Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Luns, 3 de xuño de 2013 Páx. 19961

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 23 de maio de 2013 pola que se determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2013 ao abeiro do Plan de vivenda 2005-2008, regulado polo Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, e polo Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro.

O Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008.

O seu artigo 6 establece que as axudas atenderanse da forma que será establecida mediante ordes anuais da Consellería de Vivenda e Solo.

A disposición transitoria cuarta do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda con cargo á Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012, establece que as axudas derivadas de situacións creadas ao abeiro de plans anteriores seguirán a súa tramitación, rexéndose de acordo coa súa normativa de orixe.

O Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, suprimiu a Consellería de Vivenda e Solo. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asume as competencias en materia de vivenda e solo en virtude do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Por todo o anterior e en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

Para os efectos do disposto no artigo 6 do Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, e para lles dar cobertura aos expedientes que acaden no exercicio 2013 a fase de concesión, indícase a aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, onde figura o crédito con cargo ao cal serán atendidas as axudas previstas no citado decreto:

– Para a adquisición de vivenda protexida, usada e promoción para uso propio por parte de familias e institucións sen ánimo de lucro corresponde a aplicación orzamentaria 07.81.451B.780.1, por un importe máximo de 420.000 €.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas