Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Venres, 7 de xuño de 2013 Páx. 21167

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 84/2013, do 6 de xuño, polo que se ditan normas para garantir os servizos esenciais durante a folga convocada para o día 12 de xuño de 2013 nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño).

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño). O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As direccións comarcais de Ferrol da Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Unión Sindical de Traballadores de Galicia (USTG) comunicaron a convocatoria de folga xeral que afectará todas as actividades desempeñadas polos/as traballadores/as de empresas privadas e polos/as empregados/as do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito territorial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e que se desenvolverá o 12 de xuño de 2013.

Non obstante, naquelas empresas que teñan varias quendas de traballo, o comezo da folga efectuarase na primeira quenda, aínda que empece antes das 00.00 horas do día 12 de xuño, e a súa finalización terá lugar unha vez rematada a última quenda, aínda que se prolongue despois das 24.00 horas do mesmo día. Así mesmo, naquelas empresas que teñan unha única quenda de traballo pero que empece antes das 00.00 horas do día 12 de xuño, o paro iniciarase á hora de comezo da actividade laboral e finalizará o día 12 de xuño na hora en que conclúa esta.

Así pois, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan neste decreto.

Desta forma, establécense servizos mínimos respecto dos sectores e actividades cuxa regulación é competencia dalgunha das consellerías da Xunta de Galicia e que poden afectar o desenvolvemento ordinario da actividade cidadá, no sentido do artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño.

Os criterios determinantes para a fixación dos servizos mínimos establecidos no presente decreto tiveron en conta os distintos pronunciamentos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación cos decretos 87/2010, do 3 de xuño; 151/2010, do 23 de setembro; 2/2011, do 23 de xaneiro, e 214/2012, do 8 de novembro, sobre servizos esenciais nas xornadas das anteriores folgas do 8 de xuño de 2010, do 29 de setembro de 2010, do 27 de xaneiro de 2011 e do 14 de novembro de 2012, respectivamente. Aínda que é certo que o dito tribunal ditou sentenzas que anulaban os decretos 87/2010, do 3 de xuño (confirmada en casación polo TS no seu recurso nº 3151/2011) e 151/2010, do 23 de setembro, non é menos que as ditas sentenzas viñeron motivadas polo déficit de expresión da ponderación dos factores e criterios tidos en conta para a fixación dos servizos mínimos establecidos considerando insuficiente a motivación na determinación das prestacións mínimas garantidas.

Os mesmos motivos de falta de motivación foron esgrimidos polo alto tribunal para anular o Decreto 2/2011, do 23 de xaneiro, nos particulares relativos aos servizos mínimos fixados para o mantemento dos servizos esenciais nos ámbitos da CRTVG e da anterior Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Porén, no caso concreto e tendo en conta os pronunciamentos anteriores, preténdense dar a coñecer máis xustificadamente, se cabe, os criterios en virtude dos cales se procedeu a identificar os servizos mínimos como esenciais e a determinar os efectivos necesarios para aseguralos á luz da presente convocatoria de folga. Todo isto observando a necesaria proporción entre o sacrificio para o dereito dos traballadores e os bens e intereses que se teñen que salvagardar.

Ademais, débense ter presentes os autos do Tribunal Superior de Xustiza ditados nas pezas separadas de medidas cautelares 21/2010, 22/2010 e 23/2010, que se pronunciaron sobre a improcedencia da suspensión do Decreto 151/2010, ao considerar suficiente motivación a remisión ao disposto no auto do mesmo tribunal do 19 de xuño de 2002.

Neste sentido, en atención a este criterio establecido no dito Auto do 19 de xuño de 2002 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza, enténdese que os servizos mínimos que cómpre fixar para o período de folga convocado non poderán exceder en cada centro, departamento ou oficina, o número de persoas que normalmente permanecen neles con ocasión dun domingo ou día festivo, salvo que, se trate de órganos que tales días permanecen pechados, caso en que se terá que atender ás quendas establecidas para os sábados. Este criterio pode ser incorporado e tido en conta en concretos ámbitos de actividade á hora de garantir os servizos esenciais para o vindeiro 12 de xuño, tal e como se particulariza e xustifica en relación cos servizos fixados a través desta norma reguladora.

No ámbito da Presidencia da Xunta de Galicia, Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., garántese a atención de emisores e reemisores para conseguir a cobertura do sinal de comunicación audiovisual, a continuidade da rede de emerxencias e a conectividade da Xunta de Galicia.

No ámbito da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, garántese o funcionamento do rexistro público do edificio administrativo de Ferrol co persoal mínimo imprescindible. No que atinxe á Administración de xustiza garántense os medios imprescindibles para que os actos necesarios do Rexistro Civil, as actuacións en causas con preso, as medidas precautorias, as actuacións sometidas a medidas precautorias, as actuacións sometidas a prazo perentorio ou cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos, as actuacións dos xulgados e fiscalías de garda poidan realizarse en calquera situación, polo que se debe considerar que polo menos estas actuacións son servizos esenciais para garantir o servizo público. Preténdese, pois, unha proporcionalidade entre as necesidades que é preciso cubrir e a garantía do exercicio do dereito de folga dos traballadores.

No marco das competencias atribuídas á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en materia de transporte, os servizos que se prestan representan un carácter esencial para a cidadanía en canto que supoñen unha ferramenta básica para o exercicio doutros dereitos como os de libre circulación dentro do territorio nacional (artigo 19 da Constitución), á educación (artigo 27) e ao traballo (artigo 35). Desta maneira, a garantía dunha mínima mobilidade da cidadanía durante a xornada de folga convértese nunha demanda do interese xeral que debe ser atendida pola Administración no ámbito das competencias que ten atribuídas.

Así pois, a concreción dos servizos mínimos que se deben observar durante a xornada de folga debe efectuarse, e así se fai neste decreto, tomando en consideración a posible afección que a tipoloxía da convocatoria representa naqueles outros dereitos afectados. Nese sentido, e de conformidade co Decreto 61/1985, do 18 de abril, deben configurarse uns servizos mínimos que permitan compaxinar o dereito á folga dos traballadores co mantemento dos servizos esenciais.

Así, polo que se refire aos servizos de transporte público regular de viaxeiros, mantéñense uns horarios que aseguran a posibilidade de realizar aqueles desprazamentos que sexan inescusables, sen prexuízo de que os usuarios poidan verse obrigados a anticipar ou atrasar as súas horas de saída habituais. Tómanse en consideración especialmente o tráfico coas grandes cidades de Galicia, por entender que é neses ámbitos onde a demanda de mobilidade, tanto de entrada como de saída, afecta en maior medida o exercicio doutros dereitos esenciais da comunidade; deste xeito, priorízase o mantemento, nos servizos con orixe/destino nas sete grandes cidades, de servizos de ida e volta á primeira hora da mañá e á última da tarde, sen superar a metade dos que habería normalmente nestas franxas horarias.

A aplicación destes criterios, equivalentes aos aplicados en anteriores ocasións, determina que os servizos así configurados suporán unha importante redución respecto da oferta considerada normal para satisfacer a demanda ordinaria de mobilidade da poboación, pero é suficiente para atendela no desenvolvemento das súas actividades básicas, mesmo en comparativa cos servizos que habería nunha xornada festiva.

O eido dos servizos regulares de uso especial para transporte de escolares resulta especialmente sensible, tanto por ser o transporte un mecanismo auxiliar para o exercicio dun dereito fundamental como é o da educación, como polas especiais exixencias que implica a protección aos menores. Do mesmo xeito, a dispersión poboacional en Galicia determina que diariamente se teña que realizar unha significativa cantidade de desprazamentos para os cales non existe alternativa real de mobilidade, polo que o mantemento dos servizos de transporte público resulta fundamental.

Neste sentido, diferénciase entre aqueles itinerarios que, pola súa lonxitude e percorrido, deben prestarse por constituír servizos esenciais imprescindibles para preservar e asegurar o dereito e a obriga dos nenos á escolarización, e outros que, polas súas características, permiten o acceso aos centros educativos mediante a utilización de liñas regulares ou medios particulares. Isto ocorre no caso dos itinerarios de lonxitude inferior a catro quilómetros, os cales discorren de xeito predominante por tramas urbanas e semiurbanas e accesos francos, co que as lóxicas molestias derivadas da afectación do desenvolvemento ordinario do servizo público poden asumirse polos cidadáns co fin de respectar o lexítimo dereito á folga.

No que respecta ao transporte de traballadores, establécense uns servizos mínimos co fin de garantir o acceso e a saída dos postos de traballo naqueles centros que presten servizos de carácter esencial, é dicir, nos cales se teñan decretado tamén servizos mínimos. Finalmente, no que se refire ao transporte funerario, mantense a totalidade dos servizos polas necesidades sociais inaprazables que atende esta modalidade de transporte.

No ámbito de competencias da conservación da natureza, cómpre a fixación duns servizos mínimos que garantan o desenvolvemento adecuado da xestión dos recursos naturais e cinexéticos, considerando indispensable a presenza de persoal dos espazos naturais protexidos e da biodiversidade, dada a especial protección que requiren tanto os bens como os recursos naturais existentes nestes espazos.

Estes servizos mínimos non afectan máis persoal que o que estaría operativo en sábados, domingos ou festivos.

No ámbito da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e no que se refire ao servizo esencial da educación, este non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que xunto a esta actividade se realizan outras funcións como son a vixilancia e o coidado dos nenos e nenas, menores de idade, que acoden aos centros docentes públicos, así como o coidado, o mantemento e a vixilancia das instalacións destinadas ao servizo público educativo.

Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial aos menores; dun xeito máis específico, a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, dispón no seu artigo 7 que o alumnado ten dereito a que se respecte a súa identidade, integridade e dignidade persoal, e á protección integral contra toda agresión física e moral. Polo tanto, a custodia e seguridade dos menores de idade que accedan a un centro docente, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados é responsabilidade ineludible desta Administración educativa e parte indivisible do dereito esencial á educación.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente. Como servizo mínimo para garantilos establécese que os centros docentes permanezan abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza nos ditos centros do/da director/a, ou, de ser o caso, doutro membro do equipo directivo que o/a substitúa, xa que tales membros do equipo directivo teñen a representación do centro e garanten o cumprimento das leis e demais disposicións vixentes, como sinalan as alíneas a) e d) do artigo 132 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, publicada no BOE do 4 de maio, e polo tanto están capacitados e facultados para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade. Así mesmo, consonte a normativa citada, o director tamén está facultado e capacitado para resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do conxunto dos bens que integran un centro docente.

A presenza dun subalterno ou subalterna deriva das funcións que a este tipo de persoal compete respecto do coidado e da vixilancia das instalacións e do control de entrada e saída do centro educativo, tanto para evitar a entrada de persoas alleas ao centro, como para evitar a saída dos menores de idades cando non corresponda.

Dentro do deber de outorgar protección básica ao menor de idade debemos incluír a súa alimentación, así, cando un servizo público asume esta responsabilidade, non pode desatendela, o que motiva que unha persoa con funcións de cociña deba permanecer nos centros educativos ordinarios con servizo de comedor.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores que, como se dixo, non pode ser paralizado, inclúe a actividade básica de coidar a integridade física e hixiene daqueles que por ter diminuídas as súas capacidades necesitan unha constante vixilancia e atención (artigo 49 da Constitución) por parte de coidadores de alumnado con necesidades educativas especiais presentes nos centros docentes ordinarios. O alumnado dos centros de educación especial ten unhas necesidades de cara á súa atención aínda máis reforzadas, polo que debe haber unha presenza mínima de persoal sanitario, persoal coidador, de comedores e de limpeza. A determinación dos anteditos servizos mínimos por porcentaxes nos centros de educación especial considérase como criterio máis apropiado para a fixación do persoal que debe prestalos, dada a diversidade existente na dimensión e tamaño dos diferentes centros desa tipoloxía que hai na nosa comunidade.

Polo que se refire ás universidades, cos servizos mínimos que se fixan garántase a asistencia do alumnado e do persoal que non exerza o seu dereito á folga. A presenza mínima do persoal de conserxaría resulta precisa para a seguridade das instalacións. O persoal previsto para os rexistros busca garantir a actuación das persoas que puidesen necesitalo e cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo nos seus dereitos.

No caso dos centros en que está previsto que se desenvolvan o día da folga as probas de acceso á universidade, a necesidade de contar con servizos mínimos xustifícase na imposibilidade de aprazar a data de realización das probas citadas, por canto que, por constituír un distrito único, a totalidade do alumnado aspirante ten que realizar un mesmo exame no mesmo día inescusablemente.

No ámbito da Consellería de Sanidade, en canto aos inspectores veterinarios oficiais de saúde pública de comarca, cubrirán as necesidades urxentes ou de perentoria necesidade, entre as cales se encontran alertas nivel I, intoxicacións alimentarias e actuacións especiais en establecementos de alimentación. Estes servizos mínimos desenvolveranse en quendas de mañá e tarde, tal e como se prestan os servizos na actualidade.

Os inspectores veterinarios de saúde pública de matadoiro cubrirán as situacións especiais derivadas das urxencias que se poidan producir, entre as cales se atopan as de benestar animal, as de desabastecemento que se poidan producir por festividades locais, no día anterior ou posterior ao día da folga, e outras de semellante natureza.

No ámbito da Consellería de Traballo e Benestar tómase en consideración para determinar os servizos mínimos a necesidade da presenza efectiva que garanta o funcionamento dos centros, tendo como referencia o número de efectivos presentes nun domingo. Estes servizos mínimos fixados no ámbito dos servizos sociais esenciais son os imprescindibles para garantir unha atención adecuada ás persoas residentes ou usuarias destes centros, máximo cando é necesario dar unha resposta inmediata ás diferentes situacións de emerxencia social.

No que respecta á área do medio rural e montes, redúcense os servizos mínimos fixando unicamente como imprescindible o persoal previsto para un domingo ou festivo, no dispositivo de prevención e extinción de incendios.

A área do mar debe garantir que naqueles centros educativos con alumnos en réxime de internado estea presente un mínimo de persoal que manteña a atención que se lles debe prestar aos residentes. Os dous centros de ensino e a EONP de Ferrol, nos cales se propoñen servizos mínimos, permanecen pechados os sábados, domingos e festivos. Porén, existe un servizo de vixilancia exclusivamente de dúas horas os domingos e os festivos que son vésperas de días lectivos, que ten como misión abrir o centro e permanecer nel mentres non empeza a quenda do educador. Os centros e o servizo de comedor pechan as fins de semana e os festivos.

Os educadores desenvolven o seu traballo de luns a venres en horario de mañá, tarde e noite. En ausencia dun servizo de vixilancia faise necesario que polo menos un/unha educador/a estea presente de maneira permanente para o control e servizo dos alumnos residentes.

Así mesmo, a vixilancia pesqueira non só é necesaria para manter o control do sector, coa finalidade de ofrecer unha efectiva protección dos recursos mariños, senón que tamén colabora en tarefas e actuacións de salvamento e rescate marítimo cando as necesidades así o exixen.

Ademais, os servizos mínimos deben cubrir de xeito efectivo a área de busca e salvamento marítimo e loita contra a contaminación do mar en Galicia, dada a imposibilidade de que tal servizo quede desatendido, pola transcendencia que esta actividade ten no salvamento de vidas e protección e prevención de contaminacións mariñas, polo que resulta necesario manter a base operativa de Ferrol cos servizos mínimos que se indican.

Finalmente, o feito de garantir a apertura dos centros de traballo obedece exclusivamente á necesidade de posibilitar que aqueles traballadores que así o desexen poidan acudir libremente a traballar. Non obstante, non será necesaria a apertura daqueles centros en que, non tendo fixados servizos mínimos, todos os traballadores exerzan o dereito á folga.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por iniciativa de todas as consellerías da Xunta de Galicia, oído o Comité de Folga, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de xuño de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único

Terán a consideración de servizos mínimos os que se relacionan a seguir:

1. Presidencia da Xunta de Galicia:

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. (Retegal, S.A):

Centro Emisor Bailadora: 2 oficiais técnicos/as electrónicos/as: 1 de mañá e 1 de tarde.

2. Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza:

1) Delegación Territorial da Coruña.

Un/unha funcionario/a para o Rexistro da oficina de Ferrol.

2) Dirección Xeral de Xustiza.

• No xulgado encargado dos casos de violencia sobre a muller: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a e 1 funcionario/a de auxilio.

• Nos xulgados de instrución de garda: o equipo de persoal que presta o servizo de garda.

• Fiscalía da área de Ferrol: 1 funcionario/a e o funcionario/a que presten o servizo de garda.

• Na Subdirección Territorial do Instituto de Medicina Legal: o equipo de persoal que presta o servizo de garda.

• Nos rexistros civís (principal ou os delegados, que levan os xulgados de paz): 1 xestor/a ou 1 tramitador/a.

Nas oficinas de rexistro e repartición do decanato dos xulgados que realizan as ditas funcións: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a.

3. Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas:

1) Servizos mínimos en materia de transporte:

A) Servizos de transporte público regular de viaxeiros:

Concesión: V-0052; XG-001.

Concesionario: Francisco Candocia Villadóniga.

Ferrol-Sedes-praia da Frouxeira.

• Saída de Ferrol: 9.00 e 18.30 h.

• Saída da praia: 19.30 h.

Ferrol-polígono Río do Poza-Sedes-praia da Frouxeira.

• Saída de Ferrol: 7.00 h.

• Saída da praia: 21.00 h.

Concesión: V-7041; XG-415.

Concesionario: Rías Altas, S.A.

Ferrol-mercado-A Graña.

• Saída de Ferrol: 8.30 e 19.30 h.

• Saída da Graña: 8.00 e 20.00 h.

Ferrol-mercado-residencia-Catabois.

• Saída de Ferrol: 7.00 e 7.50 h.

• Saída de Catabois: 7.20 e 8.20 h.

Ferrol-Cedeira por Castro.

• Saída de Ferrol: 7.15 e 20.00 h.

• Saída de Cedeira: 6.30 e 18.30 h.

Ferrol-Doniños-San Xurxo da Mariña.

• Saída de Ferrol: 7.00 h.

• Saída de San Xurxo da Mariña: 7.30 h.

Ferrol-Vilaboa por Meirás.

• Saída de Ferrol: 14.45 h.

• Saída de Vilaboa: 7.00 h.

Ferrol-Covas.

• Saída de Ferrol: 7.00 h.

• Saída de Covas: 7.30 h.

Concesión: V-7050; XG-424.

Concesionario: Autocares Capela, S.L.

As Neves-Fene-Ferrol.

• Saída das Neves: 7.45 e 19.30 h.

• Saída de Ferrol: 18.30 e 20.30 h.

As Neves-Filgueiras-Fene-Ferrol.

• Saída das Neves: 7.00 h.

• Saída de Ferrol: 18.30 h.

Concesión: V-7053; XG-427.

Concesionario: Tranvías del Ferrol, S.A.

Porto-Neda.

• Saída do porto: 6.25, 8.30, 10.30, 12.30, 14.30, 16.30, 18.30 e 20.30 h.

• Saída de Neda: 5.50, 7.40, 9.40, 11.40, 13.40, 15.40, 17.40 e19.40 h.

Porto-residencia.

• Saída do porto: 6.45, 8.50, 10.50, 12.50, 14.50, 16.50, 18.50 e 20.50 h.

• Saída de residencia: 6.00, 7.50, 9.50, 11.50, 13.50, 15.50, 17.50 e 19.50 h.

Correos-A Faísca.

• Saída da Faísca: 7.00, 8.00, 18.00 e 19.00 h.

• Saída de Correos: 7.30, 8.30, 18.30 e 19.30 h.

Canido-A Graña.

• Saída de Canido: 8.00, 19.00 e 21.00 h.

• Saída da Graña: 8.30, 19.30 e 21.30 h.

Correos-Caranza.

• Saída de Correos: 7.25, 9.10, 10.25, 11.40, 13.55, 15.10, 16.25, 17.40, 18.55, 20.10 e 21.25 h.

• Saída de Caranza: 6.45, 8.15, 9.45, 11.00, 12.15, 14.30, 15.45, 17.00, 18.15, 19.30 e 20.45 h.

Porto-Caranza-residencia.

• Saída do porto: 8.15, 18.15 e 20.15 h.

• Saída de Caranza: 6.20 e 6.55 h.

• Saída de residencia: 18.40 e 20.40 h.

Concesión: V-7068; XG-442.

Concesionario: Arriva Noroeste, S.L.

Ferrol-Mugardos.

• Saída de Ferrol: 8.00 e 18.00 h.

Ferrol-Ares.

• Saída de Ferrol: 19.30 h.

• Saída de Ares: 7.50 h.

Ferrol-Ares-Mugardos.

• Saída de Mugardos: 8.35, 18.35 e 20.35 h.

Chanteiro-Ferrol.

• Saída de Chanteiro: 7.30 h.

B) Servizos regulares de uso especial para transporte de escolares: manteranse como esenciais os servizos de entrada aos centros desde ás 7.30 ata as 10.00 horas e os de saída desde as 13.00 ás 18.30 horas nos itinerarios de transporte escolar de estudantes de niveis de ensino obrigatorio, cuxa lonxitude total sexa superior a 4 km.

Para os servizos de transporte a alumnado de centros de educación especial considéranse esenciais todos os itinerarios existentes nos horarios habituais.

C) Servizos regulares de uso especial para transporte de traballadores: fíxase como mínimo a prestación das expedicións que sexan necesarias para o traslado de traballadores a e desde centros de traballo respecto dos que se establezan servizos mínimos, de acordo cos horarios que se establezan para estes.

D) Transporte funerario: mantense a totalidade dos servizos de transporte funerario.

2) En materia de conservación da natureza:

– Distrito Ambiental I (zona Ferrol):

1 axente en quenda de mañá.

1 axente territorial en quenda de tarde.

– Parque Natural das Fragas do Eume:

1 vixilante de recursos naturais en quenda de mañá.

1 axente en quenda de tarde.

4. Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria:

1) Centros públicos de ensino dependentes desta consellería:

A Dirección ou membro do equipo da dirección e un subalterno ou subalterna en cada centro escolar. Nos centros de menos de 6 unidades o/a director/a poderá ser substituído/a por un membro do equipo docente. En todo caso, quedará garantida a apertura e peche de todos os centros.

Unha persoa de cociña nos centros ordinarios con comedor escolar de xestión directa. Un encargado do cátering en cada un dos comedores de xestión indirecta.

1 auxiliar coidador/a en cada centro educativo que non sexa centro de educación especial e que neste curso teña asignado persoal desa categoría.

O 20 % do persoal de comedores, limpeza e subalternos nos centros residenciais docentes.

O 20 % do persoal de comedores, ATS, limpeza, coidadores e persoal médico dos centros de educación especial.

A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados neste punto será feita pola Dirección do centro respectivo e procederase á súa publicación no taboleiro de anuncios do centro.

2) Centros de ensino privados e concertados.

Manteranse os servizos mínimos establecidos para os centros docentes públicos de ensino dependentes desta consellería.

3) Universidades galegas.

1. Con carácter xeral, 1 empregado/a da área de conserxaría por quenda de traballo en cada facultade, escola, centro de investigación e demais centros administrativos e 1 funcionario/a no Rexistro Oficial do Campus.

2. Nos centros de ensino en que está previsto que se desenvolvan as probas de acceso á universidade, 1 conserxe, así como a totalidade de membros das comisións delegadas da Comisión Interuniversitaria de Galicia-CIUG.

5. Consellería de Sanidade:

1) Servizos veterinarios.

1.1) Dous inspectores/as veterinarios/as de saúde pública de comarca e xefe/a de zona.

Estes inspectores cubrirán as necesidades urxentes ou de perentoria necesidade, entre as cales se encontran alertas nivel I, intoxicacións alimentarias e actuacións especiais en establecementos de alimentación.

Os servizos mínimos desenvolveranse en quendas de mañá e tarde, tal e como se prestan os servizos na actualidade.

1.2) Un inspector veterinario de saúde pública de matadoiro para os matadoiros de Cantalarrana e Sanesteban, que cubrirá as situacións especiais derivadas das urxencias que se poidan producir, entre as cales se encontran as de benestar animal, as de desabastecemento que se poidan producir por festividades locais, no día anterior ou posterior ao día da folga, e outras de semellante natureza.

6. Consellería de Traballo e Benestar:

A) Centros de titularidade pública con xestión propia.

– Complexo de Atención de Menores de Ferrol:

4 educadores en quenda de mañá.

5 educadores en quenda de tarde.

1 educador/a en quenda de noite.

1 oficial 1ª de cociña en quenda de mañá.

1 oficial 1ª de cociña en quenda de tarde.

1 axudante/a de cociña en quenda de mañá.

1 camareiro/a-limpador/a en quenda de mañá.

1 camareiro/a-limpador/a en quenda de tarde.

– Residencia de Maiores (Ferrol):

2 ATS/DUE en quenda de mañá.

1 ATS/DUE en quenda de tarde.

1 ATS/DUE en quenda de noite.

6 auxiliares enfermaría en quenda de mañá.

4 auxiliares enfermaría en quenda de tarde.

2 auxiliares enfermaría en quenda de noite.

1 oficial 1ª cociña en quenda de mañá.

1 axudante cociña en quenda de mañá.

1 axudante cociña en quenda de tarde.

11 camareiros/as-limpadores/as en quenda de mañá.

4 camareiros/as-limpadores/as en quenda de tarde.

1 ordenanza en quenda de mañá.

1 ordenanza en quenda de tarde.

1 ordenanza en quenda de noite.

– Consorcio Galego de Servizos Sociais-Centro Residencial de Ortigueira:

5 xerocultures/as en quenda de mañá.

3 xerocultures/as en quenda de tarde

2 xerocultures/as en quenda de noite.

2 PSX en quenda de mañá.

2 PSX en quenda de tarde.

B) Centros de titularidade pública con xestión externa (en réxime de concesión).

– Residencia de Maiores de Laraxe, Pontedeume:

21 xerocultores/as en quenda de mañá.

14 xerocultores/as en quenda de tarde.

3 xerocultores/as en quenda de noite.

8 persoas de limpeza en quenda de mañá.

4 persoas de limpeza en quenda de tarde.

1 ATS/DUE en quenda de mañá.

1 ATS/DUE en quenda de tarde.

1 ATS/DUE en quenda de noite.

1 recepcionista en quenda de mañá.

1 recepcionista en quenda de tarde.

2 persoas de cociña en quenda de mañá.

1 persoa de cociña en quenda de tarde.

1 médico/a localizable as 24 horas.

1 técnico/a de garda localizable 24 horas.

– Centro Souto de Leixa de Ferrol:

5 coidadores/as en quenda de mañá.

5 coidadores/as en quenda de tarde.

4 coidadores/as en quenda de noite.

1 oficial primeira cociña en quenda de mañá.

1 axudante de cociña en quenda de tarde.

1 limpador/a en quenda de mañá.

1 limpador/a en quenda de tarde.

1 ordenanza en quenda de mañá.

1 ordenanza en quenda de tarde.

2 monitores de tempo libre.

1 ATS/DUE en quenda de mañá.

1 ATS/DUE en quenda de tarde.

1 ATS/DUE en quenda de noite.

C) Outros centros de titularidade pública con xestión externa (en réxime de concesión): 1 traballador/a na súa quenda habitual para garantir a apertura e peche dos centros.

D) Outros centros de traballo do Consorcio: 1 traballador/a na súa quenda habitual para garantir a apertura e peche dos centros.

E) Outros centros de traballo da consellería ou de organismos públicos vinculados ou dependentes.

En todo caso, quedará garantida a apertura e peche de todos os centros de traballo mediante a designación dun/dunha traballador/a na súa quenda habitual.

F) Centros asistenciais de titularidade privada de atención a persoas maiores e/ou con discapacidades, servizo de teleasistencia e servizo de axuda a domicilio.

Os servizos mínimos designaranse coa mesma intensidade con que os servizos esenciais se ven atendidos nun domingo ou nun día festivo e, para o caso de que se trate de centros que permanezan absolutamente pechados tales días, atenderase ás quendas establecidas para os sábados.

7. Consellería do Medio Rural e do Mar:

1) Área de Medio Rural e Montes.

a) Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais:

Fíxase o 100 % do persoal previsto para un domingo ou festivo no dispositivo de prevención e extinción de incendios. Este dispositivo comprende os servizos prestados nos distritos forestais incluídos nos ámbitos afectados pola folga.

b) Centros de investigación:

Estación Experimental de Gandaría de Montaña de Marco da Curra (Monfero, A Coruña): 1 capataz agrícola.

2) Área do Mar.

a) Centros de ensino:

Escola Oficial Náutico-Pesqueira. Ferrol: 1 educador.

b) Servizo de Gardacostas de Galicia:

Base operativa de Ferrol: xefe/a de unidade operativa.

En todo caso quedará garantida a apertura e o peche de todos os centros de traballo.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de xuño de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza