadas, que conterá:

c.1) Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. Se é o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento.

c.2) Facturas que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, no seu defecto, copias das ordes de transferencia que xustifiquen o seu pagamento.

En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación.

De acordo co establecido no artigo 42.3º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de subvencións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se o gasto é inferior a 1.000 euros poderá aceptarse xustificación do pagamento mediante a presentación da factura co recibo do provedor.

d) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública. Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

e) Anexo III: modelo de declaracións actualizado

2. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención, ou as modificacións autorizadas. De non xustificarse o investimento executado quedará anulada toda a subvención. Non obstante, se a xustificación fose inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña a finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado e, para o caso de que o executado non cumprise o fin para o que se concedeu a subvención, quedaría anulada na súa totalidade.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso a Axencia Turismo de Galicia ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Pagamento

Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da axencia, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e á súa normativa de desenvolvemento.

3. Cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que hai que reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 19. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farase na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Artigo 21. Remisión normativa

Son de aplicación directa o Regulamento comunitario 1998/2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis; o Regulamento comunitario 1083/2006 relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo (FSE) e ao do Fondo de Cohesión; o Regulamento comunitario 1828/2006 relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o resto de normativa que resulte de aplicación.

Supletoriamente aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file