Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Martes, 4 de xuño de 2013 Páx. 20194

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 27 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á formación e contratación -programa Forcon-, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

A crise en que está inmersa a nosa economía repercute en termos de emprego, destruíndo día a día numerosos postos de traballo e aumentando o número de persoas inscritas nas oficinas do Servizo Público de Emprego e, por tanto, as taxas de desemprego. Esta situación, aínda que repercute en todos os tramos de idade, presenta unha maior gravidade no sector máis novo da poboación, e particularmente naqueles mozos e mozas con menor cualificación.

Corresponde ás administracións públicas poñer todos os medios ao seu alcance para facer fronte a esta situación, e as políticas activas de emprego constitúen o instrumento axeitado para loitar contra o desemprego. Dentro destas políticas destacan, por unha banda, a formación, que ocupa un papel fundamental para mellorar a cualificación e a empregabilidade dos traballadores e traballadoras, de forma que aumenten as súas posibilidades de inserción no mercado de traballo e, por outra, o fomento do emprego, como mecanismo de inserción e permanencia no mercado de traballo.

Con base nesta situación e no marco do Diálogo Social deséñase un programa mixto de formación e contratación (Forcon) dirixido a mozos e mozas con baixa cualificación que versa sobre especialidades formativas vencelladas a ocupacións incluídas nos sectores estratéxicos de Galicia, segundo o Plan estratéxico Galicia 2010-2014, de xuño de 2010.

Os sectores estratéxicos de futuro son os relacionados coa economía verde (enerxías renovables, vehículo verde, preservación ambiental), economía da saúde (servizos á terceira idade, servizos á dependencia) e economía do coñecemento (TIC, audiovisual e cultura, biotecnoloxía, tecnoloxías mecánicas e robotización), sectores en que se prevén maiores posibilidades de empregabilidade e estabilidade.

De acordo co disposto no Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, corresponde a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.

O programa establecido nesta orde está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (en diante FSE), nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa operativo do FSE de Galicia 2007-2013, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola Decisión da Comisión Europea do 18 de decembro de 2007. Este cofinanciamento farase constar nas resolucións de concesión. Así mesmo, esta axuda queda sometida ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado (CE) ás axudas de minimis.

As bases que rexen este programa establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2013 da fase de emprego do programa mixto de formación e contratación (programa Forcon) dirixido a mozos e mozas con baixa cualificación que sexan contratados en ocupacións incluídas nos sectores estratéxicos de Galicia.

2. As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

3. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo e Benestar.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos de esta orde considérase:

1. Persoa desempregada: aquela que estea inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da súa contratación e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego na data de solicitude de alta na Seguridade Social realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto da Comunidade Autónoma de Galicia.

O órgano xestor comprobará directamente que a persoa traballadora pola que se solicita subvención carece de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta no réxime xeral da Seguridade Social.

2. Persoa desempregada moza sen cualificación: aquela persoa que, tendo 30 ou menos anos de idade, non teña cualificación profesional á data de inicio da súa participación como alumno ou alumna na etapa formativa do programa Forcon.

3. Sectores estratéxicos: os establecidos no Plan estratéxico Galicia 2010-2014: os relacionados coa Economía verde (enerxías renovables, vehículo verde, preservación ambiental), economía da saúde (servizos á terceira idade, servizos á dependencia) e economía do coñecemento (TIC, audiovisual e cultura, biotecnoloxía, tecnoloxías mecánicas e robotización).

4. Entidade colaboradora: aquela que participase, participe ou poida participar nos diferentes programas de fomento da empregabilidade e/ou de inclusión que impliquen colaboración directa coa Administración na posta en marcha das políticas activas de emprego definidas pola Consellería de Traballo e Benestar:

– Empresas en que se realice o módulo de prácticas profesionais non laborais dos certificados de profesionalidade cos alumnos ou alumnas dos cursos de formación para o emprego subvencionados pola Consellería de Traballo e Benestar.

– Empresas que realizasen cursos de formación de persoas desempregadas con compromiso de contratación ao abeiro das convocatorias da Consellería de Traballo e Benestar.

– Empresas que contraten alumnos e alumnas provenientes de cursos de formación para o emprego realizados no marco das convocatorias da Consellería de Traballo e Benestar.

– Empresas que contraten alumnos e alumnas que participasen en programas de escolas obradoiro, casas de oficios ou obradoiros de emprego.

– Empresas que contraten persoas desempregadas que participasen en programas de cooperación.

– Empresas que contraten persoas desempregadas provenientes dos programas integrados de emprego realizados no marco das convocatorias da Consellería de Traballo e Benestar.

– Empresas que presenten ofertas de traballo a través do Servizo Público de Emprego de Galicia.

– Empresas que colaboran coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrecendo prácticas non laborais aos seus alumnos e alumnas.

– Empresas que colaboren nos programas de inclusión social da Consellería de Traballo e Benestar.

5. Transformación de contrato temporal en indefinido: toda conversión dun contrato temporal en indefinido sempre que ambas as modalidades contractuais se sucedan sen ruptura da relación laboral coa empresa, incluídos aqueles supostos en que o inicio da relación laboral indefinida teña lugar ao día seguinte ao do termo da vixencia do contrato temporal de que deriva.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias todas aquelas entidades que, pertencendo aos sectores estratéxicos establecidos no Plan estratéxico Galicia 2010-2014, teñan a condición de entidade colaboradora.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obteren subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da cal fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa administración.

d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non acharse ao día do pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, publicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

j) En ningún caso poderá obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.

4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria os solicitantes que estean excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

5. A xustificación por parte das persoas ou entidades solicitantes de non estaren incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 4. Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro deste programa:

a) As contratacións temporais que se formalicen desde o 1 de outubro de 2012 ata o 30 de setembro de 2013.

b) As contratacións temporais que se realicen con persoas desempregadas mozas sen cualificación que participasen como alumnos e alumnas na etapa formativa do programa Forcon, nos cursos relacionados no anexo IX da Orde do 3 de agosto de 2012, pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á formación e contratación –programa Forcon– cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, sempre que se formalicen desde o 1 de outubro de 2012 e ata 2 meses despois da data de publicación desta orde.

c) As transformacións en indefinidos dos contratos temporais formalizados con persoas alumnas que participasen na etapa formativa do programa Forcon nos cursos relacionados no anexo IX da Orde do 3 de agosto de 2012 sempre que a transformación se realice ao rematar a vixencia destes, e ata o 30 de setembro de 2013.

Artigo 5. Requisitos

1. As contratacións temporais deberán ter unha duración mínima inicial de 6 meses e realizarse con persoas desempregadas mozas sen cualificación que participasen como alumnos e alumnas na etapa formativa do programa Forcon, nos cursos relacionados no anexo VII desta orde e nos cursos relacionados no anexo IX da Orde do 3 de agosto de 2012.

2. Como consecuencia da contratación temporal pola que se solicita a subvención ten que manterse o cadro de persoal da empresa no ámbito territorial de Galicia respecto á media dos 3 meses anteriores ao mes de realización da contratación pola cal se solicita subvención.

Para o cálculo do mantemento do cadro de persoal non se computarán ás persoas traballadoras cuxas baixas se producisen por propia vontade do traballador ou traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por finalización do contrato.

3. Ao abeiro deste programa, o número de persoas traballadoras subvencionadas non poderá superar o 10 % do cadro de persoal da empresa no mes da contratación pola que se solicita subvención. Para aquelas empresas que teñan menos de 20 persoas traballadoras no mes da contratación pola cal se solicita subvención só se subvencionará unha persoa traballadora.

4. A empresa deberá informar previamente a representación legal dos traballadores das contratacións obxecto de subvención.

Artigo 6. Contía dos incentivos

1. As contratacións temporais incentivaranse cunha axuda de 2.500 euros.

2. As transformacións en indefinidos dos contratos temporais incentivaranse cunha axuda de 2.500 euros.

3. Estas contías serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

Artigo 7. Exclusións

Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores ou traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

2. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando o empregador sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva na súa casa nin estea ao seu cargo.

Capítulo II
Competencia e procedemento

Artigo 8. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas presentadas ao abeiro desta orde, por delegación da persoa titular da consellería de Traballo e Benestar, corresponderá á persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Artigo 9. Solicitudes e prazo

1. As solicitudes poderán presentarse, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes por vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión está incluída no prazo de presentación de solicitudes da orde de convocatoria.

2. As axudas previstas nesta orde poderán solicitarse ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato temporal en indefinido. Se o último día de prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

3. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2013, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.

4. As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2012 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contados desde a data de publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

5. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar (http://traballo.xunta.es) e na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). Para cubrir as solicitudes poderá empregarse a aplicación informática de axuda facilitada pola Consellería de Traballo e Benestar na súa páxina web, na epígrafe de axudas e subvencións.

6. Para a presentación de solicitudes as persoas ou entidades beneficiarias, poderán contar co asesoramento dos axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 10. Autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, quen solicita poderá denegar expresamente o consentimento; daquela deberá entregar coa solicitude a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Mediante a presentación da solicitude de subvención a persoa interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o Cixtec, como responsable dos ficheiros, con domicilio na rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

3. Coa presentación da solicitude de subvención, mediante o anexo I desta orde, a persoa interesada poderá autorizar expresamente a Consellería de Traballo e Benestar, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e na Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos seus datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade. En caso de non prestar a autorización, deberá presentar a fotocopia do documento acreditativo da identidade da persoa solicitante.

4. Coa presentación da solicitude de subvención o interesado autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para que de acordo co establecido nos números 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia, con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, a entidade beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da subvención, e na páxina web oficial da Consellería de Traballo e Benestar.

5. En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmase de que os datos persoais recollidos nesta solicitude se incorporarán ao ficheiro «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» para o seu tratamento coa finalidade da xestión, avaliación, seguimento e estatística deste procedemento. A presentación da solicitude supón a cesión de datos persoais á Consellería de Traballo e Benestar por parte da entidade solicitante, polo que esta é responsable de informar o traballador ou traballadora sobre a existencia e finalidade da cesión, así como da obtención do seu consentimento. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei pódense exercer dirixindo un escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, como responsable do ficheiro, no enderezo Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou no seguinte enderezo electrónico: lopd.traballo@xunta.es

Artigo 11. Documentación

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde, xunto coa seguinte documentación, orixinal ou copia compulsada ou cotexada:

1. Autorización á Consellería de Traballo e Benestar, segundo o modelo do anexo I, para a consulta dos datos de identidade, o DNI ou o NIE da persoa solicitante ou do representante da entidade, no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro.

No caso de non presentar esta autorización, a persoa solicitante ou representante da entidade deberá achegar o DNI ou o NIE.

Se o solicitante é persoa xurídica, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade e o NIF da empresa.

2. Declaración responsable de ser entidade colaboradora de acordo co establecido no artigo 2.4 da orde de convocatoria (anexo VI).

3. Declaración da media do cadro de persoal de todos os centros de traballo da empresa en Galicia en cada un dos tres meses anteriores ao mes de inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada (anexo II).

4. Relación nominal das persoas traballadoras polas cales se solicita subvención en que se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola cal se solicita subvención e a nómina do mes de contratación (anexo III).

5. Acreditación do cumprimento por parte da empresa da obriga de informar a representación legal dos traballadores acerca dos contratos temporais formalizados.

6. Documentos TC2 correspondentes ás tres mensualidades anteriores ao mes de realización da contratación e, se é o caso, documentos TC2 correspondentes á mensualidade da contratación obxecto de solicitude de subvención.

Se é o caso, documentos acreditativos das baixas previstas no artigo 5 punto 2.

7. Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anos anteriores (anexo IV).

8. Documentación acreditativa de estar ao día nas súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e coa Seguridade Social e de que non teñe pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que o solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

9. Declaración responsable, entre outros aspectos, de non estar incursos nas prohibicións para obter a condición de beneficiario previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de non ter a condición de empresa en crise, segundo o establecido no artigo 21.e) desta orde, e as autorizacións (anexo I).

10. A documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e das entidades dela dependentes.

Artigo 12. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Fomento da Contratación por Conta Allea da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

3. Se a solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se presentar a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán o interesado para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, logo da resolución, que será ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

4. Entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando o traballador polo cal se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o cal solicitou a axuda.

Artigo 13. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola intervención da proposta emitida polo correspondente servizo, a resolución ditaraa o órgano competente por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar e será notificada ao interesado. As resolucións de concesión ou denegación serán sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar é de cinco meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as entidades propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Por estar a axuda cofinanciada polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión informarase a persoa beneficiaria de que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes dos beneficiarios, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación e de que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007).

Artigo 14. Xustificación e pagamento

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación da documentación, no prazo, nos termos e no modo que se exixa de forma expresa na resolución de concesión, entre a cal deberá figurar:

a) Documento TC2 correspondente á mensualidade da contratación obxecto de subvención.

b) Documento de información aos traballadores acerca do financiamento comunitario da subvención dos seus contratos, segundo o modelo do anexo V.

c) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, complementaria da establecida no artigo 11.7 desta orde (anexo IV).

d) Se é o caso, extracto de balance provisional da entidade beneficiaria que permite verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados. Os documentos contables que se achegan deben incluír as contas ou as subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados, as fichas e os números de asentos contables. Estes documentos contables poden ir acompañados dunha breve explicación sobre a sistemática de contabilización dos gastos.

2. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto o beneficiario non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

3. Nas axudas respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro (BOE nº 252, do 18 de outubro), pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo (BOE nº 79, do 1 de abril).

Capítulo III
Incompatibilidades e obrigas

Artigo 15. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.

3. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:

1. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

2. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

4. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto de subvención.

5. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. En especial, e dado que as subvencións concedidas ao abeiro desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, as persoas ou entidades beneficiarias garantirán, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo ou ben durante un período de tres anos a partir do ano en que tivese lugar o peche parcial deste, a dispoñibilidade dos documentos xustificativos das contratacións subvencionadas.

6. Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, así como cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos termos establecidos no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007). Como consecuencia disto, a empresa deberá achegar a xustificación do cumprimento da obriga de informar os traballadores acerca da subvención dos seus contratos. Neste sentido, a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública conforme o establecido no artigo 13.5 desta orde.

7. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. A empresa beneficiaria deberá manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada polo período de duración do contrato obxecto de subvención.

10. A empresa beneficiaria, no caso de que o contrato temporal se transforme en indefinido e a dita transformación fose subvencionada, deberá manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada por un período de 2 anos.

No suposto de extinción da dita relación laboral, a empresa está obrigada a cubrir a vacante ata o último día do mes seguinte ao da baixa polo menos cunha xornada de traballo igual á anterior, e a nova persoa traballadora deberá ter a condición de participante activa e ter unha idade de 30 ou menos anos, o que deberá ser comunicado ao órgano que concedeu a axuda. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións para a mesma finalidade, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 18. Reintegros

1. No suposto de extinción da relación laboral temporal dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención por propia vontade dela, entenderase que se produce incumprimento parcial e, por tanto, procederá o reintegro parcial. A contía para reintegrar será proporcional aos meses que restan para o cumprimento da obriga establecida no artigo 16.9.

2. No suposto de extinción da relación laboral temporal dalgunha persoa traballadora pola cal se concedeu a subvención, por morte ou por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, entenderase que non se produce incumprimento e, por tanto, non procederá o reintegro.

3. No suposto de que a empresa beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 16.10, por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no dito artigo procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

4. Nos demais casos entenderase que se produce un incumprimento total e, por tanto, procederá o reintegro total dos incentivos.

Artigo 19. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Novagalicia Banco 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 20. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración de Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Traballo e Benestar para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Artigo 21. Réxime de axudas

As axudas ás contratacións temporais e as transformacións de contratos temporais en indefinidos, que reúnan as condicións e requisitos establecidos nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado CE ás axudas de minimis. Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Por tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderán concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (CE) 104/2000 do Consello.

b) Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.

c) Actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

d) Carbón, segundo se define no Regulamento (CE) 1407/2002.

e) Empresas en crise, segundo a definición contida para as grandes empresas no punto 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (DOUE C 244, do 1 de outubro de 2004), e para as pemes no artigo 1.7 do Regulamento xeral de exención por categorías, Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (DOUE L 214, do 9 de agosto).

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios, respecto das resolucións concesorias de que derivan causa, ditadas por delegación da conselleira.

Disposición adicional segunda

A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

Disposición adicional terceira

No exercicio económico 2013, as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.322C.472.3, código de proxecto 2013 00536, cun crédito de 750.000 euros.

Estas axudas son financiables polo FSE ao 80 % no Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, no eixo 2 tema prioritario 66.

Estas contías están recollidas na Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Este crédito poderá ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Poderá ampliarse a contía máxima deste crédito para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO VII
Cursos da etapa formativa do programa Forcon

CIFP DE SANTA MARÍA DE EUROPA DE OURENSE

Nº CURSOS

FMEC0210

SOLDADURA OXIGÁS E SOLDADURA MIG/MAG

1

HOTR0208

OPERACIÓNS BÁSICAS DE RESTAURANTE E BAR

1

IMAI0108

OPERACIÓNS DE FONTANARÍA E CALEFACCIÓN-CLIMATIZACIÓN DOMÉSTICA

1

IMAR0108

MONTAXE E MANTEMENTO DE INSTALACIÓNS FRIGORÍFICAS

1

IMAR0208

MONTAXE E MANTEMENTO DE INSTALACIÓNS DE CLIMATIZACIÓN E VENTILACIÓN-EXTRACCIÓN

1

TMVG0209

MANTEMENTO DOS SISTEMAS ELÉCTRICOS E ELECTRÓNICOS DE VEHÍCULOS

1

CIFP COIA-VIGO

Nº CURSOS

ENAE0208

MONTAXE E MANTEMENTO DE INSTALACIÓNS SOLARES TÉRMICAS

2

ENAE0108

MONTAXE E MANTEMENTO DE INSTALACIÓNS SOLARES FOTOVOLTAICAS

2

FMEE0108

OPERACIÓNS AUXILIARES DE FABRICACIÓN MECÁNICA

2

IMAR0108

MONTAXE E MANTEMENTO DE INSTALACIÓNS FRIGORÍFICAS

1

CIFP SAN PAIO DO MONTE-SANTIAGO DE COMPOSTELA

Nº CURSOS

MAMD0109

APLICACIÓN DE VERNICES E LACAS EN ELEMENTOS DE CARPINTARÍA E MOBLE

1

MAMD0209

TRABALLOS DE CARPINTARÍA E MOBLE

1

CIFP ÁNXEL CASAL-MONTE ALTO-A CORUÑA

Nº CURSOS

SSCS0208

ATENCIÓN SOCIOSANITARIA A PERSOAS DEPENDENTES EN INSTITUCIÓNS SOCIAIS

1

CIFP SOMESO-A CORUÑA

Nº CURSOS

TMVG0209

MANTEMENTO DOS SISTEMAS ELÉCTRICOS E ELECTRÓNICOS DO VEHÍCULO

1

TMVG0409

MANTEMENTO DO MOTOR E DOS SEUS SISTEMAS AUXILIARES

1

CIFP FERROLTERRA-FERROL

Nº CURSOS

ENAE0208

MONTAXE E MANTEMENTO DE INSTALACIÓNS SOLARES TÉRMICAS

1

CIFP RODOLFO UCHA PIÑEIRO-FERROL

Nº CURSOS

IFCD0110

CONFECCIÓN E PUBLICACIÓN DE PÁXINAS WEB

1

CIFP COROSO-RIBEIRA

Nº CURSOS

FMEE0208

MONTAXE E POSTA EN MARCHA DE BENS DE EQUIPAMENTO E MAQUINARIA INDUSTRIAL

1

CIFP POLITÉCNICO DE SANTIAGO-SANTIAGO DE COMPOSTELA

Nº CURSOS

ELES0108

MONTAXE E MANTEMENTO DE INFRAESTRUTURAS DE TELECOMUNICACIÓNS

1

CIFP POLITÉCNICO DE LUGO-LUGO

Nº CURSOS

ELEM0111

MONTAXE E MANTEMENTO DE SISTEMAS DOMÓTICOS E INMÓTICOS

1

CIFP A FARIXA-OURENSE

Nº CURSOS

ELES0108

MONTAXE E MANTEMENTO DE INFRAESTRUTURAS DE TELECOMUNICACIÓNS

1

ENAT0108

MONTAXE E MANTEMENTO DE REDES DE AUGA

1

CIFP A XUNQUEIRA-PONTEVEDRA

Nº CURSOS

ELES0108

MONTAXE E MANTEMENTO DE INFRAESTRUTURAS DE TELECOMUNICACIÓNS EN EDIFICIOS

1

CIFP A GRANXA-PONTEAREAS

Nº CURSOS

AGAO0208

INSTALACIÓN E MANTEMENTO DE XARDÍNS E ZONAS VERDES

1

CIFP VALENTÍN PAZ ANDRADE-VIGO

Nº CURSOS

TMVG0209

MANTEMENTO DOS SISTEMAS ELECTRICOS E ELECTRÓNICOS DO VEHÍCULO

1

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file