Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Mércores, 19 de xuño de 2013 Páx. 23680

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 11 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, e se convocan estas axudas para o ano 2013.

Mediante a Orde do 29 de xuño de 2010 (DOG nº 126, do 5 de xullo) modificada pola Orde do 30 decembro de 2011 (DOG nº 4, do 5 de xaneiro de 2012), a Consellería do Medio Rural estableceu as bases reguladoras das axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013.

Iniciado o exercicio orzamentario 2013, procede facer cambios puntuais nas ditas bases para harmonizalas coa actual estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e coa lexislación vixente, e realizar a convocatoria correspondente a este ano. Para unha maior seguranza xurídica, óptase pola publicación dunhas novas bases reguladoras que recollan estes cambios

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2013, en réxime de concorrencia polo sistema de rateo.

CAPÍTULO I
Bases reguladoras das axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada

Artigo 2. Definicións

Para os efectos desta orde, establécense as seguintes definicións:

a) Produtor: a persoa física ou xurídica cuxa explotación se atope no territorio galego e que exerza unha actividade agraria e/ou gandeira.

b) Programa de calidade diferenciada dos alimentos: aquel que se atope nalgún dos seguintes casos:

b.1) Produción agrícola ecolóxica, regulada polo Regulamento (CE) nº 834/2007 do Consello, do 28 de xuño de 2007 sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos.

b.2) Indicacións xeográficas protexidas (IXP), denominacións de orixe protexidas (DOP) e especialidades tradicionais garantidas de produtos agroalimentarios, reguladas polo Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.

b.3) Viños de calidade con denominación xeográfica de orixe protexida e indicación xeográfica protexida regulados polo Regulamento (CE) nº 1234/2007 do Consello, do 22 de outubro de 2007, polo que se crea unha organización común de mercados agrícolas e se establecen disposicións específicas para determinados produtos agrícolas (Regulamento único para as OCM), na súa redacción dada polo Regulamento (CE) nº 491/2009 do Consello, do 25 de maio de 2009.

b.4) As bebidas espirituosas con denominación xeográfica de acordo coa Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas os produtores que participen nalgún dos programas de calidade diferenciada dos produtos agroalimentarios definidos na letra b) do artigo 2, recollidos no PDR de Galicia 2007-2013.

Artigo 4. Gastos subvencionables e contía das axudas

1. Serán subvencionables, excluídos impostos recuperables, os gastos derivados da inscrición e as cotas de participación nun programa de calidade diferenciada dos alimentos do sector agroalimentario galego, incluíndo, se for o caso, os gastos de rexistro, control ou inspección e certificación necesarios para comprobar o cumprimento das especificacións do programa. Non se considerarán subvencionables os custos internos ou de autocontrol.

2. A contía da axuda poderá chegar ata o 100 % dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.

Artigo 5. Réxime de concesión

A concesión das axudas para fomentar a participación dos produtores en programas de produción e mellora de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada outorgarase en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, diferenciando do resto as solicitudes dos agricultores e gandeiros que participen no programa de calidade diferenciada da produción agrícola ecolóxica, regulada polo Regulamento (CE) nº 834/2007 do Consello, do 28 de xuño de 2007, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos, para os cales se reserva unha dotación orzamentaria especifica na convocatoria anual correspondente.

Artigo 6. Entidades colaboradoras

1. Os consellos reguladores das denominacións xeográficas do sector agroalimentario existentes no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega, definidos na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, unha vez que acaden personalidade xurídica de seu ao constituírense como corporacións de dereito público, de acordo coas citadas normas, poderán actuar como entidades colaboradoras na xestión das axudas pola participación dos produtores nos programas de calidade diferenciada dos produtos agroalimentarios galegos, segundo o disposto nos artigos 9, 10 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A mesma consideración terá o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

2. A Consellería do Medio Rural e do Mar e as entidades colaboradoras formalizarán convenios de colaboración nos cales se regularán as condicións e obrigas asumidas por estas na xestión das axudas expostas nesta orde, de acordo co disposto no artigo 13 da citada Lei 9/2007.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. No caso de axudas correspondentes a programas de calidade xestionados por consellos reguladores que teñan asinado o convenio a que se refire o punto 2 do artigo 6, as solicitudes presentaranse de maneira colectiva, de acordo co modelo que figura no anexo II-A («Solicitude de axuda a produtores tramitada polos consellos reguladores que teñan formalizado convenio de colaboración») desta orde, actuando os ditos consellos, ademais de como entidades colaboradoras, como representantes dos beneficiarios. Xunto co dito impreso achegarán unha relación numerada de produtores solicitantes da axuda, de acordo co modelo do anexo II-B e certificado de que todos os produtores teñen as súas explotacións inscritas no correspondente programa de calidade e están sometidos aos controis pertinentes.

Para acreditar a vontade dos beneficiarios de solicitaren a axuda, a entidade colaboradora deberá dispor das correspondentes solicitudes individuais cubertas polos beneficiarios, conforme o modelo que figura no anexo II-C («Autorización ao consello regulador para tramitar as axudas aos produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada») e cumprir o establecido no artigo 32.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. No caso de produtores que participen en programas de calidade nos cales non exista un órgano de representación que teña asinado convenio de colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar, as solicitudes presentaranse anualmente de xeito individual conforme o anexo I («Solicitude de axuda para produtores non inscritos en consellos reguladores e produtores inscritos en consellos reguladores que non teñan formalizado convenio de colaboración») .

3. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria

4. O prazo de presentación de solicitudes será o que se estableza na convocatoria anual correspondente.

Artigo 8. Instrución e resolución

1.Corresponde á Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria a instrución do procedemento. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nesta orde, a dita subdirección requirirá o interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria examinará as solicitudes presentadas e informará a Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, que elaborará a proposta de resolución e a elevará ao órgano competente para resolver.

A proposta deberá conter unha relación dos solicitantes para os cales se propón a axuda e a contía desta.

3. As solicitudes serán resoltas pola persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo máximo de 5 meses contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria.

Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación informarase de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado con fondos Feader incluído dentro do eixe 1 («Mellora da competitividade do sector agrario e forestal») medida 132.00 («Apoio aos agricultores que participan en programas relativos á calidade dos alimentos») e especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a finalidade da subvención outorgada, a cantidade concedida, o prazo máximo para a realización e a xustificación dos gastos soportados, que será, polo menos, posterior en quince días á finalización da realización do gasto subvencionado, así como a indicación das causas da desestimación e expresarán, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o cal deben presentarse e prazo para interpoñelos.

Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

Artigo 9. Tramitación do pagamento das axudas

1. Realizados os gastos, presentarase preferentemente no rexistro xeral do edificio administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela, e sempre destinada á Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, a seguinte documentación:

No caso de solicitudes colectivas, cada entidade colaboradora remitirá:

– Solicitude de pagamento (anexo III-A Solicitude de pagamento da axuda para produtores inscritos en consellos reguladores que teñan formalizado convenio de colaboración).

– Relación numerada de beneficiarios inscritos no programa de calidade que solicitan o pagamento da axuda (anexo III-B).

– Xustificantes dos gastos efectuados por cada produtor: facturas orixinais e copias ou documento de valor probatorio equivalente, cunha relación numerada delas, así como a documentación que acredite o seu pagamento. Os orixinais marcaranse cun selo que indique a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención. Sen prexuízo do disposto anteriormente, as entidades colaboradoras presentarán certificación de que o gasto está realizado e pagado e que constan no seu poder os xustificantes dos gastos de cada produtor.

– Certificado que corresponda ao ano corrente, emitido polo organismo que realiza os controis (consello regulador, Ingacal ou organismo independente de certificación), no que se acredite que todas as explotacións obxecto da solicitude están inscritas no correspondente programa de calidade polo que se solicita a subvención e están sometidas aos controis pertinentes.

No caso de solicitudes individuais cada produtor remitirá:

– Solicitude de pagamento (anexo IV, solicitude de pagamento para produtores non inscritos en consellos reguladores e produtores inscritos en consellos reguladores que non teñan formalizado convenio de colaboración).

– Xustificantes dos gastos efectuados: facturas orixinais e copias ou documento de valor probatorio equivalente, cunha relación numerada delas, así como a documentación que acredite o seu pagamento. Os orixinais marcaranse cun selo que indique a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

– Certificado que corresponda ao ano corrente, emitido polo organismo que realiza os controis (consello regulador, Ingacal ou organismo independente de certificación), no cal se acredite que a explotación obxecto da solicitude está inscrita no correspondente programa de calidade polo que se solicita a subvención e está sometida aos controis pertinentes.

2. A xustificación económica dos gastos e pagamentos por entrega de bens e prestacións de servizos axustarase ao establecido no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co establecido no parágrafo 3 do citado artigo, poderase aceptar a xustificación de pagamentos mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros.

Artigo 10. Seguimento e control

1. A resolución de concesión de axuda establecerá o prazo máximo de xustificación dos investimentos, que será improrrogable e, polo menos, posterior en dez días á finalización do período subvencionable e, en calquera caso, anterior á data límite do 15 de decembro.

2. Calquera modificación que afecte substancialmente a realización dos gastos aprobados deberá ser previamente comunicada á Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes. No caso de redución da contía dos gastos realizados, e sempre que se manteñan os obxectivos iniciais e se cumpran os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de conformidade co artigo 14, letra m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.

3. A Consellería do Medio Rural e do Mar realizará os controis sobre o terreo e as comprobacións e inspeccións que considere oportunas, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o axeitado seguimento e control das axudas concedidas. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes e, en particular, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Consello de Contas, e as que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

4. Así mesmo, seralles de aplicación ás axudas previstas nesta orde o referido a controis sobre o terreo, así como o réxime de controis, reducións e exclusións reguladas no Regulamento (UE) nº 65/2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

5. Conforme o disposto no artigo 75.1.c) do Regulamento (CE) nº 1698/2005, o beneficiario da axuda deberá levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á operación subvencionada.

Artigo 11. Modificación da resolución, incumprimento e reintegro

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido sempre que non se alteren esencialmente a natureza e os obxectivos da axuda aprobada e non se produzan danos en dereitos de terceiros. Así mesmo, a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

A dita solicitude de modificación deberá ser presentada antes de que conclúa o prazo para a realización da actividade.

2. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos, e cumpre co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. No caso contrario existirá un incumprimento, no cal se aplicarán os seguintes criterios:

– Cando o beneficiario non realice e xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda, existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda.

– Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpra o resto das condicións establecidas, sen prexuízo de aplicación do establecido no artigo 30 do Regulamento (UE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

3. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde e dos xuros de demora correspondentes no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos na normativa de aplicación vixente. Para estes efectos, os xuros de demora calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

4. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de reintegro e infraccións e sancións previstos nos títulos II e IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Compatibilidade

1. Estas axudas son compatibles ata o 100 % dos gastos subvencionables con calquera outra para o mesmo fin que non teña financiamento total ou parcial do Feader ou doutros fondos da Unión Europea, sen superar os 3.000 € anuais por explotación.

2. O beneficiario ten a obriga de comunicar de inmediato ao órgano que concede a axuda calquera subvención, axuda ou ingreso que, para a mesma finalidade e de calquera procedencia, solicitase ou lle fose concedida ou pagada.

Artigo 13. Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader

Nos instrumentos de información, difusión e tramitación das axudas que utilice a Consellería do Medio Rural e do Mar farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader.

Artigo 14. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade ou residencia da persoa solicitante. Por tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos ou documentos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellaría competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellaría do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade

Artigo 15. Réxime de recursos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, se a resolución for expresa.

CAPÍTULO II
Convocatoria das axudas para o ano 2013

Artigo 16. Convocatoria das axudas

Convócanse para o exercicio orzamentario 2013 as axudas reguladas por esta orde. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral nos artigos anteriores.

Artigo 17. Prazo de presentación

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 18. Gastos atendibles na convocatoria de 2013

Para a convocatoria de 2013, serán atendibles os gastos imputados á campaña anual que comprende o período que vai do 1 de xuño de 2012 ata o 31 de maio 2013.

Artigo 19. Acreditación do cumprimento das obrigacións coa Administración pública da Comunidade Autónoma, a Administración do Estado e a Seguridade Social

De conformidade co artigo 55 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, a obriga de presentar a acreditación do cumprimento das obrigacións tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendentes pagamentos de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma poderá ser substituída por unha declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, no caso de que o importe da axuda por beneficiario ou beneficiaria non sexa superior a 1.500 euros.

Artigo 20. Financiamento das axudas

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural e do Mar para o ano 2013, na aplicación orzamentaria 12.20.713D.770.1, cunha dotación de 899.927,79 €. Este importe poderase incrementar con remanentes adicionais, de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

2. Deste orzamento inicial, destinarase o 50 % para financiar as solicitudes dos agricultores e gandeiros que participen no programa de calidade diferenciada da produción agrícola ecolóxica, regulada polo Regulamento (CE) nº 834/2007 do Consello, do 28 de xuño de 2007, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos, e o 50 % restante destinarase a atender as demais solicitudes. Os remanentes que puideren existir logo de atender as peticións dos solicitantes dun dos grupos antes establecidos, poderán ser utilizados para ampliar a dotación do outro.

Disposición adicional única

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde, haberá que aterse ao disposto no Regulamento (CE) nº 1698/2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); no Regulamento (CE) nº 1974/2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do anterior; no Regulamento (UE) nº 65/2011, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural; no Real decreto 1825/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes para ditar as instrucións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file