Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Venres, 28 de xuño de 2013 Páx. 25314

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2013 pola que se convoca o curso de capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais.

Dentro das actividades programadas para o ano 2013, e de acordo co convenio de colaboración asinado o 30 de xaneiro de 2013 entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Consellería de Traballo e Benestar para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais, que vai desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

O curso pretende capacitar o persoal que opte a postos de inspección de servizos sociais ou que lle preste apoio á inspección de servizos sociais nos coñecementos específicos dos diferentes ámbitos de actuación e nas habilidades necesarias para o correcto desenvolvemento destas funcións.

Segunda. Persoal ao que vai dirixido

Persoal funcionario dos grupos A1, A2 e C1 e persoal laboral dos grupos I e II, preferentemente con titulación universitaria (licenciatura ou grao correspondente) en dereito, psicoloxía, pedagoxía, psicopedagoxía, educación social, relacións laborais, traballo social, ciencias políticas ou socioloxía, que estea ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, se atope en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou acollemento, excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e reúna os requisitos establecidos na presente convocatoria. Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario, sempre que non desempeñe postos na Administración xeral.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Terceira. Criterios de selección

Para a selección aplicaranse os seguintes criterios:

1º Persoal que desempeñe ou desempeñase funcións na Subdirección Xeral de Inspección e Autorización de Servizos Sociais da Consellería de Traballo e Benestar.

2º Persoal funcionario coas titulacións universitarias establecidas como preferentes.

3º Resto do persoal funcionario.

4º Persoal laboral coas titulacións universitarias establecidas como preferentes, na base segunda.

5º Resto do persoal laboral.

Estes criterios aplicaranse de acordo coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (DOG do 18 de decembro) e co Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia (DOG do 20 de xaneiro de 2012).

Cuarta. Desenvolvemento

1. Duración: 120 horas (45 horas lectivas presenciais e 75 horas en liña).

2. Datas: do 21 de outubro ao 13 de decembro de 2013.

3. Horario: as clases presenciais terán lugar entre o 24 de outubro e o 29 de novembro: os xoves das 16.30 ás 19.30 horas e os venres das 8.30 ás 14.30 horas.

Realizarase unha proba final presencial o día 13 de decembro.

4. Prazas: 40.

Quinta. Contido

– Os servizos sociais. A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Sistemas de garantías do Sistema galego de servizos sociais.

– Rexistro e autorizacións. Normativa técnica relacionada.

– A inspección. Funcións e procedementos de actuación. Ámbitos de actuación.

– As actas de inspección. Protección dos dereitos. Procedemento sancionador.

– Servizos comunitarios.

– Inclusión e igualdade.

– Menores.

– Familia e infancia.

– Maiores e discapacidade.

– O Sistema para a autonomía e atención á dependencia.

– Calidade. A acreditación. Xestión de centros e programas de servizos sociais.

– Outras habilidades do persoal inspector.

Sexta. Solicitudes e prazos

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es/matricula; non serán admisibles outras formas de solicitude. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación. Recoméndase facilitar unha conta de correo electrónico e un número de teléfono móbil para enviar mensaxes aos seleccionados.

b) A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, remitiranlle á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a devandita documentación por fax ao número 981 54 63 39 ou por correo electrónico ao enderezo xestion.egap@xunta.es, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A devandita documentación deberá presentarse dentro do prazo ao que fai referencia a alínea e) desta base.

e) O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

f) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización.

g) As dúbidas, dificultades técnicas e solicitudes de información serán atendidas pola EGAP a través do número de teléfono 981 54 62 57/981 54 62 46, o número de fax: 981 54 63 39 ou o enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Sétima. Publicación das relacións do persoal seleccionado

a) A EGAP publicará na súa páxina web http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de tres días hábiles desde a publicación.

Ademais, quen facilite os seus datos na solicitude será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Entenderase que as persoas que non figuren na relación de persoas seleccionadas ou na lista de espera foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ben ocupan un posto máis afastado na lista de espera, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará na súa páxina web http://egap.xunta.es a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Oitava. Cambios ou substitucións na selección, renuncia, asistencia e puntualidade

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar ás actividades formativas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe serlle comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa, mediante o modelo de renuncia publicado na súa páxina web. Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es

– O número de fax 981 54 63 39.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde a finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

– Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. Na modalidade de teleformación, o alumnado debe visualizar, como mínimo, o 90 % dos contidos e realizar todas as actividades e tarefas propostas pola titoría.

– Deberán xustificarse documentalmente ante os responsables das actividades formativas nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización das actividades.

d) As persoas que incumpran o previsto na alínea c):

– Perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

Pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde a finalización desta actividade.

Novena. Realización de probas

Para poder aprobar o curso o alumnado deberá superar unha proba final de avaliación.

Décima. Certificado de aproveitamento

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe, no cal declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba.

Décimo primeira. Facultades da EGAP

a) Correspóndelle á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e o cumprimento desta resolución.

b) A execución material da actividade queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

c) A EGAP e a Consellería de Traballo e Benestar poderán modificar o desenvolvemento e os contidos do curso, as datas e os lugares, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento do curso serán anunciadas na páxina web da escola.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2013

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública