Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Xoves, 23 de maio de 2013 Páx. 17909

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de maio de 2013 pola que se determinan as distincións e recompensas que se concederán ao persoal dos corpos de policía local durante o ano 2013.

A Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, establece no seu artigo 74 que os membros dos corpos de policía local de Galicia poden ser distinguidos ou recompensados de acordo co que se determine regulamentariamente.

Consonte esta previsión, o Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que desenvolve a citada lei, establece no seu artigo 98 que a consellería competente en materia de seguridade concederá mediante orde a placa colectiva e a placa individual, así como a medalla ao mérito da policía local.

De acordo co anterior a unidade directiva competente en materia de coordinación procedeu a estudar as propostas achegadas, seguindo o procedemento que establece o artigo 99 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, para a concesión destas distincións. As propostas feitas pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, como unidade directiva competente en materia de coordinación, foron amplamente documentadas, informadas e avaliadas pola Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia e sometidas á resolución e ditame desta vicepresidencia e consellería.

Na súa virtude, en uso das facultades outorgadas polo artigo 98 e pola disposición derradeira primeira do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, antes citado, por proposta da unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais, e logo do informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia, na súa sesión do 14 de maio de 2013, ao abeiro do disposto no artigo 17.1.a) da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Aprobar, de acordo co previsto no artigo 99.5 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, a relación de persoas propostas como candidatas á medalla ao mérito da policía local, ás cales se lles outorga esta distinción.

2. Publicar esta relación no anexo a esta orde:

Anexo. Concesión da medalla ao mérito da policía local.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Concesión da medalla ao mérito da policía local a Juan Manuel Delgado González, oficial do Corpo de Policía Local do Concello de Narón.

Vistos os feitos descritos na proposta para a concesión da medalla ao mérito da policía local, unha vez emitido informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais, na reunión do 14 de maio de 2013, e logo de avaliar e ponderar os méritos e as circunstancias alegadas na dita proposta, esta vicepresidencia e consellería resolveu conceder a medalla ao mérito da policía local a Juan Manuel Delgado González, oficial do Corpo de Policía Local do Concello de Narón, pola súa intervención nun acto de servizo, ao ser de salientar o seu compromiso de servizo, cualidade inherente ao ideal de servizo público, predicable dun bo policía, que se encadran nas condicións previstas no artigo 92, do Decreto 243/23008, do 16 de outubro, para a concesión da distinción.

Asemade, de acordo co previsto nos artigos 101 e 102 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, esta concesión acreditarase mediante o correspondente diploma e constará no rexistro de distincións e no Rexistro das Policías Locais de Galicia, dando conta ao Concello de Narón para efectos do seu expediente persoal.