Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 16 de maio de 2013 Páx. 16929

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2013 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras dunha liña de avais do Igape para facilitarlles ás empresas galegas o acceso a financiamento destinado ao inicio ou incremento da súa actividade exportadora, instrumentadas mediante convenio coas entidades colaboradoras (programa Re-Export 2013).

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 5 de febreiro de 2013, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras para a habilitación dunha liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para facilitar ás empresas galegas o acceso a financiamento destinado ao inicio ou incremento da súa actividade exportadora, instrumentadas mediante convenio coas entidades colaboradoras.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras para a habilitación dunha liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para facilitar ás pequenas e medianas empresas galegas o acceso a financiamento destinado ao inicio ou incremento da súa actividade exportadora, instrumentadas mediante convenio coas entidades colaboradoras (programa Re-Export 2013).

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte á publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 31 de decembro do ano 2013.

No caso de esgotamento da dispoñibilidade para a concesión de avais, o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Terceiro. Dotación orzamentaria

De conformidade coas instrucións da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, dótase unha provisión por importe de 600.000 € para atender posibles falidos (partida orzamentaria 08.A1.741A.89000).

A dita provisión calcúlase aplicando o 15 % sobre o importe máximo dos avais que conceda o Igape ante as entidades de crédito que subscriban o convenio asinado para o efecto, no período de vixencia, que se establece en 4.000.000,00 €. Este importe correspóndese co 50 % do máximo de operacións financeiras que se formalizarán ao abeiro da presente convocatoria, de 8.000.000,00 €.

Cuarto. As garantías individuais que concedan o Igape ao abeiro destas bases deberán cumprir os requisitos establecidos na Comunicación da Comisión 2008/C155/02 relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais en forma de garantía, para descartar a presenza de axuda estatal (DOUE C 155/10, do 20.6.2008).

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

anexo
Bases reguladoras dunha liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para facilitar ás empresas galegas o acceso a financiamento destinado ao inicio ou incremento da súa actividade exportadora, instrumentadas mediante convenio coas entidades colaboradoras (programa Re-Export)

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan de xeito salientable a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da Comunidade galega. Nesta liña, a Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto, establece no seu artigo 4 como funcións do Igape, entre outras, a de favorecer o desenvolvemento das exportacións.

Así mesmo, o Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, permítelle conceder avais ante entidades financeiras, ata un límite máximo que se determina na correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para cada ano.

O obxectivo destas bases é facilitar a internacionalización da empresa galega non exportadora ou con escasa presenza nos mercados exteriores e apoiar tamén aquelas outras que xa se iniciaron no ámbito das exportacións e que teñen posibilidades de incrementar a súa presenza no exterior.

Tendo en conta as graves dificultades de acceso ao financiamento operativo das empresas galegas no actual contexto de crise, o Igape pon á disposición das pemes galegas o presente programa de apoio ao acceso ao financiamento destinado ás actividades de exportación por entender que o mercado exterior supón a vía de saída á capacidade de produción das pequenas e medianas empresas. Mediante este apoio preténdese que as empresas poidan manter ou incrementar a súa actividade e, polo tanto, manter ou crear emprego.

Artigo 1. Obxecto

As presentes bases regulan o obxecto, requisitos e procedemento para acceder a unha liña de avais do Igape para facilitar o acceso a financiamento operativo destinado ás actividades de exportación, someténdose ás directrices horizontais e sectoriais ditadas pola Comisión Europea. En particular, as garantías individuais que conceda o Igape ao abeiro destas bases deberán cumprir os requisitos establecidos na Comunicación da Comisión 2008/C155/02 relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais en forma de garantía, para descartar a presenza de axuda estatal.

O importe máximo dos avais que se van conceder será de 4.000.000 €, e deberá respectar, xunto aos restantes avais concedidos ou que poida conceder o Igape, o límite de risco establecido pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2013.

Artigo 2. Requisitos dos beneficiarios

2.1. Poderán acceder aos avais previstos nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

En calquera caso, deberán ter radicado o seu domicilio fiscal en Galicia.

2.2. Non poderán ser beneficiarias das garantías previstas nas presentes bases as empresas que estean en situación de crise, de acordo coa definición recollida no artigo 1.7 do Regulamento CE 800/2008, as que teñan un risco vivo co Igape como consecuencia dun aval concedido previamente nin as empresas cuxo único obxecto social sexa a compravenda de bens inmobiliarios ou activos financeiros.

Artigo 3. Características das liñas de financiamento e cobertura dos avais do Igape

O Igape só poderá garantir operacións de financiamento novas, e non se permitirá a substitución de créditos bancarios preexistentes.

Entenderase que a liña de financiamento avalada polo Igape substitúe outras liñas preexistentes cando:

a) Os contratos de financiamento que a beneficiaria teña subscritos na data de entrada en vigor da convocatoria coas entidades financeiras, para a mesma finalidade, fosen cancelados antes do seu vencemento sen consentimento expreso do Igape.

b) Os contratos de financiamento que a beneficiaria teña subscritos na data da solicitude coa entidade financeira, para a mesma finalidade, non sexan renovados durante a vixencia da operación avalada sen consentimento expreso do Igape.

3.1. Modalidades de operacións financeiras:

O Igape poderá avalar as seguintes modalidades de operacións financeiras:

– Liñas de crédito.

– Liñas de desconto ou anticipo de efectos comercias ou facturas.

– Liñas xenéricas de riscos mercantís.

As operación avaladas deberán destinarse ás seguintes finalidades:

a) Créditos de prefinanciamento: créditos destinados ao financiamento do aprovisionamento de materias primas, fabricación dos produtos que se van exportar, así coma os gastos derivados do proceso de envase, embalaxe e preparación para o envío ao exterior. A necesidade do prefinanciamento deberá ser xustificada pola empresa, baseándose na previsión de exportacións durante o prazo de vixencia da operación e na previsión de aplicación de fondos.

b) Créditos de posfinanciamento: créditos destinados a anticipar os dereitos de cobramento das operacións de exportación materializados en diferentes documentos tales como facturas, obrigas de pagamento, letras de cambio etc.

c) Avais ou fianzas: emisión de avais e fianzas prestadas pola entidade financeira en garantía de terceiros, vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos.

3.2. Cobertura e custo dos avais:

O Igape responderá de ata o 50 % dos importes debidos á entidade financeira como consecuencia dos descubertos que se produzan, unha vez cumpridos os requisitos de execución sinalados no artigo 6.3, e xerarase unha comisión de aval anual a favor do Igape dun 0,50 % do importe do aval formalizado.

Artigo 4. Importe máximo das operacións

A suma das operacións avaladas polo Igape para cada beneficiaria será como mínimo de 80.000,00 € e máximo de 250.000 €.

Unha mesma empresa poderá solicitar o aval para as tres finalidades sinaladas no artigo 3.1 ou ben para unha ou dúas delas. Non obstante, no caso de que o soliciten para máis dunha finalidade nunha mesma entidade financeira, deberán ampararse nunha póliza xenérica de riscos mercantís.

Unha mesma empresa tamén poderá solicitar os avais a través de dúas ou máis entidades financeiras, sempre que non se supere o importe máximo de operacións.

Artigo 5. Prazos

O prazo máximo de vixencia das operacións avaladas será dun ano, e a vixencia dos avais de dous anos.

Artigo 6. Obxecto e condicións da garantía do Igape

6.1. As garantías outorgadas polo Igape consistirán na prestación de aval subsidiario ante as entidades financeiras, nas condicións e termos do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e do Decreto 132/1995, do 10 de maio, que modifica o anterior.

6.2. O prazo de vixencia da garantía será como máximo de 2 anos, cubrirá o risco vivo financiado ou anticipado durante o ano de vixencia máxima da operación avalada.

6.3. As condicións de execución dos avais prestados polo Igape ao abeiro destas bases serán:

1. Unha vez notificada notarialmente á avalada a rescisión do crédito ou vencido o seu prazo de vixencia sen que se procedese ao seu aboamento, e requirida esta de pagamento, a entidade financeira deberá notificar notarialmente ao Igape tal rescisión, achegando certificación intervida por fedatario público do saldo vivo pendente de aboamento na data de peche da conta e os xustificantes das disposicións da operación.

2. O aval será executivo a demanda da entidade financeira desde o momento en que esta acredite ao Igape que, ademais, cumpriu algunha das seguintes condicións:

a) Que fose declarado o concurso ou admitida a trámite xudicial a solicitude de declaración de concurso da empresa avalada, ou

b) Que transcorresen cento oitenta días desde a data do requirimento notarial á avalada reclamándolle o reembolso das cantidades pendentes, e ademais se interpuxese demanda xudicial en que se reclamase o cobramento do adebedado.

O importe que aboará o Igape á entidade financeira por terse producido a condición do número 1) e algunha das condicións do número 2) será satisfeito nos 45 días seguintes á súa xustificación documental.

O aval cancelaríase automaticamente unha vez transcorridos 30 días naturais desde o momento do seu vencemento, sen que conste notificación da entidade financeira ao Igape realizada segundo os termos do número 1) anterior.

Artigo 7. Garantías que achegará a beneficiaria

As garantías que achegará serán as exixidas pola entidade financeira para autorizar a operación. As ditas garantías serán repartidas entre a entidade financeira e o Igape en función do risco asumido por cada parte.

No caso de acreditarse a constitución doutras garantías distintas ás declaradas polas entidades financeiras, o Igape non responderá polo aval concedido.

Artigo 8. Tramitación das solicitudes

8.1. Solicitudes e documentación.

8.1.1. Para solicitar unha operación avalada polo Igape, a empresa deberá acudir a algunha das entidades financeiras adheridas a este programa mediante convenio de colaboración e obter o certificado expedido por ela, de acordo co modelo establecido no anexo II.

8.1.2. Unha vez que a empresa estea en posesión do dito certificado, deberá cubrir un formulario descritivo da empresa, do proxecto e da operación financeira a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

8.1.3. As solicitudes de aval presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

Xunto coa instancia de solicitude, presentarase a seguinte documentación:

a) Comunicación por parte da/s entidade/s financeira/s das operacións que estarían dispostas a conceder condicionadas ao aval do Igape certificando que non substitúe outras liñas de financiamento preexistentes e descrición das garantías exixidas para cubrir o risco da operación (anexo II).

b) NIF da empresa.

c) NIF do asinante da solicitude. Co fin de evitar a súa achega o órgano xestor accederá ao Sistema de verificación de datos de identidade se o solicitante autoriza a súa verificación de conformidade co disposto no artigo 2 do Decreto 255/2008. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o NIF.

d) Escrituras de constitución e dos estatutos debidamente inscritas no rexistro competente, así como as modificacións posteriores.

e) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

f) Contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado depositadas no Rexistro Mercantil, incluído, se é o caso, informe de auditor.

Poderase excluír aquela documentación que conste xa actualizada no Igape, e deberá o solicitante especificar o número de expediente no que anteriormente foi presentada, de acordo co establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8.1.4. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE e a documentación anexa, en orixinal ou copia cotexada, no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8.1.5. Así mesmo, os interesados poderán asinar electronicamente a instancia de solicitude co IDE e presentala no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Neste tipo de presentación, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.1.3, e a persoa que asina a solicitude responsabilizarase e garantirá a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para presentar xunto coa instancia de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha soa persoa física. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor do aval. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de aval. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace «tramitación telemática», para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño) e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

8.1.6. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. Dentro do prazo de presentación de solicitudes poderán modificarse os termos da solicitude inicial, utilizando para isto a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas modificacións. Para os efectos de prioridade na resolución terase en conta a data de presentación da solicitude modificada.

8.1.7. Dentro dos dez días seguintes á recepción das solicitudes, o Igape comunicaralles aos solicitantes a data en que as solicitudes foron recibidas, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento para os efectos do silencio administrativo.

8.1.8. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nestas bases ou non está acompañada da documentación exixida, requirirase o solicitante para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento se emende a falta ou se presenten os documentos preceptivos, con indicación de que, en caso contrario, se considerará desistido da solicitude, logo de resolución declarativa de tal circunstancia.

8.1.9. A presentación da solicitude polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións á Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non os puidese obter o órgano xestor, poderán serlles requiridos ao interesado.

8.1.10. A presentación da solicitude de aval polo interesado autoriza o órgano xestor para acceder ao Sistema de verificación de datos de identidade, co fin de evitar a achega do NIF do solicitante ou o do seu representante legal. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole non os puidese obter o órgano xestor, poderán serlles requiridos ao interesado.

8.2. Tramitación.

8.2.1. Instruído o procedemento pola Área de Financiamento do Igape e inmediatamente antes de redactar proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderá prescindirse do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Logo do informe dos servizos técnicos do Igape, as solicitudes serán avaliadas por un comité de investimentos designado polo director xeral do Igape. O dito comité estará formado por tres técnicos do Igape e dous técnicos de Xesgalicia, Sociedad Gestora de Entidades de Capital Riesgo, S.A., por proposta do seu director xeral.

8.2.2. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma exercerá control interno con carácter previo á concesión, conforme determinan os artigos 95 e seguintes do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

8.2.3. A Dirección da Área de Financiamento elevará proposta de resolución ao director xeral do Igape, quen resolverá a solicitude, por delegación do Consello de Dirección do Igape, especificando o beneficiario, importe máximo da cobertura do aval, a súa vixencia e as garantías exixidas. Tamén se indicarán as características da operación que se vai avalar e os seus destinos. As propostas de denegación de solicitudes deberán detallar a causa.

Os expedientes tramitaranse no Igape por orde de entrada coa documentación completa e ata o límite do risco previsto nestas bases.

En caso de esgotarse o límite de risco antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, pecharase anticipadamente a convocatoria mediante publicación de tal circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es. Igualmente, o esgotamento do límite de risco será obxecto de denegación da solicitude.

8.3. Concesión.

8.3.1. O Igape notificaralle ao solicitante e comunicaralle á entidade financeira a concesión ou denegación do aval. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interporse recurso contencioso-administrativo perante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses desde a súa notificación. Potestativamente, poderá interporse recurso de reposición, que resolverá o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde a súa notificación.

O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses desde a data de presentación da solicitude. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido o tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada.

8.3.2. Os avais concedidos ao abeiro das presentes bases serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, nos termos establecidos no Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de Regulamento de avais do Igape, e no Decreto 132/1995, do 10 de maio, que modifica o anterior. Trimestralmente daráselle conta ao Parlamento dos avais existentes, dos avais concedidos e, se é o caso, dos riscos efectivos aos cales a Tesouraría da Comunidade Autónoma tivese que facer fronte.

8.4. Formalización.

8.4.1. O Igape subscribirá coa beneficiaria un contrato de garantía no cal se recollerán as obrigas das partes respecto ao aval prestado. Estará facultado para a dita subscrición indistintamente a persoa titular da Dirección Xeral do Igape e a persoa titular da Dirección da Área de Financiamento do Igape.

8.4.2. O prazo máximo para a instrumentación do aval e da operación avalada será de cinco meses a partir da data de notificación da súa concesión. Finalizado o prazo sen que se instrumente o aval e/ou sen que se formalice a operación avalada, ditarase resolución en que se considere que o solicitante renuncia ao aval concedido, e se ordene o arquivamento do expediente, salvo que, logo de solicitude razoada de prórroga deste presentada no Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da entidade financeira, o Igape autorice a dita prórroga.

8.5. Seguimento das operacións avaladas.

8.5.1. A entidade financeira remitirá ao Igape a copia cotexada da póliza ou escritura de crédito coa maior brevidade posible. Así mesmo, deberá remitir ao Igape, para os efectos de realizar o seguimento do risco e finalidade das operacións avaladas que se encontren en vigor, nun prazo de 15 días desde a finalización de cada trimestre natural, certificado respecto do grao de disposición das operacións avaladas.

8.5.2. A partir da formalización de cada operación de aval, as beneficiarias deberán remitirlle ao Igape a documentación que se relaciona a seguir:

Mentres a operación de aval se encontre en vigor:

– Copia cotexada das contas anuais que se aproben durante a vixencia do aval. Deberá incluírse o informe de auditoría, se é o caso. Deberán remitirse no prazo de 30 días desde a súa aprobación.

– Comunicación ao Igape, se é o caso, dos cambios na súa estrutura accionarial, xerencia, órganos de goberno ou administración desde a última comunicación. Deberá remitirse no prazo de 30 días desde que se produzan os cambios.

Transcorridos 30 días desde o vencemento do prazo da operación avalada:

– Memoria asinada polo administrador, na cal se faga referencia aos seguintes datos: importe das exportacións realizadas no período de vixencia da operación e nos dous anos anteriores, porcentaxes que representa respecto da facturación total e países de destino dos produtos exportados.

8.5.3. O Igape poderá solicitar, ademais, calquera outra información respecto do cumprimento da finalidade do programa.

Artigo 9. Modificacións

9.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do aval poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

9.2. O beneficiario queda obrigado a comunicarlle ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedido o aval.

9.3. No caso de modificación da operación aprobada, o beneficiario do aval poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas aclaracións.

9.4. O director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, e deberán cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación do aval.

9.5. O acto polo que se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente en que se lles dará audiencia aos interesados. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

9.6. O Igape poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

9.7. No caso de modificacións da operación financeira unha vez formalizada e que supoñan unha mellora solicitada pola empresa (carencia intermedia, diferencial etc.), poderá levarse a cabo sen autorización previa do Igape, sempre que non supoñan modificación da resolución de concesión. Non obstante, a entidade financeira deberá comunicala. As ditas modificacións non suporán, en ningún caso, a revisión á alza do aval concedido.

Artigo 10. Control

10.1. As empresas beneficiarias someteranse ás actuacións de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas. Neste sentido as beneficiarias teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos ditos organismos.

10.2. Con independencia do indicado no punto anterior, a entidade avalada comprométese expresamente a facilitarlle ao Igape a inspección e control dos investimentos, dos destinos dos fondos da operación avalada así como da situación da solvencia da empresa, e poderá, para tales efectos, verificar os balances, contas de resultados e demais estados de libros contables.

Artigo 11. Adhesión mediante convenio de entidades financeiras colaboradoras

11.1. O Igape convidará a adherirse a este convenio a todas aquelas entidades financeiras que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia (a solvencia entenderase acreditada se prestaron servizos financeiros a empresas galegas durante os últimos tres anos e se comprometen a desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións, por todos os medios dispoñibles, humanos e técnicos, para facilitarlle o acceso a esta liña de avais), colaborasen co instituto nos seus programas de subsidiación ao tipo de xuro de préstamos, créditos ou operacións de arrendamento financeiro. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo IV das bases reguladoras.

Así mesmo, con posterioridade, poderán instar a súa adhesión a este convenio todas aquelas entidades financeiras acreditadas polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido neste convenio e nas bases reguladoras da liña de avais do Igape.

11.2. As novas adhesións solicitaranse mediante o modelo do anexo III das bases reguladoras e formalizarse mediante a sinatura por apoderado con facultades bastantes do correspondente convenio. O Igape daralles conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio e publicarao no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto no Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de Regulamento de avais do Igape, no Decreto 132/1995, do 10 de maio, que modifica o anterior, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

ANEXO IV
Relación de entidades colaboradoras

Avais do Igape para facilitarlles ás empresas galegas o acceso a financiamento destinado ao inicio ou incremento da súa actividade exportadora (programa Re-Export)

Caixas

Bancos

– Caixabank, S.A.

– Banco Gallego, S.A.

– Caixa Rural Galega, SCCLG

– Bankinter, S.A.

– NCG Banco, S.A.

– Banco Etcheverría, S.A.

– Banco Popular Español, S.A.

– Banco Espírito Santo, S.A.

– Banco Sabadell, S.A.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file