Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 20 de maio de 2013 Páx. 17095

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 10 de maio de 2013 pola que se modifica a Orde do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia ten como obxecto a determinación das artes ou modalidades de pesca nos permisos de explotación das embarcacións e a alternancia entre elas, establecendo o número máximo de artes de pesca por embarcación, a posibilidade de cambio nuns supostos concretos, así como o seu procedemento.

Esta orde sufriu tres modificacións: pola Orde do 3 de maio de 2007, que establece as modalidades de pesca ás cales se pode solicitar o cambio temporal; pola Orde do 26 de marzo de 2009, que introduciu un sistema informatizado e rexistro da actividade pesqueira e un novo procedemento de rexistro de actividade e cambio de artes, e, en terceiro lugar, pola Orde do 31 de marzo de 2011, que axustou as modalidades de pesca tras a entrada en vigor da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, e do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, para dar cabida a artes non permitidas ata entón e, ademais, actualizar o despacho telemático.

Na práctica faise necesario modificar, para cumprir os obxectivos previstos e perseguidos pola modificación introducida pola primeira norma citada, a Orde do 3 de maio de 2007, cando engadiu o artigo 2 ter sobre os cambios temporais de modalidade relativo ao seu procedemento de autorización. Cómpre, pois, modificar o contido nos seus parágrafos un e dous –incrementando o tempo de autorización–, e engadir os parágrafos tres, catro e cinco –prevendo a renuncia e unha serie de limitacións necesarias– todos eles do artigo 2 ter da Orde do 26 de outubro de 2004.

Polo exposto, unha vez consultado o sector e por proposta da Secretaría Xeral do Mar da Consellería do Medio Rural e do Mar, con base nas atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 2 ter da Orde do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia

O artigo 2 ter da Orde do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia queda redactado como segue:

«Artigo 2 ter. Cambios temporais de modalidade

1. O centro directivo competente en materia de pesca ou marisqueo poderá autorizar cambios temporais a modalidades ou artes de pesca distintas ás que figuren no permiso de explotación, en función do estado dos recursos e das características estruturais das embarcacións, por un período de tempo non superior a doce meses.

2. Durante o período de vixencia desta autorización temporal poderán utilizarse tanto a nova modalidade autorizada temporalmente como as artes que figuren no permiso de explotación, sempre que o despacho sexa tramitado segundo o procedemento establecido e sempre que non supere o número máximo de cinco artes autorizadas para cada embarcación.

3. Se a embarcación contar no seu permiso de explotación con cinco artes distintas á solicitada, o armador deberá renunciar a unha delas. A renuncia será efectiva mentres estea en vigor a autorización ao cambio temporal, agás que se decida despachar para a arte á cal se renunciou; neste caso deixará de ter efecto o cambio temporal.

4. Durante a vixencia dunha autorización temporal non se poderá solicitar un novo cambio temporal de modalidade ou arte de pesca, salvo que tivesen transcorrido tres meses desde o seu outorgamento. No caso de autorizarse este cambio temporal, a nova autorización deixará sen efecto a inicialmente concedida.

5. Poderanse solicitar cambios de modalidade temporal a calquera arte ou aparello regulados no Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, agás para as modalidades de pesca que neste decreto teñan limitado o número de embarcacións autorizadas existentes no momento da súa entrada en vigor.

En ningún caso se outorgarán cambios de modalidade temporal a artes ou aparellos que estean dirixidos a especies sometidas a plans de xestión ou recuperación, e para aquelas que alcancen unha elevada porcentaxe de capturas totais admisibles (TAC) ou cando se peche a pesqueira polo esgotamento do TAC».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2013

Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar