Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Martes, 11 de xuño de 2013 Páx. 21848

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas de compensación en materia de sanidade vexetal na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2013.

Mediante Resolución do 17 de novembro de 2010 do director xeral de Produción Agropecuaria (DOG do 26 de novembro), declarouse a presenza en Galicia da praga do nematodo do piñeiro, e houbo que articular as medidas para a súa erradicación para conseguir a total erradicación do brote en virtude do exixido na Decisión da Comisión 2006/133/CE, do 13 de febreiro de 2006, pola que se exixe aos Estados membros que adopten, con carácter temporal, medidas contra a propagación de Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Burher) Nickle et al. (en adiante, B. xilophilus), que establece as medidas que hai que adoptar para previr a introdución en territorio libre desta perigosa praga.

Isto fixo necesario publicar o Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, polo que se declara de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena B. xilophilus e se ordenan as medidas para a súa erradicación (DOG do 4 de febreiro), que recolle para esta praga as actuacións que había que acometer, así como unhas indemnizacións in natura para os propietarios forestais.

No obstante, existen, ademais desta, outras pragas ou enfermidades que, por non estaren definitivamente establecidas en determinadas áreas ou na totalidade do territorio de Galicia, merecen unha especial atención e a aplicación duns medios de loita específicos cando se produce a aparición de focos, así como establecer unhas axudas de compensación para estas medidas. É o caso da aparición de focos de Fusarium circinatum en piñeiros de viveiros, que veñen detectándose en Galicia desde o ano 2006, ou da recente aparición en Galicia dun foco de Erwinia amylovora, lume bacteriano das rosáceas, nun viveiro.

A Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, é a norma básica en que se desenvolven as actuacións nesta materia. Esta normativa compleméntase cos diferentes reais decretos que, en materia de sanidade vexetal e medios de produción agraria, desenvolven normativamente os aspectos de prevención e loita contra pragas. A Lei de sanidade vexetal, no seu artigo 19, establece unha certa discrecionalidade no outorgamento das axudas pola execución das medidas fitosanitarias, posto que aínda que no seu artigo 21 indica que a autoridade competente que declarase a praga compensará os prexudicados mediante a debida indemnización cuxo importe se valorará segundo os baremos que se establezan, tamén establece, no seu artigo 19, que as medidas fitosanitarias deberán ser executadas polos interesados, sendo ao seu cargo os gastos que se orixinen. Esta circunstancia propicia que as axudas que se establezan poidan ter uns límites modulados en función das dispoñibilidades orzamentarias, do interese da erradicación da praga por parte da autoridade competente, segundo a súa perigosidade, así como da colaboración financeira do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (en diante, Magrama) nas medidas de loita contra pragas.

Nesta orde establécense, polo tanto, as bases reguladoras para o outorgamento dunhas axudas de compensacións aos produtores agrarios aos cales se lles destrúen vexetais debido á presenza de pragas de corentena.

O Regulamento (CE) 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) 70/2001 (DOUE 358/3, do 16 de decembro de 2006), ofrece no seu artigo 10 a posibilidade de indemnizar os agricultores afectados por enfermidades das plantas. Polo tanto, cómpre comunicar estas axudas para cumprir coa normativa de axudas estatais, e convocar segundo as bases reguladoras que estableza a presente orde as axudas anuais para atender os agricultores afectados pola destrución de vexetais afectados por pragas cuxa erradicación se declarou oficialmente.

En virtude do exposto, e de conformidade co artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto:

a) Establecer, no marco dos programas de control e loita contra pragas de corentena, as bases reguladoras das axudas de compensación aos produtores agrarios polas medidas fitosanitarias adoptadas sobre os vexetais afectados polos organismos de corentena.

b) Convocar as axudas de compensación para o ano 2013.

Sección 1ª Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto

O obxecto desta sección é o establecemento das bases reguladoras das axudas de compensación para as pequenas e medianas empresas afectadas polas medidas fitosanitarias derivadas da loita contra pragas de corentena.

Artigo 3. Beneficiarios e requisitos

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas todos os produtores de vexetais cuxas producións foron afectadas polas medidas fitosanitarias adoptadas en virtude dunha declaración da presenza da praga pola autoridade competente, orixinada polo desenvolvemento dun programa oficial de erradicación dos organismos de corentena dos determinados na correspondente convocatoria, sempre que teñan a consideración de pequena e mediana empresa agraria, segundo o establecido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal para o período 2007-2013.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles que incorran nalgunha das causas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como aqueles que fosen sancionados por infraccións tipificadas como graves ou moi graves polos artigos 55 e 56 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, nos dous anos anteriores á solicitude. Tampouco poderían ser beneficiarios se persistisen as causas ou estivesen pendentes de cobramento procedementos por infraccións graves ou moi graves anteriores aos dous anos da data de solicitude.

3. No caso de produtores de plantas de viveiro deberán estar inscritos nos correspondentes rexistros oficiais, e non é posible recibir a axuda se no momento da inspección inicial do viveiro non estaba cumprido este trámite.

4. Non poderán ser beneficiarias as empresas en crise en virtude do punto 20 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise.

Artigo 4. Organismos de corentena suxeitos a axuda

A Consellería do Medio Rural e do Mar establecerá en cada convocatoria de axuda a lista dos organismos de corentena suxeitos ás axudas de compensación, que previamente fosen fixadas nas declaracións de pragas. Nas sucesivas convocatorias poderán ser modificadas, cando se produzan modificacións normativas ou a detección de pragas de corentena de recente aparición no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, ou ben retirar as compensacións, cando a xeneralización da praga faga inviable a erradicación do foco, non sexa asumible o seu custo económico ou cambie o status de Galicia respecto a unha determinada praga.

Artigo 5. Gastos obxecto de compensación

Os gastos obxecto de compensación estableceranse nos correspondentes baremos que se publicarán en cada convocatoria.

Serán obxecto de compensación os seguintes gastos:

1. Destrución, desinfección, esterilización ou calquera outro tratamento aplicado oficialmente a:

a) Vexetais, produtos vexetais e outros obxectos constitutivos de lote ou lotes que fosen a orixe da introdución do organismo nocivo na zona de que se trate e que teñan sido recoñecidos como contaminados ou que poidan ser contaminados.

b) Os vexetais, produtos vexetais e outros obxectos recoñecidos como contaminados ou que poidan ser contaminados polo organismo nocivo introducido por teren sido cultivados a partir de vexetais do lote ou lotes de que se trate ou por teren estado situados cerca de vexetais, produtos vexetais ou outros obxectos do citado lote ou de vexetais cultivados.

c) Os substratos de cultivo e os terreos recoñecidos como contaminados ou que poidan ser contaminados polo organismo nocivo de que se trate.

d) Os materiais de produción, acondicionamento, embalaxe ou almacenamento; os locais de almacenamento ou acondicionamento e os medios de transporte que estivesen en contacto cos vexetais, produtos vexetais e con outros obxectos mencionados anteriormente ou con partes deles.

2. As inspeccións ou probas efectuadas oficialmente ou a raíz dunha petición oficial para efectos de verificar a presenza ou a importancia da contaminación por parte do organismo nocivo introducido.

3. Non son gastos compensatorios os traballos realizados con man de obra e medios propios dispoñibles na explotación pero si aqueles para os cales, polas especiais características do foco, sexa preciso a contratación de maquinaria ou persoal alleo á explotación ou material de desinfección distinto do habitual, e sempre baixo o informe do técnico de sanidade vexetal da Consellería de Medio Rural e do Mar, que valorará a idoneidade dos medios empregados e o seu custo.

4. Non será obxecto de axuda de compensación o valor das producións de carácter forestal, agás as plantas de viveiros de carácter forestal.

5. Tampouco serán obxecto de axuda o material vexetal destruído nin os gastos ocasionados en aplicación dunha medida fitosanitaria oficial, cando o propietario dos vexetais afectados incumprise a normativa vixente en materia de sanidade vexetal.

6. No caso que con posterioridade á publicación da orde fose necesario establecer novos baremos publicarase unha orde da Consellería do Medio Rural e do Mar para fixar ou actualizar os baremos e a contía das axudas que poderían concederse en cada caso.

7. As axudas non superaran o 100 % das perdas sufridas e do seu importe deduciranse os importes dos seguros recibidos e os danos non imputables á enfermidade obxecto da indemnización.

8. Non será obxecto de indemnización o lucro cesante nos termos establecidos no artigo 18.2 do Real decreto 1190/1998, do 12 de xuño, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación ou control de organismos nocivos dos vexetais aínda non establecidos no territorio nacional.

Artigo 6. Réxime de concesión das axudas

1. A Consellería do Medio Rural e do Mar, cando sexa preciso e en función das dispoñibilidades orzamentarias, convocará axudas de compensación coa dotación orzamentaria outorgada polo Magrama para a loita contra pragas, así como cos fondos de que poida dispoñer para os mesmos fins a Comunidade Autónoma.

2. As axudas axustaranse aos principios de publicidade, transparencia e obxectividade, concederanse en réxime de concorrencia competitiva, e respectarase, polo tanto, o establecido nos artigos 14 e 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As solicitudes serán baremadas de acordo cos criterios obxectivos de concesión establecidos na propia convocatoria.

Artigo 7. Solicitude de axuda

1. Unha vez que os servizos oficiais de sanidade vexetal levanten a acta da efectiva destrución e erradicación do foco, así como do resto das medidas preventivas adoptadas por parte dos inspectores de sanidade vexetal do servizo provincial correspondente, o beneficiario poderá solicitar a axuda de compensación correspondente mediante a presentación dunha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta orde, dirixida á persoa titular da consellería competente en materia de sanidade vexetal, dentro do prazo establecido na correspondente convocatoria.

2. A Consellería do Medio Rural e do Mar establecerá mediante a convocatoria a contía das axudas que outorgará. O valor da axuda de compensación debe prever todos os aspectos relativos aos custos do proceso de saneamento, pero sobre todo terá en conta os custos de produción dos bens destruídos tomando como referencia os prezos de mercado dos bens que se van destruír. Tamén se terán en conta no baremo para determinar o importe da axuda os custos dos traballos de erradicación.

3. O órgano instrutor do procedemento será a dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal.

4. O dito órgano competente incorporará ao expediente de solicitude a documentación no seu poder entregada ao interesado como resolucións oficiais, actas de destrución e informes dos servizos técnicos oficiais.

5. O interesado deberá achegar xunto coa solicitude outros documentos relevantes para a tramitación da axuda, como facturas por traballos realizados por empresas alleas durante a erradicación ou o resultado de análises solicitadas polos servizos oficiais e o seu custo, ademais dunha declaración das axudas ou do importe das indemnizacións por seguros recibidos.

Artigo 8. Resolución e pagamento

1. Unha vez recibida a solicitude de axuda, emitirase informe do servizo provincial con competencias en materia de sanidade vexetal. A persoa titular da dirección xeral competente na materia, á vista do informe, elevará a súa proposta ao secretario xeral de Medio Rural e Montes, que resolverá á vista das propostas emitidas.

2. A resolución aprobatoria e o correspondente pagamento das solicitudes de axuda, farase segundo os criterios de prioridade que se establezan na correspondente convocatoria da orde das axudas.

3. A sucesión de solicitudes de axudas de compensación durante dous anos consecutivos na mesma instalación ou zona e pola mesma praga, cando non se atopasen motivos para o cesamento da actividade produtiva comporta unha redución dun 50 % da axuda de compensación na segunda convocatoria respecto ao baremo establecido na correspondente convocatoria de axudas, sempre que cobrase a axuda de compensación do primeiro ano.

Artigo 9. Recursos

As resolucións dos expedientes tramitados en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, de acordo co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Esta axuda é compatible con outras que para os mesmos fins puidesen outorgarse sempre que entre todas elas non superen o valor dos bens a prezos de mercado, incluídos os ingresos derivados dos réximes de aseguramento privados ou correspondentes ao plan de seguros agrarios para o ano correspondente en vigor.

Artigo 10. Reintegro

1. O incumprimento polo beneficiario de calquera das condicións establecidas nesta orde dará lugar á perda do dereito á axuda e á devolución, se é o caso, das cantidades indebidamente percibidas.

2. Igualmente, procederá o reintegro nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo doutras responsabilidades que procedan.

Artigo 11. Control

1. A Consellería do Medio Rural e do Mar poderá realizar os controis administrativos e inspeccións que considere oportunos, co fin de comprobar o cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda. O beneficiario estará obrigado a colaborar nos controis e nas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

2. Os beneficiarios terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control.

Sección 2ª Convocatoria

Artigo 12. Obxecto

O obxecto desta sección é convocar as axudas de compensación, no marco das bases reguladoras establecidas na presente orde, para paliar as medidas fitosanitarias derivadas das seguintes pragas de corentena, recollidas nos seguintes textos normativos:

1. Fusarium circinatum Niremberg et O´Donnell, segundo o establecido no Real decreto 637/2006, do 26 de maio, polo que se establece o Programa nacional de erradicación e control do fungo Fusarium circinatum Niremberg et O´Donnell, e as súas modificacións.

2. Erwinia amylovora (Burrill) Winslow et al., Real decreto 1201/1999, do 9 de xullo, polo que se establece o programa nacional de erradicación e control do lume bacteriano das rosáceas Erwinia amylovora (Burrill) Winslow et al., e as súas posteriores modificacións.

Artigo 13. Requisitos e finalidade

1. Os solicitantes destas axudas deberán cumprir os requisitos e os compromisos establecidos nas bases reguladoras desta orde.

2. A finalidade das axudas é compensar polas perdas debidas ás medidas fitosanitarias contra as pragas de corentena que así se establezan.

Artigo 14. Solicitudes, xestión e xustificación

1. As solicitudes de axuda para a convocatoria do ano 2013 formularanse mediante escrito dirixido ao órgano competente para a resolución do procedemento, segundo o modelo normalizado publicado como anexo I desta orde. A documentación e o procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral nas bases reguladoras de concesión de axudas que se establecen nesta orde.

2. O solicitante deberá achegar xunto coa solicitude toda a documentación que considere para que, no caso de que lle sexa concedida a axuda, poida xustificarse, incluída unha declaración doutras axudas recibidas ou ingresos polo sinistro debido aos seguros contratados.

Artigo 15. Prazo e lugar de presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que as solicitudes presentadas en 15 de xullo de 2013 non esgoten o importe previsto na presente orde, poderá abrirse un novo prazo para a presentación de novas solicitudes ata o 15 de agosto de 2013.

Artigo 16. Prazo e notificación da resolución

1. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá superar os seis meses. O prazo computarase a partir da publicación da correspondente convocatoria. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

2. A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Financiamento

O financiamento das axudas reguladas nesta orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 2013.12.22.713E.770.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, por un importe de 60.000 euros, que poderá incrementarse coa xeración, ampliación ou incorporación de créditos, con fondos adicionais e con outros remanentes orzamentarios, segundo o previsto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Criterios obxectivos de concesión das axudas

As axudas adxudicaranse segundo o seguinte baremo:

1. Por non ter recibido nunca ningún tipo de compensación por pragas de corentena, 10 puntos.

2. Por tratarse dun produtor de plantas de viveiro, 5 puntos.

3. Por tratarse dun agricultor a título principal ou profesional, 5 puntos (este requisito valorarase por declaración responsable do solicitante).

4. No caso de empate ou desempate farase segundo a data de presentación nos rexistros oficiais das solicitudes de axuda e, no caso de persistir o empate, segundo a data da acta de execución dos traballos de erradicación.

Artigo 19. Baremos de contía compensatoria

Establécense para a convocatoria 2013 os baremos fixados no anexo II desta orde.

Disposición adicional primeira

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas ou entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web, e tamén se procederá á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposición adicional segunda

A presentación da solicitude de concesión da axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e deberá presentar, entón, a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

Disposición adicional terceira

Nos aspectos non recollidos nesta orde haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e na Lei 38/2003, xeral de subvencións, así como no Real decreto 637/2006, do 26 de maio, polo que se establece o Programa nacional de erradicación e control do fungo Fusarium circinatum, e o Real decreto 1201/1999, do 9 de xullo, polo que se establece o Programa nacional de erradicación e control o lume bacteriano das rosáceas.

Disposición adicional cuarta

Esta orde estará suxeita á comunicación á Unión Europea segundo o Regulamento (CE) 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) 70/2001 (DOUE 358/3, do 16 de decembro de 2006), e o pagamento das axudas quedará, en todo caso, condicionado a que os órganos competentes da Unión Europea non formulen obxeccións a estas, ou declarasen a axuda compatible co Mercado Común, e as posibles observacións e modificacións derivadas de tal pronunciamento.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en sanidade vexetal para ditar as instrucións que considere oportunas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO II
Baremo da contía compensatoria en viveiros por pragas de corentena

Baremo que se aplicará nas indemnizacións por Fusarium circinatum.

Plantas da especie Pinus sp:

Dado que existe unha casuística de viveiros moi ampla, cómpre, polo tanto, establecer un baremo diferenciado en función do número de plantas que se van compensar. A compensación para calquera das especies forestais faise tomando como referencia un custo medio de produción (CMP) de 0,16 euros por planta e aplicando unhas porcentaxes decrecentes en función do número de plantas que se van compensar, e resultan os seguintes baremos:

1. Ata 150.000 plantas (90 % CMP): 0,144 euros/planta.

2. De 150.000 ata 300.000 plantas (85 % CMP): 0,122 euros/planta.

3. De 300.000 ata 500.000 plantas (80 % CMP): 0,115 euros/planta.

4. Más de 500.000 (75 % CMP): 0,108 euros/planta.

Baremo que se aplicará nas indemnizacións por Erwinia amylovora.

Serán de aplicación os prezos establecidos no Real decreto 1512/2005, do 22 de decembro, polo que se modifica o Real decreto 1201/1999, do 9 de xullo, polo que se establece o Programa nacional de erradicación e control do lume bacteriano das rosáceas (BOE do 30 de decembro de 2005):

Plantacións novas: 7.820,97 euros/ha.

Plantacións en plena produción:

a) Intensivas: 17.419,44 euros/ha.

b) Normal: 13.508,95 euros/ha.

c) Árbore illada: 19,20 euros/unidade.

Árbores e arbustos ornamentais illados: 19,20 euros/unidade.

Ornamentais: calquera especie intensiva: 1,42 euros/unidade.

Viveiros: 50 % do valor comercial.

Para efectos de aplicarlle a redución correspondente, establécese como valor comercial das especies de viveiro o que segue:

Planta de viveiro

Presentación

Altura (cm)

Prezo ud. (€)

Malus spp

Testo

160-175

8,00

Pyrus spp

Testo

160-175

8,00

Mespylus spp

Testo

160

10,00

Cydonia spp

Testo

160

10,00

Sorbus aucuparia

Testo

150-175

15,00

Chaenomeles spp

Testo

9,50

Crataegus monogyna

Testo

35,00

Eryobotria japonica

Testo

12,00

Pyracantha spp

Testo

2,50

Amelanchier spp

Testo

50-60

10,50

Cotoneaster spp var. erguidas

Testo

5,00

Cotoneaster spp var. rastreiras

Testo

2,50

Photinia x spp

Testo

40-60

3,00

Photinia x spp

Testo

100-130

19,90

Malus spp e Pyrus spp

Raíz espida (2 anos)

5,00

Malus spp e Pyrus spp

Raíz espida (4 anos)

10,00

missing image file
missing image file