Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Venres, 7 de xuño de 2013 Páx. 20993

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia.

Exposición de motivos

1

A Comisión Europea puxo en marcha en marzo do 2010 a estratexia «Europa 2020: unha estratexia para un crecemento intelixente, sustentable e integrador», que constitúe unha nova visión da economía social de mercado de Europa para o século XXI, capaz de xerar novos empregos e de lograr unha mellor calidade de vida para toda a cidadanía.

Unha das sete iniciativas emblemáticas da Estratexia Europa 2020 é a definición da Axenda Dixital para Europa, que fai das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) a peza clave para que Europa alcance as ambicións marcadas para o ano 2020.

O obxectivo fundamental desta iniciativa é trazar o rumbo que permita maximizar o potencial económico e social das TIC, e en particular da internet, como soporte esencial da actividade económica e social. Desta maneira, o despregamento xeneralizado e a utilización máis eficaz das tecnoloxías dixitais permitiranlle a Europa afrontar os retos esenciais expostos e proporcionaranlle á cidadanía unha mellor calidade de vida que se manifesta nunha mellor atención sanitaria, en solucións de transporte máis seguras e eficientes, nun ambiente máis limpo, en novas oportunidades en materia de medios de comunicación e nun acceso máis fácil aos servizos públicos e aos contidos culturais.

2

No contexto da necesidade de ser cada vez máis competitivos no ámbito mundial, as oportunidades que ofrece a sociedade da información son amplísimas, desde as vantaxes competitivas que teñan que aproveitar a cidadanía, as empresas e as rexións, a formas de organización máis eficaces, novas condicións comerciais ou novas posibilidades en materia de educación ou emprego.

Non obstante, non todas as rexións de Europa, nin toda a cidadanía ou as súas empresas, están igualmente dotadas para gozaren destas vantaxes por razóns xeográficas, sociais e económicas.

Por iso a Unión Europea demanda, nos supostos nos que resulte necesario, a acción política para emendar as lagoas existentes e garantir que a sociedade da información evolucione ao ritmo desexable en todas as rexións da Unión, e esixe a participación de todos os axentes interesados no ámbito local, rexional, nacional e comunitario.

3

No contexto descrito, Galicia atópase inmersa nun proceso de desenvolvemento no ámbito das telecomunicacións e da sociedade da información como un dos motores principais para a modernización da Comunidade Autónoma, o benestar da cidadanía e o desenvolvemento do seu tecido industrial e económico. As tecnoloxías da información e as novas redes de telecomunicacións deben ser a panca de modernización para situar Galicia no núcleo avanzado da sociedade da información e aproveitar ao máximo as posibilidades das novas tecnoloxías como dinamizadoras económicas e xeradoras de competitividade e innovación nos diferentes sectores produtivos. Para iso é importante garantir a capacidade de acceso de todos os galegos á sociedade da información, lograr unha penetración xeneralizada das novas redes de telecomunicacións e contribuír así a consolidar a economía do coñecemento.

Esta aposta decidida polo cambio do actual sistema produtivo de Galicia cara a unha nova economía baseada no coñecemento iníciase co Plan estratéxico Galicia 2010-2014-Horizonte 2020 posto en marcha polo Goberno autonómico, e materialízase en diversos instrumentos que reforzan os eixes de actuación do devandito plan estratéxico (Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015, Plan de banda larga de Galicia 2010-2013, plans de competitividade dos diferentes sectores estratéxicos, 2014.gal Axenda Dixital de Galicia e axendas dixitais locais), que, en definitiva, promoven o desenvolvemento das novas tecnoloxías como elemento clave para asentar as bases dunha economía intelixente baseada no coñecemento e na innovación, dunha economía sustentable que faga un uso eficaz dos recursos e que sexa máis respectuosa co ambiente e competitiva, e dunha economía integradora cun alto nivel de emprego, cohesión social e territorial.

Polo tanto, a integración de Galicia na sociedade da información esixe, como alicerce fundamental, o desenvolvemento das infraestruturas de telecomunicacións como canle de acceso da cidadanía e das empresas á sociedade da información.

O impulso do despregamento das infraestruturas de telecomunicacións é o obxectivo fundamental desta lei, xa que sen infraestruturas de telecomunicacións non hai sociedade da información e, polo tanto, limítase enormemente o crecemento económico das empresas, a modernización da Administración pública, a evolución dos servizos que esta debe prestarlle á sociedade e, en definitiva, a mellora do benestar da cidadanía.

4

Precisamente nesta liña, as institucións comunitarias salientan o concepto de cohesión territorial ao introducir a dimensión territorial nas iniciativas de desenvolvemento socioeconómico e, polo tanto, do desenvolvemento da sociedade da información, impulsar políticas que garantan unha verdadeira vertebración territorial e promover a cooperación territorial en Europa.

Particularmente no caso de Galicia, o seu singular perfil demográfico e económico e a súa dispersión poboacional configuran un territorio cunha notable desigualdade entre o eixe atlántico e o resto de Galicia, pois existe unha gran diferenza en canto á accesibilidade aos servizos de telecomunicacións entre os núcleos máis poboados e os menos poboados, o cal indica un gran desequilibrio territorial.

Por iso as directrices de ordenación do territorio de Galicia recollen entre os seus obxectivos específicos o fomento das infraestruturas de telecomunicacións como factor esencial para a xeración de novas actividades e a mellora da competitividade do sector empresarial e de redución dos desequilibrios económicos, sociais e culturais daquelas áreas máis afastadas dos centros urbanos.

Xa que logo, este fomento e impulso das infraestruturas de telecomunicacións na Comunidade Autónoma de Galicia require ineludiblemente un marco legal que asegure que o despregamento das infraestruturas se realiza de forma ordenada e eficiente, minimizando o impacto ambiental, visual e urbanístico que podería supoñer a súa implantación no territorio, coa coordinación esixible entre os diversos axentes públicos e privados implicados.

5

Esta lei dítase respectando a competencia exclusiva do Estado en materia de telecomunicacións –artigo 149.1.21º da Constitución española– e en exercicio das competencias recoñecidas constitucionalmente ás comunidades autónomas en materia de fomento do desenvolvemento económico da Comunidade Autónoma dentro dos obxectivos marcados pola política económica nacional –artigo 148.1.13º da Constitución española–, en materia de ordenación do territorio, urbanismo e vivenda –artigo 148.1.3º da Constitución española–, en materia de protección ambiental –artigo 149.1.23º da Constitución española– e en materia de patrimonio monumental de interese para a Comunidade Autónoma –artigo 140.1.28º da Constitución española–.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten recoñecida no seu Estatuto de autonomía a competencia exclusiva en materia de fomento e planificación da actividade económica de Galicia conforme as bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado –artigo 30.1.1 do Estatuto de autonomía–. Tomando como referencia este marco competencial, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia o fomento do desenvolvemento da súa actividade económica, sen que poida descoñecer o papel decisivo que na esfera comunitaria se lles reservou ás administracións públicas para o fomento do desenvolvemento das tecnoloxías da información e a comunicación. Deste xeito, é a propia Comunidade Autónoma a que poderá impulsar o citado desenvolvemento co obxecto de contribuír á integración de Galicia na sociedade da información, iniciando o procedemento de modificación do actual sistema produtivo e económico cara a un sistema baseado na denominada economía do coñecemento.

No ámbito territorial, a Comunidade Autónoma, no exercicio das súas competencias en materia de ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda –artigo 27.3 do Estatuto de autonomía–, normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe consonte o artigo 149.1.23º da Constitución –artigo 27.30 do Estatuto de autonomía–, así como en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico, arqueolóxico, de interese de Galicia, sen prexuízo do que dispón o artigo 128 da Constitución –artigo 27.38º do Estatuto de autonomía–, considera pertinente establecer as condicións, límites e requisitos necesarios para que o despregamento das infraestruturas de telecomunicacións se leve a cabo de xeito que permita unha cohesión social e económica na Comunidade Autónoma froito dun novo modelo no só económico, senón tamén territorial, de tal forma que se recollen previsións específicas para que este despregamento se realice de forma eficiente e adecuada desde un punto de vista urbanístico e de ordenación do territorio, ambiental, paisaxístico e de protección do patrimonio cultural.

Así mesmo, a Directiva 2009/140/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, pola que se modifican a Directiva 2002/21/CE, relativa a un marco regulador común das redes e os servizos de comunicacións electrónicas; a Directiva 2002/19/CE, relativa ao acceso ás redes de comunicacións electrónicas e recursos asociados, e á súa interconexión, e a Directiva 2002/20/CE, relativa á autorización de redes e servizos de comunicacións electrónicas, xustifican a intervención das administracións territoriais no ámbito da ordenación das telecomunicacións por razóns de protección do ambiente, de seguridade pública e planificación urbana e de ordenación territorial.

Trátase, en definitiva, de garantir que o despregamento das novas redes se realice de maneira equitativa, eficiente e respectuosa co ambiente.

Xunto co anterior, a Directiva 2009/140/CE tamén prevé a obriga das administracións territoriais de estableceren procedementos adecuados de coordinación na execución de obras públicas ou na utilización de calquera recurso ou propiedade pública que garantan a dispoñibilidade de información polas partes interesadas.

6

Constitúe o obxecto desta lei o impulso e a ordenación das infraestruturas de telecomunicacións na Comunidade Autónoma de Galicia, e para iso establécense o marco e as condicións que permitan o seu despregamento e desenvolvemento dunha maneira ordenada, eficiente e respectuosa co ambiente, a paisaxe, o contorno e o patrimonio cultural.

Esta lei contribuirá á integración de Galicia na sociedade da información, considerando a antedita integración como un elemento decisivo para o futuro crecemento económico de Galicia e, polo tanto, como unha peza esencial para a redución do desequilibrio territorial existente na Comunidade Autónoma que garanta a cohesión social e económica da sociedade galega.

Así mesmo, esta lei velará por que o desenvolvemento tecnolóxico que se fomente non sexa alleo á realidade territorial existente neste momento e promova o desenvolvemento sustentable. É dicir, esta lei perseguirá que o fomento das tecnoloxías da información e comunicación en Galicia se leve a cabo con pleno respecto ao contorno, ao ambiente, á paisaxe e ao patrimonio cultural, e sirva, pola súa vez, como elemento de cohesión, non só económica e social, senón tamén territorial.

Só desta forma se conseguirá impulsar un modelo de xestión áxil, eficiente e flexible que lles dea resposta ás novas necesidades e permita unha redución de custos e unha optimización de esforzos, asegurando en todo caso a imprescindible coordinación e cooperación entre as administracións públicas de Galicia e os axentes intervenientes no eixe tecnolóxico, de maneira que permitan a consolidación das TIC e a efectiva integración de Galicia na sociedade da información.

7

No que se refire á estrutura desta lei, divídese en seis títulos, referidos ás disposicións xerais; aos principios reitores da intervención das administracións públicas de Galicia para o fomento e a ordenación das infraestruturas de telecomunicacións e as redes públicas de comunicacións electrónicas; aos instrumentos de ordenación e de planificación das infraestruturas de telecomunicacións; ás normas de protección do contorno, a paisaxe, o ambiente e o patrimonio cultural; ao réxime xurídico da inspección, infraccións e sancións en materia de fomento e ordenación das telecomunicacións en Galicia; e á creación do Consello Asesor para as Telecomunicacións e o Desenvolvemento Dixital de Galicia.

O título I é o relativo ás disposicións xerais. Estas ocúpanse de establecer o obxecto da lei, as súas finalidades e os seus obxectivos, así como o seu ámbito de aplicación.

O título II ten por obxecto a definición dos principios reitores da intervención das administracións públicas de Galicia para o fomento e a ordenación das infraestruturas de telecomunicacións e as redes públicas de comunicacións electrónicas, aos cales se suxeitarán tanto o sector público autonómico como as entidades locais e os seus organismos públicos.

Neste título establécese o réxime xurídico ao que se somete a promoción de infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas por parte das entidades que integran o sector público autonómico, e determínanse as condicións específicas para iso.

De igual forma, regúlanse os supostos nos que resultaría obrigatoria a localización conxunta e o uso compartido das infraestruturas de telecomunicacións polos distintos operadores, así como os principios de coordinación e cooperación, tanto entre as administracións públicas de Galicia como entre os operadores, xa sexan públicos ou privados, en materia de implantación de infraestruturas de telecomunicacións e despregamento de redes públicas de comunicacións para os efectos da súa planificación e uso.

Neste mesmo título establécese a obriga das administracións públicas de Galicia de someter a súa actuación aos principios de neutralidade e interoperabilidade, a promoción das tecnoloxías da información e da comunicación na prestación de servizos públicos, así como a previsión da existencia de infraestruturas de telecomunicacións nas futuras infraestruturas, equipamentos e dotacións que vaian realizar as citadas administracións.

Finalmente, foméntase o denominado «fogar dixital» tanto nas vivendas sometidas a calquera réxime de protección pública coma nas vivendas libres, así como o uso das tecnoloxías da información e comunicación por parte das administracións públicas de Galicia con pleno sometemento ao principio de sustentabilidade ambiental.

No título III procédese á regulación dos instrumentos de ordenación e planificación das infraestruturas de telecomunicacións. Para iso regúlanse, en primeiro lugar, os criterios de planificación e ordenación territorial das telecomunicacións, para, a continuación, prever a necesidade dun plan sectorial de infraestruturas de telecomunicacións de Galicia e delimitar o seu contido mínimo. Alén do anterior, tamén se prevé a posibilidade de que o citado plan sectorial poida ser, pola súa vez, desenvolvido por sucesivos instrumentos de ordenación ou urbanísticos co obxecto de completar a ordenación das infraestruturas de telecomunicacións na Comunidade Autónoma.

O título III tamén procede á regulación das determinacións mínimas que, en materia de infraestruturas de telecomunicacións, teñen que conter os instrumentos de planeamento urbanístico, para, finalmente, referirse ao catálogo de infraestruturas necesarias para a prestación dos servizos obrigatorios de telecomunicacións.

No título IV establécense as normas relativas á protección do contorno, da paisaxe, do ambiente e do patrimonio cultural. Así, en primeiro lugar, establécense as condicións xerais ás cales se deberán axustar a instalación e o funcionamento das infraestruturas de telecomunicacións e das redes públicas de comunicacións electrónicas. Culmina este título establecendo as obrigas dos operadores en materia de conservación e mellora das infraestruturas de telecomunicacións existentes.

No título V dispóñense todas as cuestións relativas á inspección e ao réxime de infraccións e sancións aplicable en materia de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións en Galicia.

No título VI créase o Consello Asesor para as Telecomunicacións e o Desenvolvemento Dixital de Galicia como órgano consultivo e asesor da Administración xeral e do resto do sector público autonómico de Galicia en materia de comunicacións e sociedade da información.

Así mesmo, a través das súas disposicións adicionais, a lei prevé a necesidade da ordenación territorial das infraestruturas de telecomunicacións de titularidade da Comunidade Autónoma, a creación dunha rede de seguridade e emerxencias única para toda a Comunidade Autónoma, así como a protección dos consumidores e das persoas usuarias en materia de telecomunicacións a través dos órganos autonómicos competentes. Culmina a lei con dúas disposicións transitorias, nas que se prevé o réxime aplicable aos plans urbanísticos anteriores ao Plan sectorial de infraestruturas de telecomunicación de Galicia así como aos plans en tramitación no momento da entrada en vigor do antedito plan sectorial.

Finalmente, débese indicar que o anteproxecto desta lei foi sometido ao preceptivo ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia.

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta lei ten por obxecto regular o impulso e a ordenación das infraestruturas de telecomunicacións no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e establecer o marco legal e as condicións adecuadas para que o seu despregamento territorial se realice de xeito áxil, ordenado, eficiente, seguro e respectuoso co ambiente.

Artigo 2. Finalidade e obxectivos da lei

1. Esta lei ten por finalidade contribuír á integración de Galicia na sociedade da información, a través do desenvolvemento das infraestruturas de telecomunicacións, como un factor esencial para lograr o crecemento económico sustentable, a redución do desequilibrio territorial e a cohesión social no ámbito da Comunidade Autónoma.

2. Fíxanse como obxectivos desta lei, para a consecución da finalidade anterior, os seguintes:

a) Impulsar o desenvolvemento das infraestruturas de telecomunicacións e a súa cobertura na totalidade do territorio.

b) Garantirlle á cidadanía, ás empresas e ás administracións públicas a cobertura das necesidades, actuais e futuras, dos servizos e tecnoloxías da información e da comunicación, co fin de fomentar a competitividade baseada no coñecemento.

c) Garantir un acceso de calidade ás novas tecnoloxías da información e da comunicación.

d) Garantir a instalación de infraestruturas de telecomunicacións mediante unha ordenación coherente, que asegure a protección do territorio, dos recursos naturais e do ámbito paisaxístico, e que promova a cohesión social e a igualdade económica.

e) Eliminar os desequilibrios territoriais reducindo a fenda dixital entre o medio urbano e o rural.

f) Fomentar a cooperación e coordinación entre as administracións públicas e entre estas e os operadores de telecomunicacións, co fin de promover que o despregamento das novas redes se realice de forma equitativa, eficiente e respectuosa co ambiente.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

Esta lei é aplicable no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

TÍTULO II
Principios reitores da intervención das administracións públicas de Galicia
para o impulso e a ordenación das infraestruturas de telecomunicacións e
redes públicas de comunicacións electrónicas

Artigo 4. Promoción de infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas por parte do sector público autonómico

1. A Administración xeral e o resto do sector público autonómico de Galicia desenvolverán políticas públicas tendentes a garantir unha cobertura universal da banda larga de calidade con velocidades crecentes en todo o territorio da Comunidade Autónoma, con plena adecuación ao concepto de servizo universal de telecomunicacións regulado en cada momento no marco normativo xeral en materia de telecomunicacións.

Estas políticas tenderán a priorizar a repercusión social tratando de minimizar o custo do despregamento en todo o territorio da Comunidade Autónoma das infraestruturas e redes de telecomunicacións, en particular da banda larga, e a garantir unha planificación e coordinación adecuadas.

2. O sector público autonómico desenvolverá a súa actividade de promotor de infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas con suxeición ao marco normativo xeral en materia de telecomunicacións, á normativa da Unión Europea sobre competencia e axudas estatais, e ás condicións que se recollen no artigo seguinte.

Artigo 5. Intervención do sector público autonómico na promoción de infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas

1. A promoción de infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas por parte do sector público autonómico quedará limitada:

a) A aquelas zonas nas que, atendendo ao nivel de conectividade existente, non existan infraestruturas de telecomunicacións e redes de comunicacións electrónicas de banda larga básica e/ou redes de acceso de nova xeración e non estea prevista a súa execución de forma inmediata por outros operadores, tanto públicos coma privados.

b) A aquelas zonas nas que existe infraestrutura de banda larga básica, os servizos prestados polo sector privado non son suficientes para satisfacer as necesidades e non estea previsto o investimento privado en redes de acceso de nova xeración, polo que é necesaria a intervención pública por motivos de interese público.

2. A necesidade de execución de infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas nas zonas anteriores determinarase logo de consulta pública aos axentes interesados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

3. A actividade de promoción limitarase, inicialmente, á construción e ao despregamento de infraestruturas de soporte, tales como condutos, cámaras subterráneas, subministración eléctrica, bocas de inspección, distribuidores, antenas, mastros, torres e outras estruturas de soporte, edificios ou entradas a edificios que lles permitan aos demais operadores, tanto públicos coma privados, implementar as súas redes públicas de comunicación. Para o caso de que a instalación das anteriores infraestruturas non for suficiente para fomentar a implementación polos demais operadores das súas redes, o sector público autonómico poderá levar a cabo a execución da totalidade da rede. Neste caso, a explotación ou prestación de servizos dispoñibles para o público levaraa a cabo un operador que non forme parte do sector público autonómico, para o que se deberá convocar o correspondente procedemento de concorrencia pública. Se este procedemento quedar deserto, a explotación ou prestación de servizos dispoñibles para o público poderaa levar a cabo un operador que pertenza ao sector público autonómico.

Exceptúase do disposto neste punto a explotación e prestación de servizos, en réxime de autoprestación, polo sector público autonómico para a satisfacción das súas necesidades e o cumprimento dos fins que lle son propios, así como a explotación de redes e prestación de servizos que non afecten a competencia nos termos definidos pola Comisión do Mercado das Telecomunicacións.

4. Os operadores do sector público autonómico, así como aqueles aos que se lles atribúa a explotación das redes públicas de comunicacións de titularidade autonómica, axustaranse na súa actividade aos principios de neutralidade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

5. Os prezos que aboarán as persoas usuarias das redes públicas de comunicacións de titularidade autonómica serán prezos de mercado, sen prexuízo das excepcións recollidas no marco normativo xeral en materia de telecomunicacións.

6. Os operadores, tanto públicos coma privados, terán acceso ás redes públicas de comunicacións electrónicas de titularidade autonómica conforme os principios de neutralidade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

7. Os operadores que resulten beneficiarios das axudas que desde o sector público autonómico se outorguen para o despregamento de infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas de banda larga ou de acceso de nova xeración terán a obriga de subministrar acceso efectivo por xunto a terceiros operadores sobre as infraestruturas de telecomunicacións subvencionadas.

Artigo 6. Localización conxunta e uso compartido das infraestruturas

1. Con base na protección do ambiente, da paisaxe, na seguridade pública ou para alcanzar os obxectivos de planificación urbana e ordenación territorial, a Administración xeral e as entidades públicas instrumentais de Galicia poderán esixirlles aos operadores, nos termos establecidos nesta lei e de acordo co disposto no marco normativo xeral en materia de telecomunicacións, a utilización compartida do dominio público ou da propiedade privada nos que se van establecer as redes públicas de comunicacións electrónicas, o uso compartido dos elementos de redes e recursos asociados, como os condutos, cámaras subterráneas, bocas de inspección, distribuidores, antenas, mastros, torres e outras estruturas de soporte, edificios ou entradas a edificios, ou a adopción de medidas para facilitar a coordinación das obras públicas, segundo resulte necesario en cada caso.

2. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais de Galicia poderán exceptuar a obriga de localización conxunta e uso compartido de infraestruturas naqueles casos nos que a dita localización conxunta e uso compartido non sexan viables desde un punto de vista técnico, circunstancia que terá que ser acreditada polo titular da infraestrutura. Regulamentariamente determinarase o procedemento que se deberá seguir para o recoñecemento desta excepción.

Artigo 7. Principios de coordinación e cooperación en materia de implantación de infraestruturas de telecomunicacións e despregamento de redes públicas de comunicacións electrónicas para os efectos da súa planificación e uso

1. Co obxecto de determinar as necesidades para atender os obxectivos de planificación urbanística e territorial, protección do ambiente, da paisaxe, do contorno e do patrimonio cultural, o sector público autonómico, as entidades locais e os seus organismos públicos coordinarán as súas políticas en materia de infraestruturas de telecomunicacións e despregamento de redes públicas de comunicacións electrónicas, para o cal as entidades integrantes do sector público autonómico, as entidades locais e os seus organismos públicos lle subministrarán á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia información relativa aos seus plans de instalación e despregamento de redes.

Entre a información que cómpre subministrar deberá incluírse necesariamente a relativa á instalación de infraestruturas de telecomunicacións e despregamento de redes públicas de comunicacións electrónicas en obras públicas.

2. Co obxecto de que a Administración xeral e o resto do sector público autonómico de Galicia poidan levar a cabo unha correcta planificación das infraestruturas de telecomunicacións e das redes públicas de comunicacións electrónicas desde un punto de vista urbanístico, de ordenación do territorio e protección do ambiente, do contorno e do patrimonio cultural, os titulares de infraestruturas de telecomunicacións e os operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas, xa sexan públicos ou privados, facilitaranlle á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia a seguinte información:

a) A necesaria para que a Administración xeral e o resto do sector público autonómico de Galicia poidan elaborar un inventario das infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas existentes.

b) Plans de despregamento ou implantación nos cales se especifiquen as necesidades de solo para a implantación dos servizos que se pretenden prestar.

Regulamentariamente determinaranse o alcance, as condicións, a periodicidade e os límites con suxeición aos cales o sector público autonómico, as entidades locais e os seus organismos públicos, os titulares de infraestruturas de telecomunicacións e os operadores deberán dar cumprimento á obriga de información establecida neste artigo.

3. Para os efectos de que se leve a cabo un despregamento ordenado, coherente e eficiente das infraestruturas de telecomunicacións e das redes públicas de comunicacións electrónicas, as entidades locais observarán, na elaboración das súas ordenanzas municipais en materia de telecomunicacións, as determinacións desta lei, así como aquelas que poidan derivar dos distintos instrumentos de ordenación territorial das infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas. En particular, regularase a posta en coñecemento dos operadores da execución de obras no voo, solo ou subsolo das vías e dos espazos públicos municipais coa finalidade de que fagan coincidir con estas a execución das infraestruturas de telecomunicacións necesarias para o despregamento das súas redes.

4. A información relativa á planificación autonómica e local correspondente á implantación das infraestruturas de telecomunicacións e ao despregamento de redes públicas de comunicacións electrónicas será pública e deberá publicarse a través dos portais web da Xunta de Galicia.

5. Sen prexuízo da potestade das administracións públicas de impoñeren a localización conxunta e o uso compartido das infraestruturas de telecomunicacións nos termos do artigo 6 desta lei, o sector público autonómico, as entidades locais e os seus organismos públicos, co obxecto de minimizar os efectos sobre o ambiente e fomentar un uso eficiente e racional das súas infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas, promoverán o uso compartido destas nos termos do marco normativo xeral en materia de telecomunicacións.

Artigo 8. Principio de neutralidade e interoperabilidade

1. A intervención no ámbito das telecomunicacións do sector público autonómico, das entidades locais e os seus organismos públicos respectará, en todo caso, o principio de neutralidade tecnolóxica e de servizos. Cando sexa necesario para garantir, por razóns debidamente xustificadas e consonte o marco normativo xeral en materia de telecomunicacións, a consecución dun obxectivo de interese xeral, en particular a cobertura das zonas nas que a demanda estea insuficientemente atendida polo sector privado, poderá seleccionarse a solución tecnolóxica ou combinación de solucións tecnolóxicas que se consideren máis adecuadas.

2. A Administración xeral e o resto do sector público autonómico de Galicia garantirán nas súas actuacións e iniciativas a interoperabilidade de servizos e a conectividade de redes, e procurarán limitar o uso de solucións non suxeitas a un estándar recoñecido.

Artigo 9. Infraestruturas de telecomunicacións en edificios públicos

1. As administracións públicas de Galicia promoverán o uso xeneralizado das tecnoloxías da información e da comunicación na prestación dos servizos públicos da súa competencia.

2. Os edificios de titularidade das administracións públicas de Galicia que se constrúan ou sexan obxecto dunha reforma substancial deberán incorporar as infraestruturas de telecomunicacións que regulamentariamente se determinen, e garantirán un acceso de calidade aos servizos de comunicación electrónica.

3. Na planificación da construción de edificios ou inmobles públicos deberanse prever as necesidades de interconexión ás redes públicas de comunicacións electrónicas existentes.

Artigo 10. Infraestruturas de telecomunicacións en obras públicas

1. Os proxectos de obra pública promovidos polas administracións públicas de Galicia no ámbito das súas respectivas competencias deberán prever, na forma que regulamentariamente se determine, a instalación de canalizacións relativas aos servizos de comunicacións electrónicas, así como a reserva de espazos adecuados para equipamentos de telecomunicacións e para localizacións de radiocomunicacións.

Enténdese por obra pública, para os efectos desta lei, o resultado dun conxunto de traballos de enxeñaría civil destinados a satisfacer necesidades colectivas e implantar usos ou servizos públicos que teñan por obxecto un ben inmoble, tanto se se trata de obras de nova planta coma de transformación, restauración ou reforma. Nestes últimos casos, é obra pública se o conxunto de traballos que se van realizar é de tal entidade que comporte unha variación substancial do inmoble que constitúe o seu obxecto.

2. As infraestruturas e as redes de comunicacións electrónicas incorporadas ás obras públicas previstas neste artigo deberanse poñer á disposición dos operadores interesados en condicións transparentes, obxectivas e non discriminatorias. Para a xestión destas redes poderase acudir a calquera das fórmulas previstas na normativa patrimonial que sexa aplicable.

Artigo 11. Infraestruturas de telecomunicacións en vivendas

1. Sen prexuízo do obrigado cumprimento da normativa estatal en materia de infraestruturas comúns de telecomunicacións para o acceso aos servizos de telecomunicación no interior das edificacións, as vivendas de nova construción deberán incluír as infraestruturas e os equipamentos básicos necesarios para garantir a posibilidade de incorporación das funcionalidades propias do «fogar dixital», na forma e nas condicións definidas no marco normativo xeral en materia de telecomunicacións e no nivel que regulamentariamente se determine.

2. O Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría ou entidade do sector público autonómico competente en materia de vivenda, adoptará as disposicións que correspondan para garantir o cumprimento e a efectividade da obriga prevista no punto anterior, e establecerá regulamentariamente o momento da súa esixibilidade.

3. A Administración xeral e o resto do sector público autonómico de Galicia promoverán a adopción das medidas necesarias para facilitar a clasificación de vivendas como «fogares dixitais» consonte a normativa estatal.

Artigo 12. Principio de sustentabilidade ambiental

1. O sector público autonómico, as entidades locais e os seus organismos públicos, así como os operadores, tanto públicos coma privados, usarán as tecnoloxías da información e comunicación de acordo co principio de sustentabilidade ambiental.

2. O sector público autonómico, as entidades locais e os seus organismos públicos, así como os operadores, tanto públicos coma privados, deberán utilizar, na medida do posible, na instalación, no mantemento, na reparación ou na substitución das infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas as mellores tecnoloxías dispoñibles que sexan respectuosas co ambiente, especialmente aquelas que sexan eficientes desde un punto de vista enerxético.

3. O principio de sustentabilidade ambiental aplicarase consonte a lexislación estatal vixente en materia de telecomunicacións, de tal forma que a mellor tecnoloxía dispoñible será aquela que resulte das determinacións integrantes do marco normativo xeral en materia de telecomunicacións.

4. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, os proxectos de execución das infraestruturas de telecomunicacións recollerán a solución construtiva ou de execución máis eficiente desde un punto de vista ambiental e paisaxístico, en función da finalidade que se persiga coa execución das infraestruturas.

5. O sector público autonómico levará a cabo medidas de promoción e concienciación para a utilización, por parte do citado sector público, das entidades locais, dos operadores, das empresas e da cidadanía, de equipamentos que sexan eficientes desde un punto de vista enerxético.

Artigo 13. Instalacións susceptibles de afectar as infraestruturas de telecomunicacións ou a prestación dos servizos de comunicacións electrónicas

1. Coa finalidade de preservar a cobertura e a calidade da prestación dos servizos de comunicacións electrónicas e de garantir a compatibilidade das infraestruturas, todos aqueles plans, proxectos ou autorizacións que teñan por obxecto infraestruturas ou instalacións susceptibles de afectar as infraestruturas de telecomunicacións ou a prestación dos servizos de comunicacións electrónicas deberán obter, con carácter previo á súa aprobación ou outorgamento, informe favorable da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

2. Regulamentariamente determinaranse os tipos de infraestruturas e instalacións que deberán obter o informe da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, así como a documentación técnica que se deberá presentar para a súa emisión. Mentres non se produza este desenvolvemento regulamentario, non será esixible o informe ao que se refire o punto primeiro. Se transcorresen dous meses sen que o citado informe fose emitido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, entenderase emitido en sentido favorable.

TÍTULO III
Instrumentos de ordenación e planificación das infraestruturas
de telecomunicacións

Artigo 14. Criterios de planificación e ordenación territorial das telecomunicacións

1. A planificación e a ordenación territorial das telecomunicacións en Galicia realizarase atendendo aos seguintes criterios:

a) Asegurar a extensión das redes de telecomunicacións en todo o territorio da Comunidade Autónoma, en especial no ámbito rural e nas áreas máis illadas.

b) Asegurar as condicións adecuadas para posibilitar o acceso de calidade de toda a cidadanía aos servizos de telecomunicacións e ás novas tecnoloxías da información e da comunicación.

c) Asegurar a integración e a interconexión das redes de telecomunicacións a escala internacional, nacional, autonómica e local.

d) Minimizar os efectos da presenza destas infraestruturas sobre o territorio e o ambiente, sen prexuízo dos dereitos recoñecidos aos operadores pola lexislación estatal de telecomunicacións.

e) Integrar as infraestruturas de telecomunicacións requiridas no ámbito urbanístico e territorial, de acordo cuns parámetros de sustentabilidade respectuosos coa conservación do patrimonio natural e cultural e da paisaxe.

2. O resultado da planificación e da ordenación territorial das telecomunicacións en Galicia plasmarase nun plan sectorial de infraestruturas de telecomunicacións que favorecerá a cohesión territorial e social de Galicia a través do despregamento ordenado, coherente e eficiente das infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas.

Artigo 15. Plan sectorial de infraestruturas de telecomunicacións de Galicia

1. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia promoverá a elaboración dun plan sectorial de infraestruturas de telecomunicacións de Galicia que comprenderá todo o territorio da Comunidade Autónoma e será tramitado como un plan sectorial de incidencia supramunicipal para os efectos do establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Sen prexuízo da funcionalidade que a Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia lles atribúe aos plans sectoriais, o Plan sectorial de infraestruturas de telecomunicacións deberá recoller as determinacións necesarias para garantir o despregamento ordenado e eficiente das infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas e incluír, polo menos:

a) Os obxectivos básicos e os principios da planificación e ordenación do territorio en materia de telecomunicacións.

b) As medidas e políticas territoriais que fomenten a innovación e o desenvolvemento das infraestruturas de telecomunicacións no territorio, co obxectivo de posibilitar o acceso a novos servizos.

c) Os criterios, obxectivos e contido aos cales, en materia de infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas, se deben axustar os instrumentos de ordenación do territorio e de planificación urbanística, conforme a normativa estatal na materia.

d) Os criterios que deben cumprir as instalacións de telecomunicacións desde a perspectiva da ordenación do territorio e da minimización dos impactos visuais, ambientais e paisaxísticos.

e) Os criterios, obxectivos e contido que deben observar as ordenanzas municipais en materia de infraestruturas de telecomunicacións, coa finalidade de favorecer o seu despregamento de forma harmónica e coherente.

f) A delimitación dos supostos excepcionais nos cales sexa posible determinar o uso dunha concreta tecnoloxía, ou a renovación das implantadas, por esixilo así a consecución dun obxectivo de interese xeral no marco normativo xeral do ámbito das telecomunicacións.

g) A determinación dos supostos e das condicións nos que procede o uso compartido obrigatorio de infraestruturas de telecomunicacións, de elementos de redes e recursos ou a adopción de medidas análogas, por razóns de protección do ambiente, da paisaxe, de seguridade pública ou para alcanzar os obxectivos de planificación urbana e ordenación territorial.

h) A definición dun catálogo de infraestruturas necesarias para a prestación dos servizos mínimos obrigatorios de telecomunicacións.

3. O Plan sectorial de infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, sen prexuízo de garantir a prestación dos servizos mínimos obrigatorios de telecomunicacións, establecerá as limitacións, as condicións e os requisitos tendentes a minimizar o impacto sobre o ambiente e o patrimonio cultural para a instalación de infraestruturas de telecomunicacións nos bens inmobles declarados de interese cultural, consonte a lexislación en materia de patrimonio cultural, e nos espazos naturais protexidos declarados consonte a lexislación en materia de conservación da natureza.

Artigo 16. Outros instrumentos de ordenación territorial e urbanística das infraestruturas de telecomunicacións

1. As determinacións do Plan sectorial de infraestruturas de telecomunicacións de Galicia desenvolveranse mediante os instrumentos de ordenación territorial ou de planificación urbanística previstos na súa lexislación reguladora. Os devanditos instrumentos estarán en todo caso vinculados xerarquicamente ás determinacións do plan sectorial e deberanse redactar en coherencia co seu contido.

2. Con carácter específico, cando non exista plan municipal adaptado ao Plan sectorial de infraestruturas de telecomunicacións previsto nesta lei ou o citado plan municipal non conteña as previsións detalladas oportunas, a entidade do sector público autonómico competente en materia das tecnoloxías da información e das comunicacións poderá formular proxectos sectoriais de infraestruturas de telecomunicacións, que terán por obxecto establecer e ordenar as infraestruturas de telecomunicacións e redes de comunicacións electrónicas.

Artigo 17. Determinacións mínimas dos instrumentos de planificación urbanística

1. Os plans de ordenación urbanística deberán conter as seguintes especificacións en materia de infraestruturas de telecomunicacións e redes de comunicacións electrónicas:

a) A ordenación dos equipamentos e das dotacións de telecomunicacións.

b) A definición e ampliación das infraestruturas que permitan soportar as necesidades actuais de servizos de comunicacións electrónicas e prevexan o crecemento destas necesidades.

c) A eliminación ou actualización das instalacións obsoletas, inseguras ou en desuso.

2. Constitúen criterios básicos da implantación de redes públicas de comunicacións electrónicas que se deberán trasladar aos instrumentos de planificación urbanística os seguintes:

a) O cumprimento das necesidades mínimas de infraestruturas de telecomunicacións que aseguren a viabilidade dos servizos mínimos requiridos.

b) A actuación coordinada dos titulares do dominio público, e destes cos operadores, para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas, de modo que redunden nun menor custo para todos os axentes implicados e contribúan á mellora das infraestruturas presentes no territorio e das tecnoloxías empregadas, adianten o despregamento en zonas deficitarias e, en xeral, faciliten a prestación de servizos públicos.

c) A aseguranza da dispoñibilidade e fiabilidade das infraestruturas de telecomunicacións necesarias para dar soporte a servizos públicos.

d) A existencia e dispoñibilidade de infraestruturas suficientes que dean servizo ás instalacións comúns de telecomunicacións das novas edificacións. As devanditas infraestruturas deberán estar previstas nos proxectos de urbanización nos termos que regulamentariamente se determinen.

e) A integración no ámbito urbanístico e territorial das infraestruturas de telecomunicacións requiridas polas redes de comunicacións electrónicas, de modo que produzan o mínimo impacto ambiental e visual.

f) Unha ordenación coherente coas necesidades sociais, económicas e culturais, procurando un despregamento ordenado das infraestruturas necesarias.

g) A simplificación do trazado das instalacións de telecomunicacións.

3. Todo planeamento urbanístico comprenderá unha memoria específica xustificativa das determinacións relativas á ordenación das infraestruturas de telecomunicacións, co contido que se fixe nas disposicións que se diten no desenvolvemento desta lei.

4. As determinacións deste artigo non lle serán aplicables ao planeamento de desenvolvemento daqueles plans xa adaptados ás determinacións desta lei.

Artigo 18. Catálogo de infraestruturas necesarias para a prestación dos servizos obrigatorios de telecomunicacións

1. O Plan sectorial de infraestruturas de telecomunicacións de Galicia incluirá a definición dun catálogo de infraestruturas necesarias para a prestación dos servizos mínimos obrigatorios de telecomunicacións.

2. En función das necesidades sociais, económicas e culturais de cada municipio, os instrumentos de planeamento urbanístico adaptarán o catálogo previsto no referido plan sectorial, respectando en todo caso os servizos mínimos obrigatorios.

TÍTULO IV
Normas de protección do contorno, da paisaxe, do ambiente
e do patrimonio cultural

Artigo 19. Condicións xerais para a instalación e o funcionamento de infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas

1. A instalación de infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas proxectarase, executarase, utilizarase e manterase conforme as determinacións establecidas na lexislación vixente en materia de telecomunicacións, protección ambiental, ordenación urbanística e territorial, de patrimonio cultural e protección da natureza e, especificamente, con suxeición ao establecido nesta lei.

2. A instalación das infraestruturas de telecomunicacións e a explotación das redes públicas de telecomunicacións levaranse a cabo con sometemento aos seguintes principios:

a) Garantirlle á poboación da Comunidade Autónoma de Galicia un acceso a servizos de telecomunicación de calidade.

b) Previr as afeccións ao contorno e ao ambiente.

c) Compartir as infraestruturas de telecomunicacións nos termos establecidos na planificación territorial e urbanística.

3. O Consello da Xunta ditará as normas necesarias para que as solucións técnicas dos proxectos de execución de infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas minimicen o seu impacto sobre o contorno, a paisaxe, o ambiente e o patrimonio cultural, todo iso con suxeición á lexislación estatal en materia de telecomunicacións. As devanditas normas terán por obxecto a determinación das seguintes cuestións:

a) As características das canalizacións que se van executar.

b) As condicións que teñen que cumprir as infraestruturas de telecomunicacións para se adaptaren ao contorno e minimizaren os impactos visuais, ambientais e paisaxísticos.

c) As condicións dos proxectos de urbanización tendentes a minimizar o impacto e a adaptación ao contorno das obras que se van executar para a implantación das infraestruturas de telecomunicacións e o despregamento das redes públicas de comunicacións electrónicas.

Artigo 20. Deber de conservación

1. Co obxecto de minimizar os efectos sobre o contorno, a paisaxe, o ambiente e o patrimonio cultural, os titulares de infraestruturas de telecomunicacións estarán obrigados a manter as súas instalacións nas debidas condicións de seguridade, salubridade pública, estabilidade e conservación. Así mesmo, os titulares das infraestruturas de telecomunicacións, nas actuacións de mantemento, reparación e substitución destas, deberán incorporar, sempre que sexa posible, as melloras tecnolóxicas dispoñibles que contribúan a minimizar o impacto ambiental e visual.

As anteriores obrigas de conservación levaranse a cabo conforme o marco normativo xeral en materia de telecomunicacións e nos termos e condicións que se establezan regulamentariamente.

2. O cesamento definitivo na utilización dunha infraestrutura de telecomunicación determinará a obriga para a persoa titular de levar a cabo cantas actuacións sexan necesarias para o desmantelamento e a retirada dos equipamentos e/ou elementos integrantes das infraestruturas. Aquela deberá restituír o lugar no que estiver localizado ao estado inmediatamente anterior ao momento no que se procedeu á súa instalación.

3. O desmantelamento e a retirada das infraestruturas e os seus equipamentos realizarase con pleno sometemento á lexislación sectorial en materia de ambiente e de patrimonio.

TÍTULO V
Inspección, infraccións e sancións

Artigo 21. Control e inspección periódica das instalacións

Consonte o disposto na lexislación vixente en materia de ordenación urbanística, os concellos comprobarán que a execución e o uso de infraestruturas de telecomunicacións e de redes públicas de comunicacións se axustan á normativa urbanística e ambiental.

Sen prexuízo do anterior, o órgano competente da Comunidade Autónoma poderá realizar controis e inspeccións periódicas das instalacións co fin de comprobar a súa conformidade coas obrigas establecidas nesta lei.

Artigo 22. Definición das infraccións e réxime xurídico aplicable

1. Son infraccións as accións e omisións que vulneren as prescricións contidas nesta lei.

2. Toda infracción comportará a imposición de sancións aos seus responsables, así como a obriga destes de resarciren os danos e perdas que poidan derivar da comisión daquela.

3. En materia de infraccións e sancións, protección da legalidade e inspección, en todo o que non estea expresamente previsto nesta lei observarase o disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ou na normativa que a substitúa.

Artigo 23. Tipificación das infraccións

1. Sen prexuízo das infraccións tipificadas na lexislación urbanística, de vivenda, patrimonio e ambiental, para os efectos desta lei tipifícanse as infraccións que se detallan a continuación, que se clasifican en moi graves, graves e leves.

2. Son infraccións moi graves:

A reincidencia, pola comisión no prazo de tres anos de máis dunha infracción grave da mesma natureza cando así fose declarado por resolución firme.

3. Son infraccións graves:

a) O incumprimento das condicións de utilización e instalación das infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas que se establezan na planificación sectorial que resulte aplicable.

b) O incumprimento das obrigas de información para a ordenación de infraestruturas establecidas nesta lei.

c) O incumprimento por parte dos operadores das obrigas de localización conxunta e uso compartido das infraestruturas de telecomunicacións.

d) A comisión de máis dunha infracción leve da mesma natureza, cando así fose declarado por resolución firme, no prazo de dous anos.

4. Consideraranse infraccións leves todos aqueles incumprimentos das obrigas establecidas nesta lei e na normativa de desenvolvemento que non estean tipificados como moi graves ou graves.

5. Nos supostos nos que se instruíse expediente sancionador por dúas ou máis infraccións tipificadas entre as cales exista conexión de causa-efecto, impoñerase unha única sanción, e será a correspondente ás actuacións que supoñan o resultado final perseguido na súa contía máxima. Nos demais casos, aos responsables de dúas ou máis infraccións impoñeránselles as multas correspondentes a cada unha delas.

Artigo 24. Sancións

1. As infraccións recollidas nesta lei serán sancionadas da seguinte forma:

a) As infraccións leves, con multa de 300 a 6.000 euros.

b) As infraccións graves, con multa de 6.001 a 60.000 euros.

c) As infraccións moi graves, con multa de 60.001 a 1.000.000 euros.

2. Para graduar as multas atenderase primordialmente á gravidade da materia, á entidade económica dos feitos constitutivos de infracción, á súa reiteración por parte da persoa responsable e ao grao de culpabilidade de cada unha das persoas infractoras.

Será circunstancia atenuante o cesamento no incumprimento, de modo voluntario, tras a inspección e a pertinente advertencia por parte dun axente da autoridade; e como circunstancia agravante, o incumprimento dos requirimentos efectuados pola Administración para o cesamento no incumprimento e a restauración da legalidade, a obstrución á función inspectora e aqueloutras que se determinen regulamentariamente.

3. Cando concorra algunha circunstancia agravante, a sanción impoñerase sempre en contía superior á terceira parte do máximo. Se concorre algunha circunstancia atenuante e ningunha agravante, impoñerase na súa contía mínima.

4. En ningún caso a infracción poderá supoñer un beneficio económico para a persoa infractora.

Cando a suma da sanción imposta e do custo das actuacións de reposición dos bens e situacións ao seu primitivo estado supoña unha cifra inferior ao antedito beneficio, incrementarase a contía da multa ata acadar o importe deste.

Artigo 25. Prescrición

1. As infraccións moi graves prescribirán aos quince anos, as graves aos seis anos e as leves aos dous anos, contados desde o día no que se cometeron os feitos constitutivos de infracción.

2. O prazo de prescrición das sancións será de catro anos para as sancións impostas pola comisión de infraccións moi graves, dous anos para as sancións impostas pola comisión de infraccións graves e un ano para as sancións impostas pola comisión de infraccións leves. O prazo de prescrición computarase desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza en vía administrativa a resolución pola cal se establece a sanción.

Artigo 26. Procedemento sancionador

A potestade sancionadora exercerase consonte o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, ou normativa que os substitúa.

Artigo 27. Órganos competentes

1. Respecto das infraccións cometidas no ámbito das competencias da Administración xeral e do resto do sector público autonómico de Galicia, as autoridades competentes para a imposición das sancións serán as que se determinen na normativa sectorial aplicable.

Sen prexuízo do anterior, a competencia para a imposición das sancións derivadas do incumprimento das obrigas de información para a ordenación das infraestruturas de telecomunicacións correspóndelle á persoa titular da dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

2. Respecto das infraccións cometidas no ámbito das competencias das entidades locais, as autoridades competentes para a imposición das sancións serán os seus presidentes.

3. A competencia para a imposición das sancións e para a instrución dos procedementos poderá ser obxecto de delegación ou desconcentración.

Artigo 28. Suxeitos responsables

1. Serán sancionadas polas infraccións administrativas tipificadas nesta lei as persoas físicas e xurídicas que resulten responsables delas, mesmo a título de simple inobservancia.

2. En particular, serán responsables das infraccións tipificadas como graves as persoas físicas ou xurídicas que se indican a continuación:

a) Nos supostos de incumprimento das condicións de utilización e instalación das infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas que se establezan na planificación sectorial que resulte aplicable, serán responsables as persoas físicas ou xurídicas titulares das instalacións e/ou os operadores que exploten redes e/ou presten servizos de comunicacións electrónicas.

b) Respecto do incumprimento das obrigas de información para a ordenación de infraestruturas, será responsable a persoa física ou xurídica, pública ou privada, que non facilite a información requirida.

c) Nos casos de incumprimento das obrigas de localización conxunta e uso compartido das infraestruturas de telecomunicacións, serán suxeitos responsables os operadores que exploten redes e/ou presten servizos de comunicacións electrónicas que cometan a dita infracción.

3. Os que, como consecuencia dunha infracción tipificada nesta lei, sufrisen danos ou perdas poderán esixir de calquera dos infractores, con carácter solidario, o seu resarcimento e indemnización.

4. As sancións que se lles impoñan aos distintos suxeitos por unha mesma infracción terán entre si carácter independente.

TÍTULO VI
Consello Asesor para as Telecomunicacións e
o Desenvolvemento Dixital de Galicia

Artigo 29. Consello Asesor para as Telecomunicacións e o Desenvolvemento Dixital de Galicia

1. O Consello Asesor para as Telecomunicacións e o Desenvolvemento Dixital de Galicia será o órgano consultivo e asesor da Administración xeral e do resto do sector público autonómico de Galicia en materia da sociedade da información e das telecomunicacións.

2. O Consello Asesor para as Telecomunicacións e o Desenvolvemento Dixital de Galicia configúrase como un órgano de estudo, asesoramento e apoio á Administración xeral e ao resto do sector público autonómico de Galicia na definición e execución da intervención e actuacións públicas en materia da sociedade da información e das comunicacións.

3. Regulamentariamente establecerase o réxime de funcionamento e composición do consello, e procurarase a representación das institucións, sectores profesionais, organizacións sindicais e empresariais e persoas usuarias relacionados cos servizos e coas tecnoloxías da información e da comunicación. Na designación das persoas titulares e membros do órgano atenderase ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

Disposición adicional primeira. Plans de ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de titularidade pública autonómica

Sen prexuízo da ordenación xeral das infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que levará a cabo o Plan sectorial de infraestruturas de telecomunicacións previsto nesta lei, a Administración xeral e o resto do sector público autonómico de Galicia ou algunha das súas entidades dependentes, co obxectivo de ordenar as infraestruturas e redes de telecomunicacións de titularidade pública autonómica e facilitar a toma de decisións de investimento para o despregamento da banda larga, especialmente nas áreas xeograficamente máis illadas, poderán promover a formulación de instrumentos de ordenación territorial específicos.

Os devanditos instrumentos responderán ao previsto para cada caso na Lei de ordenación do territorio de Galicia, e poderán asumir, ademais, todas ou algunha das funcionalidades previstas nesta lei para o Plan sectorial de infraestruturas de telecomunicacións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Rede de seguridade e emerxencias de Galicia

A Xunta de Galicia promoverá a creación dunha rede de seguridade e emerxencias única e de uso obrigatorio para o conxunto dos servizos de emerxencia dependentes da Administración xeral e do resto do sector público autonómico de Galicia que permita dispoñer de medios adecuados para a solución de situacións de emerxencia ou catástrofe e evite os riscos derivados da obsolescencia tecnolóxica.

A citada rede de seguridade e emerxencias poñerase á disposición das demais administracións públicas de Galicia con competencias en materia de seguridade, protección civil e emerxencias, nas condicións e nos termos que regulamentariamente se determinen.

Disposición adicional terceira. Información e protección dos consumidores e das persoas usuarias

1. A Administración xeral e o resto do sector público autonómico de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, promoverán a información e formación permanente dos consumidores e das persoas usuarias dos servizos de comunicacións electrónicas co fin de que poidan coñecer os dereitos e deberes que lles corresponden e o xeito de exercelos adecuadamente, e velarán de forma especial e prioritaria pola protección das persoas usuarias con discapacidade ou con necesidades sociais especiais.

2. O organismo autonómico competente en materia de protección dos consumidores e das persoas usuarias adoptará, de acordo co marco normativo xeral, as medidas precisas e oportunas para que os operadores de comunicacións electrónicas poñan á disposición das persoas usuarias finais unha información comercial veraz, eficaz, suficiente e transparente sobre as características do contrato e dos servizos obxecto deste.

Disposición adicional cuarta. Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia

A posta en funcionamento do Consello Asesor para as Telecomunicacións e o Desenvolvemento Dixital de Galicia comportará a supresión do actual Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.

Disposición transitoria primeira. Aplicación do artigo 17 desta lei

As determinacións do artigo 17 desta lei serán aplicables a partir da aprobación e entrada en vigor do Plan sectorial de infraestruturas de telecomunicacións de Galicia.

Disposición transitoria segunda. Planificación urbanística en tramitación

1. Os plans urbanísticos en tramitación que non acadasen a aprobación inicial na data de entrada en vigor do Plan sectorial de infraestruturas de telecomunicacións de Galicia teranse que adaptar integramente ao disposto nel.

2. Os plans urbanísticos aprobados, tanto inicial coma provisionalmente, antes da entrada en vigor do Plan sectorial de infraestruturas de telecomunicacións de Galicia continuarán a súa tramitación ata a súa aprobación definitiva a teor do disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, sen necesidade de adaptarse ás determinacións desta lei.

3. As regras anteriores serán aplicables ás modificacións e revisións dos plans urbanísticos vixentes que estean en tramitación na data de entrada en vigor do Plan sectorial de infraestruturas de telecomunicacións de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento regulamentario

Habilítase o Consello da Xunta para ditar as disposicións regulamentarias precisas para o desenvolvemento e a execución desta lei.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de maio de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente