Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Martes, 28 de maio de 2013 Páx. 18785

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 24 de maio de 2013 pola que se acorda a cesión en propiedade do busto do Xeneral Artigas ao Concello de Santiago de Compostela.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite a cesión de bens mobles da Comunidade Autónoma sempre que se destinen a fins de utilidade pública ou interese social, esixindo o Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, que a orde de cesión exprese a finalidade concreta á que a entidade beneficiaria debe destinar o ben, así como as súas condicións.

O Concello de Santiago de Compostela, con data do 20 de maio de 2013, solicitou a cesión en propiedade a título gratuíto do busto do Xeneral Artigas propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia e adscrito á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Os concellos son administracións públicas, dotadas de personalidade xurídica e capacidade de obrar, para o cumprimento dos fins e o exercicio das funcións que lles están encomendadas, entre outras a función de xestionar e administrar aqueles bens patrimoniais que lles sexan cedidos por outras administracións públicas.

De acordo coa petición do Concello de Santiago de Compostela e tendo en conta que non se vai seguir empregando o ben, considérase conveniente a cesión do busto do Xeneral Artigas adscrito á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Á vista do exposto, en uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión en propiedade a favor do Concello de Santiago de Compostela do busto do Xeneral Artigas que ten as seguintes características:

Tipo de obra: escultura.

Técnica: bronce sobre pedestal de pedra.

Medidas: 1,93×50×40 cm.

Artigo 2

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. En virtude do artigo 82 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa cesión outorgarase ao concello citado a propiedade do ben moble cedido.

2. De conformidade co establecido nos artigos 82.1 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e no artigo 96 bis do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o seu regulamento, o ben cedido será destinado polo cesionario a fins de utilidade pública ou interese social, concretamente, situarase nunha praza sita no barrio das Fontiñas.

3. Se o ben cedido non se aplicase ao fin sinalado, se se descoidase ou utilizase con grave quebranto, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioramentos que experimenta.

4. O cesionario farase cargo dos gastos de desprazamento e nova situación do ben, así como todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido.

Artigo 3

A cesión formalizarase mediante acta subscrita pola persoa titular da secretaría xeral técnica desta consellería ou funcionario en quen delegue e o representante do Concello de Santiago de Compostela e deberá constar nela o acordo de cesión e a aceptación da parte cesionaria.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza