De acordo co previsto no artigo 9 do Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, con data do 22 de novembro de 2012 publicouse no Boletín Oficial del Estado o anuncio da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes desta consellería polo que se procedía a dar publicidade á solicitude de inscrición da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán. Esta solicitude fora presentada con data do 11 de xullo de 2011 perante a Consellería do Medio Rural e do Mar pola Asociación de Produtores de Pemento de Mougán.
Igualmente, dando cumprimento ao disposto no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, procedeuse a dar publicidade da dita solicitude no Diario Oficial de Galicia do 21 de novembro de 2012.
Segundo o disposto nas citadas normas, no prazo de dous meses a partir da data da publicación, calquera persoa física ou xurídica cuxos lexítimos dereitos ou intereses considere afectados poderá oporse ao rexistro pretendido mediante a correspondente solicitude de oposición dirixida ao órgano competente da comunidade autónoma.
Por outra parte, o artigo 5 do Regulamento (CE) nº 510/2006 do Consello, do 20 de marzo, sobre a protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios –norma vixente no momento en que se produciu a publicación da solicitude de rexistro–, exixe a adopción polo Estado membro dunha decisión favorable, sempre que a solicitude presentada cumpra as previsións do citado regulamento, así como a publicación tanto da decisión como da versión do prego de condicións en que esta se fundamentase. Este regulamento foi recentemente substituído polo Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro, sobre réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, que no seu artigo 49 recolle previsións similares.
Transcorrido o período antes mencionado sen que se formulase ningunha oposición ao rexistro da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán, e considerando que a solicitude presentada cumpre as condicións e requisitos establecidos no Regulamento (UE) nº 1151/2012, de acordo coa previsión contida no número 4 do artigo 49 do citado regulamento e coas competencias desta consellería na materia,
RESOLVO:
Adoptar decisión favorable para que a indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán sexa inscrita no Rexistro Comunitario de Denominacións de Orixe Protexidas e Indicacións Xeográficas Protexidas e publicar, como anexo desta resolución, o prego de condicións que debe cumprir o produto por ela amparado e sobre o cal se baseou a dita decisión. Para a tramitación da citada inscrición, esta resolución será comunicada ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para a súa transmisión á Comisión Europea, de acordo co establecido no artigo 15 do Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas.
Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela os interesados poden interpor con carácter potestativo recurso de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, segundo dispoñen os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou interpor recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, computados ambos os prazos desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2013
Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar
ANEXO
Prego de condicións da indicación xeográfica protexida (IXP)
Pemento de Mougán
A. Nome do produto.
Indicación xeográfica protexida (IXP) Pemento de Mougán.
B. Descrición do produto.
Os pementos amparados pola indicación xeográfica protexida (IXP) Pemento de Mougán son os froitos da especie Capsicum annuum L., do ecotipo local coñecido por ese mesmo nome.
O pemento de Mougán ten un froito semicartilaxinoso de cor verde en estado de inmadurez e vermello en estado maduro. O froito é cadrado (A4 segundo Pochard 1966), e clasifícase segundo a súa forma como CMV3L (cadrado morro de vaca tres lóbulos) sendo recollido en verde (estado inmaturo precoz) e destinado á comercialización en fresco.
As plantas son de consistencia herbácea, moi ramificadas, porte medio (alcanzan entre 50 e 90 cm ao aire libre e entre 60 e 120 cm en estruturas baixo cuberta) e de ciclo semiprecoz, con follas pequenas, lanceoladas e de elevada floración cos froitos normalmente colgantes.
As características do froito destinado á comercialización son as seguintes:
• Forma: sección lonxitudinal cadrada e sección transversal lixeiramente sucada e co extremo apical marcado con tres ou catro cantos.
• Peso: entre 6 e 15 gramos por unidade.
• Lonxitude do froito: entre 3 e 6,5 cm.
• Largura: entre 2,5 e 4 cm.
• Pedúnculo: entre 2 e 5 cm, sempre de menor lonxitude que o froito. É ríxido e con curvatura.
• Pel: de cor verde escura brillante.
• Espesor da parede ou carne: fina de 1,5 mm aproximadamente.
• Cata: carne de textura fina e substanciosa, de sabor doce, lixeiramente herbáceo e ás veces picante, con aroma de intensidade moderada.
C. Zona xeográfica.
A área de produción do pemento amparado pola indicación xeográfica protexida está constituída pola totalidade do municipio de Guntín en Lugo.
Esta zona, historicamente dedicada ao cultivo do pemento de Mougán, está constituída por un territorio cunhas características homoxéneas desde o punto de vista climático e edafolóxico, que marcan as características do produto. Trátase dunha comarca natural protexida por sistemas montañosos que rodean os vales de produción e que orixinan un microclima diferenciado, o que se combina coa presenza de solos moi axeitados para este cultivo.
O clima húmido, con veráns suaves e escasa amplitude das oscilacións térmicas, representa un elemento fundamental para conseguir as características descritas, especialmente no relativo ao espesor e textura da carne. As técnicas de cultivo e de selección empregadas polos agricultores locais constitúen outro elemento diferenciador nada desdeñable.
O nome da denominación «Mougán» é un nome xeográfico que se corresponde coa parroquia do concello de Guntín, desde onde partían no transporte público os pementos destinados ao mercado da capital. Esta parroquia é lindante coa de Mosteiro, lugar onde se situaba o cenobio a que a tradición vincula co inicio da selección e cultivo destes pementos.
D. Elementos que proban que o produto é orixinario da zona.
– Controis.
Unicamente os pementos que se cultiven de acordo coas condicións establecidas neste prego de condicións e demais normas complementarias de aplicación, nas parcelas e polos produtores inscritos no correspondente rexistro poderán ser amparados pola IXP Pemento de Mougán.
Os controis de calidade e rastrexabilidade sobre o produto serán responsabilidade dos produtores, almacenistas e envasadores da IXP Pemento de Mougán. Estes operadores deberán contar no seu proceso produtivo con sistemas de traballo que permitan asegurar, en calquera etapa deste, tanto a rastrexabilidade do produto coma o cumprimento do prego de condicións da indicación xeográfica protexida.
Para a comprobación do cumprimento dos preceptos do prego de condicións e demais normas complementarias, o órgano de control contará con rexistros, permanentemente actualizados, de produtores e plantacións, e de almacéns e estacións envasadoras.
No Rexistro de Produtores e Plantacións inscribiranse todas as parcelas que, ademais de estaren situadas na zona de produción acollida pola indicación xeográfica protexida, cumpran os requisitos exixidos e así o solicitasen os seus titulares.
No Rexistro de Almacéns e Estacións Envasadoras poderanse inscribir todas aquelas instalacións que, ademais de estaren na área xeográfica delimitada, reúnan as condicións para unha axeitada manipulación do produto, sobre a base dos requisitos deste prego de condicións e demais normas complementarias de aplicación.
Todas as persoas físicas ou xurídicas inscritas nos rexistros, as plantacións, os almacéns, as estacións envasadoras e os produtos estarán sometidos ás inspeccións e verificacións realizadas polo órgano de control, co obxecto de comprobar que os produtos amparados cumpren os requisitos do prego de condicións e demais normas complementarias.
Os operadores teñen ademais a obriga de declarar a cantidade de pemento amparado pola IXP realmente producida e comercializada, mediante anotacións en rexistros establecidos para o efecto.
O órgano de control verificará en cada campaña as cantidades de pementos certificadas pola indicación xeográfica protexida que foron expedidas ao mercado, para comprobar que é correcta a súa relación coas cantidades producidas ou adquiridas aos produtores censados no Rexistro de Produtores e Plantacións e a outras firmas inscritas. Tamén comprobará a coherencia entre as cantidades producidas e declaradas por cada agricultor e os rendementos das parcelas inscritas.
Os controis basearanse na inspección de plantacións, almacéns e industrias, a revisión de documentación e un control do cumprimento dos parámetros físicos, comprobando que os pementos recollidos se encontran enteiros, sans, limpos e exentos de danos e feridas. Poderase proceder, ademais, á realización de análise multirresiduos coa finalidade de comprobar que os valores obtidos de praguicidas se encontran por debaixo dos límites máximos de residuos (LMR) fixados pola lexislación vixente para o cultivo.
Con carácter xeral, as industrias que posúan outras liñas de produción distintas dos pementos de Mougán farano constar expresamente e someteranse ás inspeccións que se establezan para controlar estes produtos e garantir en todo caso a orixe e a calidade dos produtos amparados pola indicación xeográfica protexida.
– Certificación.
Os produtos que non se obtivesen de acordo cos requisitos deste prego de condicións e demais normas complementarias de aplicación ou presenten alteracións ou defectos non poderán comercializarse baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán.
Todos os envases levarán, ademais da etiqueta propia de cada produtor/envasador, unha etiqueta numerada (contraetiqueta), que será controlada polo órgano de control, de acordo coas normas que se establezan.
E. Obtención do produto.
As plantacións aptas, tanto para a produción de pementos coma para a obtención de semente e plántula, acollidas á indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán, deberán cumprir os seguintes requisitos:
• As plantas pertencerán a algunha das liñas seleccionadas deste ecotipo. Procederán de agricultores autorizados inscritos no Rexistro de Produtores e Plantacións.
• Co fin de evitar hibridacións indesexadas, as sementes obteranse de plantacións realizadas baixo cuberta ou en lugares suficientemente afastados de parcelas con cultivos ao aire libre doutras liñas de pementos deste ecotipo.
• O material vexetal empregado encontrarase en correcto estado produtivo.
• Estarán situadas na área xeográfica definida na letra C.
• Estarán inscritas no Rexistro de Produtores e Plantacións.
• Seguirán as recomendacións técnicas recollidas neste prego de condicións e demais normas complementarias de aplicación.
– Descrición do proceso produtivo.
O alcouve ten unha grande importancia no éxito do cultivo do pemento. Unicamente poderán empregarse sementes pertencentes a liñas seleccionadas, as cales garanten a obtención dun produto de máxima calidade e coa homoxeneidade que o mercado demanda.
Unha vez recollido o froito maduro, sécase e extráese a semente, a cal, unha vez
desinfectada, está en condicións de ser sementada.
A preparación do alcouve e da sementeira iníciase nos meses de decembro e continúa en xaneiro e febreiro.
A sementeira realízase en caixóns sobre un substrato composto por unha mestura de turba e area a partes iguais. Tras a xerminación, e unha vez que a planta alcance 5 cm aproximadamente, procédese á repicaxe, transplantándoas a bandexas con alvéolos. Tamén se admite o método tradicional de sementeira sobre o terreo e posterior transplante.
Dentro dos coidados do alcouve forma un capítulo importante a rega, pois é importante manter unha humidade suficiente e constante, sobre todo desde a fase de xerminación ata a nacenza da planta.
O cultivo realízase ao aire libre ou baixo cuberta. Estas estruturas baixo cuberta son simples túneles de plástico sen calefacción nin iluminación artificial, que se utilizan unicamente para protexer o cultivo (que se realiza directamente sobre o chan) das ocasionais xeadas e, sobre todo, para anticipar a produción e prolongala unhas semanas no outono. Tamén se estendeu o seu uso para salvagardar as liñas seleccionadas deste ecotipo de pemento de hibridacións non desexadas.
A plantación baixo cuberta efectúase en marzo e abril, para comezar a recolección dos froitos a mediados de xuño. A densidade será de 2-4 plantas por metro cadrado. É recomendable cubrir o chan con lámina de polietileno para impedir a competencia de malas herbas. Non é necesario especar debido a que co marco de plantación empregado unhas plantas apóianse noutras.
No cultivo ao aire libre, a plantación realízase en abril, maio e xuño, cunha densidade de 3-6 plantas por metro cadrado. No caso de que se pretenda utilizar semente para producir plántula, as parcelas deberán estar afastadas doutros cultivos ao aire libre deste ecotipo, para preservar as liñas seleccionadas.
É importante que na primeira etapa tras a plantación exista unha restrición de auga, xa que isto favorecerá un mellor desenvolvemento do sistema radicular co fin de que a planta poida aguantar sen dobrarse durante toda a fase de produción.
As condicións idóneas para o cultivo poderían resumirse en humidade relativa alta, temperaturas moderadas, baixa oscilación térmica, solos lixeiramente ácidos e suficiente circulación de aire para favorecer o movemento de pole entre as distintas plantas.
A fertilización será a adecuada para manter o equilibrio e os niveis de nutrientes no solo e na planta, tendo en conta deste modo as extraccións do cultivo, o estado nutricional da planta, o nivel de fertilidade do solo e as achegas realizadas por outras vías (auga, materia orgánica etc.).
A loita contra posibles pragas e/ou enfermidades estará dirixida á aplicación de métodos culturais como desinfección de sementes, tratamento de alcouves e adecuadas doses de rega, e evitarase sempre o empozamento do terreo e as amonteas excesivas.
En caso de resultar necesaria a intervención química, as materias activas empregadas serán as que xeren menor impacto ambiental, maior eficacia, menor toxicidade e problema de residuos, menor efecto sobre a fauna auxiliar e menor problema de resistencias.
A recolección será manual e realizarase no momento en que, a xuízo dos experimentados horticultores da zona, o produto presente as condicións idóneas para a súa comercialización, coincidentes coas características físicas relacionadas na letra B.
A recolección constará de tantas apañaduras como sexan precisas para a obtención de froitos de excelente calidade, cos medios materiais (ferramentas, caixas ou contedores etc.) e humanos necesarios para evitar que se deterioren.
Os pementos, unha vez recollidos, trasladaranse o antes posible ao almacén manipulador. O traslado realizarase en caixas ou outro tipo de recipientes ríxidos para evitar que se esmaguen. A descarga realizarase de modo que se minimicen os efectos de caída libre do produto.
Os lugares de almacenamento encontraranse correctamente aireados, cunha axeitada temperatura e humidade relativa. Realizarase unha selección poscolleita durante a cal serán eliminados os pementos non comercializables baixo a indicación xeográfica, ben por presentaren un tamaño desconforme co especificado neste prego de condicións, ou unha aparencia con defectos ou pola que se lle supoña un picor excesivo, determinado, case intuitivamente, pola experiencia dos agricultores da zona debido a certa rixidez da carne.
Os pementos acollidos á IXP deberán presentarse, tras ser sometidos a unha esmerada selección para a obtención dun produto de calidade superior:
• Enteiros e firmes.
• Sans, excluíndo os produtos podres ou que presenten outras alteracións que os fagan impropios para o consumo.
• Exentos de manchas.
• Limpos e exentos de materias estrañas visibles.
• Provistos de pedúnculo.
• Exentos de humidade exterior anormal.
O envasamento realizarase na zona xeográfica delimitada como método eficaz de protección das características particulares e de calidade dos pementos de Mougán, que, ao ser un produto perecedoiro e delicado, obriga a extremar os coidados na manipulación e o envasamento, que normalmente se realiza nas primeiras 24 horas desde a recolección. Os lotes serán homoxéneos canto a calidade e estado de maduración do froito e envasaranse en bolsas de polietileno transparente con pesos de entre 200 g e 400 g. Poderanse establecer outras formas de presentación cando se comprobe que non afectan negativamente a calidade do produto.
O período de comercialización será entre o 1 de xuño e o 15 de novembro, aínda que se poderá alongar ou acurtar este período cando, en razón ás circunstancias climáticas da tempada, as características do produto o aconsellen. Os rendementos máximos permitidos serán, con carácter xeral, de 6 kg por metro cadrado ao aire libre e de 8 kg por metro cadrado baixo cuberta. O período de comercialización e os rendementos máximos antes citados poderán ser modificados en función das condicións climáticas de cada tempada. As devanditas modificacións deberán ser aprobadas pola Consellería do Medio Rural e do Mar por petición do Consello Regulador da IXP Pemento de Mougán e contarán co informe favorable previo do órgano de control.
F. Vínculo co medio.
1. Histórico.
O pemento é unha planta hortícola de orixe americana cultivada polos seus primeiros poboadores e coñecida en Europa desde a primeira viaxe de Colón. Pertence ao xénero Capsicum, da familia das solanáceas, na cal se inclúen outras moitas especies cultivadas de grande importancia para o home, como a pataca ou o tomate.
Tras o descubrimento de América o pemento chegou a España e, polas súas especiais características, foi rapidamente utilizado como substitutivo da pementa, que naqueles tempos, ao ser un monopolio dos mercadores venecianos, alcanzaba prezos moi elevados.
As orixes do pemento de Mougán remóntanse a mediados do século XVIII, vinculadas ao mosteiro de Ferreira de Pallares, do cal dependía o cenobio que había na parroquia de Mosteiro, lindante coa de Mougán. Segundo conta a tradición foron os frades os que introduciron as sementes do pemento na comarca. Posteriormente, testemuños de transmisión oral sinalan unha campesiña chamada Dominga e alcumada A Cabanexa como a propagadora da planta auténtica de pemento de Mougán desde a horta chamada de forma evocadora A Virtude. É posible que esta persoa servise de inspiración para o personaxe dunha novela publicada en 1899 titulada A Cruz de Salgueiro do autor Xesús Rodríguez López.
A comercialización dos pementos realizábase nas feiras de Lousada, Portomarín e Grolos, que se celebran os días 5, 9 e 23 de cada mes, respectivamente, e, sobre todo, na praza de abastos de Lugo, á cal segundo recordan os veciños de maior idade do lugar, se transportaban os pementos en fundas de xergóns no teito do autobús da liña regular Portomarín-Lugo, trazado que se sobrepón ao antigo Camiño Real polo que anteriormente se transportaban os pementos a Lugo a lombos de cabalarías.
Nos «Mapas nacionales de abastecimientos del Ministerio de Industria y Comercio de la provincia de Lugo» elaborados por partidos xudiciais e analizados por concellos, aparecen datos relativos a superficie, poboación, cultivos, gandaría, industrias e un breve informe do técnico competente da época no cal se fai referencia aos puntos fortes e débiles do municipio en canto a sanidade, comunicacións, escolarización etc. Tamén se recolle información relativa aos produtos típicos da gastronomía da zona. Neles encontramos unha referencia escrita dos anos 1943-1946 en que se atribúen ao concello de Guntín dúas hectáreas de pemento comestible producido en regadío con plantación en maio e recolección en agosto, e se especifican ademais outros datos, como unha densidade de plantación de 50.000 plantas/ha e rendemento anual de 500 q/ha. Estes datos aparecen recollidos todos os anos consultados, permanecendo estable a superficie e variando lixeiramente o rendemento dun ano para outro. O dato de que sexa en superficie de regadío é importante se consideramos que mediante a rega se controla o picor dos pementos.
No Censo agrario de 1962 especifícanse outros datos sobre o cultivo, como son que se adoita comezar a recolección de pementos a principios de xullo, a época de máxima recolección coincide cos primeiros días de agosto e o cesamento na produción produciríase a finais de outubro.
Desde principios da década de 1970, persoal do Servizo de Industrias e Comercialización Agraria, hoxe dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, realizou un seguimento da presenza do pemento de Mougán na praza de abastos de Lugo, principal punto de saída deste produto non só para a capital senón para Asturias, segundo testemuñan diversas fontes.
Desde o ano 1997, con crecente concorrencia ano tras ano, celébrase a Pementada de Mougán, coincidindo co primeiro venres do mes de agosto. Ademais, desde o ano 1999 celébrase na parroquia de Grolos, o día 14 de agosto, a festa de exaltación do pemento. Por outra parte, pechando o calendario de actos de exaltación deste produto, na capital municipal celébrase a Festa do Pemento de Mougán o último sábado do mes de agosto.
Por outra parte, desde o ano 2002 existe unha asociación que promove o coñecemento, o cultivo e o consumo deste produto.
Na actualidade hai produtores que con entusiasmo aumentan a superficie cultivada ano tras ano. Tamén a hostalaría valora con crecente interese as propiedades deste produto na zona de produción e, sobre todo, en restaurantes de Lugo, nos cales se ofrecen receitas innovadoras cos pementos de Mougán como protagonistas, como por exemplo, puré de pementos e carne trufada con pementos.
No ano 1999 iniciouse no Centro de Formación e Experimentación Agraria Baixo Miño de Salceda de Caselas (Pontevedra) en colaboración co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo –do cal hoxe depende– a selección e caracterización do pemento de Mougán, co fin de fixar as características tradicionais e de homoxeneizar o produto. Diso deriva que nunha publicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural do ano 2004 titulada «Investigación e experimentación sobre pementos autóctonos» apareza caracterizado o pemento de Mougán.
Para ilustrar a notoriedade deste produto, pódese indicar que, efectuada unha busca na internet co popular buscador Google no 2.10.2012, apareceron 10.700 resultados da procura de pemento de Mougán e 2.800 resultados se a procura se facía con pimiento de Mougán (tradución para o español do nome en galego da indicación xeográfica).
2. Natural.
O concello de Guntín encóntrase ao sur da comarca de Lugo, na Comunidade Autónoma de Galicia. Abrangue unha superficie de 156 km2, repartida en 31 parroquias. As súas principais vías de comunicación son a estrada Lugo-Ourense (N-649), que se bifurca na capital do municipio en dirección a Santiago (N-547) e a estrada Lugo-Portomarín (L-612). Ao sueste do concello discorre a ruta de peregrinación histórica a Compostela coñecida como Camiño Francés.
2.1. Orografía e xeoloxía.
O concello de Guntín é atravesado por unha gran fractura, a falla de Viveiro. A falla limita dúas zonas e dominios xeoloxicamente diferentes: o dominio do ollo de sapo, pertencente á zona centroibérica, e o dominio do domo de Lugo, á zona asturoccidental-leonesa.
A maior parte da superficie do concello pertence ao dominio do domo de Lugo, formando parte do bloque oriental da falla de Viveiro e, por tanto, ocupa toda a zona situada aproximadamente ao leste da liña A Retorta-Guntín. Nesta zona afloran as rochas máis antigas pertencentes á serie de Vilalba, de idade precámbrica, coa peculiaridade de que están atravesados por numerosas inxeccións graníticas de diferente entidade do granito de dúas micas do macizo de Ombreiro, situado ao norte. As rochas metamórficas da serie de Vilalba están formadas por xistos e micacitas con cristais grandes de biotita e moscovita e con granates que lles dan por un lado o seu aspecto lustroso e finamente glandular por outra, característicos desta serie. Entre Lousada e Mougán afloran tamén lousas con algúns niveis cuarcíticos pertencentes á serie de Cándana (cámbrica). Tamén e fundamentalmente neste dominio do domo de Lugo, presenta numerosos diques filonianos de pegmatíticos e de veas e diques de cuarzo.
Ademais, sobre os tramos de meseta da Terra Chá, e ocupando amplas zonas das ladeiras do monte Ladairo, Costa de Zolle etc. preséntanse discordantemente sobre a base precámbrico-paleozoica e granítica depósitos sedimentarios continentais terciarios (pliocuaternarios), tipo raña, relativamente extensos e con diferente entidade e potencia, constituídos por depósitos arxilosos e areo-arxilosos de cores avermelladas ou de bloques e/ou gravas de cuarzo pertencentes ao substrato nunha matriz arxilosa ou arxilo-areenta. Sobre este conxunto existen pequenos depósitos coluviais ou de aba, e o fondo dos vales está ocupado por depósitos aluviais, os maiores dos cales son os do río Miño e os do río Ferreira, especialmente o seu tributario, o rego do Lavadoiro.
Aínda que Guntín pertence á chaira coñecida como Terra Chá, xa non pode considerarse unha gran superficie aplanada, porque existe unha zona norte granítica de maior resistencia á erosión que produce este resalte topográfico sobre a chaira. Ademais, o río Miño e, consecuentemente, a rede fluvial, están moi encaixados en relación a esta chaira. En altitude sobresae o monte do Picato (783 metros) ao norte do municipio. O punto de menor altura, que coincide coa confluencia do río Ferreira co Miño, está a pouco máis de 300 metros sobre o nivel do mar. Ao leste discorre o río Miño, que drena as terras formando unha depresión. O límite do municipio polo sur márcao a bacía do río Ferreira, que verte as súas augas ao Miño.
Así que podemos considerar Guntín formado por un relevo suavemente ondulado, abrigado polo norte e oeste por pequenos contrafortes montañosos e que descende cara ao sur para verter as augas no río Ferreira e cara ao leste directamente no río Miño.
2.2. Solos.
Se nos atemos ás normas de clasificación agrolóxica da Dirección Xeral de Produción Agraria (adaptación do departamento de conservación de solos do U.S.D.A.), que definen a intensidade máxima de explotación a que pode someterse un terreo sen mingua da súa capacidade produtiva, encontramos que tres cuartas partes do territorio estarían dentro das clases agrolóxicas II, III e IV, que se corresponden con terras cultivables, e que unha cuarta parte da superficie está clasificada como terra non cultivable por presentar risco de erosión por excesiva pendente. Menos do 1 % da superficie ten a consideración de terra improdutiva.
As formacións litolóxicas máis abundantes son rochas ígneas (granitos) e metamórficas (lousas, xistos e algún tramo cuarcítico). Canto á textura do terreo, caracterízase por un alto contido de area e predominan os terreos de clasificación franco-areenta, idóneos para o cultivo hortícola.
2.3. Clima.
Sobre a base dos criterios utilizados na publicación «Caracterización agroclimática da provincia de Lugo» (MAPA, 1988), Galicia está dividida en 7 zonas, estando Guntín incluída na zona agroclimática IV, que se caracteriza da seguinte forma: av, M, ME, segundo nos refiramos ao tipo de inverno, tipo de verán e réxime de humidade. Invernos tipo avea fresco (av) son os máis habituais na maior parte de Galicia, sobre todo en altitudes arredor dos 600 m e ata os 1.200 m; os tipos de verán millo (M) encóntranse na Galicia interior ata os 650 metros, debido a que estas zonas son menos sensibles ao efecto temperante oceánico; o réxime de humidade é mediterráneo húmido (ME).
Na mesma publicación aparece unha relación moi ampla de cultivos e a súa posibilidade de éxito na implantación de determinadas zonas. Se relacionamos as exixencias do cultivo coa clasificación agroclimática da zona, os resultados verifican que a zona cumpre cos requisitos exixidos polo cultivo, que está limitado por temperaturas superiores a 35 ºC, e é posible a sementeira tanto na primavera coma no verán e en secaño ou regadío.
Para os parámetros climáticos utilizáronse os datos recollidos na estación do monte Ladairo. Podemos dicir en primeiro lugar que non chove moito –uns 1.000 mm– para o que é habitual en Galicia, xa que a zona está protexida fronte aos ventos de compoñente oeste, o que provoca certa sombra pluviométrica, cun número da orde de 130 días de precipitación superior ou igual a 1 mm. As chuvias non adoitan ser intensas, aínda que en casos excepcionais poden recollerse uns 75 l/m2 en 24 horas.
Se nos referimos ás súas temperaturas, pódese indicar que a temperatura media no verán é de 17,2 ºC, no outono de 12,5 ºC, no inverno de 6,7 ºC e na primavera de 10,5 ºC. As temperaturas medias das máximas son, no verán, de 23,4 ºC, no outono de 17,2 ºC, no inverno de 9,9 ºC e na primavera de 15,3 ºC. As temperaturas medias das mínimas son, no verán de 11,1 ºC, no outono de 7,8 ºC, no inverno de 3,5 ºC e na primavera de 5,6 ºC.
En resumo, o concello de Guntín caracterízase porque por el transcorren gran cantidade de ríos e regatos, entre os cales destacan o río Ferreira e o río Miño. Estes son de importancia vital e influíron de modo decisivo na actividade das xentes que viven preto deles, xa que as parroquias situadas nas beiras gozan dunhas características climáticas peculiares e diferenciadas con respecto a outras parroquias, o que permite que se estendese o cultivo de determinadas especies, como é o caso que nos ocupa, o pemento. Isto, unido a métodos de cultivo transmitidos de xeración en xeración, dan como resultado un produto de características específicas e unha contrastada reputación.
2.4. Especificidade do ecotipo local pemento de Mougán.
O pemento de Mougán é un ecotipo local cultivado desde tempos moi remotos polos agricultores de Guntín. Como consecuencia da súa limitada produción e da súa escasa difusión ao longo dos anos, o seu cultivo non se estendeu fóra do devandito ámbito xeográfico, aínda que hai testemuños de emigrantes que levaron a planta a outras zonas de España para producir alí os pementos, pero con resultados desalentadores en todos os casos, o que denota a importancia do ecosistema de produción nas calidades do produto.
As prácticas tradicionais dos agricultores locais mantendo e seleccionando as mellores plantas ao tempo que adaptando as técnicas de produción ás condicións do territorio, deron como resultado un produto diferenciado e de gran popularidade. A selección practicada polos agricultores locais, así como o seu coidado por evitar hibridacións indesexadas, foi un factor decisivo á hora de obter un pemento homoxéneo de características ben delimitadas.
A utilización por parte destes horticultores –desde hai varias décadas– de estruturas baixo cuberta, é unha mostra da adaptación das técnicas de produción, sen que iso signifique perda da interacción entre o medio e as características específicas do produto. Trátase de sinxelos túneles de plástico que protexen o cultivo realizado directamente sobre o chan de posibles xeadas, o que permite adiantar a recolección e, por tanto, a comercialización do pemento e prolongala durante as primeiras semanas do outono. A súa utilización non supón un verdadeiro control das condicións ambientais do cultivo, que segue exposto, no fundamental, aos factores naturais do medio.
É indubidable o interese xenético, social, cultural, ambiental e económico que para determinados territorios supón a recuperación, a conservación e o fomento das variedades vexetais autóctonas. Así o entenderon os horticultores desta comarca, que pouco ou nada poderían facer para competir fronte a outras rexións produtoras máis especializadas a non ser a través da especificidade dun produto como este.
G. Estrutura de control.
Nome: Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal).
Dirección: Pazo de Quián, s/n, Sergude, 15881 Boqueixón (A Coruña).
Teléfono: (34) 881 99 72 76.
Fax: (34) 981 54 66 76.
Correo electrónico: ingacal@xunta.es
O Ingacal é un organismo público dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia.
H. Etiquetaxe.
Os pementos comercializados baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán deberán levar a etiqueta comercial correspondente á marca propia de cada produtor/envasador e unha etiqueta de codificación alfanumérica (contraetiqueta) utilizada baixo a supervisión do órgano de control, co logotipo da indicación xeográfica protexida que figura a seguir:
Tanto na etiqueta comercial coma na contraetiqueta figurará obrigatoriamente a mención «Indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán».
I. Requisitos lexislativos nacionais.
• Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.
• Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas do sector alimentario e os seus consellos reguladores.
• Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas.

