Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 15 de xullo de 2013 Páx. 28025

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 5 de xullo de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do Sistema universitario de Galicia, potencialmente cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa operativo de Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2013.

O Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) recolle no eixe estratéxico 2-Consolidación de grupos de referencia que no Sistema universitario de Galicia existen unha serie de grupos de investigación, aos cales podemos denominar Grupos de referencia competitiva, caracterizados por bos índices de publicacións académicas; un nivel de captación de recursos elevado, aínda que variable segundo a área en que traballen; competitivos a nivel estatal e en moitos casos internacional; con capacidade para formar e atraer mozos investigadores e habituados á cooperación con outros grupos de investigación, con institucións ou con empresas. Doutra banda, están os Grupos con potencial de crecemento que, sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores, teñen calidade investigadora, constatable con criterios estritos, e que están na senda que os leve a ser grupos de referencia.

Estes grupos deberían dispor dun financiamento estrutural e continuado, condicionado a criterios de calidade, que substituirá un modelo baseado no financiamento do grupo por acumulación de proxectos de investigación.

Por outra banda, os grupos de investigación poden aumentar as súas oportunidades de desenvolvemento e consolidación mediante a integración en estruturas organizativas de ámbito superior ao grupo, tales como redes, consorcios, agrupacións estratéxicas ou institutos. A pertenza a este tipo de entidades favorece o acceso ao coñecemento interdisciplinar, a fontes de financiamento e a unha reputación que dificilmente podería lograr o grupo de forma individual. Estas entidades favorecen tanto a integración de capacidades dispersas como a competitividade máis aló do ámbito local e a satisfacción das demandas da contorna produtiva.

Ademais, esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no Sistema universitario de Galicia, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminación entre homes e mulleres que recolle o artigo 1 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de homes e mulleres. Por iso, as axudas que se regulan nesta convocatoria terán en consideración o liderado das mulleres nas propostas presentadas.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria procede a establecer as bases para o Programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación nas modalidades de Grupos de referencia competitiva e Grupos con potencial de crecemento, e convoca estas axudas para o exercicio 2013.

Polo que antecede esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde establece as condicións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o acceso ás axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do Sistema universitario de Galicia (SUG), mediante as seguintes modalidades:

a) Grupos de referencia competitiva: as condicións detállanse no anexo I.

b) Grupos con potencial de crecemento: as condicións detállanse no anexo II.

Artigo 2. Beneficiarios e destinatarios

Poderán ser beneficiarios das axudas as universidades do Sistema universitario de Galicia e serán destinatarios os seus grupos de investigación, recoñecidos como tales pola súa universidade, que cumpran os requisitos establecidos nos anexos I e II.

Para os efectos desta convocatoria, enténdese por «investigador» aquela persoa que teña título de doutor, que forme parte dun grupo de investigación no rexistro da universidade correspondente do SUG e que teña algunha das seguintes categorías profesionais:

– Catedrático ou profesor titular de universidades ou de escola universitaria.

– Contratado dos programas Ramón y Cajal, Parga Pondal, Juan de La Cierva ou Marie Curie (neste último caso sempre que teña adscrición a unha universidade do SUG durante toda a vixencia da axuda).

– Profesor contratado doutor ou profesor axudante doutor.

En ningún caso terán consideración de investigadores, para efectos desta convocatoria, os profesores visitantes, os profesores asociados, os profesores colaboradores, os profesores eméritos, os contratados con cargo a proxecto e os lectores.

Artigo 3. Conceptos subvencionables

Os importes das axudas irán destinados a financiar os seguintes conceptos, sempre que se relacionen coa actividade de consolidación:

1. Custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar. Inclúese o custo de persoal dedicado de xeito específico ás funcións de xestión do grupo.

2. Pequeno equipamento e material funxible. Os custos de mantemento derivados de materiais, subministracións, instrumental e similares non son elixibles para o Feder. O material de oficina ou informático non poderá exceder o 5 % da cantidade solicitada.

3. Material bibliográfico e adhesión a sociedades científicas.

4. Formación dos membros do grupo relacionada coa actividade obxecto da axuda.

5. Viaxes para a actividade obxecto da axuda, sempre que a contía non exceda o 25 % da cantidade solicitada.

6. Investigadores visitantes.

7. Organización de actividades de difusión, así como presenza en medios de comunicación.

8. Ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, etc.

9. Consultoría e asesoramento externo para deseñar e aplicar a estrutura e a estratexia do grupo.

10. Gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría, ata o límite de 3.000 € por beneficiario, cando a axuda sexa financiada polo Feder.

11. Custos indirectos ou gastos xerais que regulamentariamente exixe a universidade ao grupo solicitante, que non superarán o 20 % da axuda concedida. Desa porcentaxe, 5 puntos destinaranse a financiar as subscricións de cada universidade ás publicacións electrónicas. Estes custos indirectos non son elixibiles para o Feder.

Para a xustificación da primeira anualidade da axuda admitiranse gastos e pagamentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2013.

Cando estas axudas sexan cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2007-2013, os conceptos anteriores só serán aceptados se cumpren os criterios de elixibilidade que establezan os regulamentos que desenvolven o Feder, en particular os recollidos na Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos do Feder e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo de 2008).

Atendendo ao establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, modificado pola Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais de Galicia para 2012, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 € no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben.

Artigo 4. Formalización e presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación no DOG da orde de convocatoria. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Os formularios da solicitude (anexos IV e V desta orde para as modalidades de Grupo de referencia competitiva e Grupo de potencial crecemento respectivamente) estarán dispoñibles na dita sede electrónica da Xunta de Galicia, e os formatos da memoria descritiva e das certificacións da universidade, que deben achegarse coa solicitude, están dispoñibles na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es/web/node/3158

Para a presentación na sede electrónica do devandito formulario admitirase o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede do representante legal.

Para a tramitación electrónica do presente procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas universidades solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012.

A solicitude irá asinada pola autoridade que representa legalmente á universidade correspendente. A memoria descritiva da proposta irá asinada polo coordinador (ou equivalente) do grupo de investigación que executará a axuda.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Memoria descritiva da estratexia de investigación, estruturación e consolidación que vai seguir o grupo, e que xustifica a necesidade desta axuda. O formato obrigatorio desta memoria atópase no enderezo web http://www.edu.xunta.es/web/node/3158 e deberá ir asinada polo coordinador do grupo de investigación destinatario da axuda.

b) Certificados emitidos pola universidade a que pertence o solicitante, que acrediten o cumprimento dos requisitos establecidos nos anexos I e II desta orde correspondente á modalidade de axuda solicitada. Unha vez superado o proceso de selección e antes da resolución de concesión das axudas, os solicitantes seleccionados deberán remitir á consellería os comprobantes dos méritos certificados. En caso de detectarse falsidade nalgún mérito a consellería adoptará as oportunas medidas legais. O formato obrigatorio deste certificado atópase no enderezo web http://www.edu.xunta.es/web/node/3158

c) Certificado da composición do grupo emitido pola universidade de orixe, indicando o código e a denominación de grupo. A composición certificada será a do grupo na data de publicación desta orde de convocatoria.

d) Certificado de ingresos de I+D competitivos obtidos polo grupo de investigación nos tres últimos anos, expedido pola universidade de orixe.

Para os efectos desta convocatoria enténdese por ingresos de I+D competitivos os correspondentes a proxectos de I+D financiados por convocatorias públicas das administracións estatais, europeas ou doutras fontes, e os correspondentes a contratos e convenios de I+D ou de servizos de innovación, licenzas de patentes e de software, así como os premios de investigación. Non se terán en conta as axudas para infraestruturas, as bolsas e axudas a accións de divulgación e produción científica, as axudas correspondentes a programas de recursos humanos, nin as procedentes deste mesmo programa. Para computar estes ingresos terase en conta o criterio de ingreso, e non o de concesión ou sinatura, isto é, compútanse os ingresos obtidos desde o 1 de xaneiro de 2010 ata o 31 de decembro de 2012, con independencia de que os proxectos, contratos ou convenios sexan anteriores a esa data. Polo mesmo criterio, non se computarán os ingresos que se produzan máis aló do 31 de decembro de 2012 ainda que correspondan a axudas concedidas no período exixido.

e) Declaración das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas ou polos seus organismos ou sociedades, consonte o documento que se inclúe no modelo de memoria, asinada polo coordinador do grupo de investigación destinatario da axuda.

f) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte o documento que se inclúe no modelo de solicitude, asinada polo representante legal da universidade.

g) Consentimento expreso á Administración para incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. A reserva que puider facer o peticionario no senso de non autorizar a obtención dos datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou á revogación do acto de outorgamento. Este consentemento, consonte o documento que se inclúe no modelo de solicitude, irá asinado polo representante legal da universidade.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios, destinatarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e destinatarios e da súa publicación na citada páxina web.

De conformidade co artigo 11.e) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a obriga de presentar a certificación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social, poderá ser substituída por unha declaración responsable de cada universidade de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración.

Artigo 5. Tramitación

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades.

Os servizos da Secretaría Xeral de Universidades comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporán, o vixésimo quinto día posterior ao remate do prazo de presentación de solicitudes, a lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, na internet no enderezo web http://www.edu.xunta.es/web/node/3158

Esta lista estará exposta durante dez días hábiles, e os interesados, durante ese mesmo prazo, poderán emendar erros e a falta de documentos ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que se poidan acordar outro tipo de actuacións.

Artigo 6. Avaliación e selección

A selección dos destinatarios das axudas realizarase a partir da suma das valoracións feitas por un panel de avaliadores e pola comisión de selección. O panel poderá asignar ata un máximo de 90 puntos a cada solicitude, e a comisión de selección poderá asignar ata un máximo de 10 puntos a cada solicitude. O proceso de avaliación realizarase na Axencia para a Calidade do Sistema universitario de Galicia (ACSUG).

O panel de avaliadores estará formado por expertos de fóra do Sistema universitario de Galicia propostos e aprobados pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), e cubrirán os diferentes ámbitos temáticos da convocatoria (Ciencias; Ciencias da Saúde; Enxeñaría e Arquitectura; Humanidade e Arte; Ciencias Sociais e Xurídicas). A valoración das solicitudes presentadas referirase á produción e calidade científica dos grupos, así como á súa actividade investigadora e á idoneidade da programación proposta de acordo cos obxectivos de cada unha das modalidades da convocatoria.

Os criterios de avaliación das solicitudes presentadas aparecen recollidos no anexo III desta orde.

A valoración farase chegar á comisión de selección, que elaborará a proposta de resolución de acordo coa convocatoria, as avaliacións correspondentes, a dispoñibilidade de recursos e os obxectivos de ordenación, consolidación e articulación que suscita esta actuación.

A comisión de selección estará constituída por sete membros:

– O titular da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en que delegue, que actuará como presidente da comisión.

– Serán vogais da comisión:

• Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais áreas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, nomeadas polo presidente da comisión de selección.

• O/a subdirector/a xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa na que delegue.

• O/a subdirector/a xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en que delegue.

• O/a xefe/a do servizo de Xestión Científica-Tecnolóxica da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretario da comisión.

Esta comisión poderá conceder ata 10 puntos a cada solicitude, tendo en conta os seguintes criterios:

– Pertenza do grupo a unha área prioritaria ou de especialización da súa universidade. En caso de que a universidade non achegue esta priorización, aplicaranse as priorizacións derivadas da Estratexia estatal de ciencia, tecnoloxía e innovación ou da Estratexia RIS3 de Galicia.

– Participación de grupos de investigación dos campus periféricos, isto é, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Ourense.

Para garantir que as propostas financiadas teñan un nivel de calidade suficiente, só poderán recibir as axudas establecidas nesta convocatoria aquelas solicitudes que obteñan unha puntuación total superior ou igual a 60 puntos.

Artigo 7. Resolución

A competencia para resolver estas axudas correspóndelle ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sen prexuízo da súa posible delegación noutros órganos da consellería. A comisión de selección elevará a proposta de resolución, que incluirá a relación de candidatos seleccionados, ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

No texto da resolución individual aparecerán os obxectivos de consolidación e estruturación do grupo destinatario da axuda. O grupo deberá aceptar expresamente a axuda concedida mediante a resolución individual; en caso de non aceptar a resolución, entenderase que renuncia á axuda, e procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todas as solicitudes serán resoltas no prazo máximo de cinco meses, contados desde a publicación da orde de convocatoria. A non resolución en prazo faculta os interesados para entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución expresa ou presunta que poña fin á vía administrativa, poderá ser impugnada polos interesados mediante recurso potestativo de reposición ante o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Os asinantes das solicitudes denegadas ou desestimadas poderán recuperar a documentación presentada, no prazo dun ano a partir da publicación da concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia. Pasado ese prazo, aquela documentación que non sexa recollida será destruída, agás a que fose obxecto de recurso.

A aceptación da axuda supón a publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión Europea.

Artigo 8. Libramento da subvención

En todas as modalidades de axuda, a subvención será librada á universidade solicitante a que pertenza o destinatario, conforme a resolución de concesión e de acordo coa normativa vixente.

Para poder proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade beneficiaria expida, na data límite do 30 de novembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, a certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento acompañada dunha memoria explicativa do logro dos obxectivos de consolidación e estruturación do grupo. Esta memoria explicativa irá asinada polo coordinador do grupo destinatario da axuda. Ademais, cando a axuda teña cofinanciamento do Feder, a universidade correspondente deberá achegar nesa mesma data límite os documentos xustificativos dos gastos e dos pagamentos, ou un informe de auditoría, de acordo co establecido no artigo 60 do Regulamento 1083/2006 (CE), asinado por un auditor do Rexistro Oficial de Auditores de Contas. Este informe deberá certificar tanto a regularidade da solicitude do beneficiario como describir o labor desenvolvido e os resultados.

En caso de cofinanciamento do Feder, tamén se deberá achegarse unha relación das publicacións, actos e reunións en que se fixese publicidade do devandito cofinanciamento.

En cumprimento da normativa relativa ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, as universidades deberán manter unha separación contable adecuada para os gastos relacionados coa axuda que facilite a «pista de auditoría». Ademais deberán conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello. Os gastos deberán xustificarse con facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente e os pagamentos cos xustificantes das transferencias bancarias ou documentos acreditativos dos pagamentos realizados.

Para poder facer o pagamento da subvención, de conformidade co artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade co establecido no artigo 11.e) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a obriga de presentar a certificación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social, será substituída por unha declaración responsable de cada universidade de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración.

Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Para efectuar o último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.

Artigo 9. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais.

As axudas concedidas serán compatibles con outras axudas ou subvencións, de acordo co establecido na normativa aplicable, coas excepcións que se indican a seguir:

a) Cando o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concordancia con outras, supere o custo da actividade subvencionada. Por isto, cando a entidade beneficiaria ou o destinatario reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá poñelo en coñecemento da Secretaría Xeral de Universidades.

b) Cando o grupo teña concedida outra axuda desta consellería para a mesma actividade. Un mesmo grupo non poderá recibir simultaneamente axudas das modalidades de Grupos de referencia competitiva e de Grupos con potencial de crecemento.

c) Cando o grupo teña concedida outra axuda na cal os mesmos gastos sexan cofinanciados por fondos procedentes do mesmo ou outro instrumento financeiro comunitario.

Artigo 10. Incumprimento, renuncias, reintegros e sancións

O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos beneficiarios e destinatarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de que o beneficiario ou o destinatario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Control

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. En particular, poderá someter a todos os beneficiarios e destinatarios das axudas desta convocatoria a unha avaliación final, no prazo de seis meses contados desde a data límite de xustificación da última anualidade, coa finalidade de comprobar o impacto das axudas concedidas.

Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos autonómicos, estatais e europeos con funcións de control sobre os fondos de cohesión e, en particular, do Feder.

Artigo 12. Dotación orzamentaria

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 09.40.561B.744.3 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de cada ano, coa seguinte desagregación:

2013

2014

2015

2016

Modalidade a) GRC

2.240.000 €

3.200.000 €

3.200.000 €

3.200.000 €

Modalidade b) GPC

1.050.000 €

2.100.000 €

1.050.000 €

0 €

Total

3.290.000 €

5.300.000 €

4.250.000 €

3.200.000 €

Dado que a resolución desta convocatoria non se producirá no primeiro cuadrimestre do ano, a primeira anualidade da modalidade Grupos de referencia competitiva queda reducida nun 30 %, en consideración ao menor tempo de execución das actuacións propostas polos grupos. Na modalidade Grupos de potencial crecemento, o 50 % da primeira anualidade traspásase a unha terceira anualidade.

Os créditos poderán redistribuirse entre as diferentes modalidades cando o volume de solicitudes presentadas e avaliadas favorablemente así o requiran.

Os importes corresponden a fondos propios da Comunidade Autónoma, e poderán corresponder tamén a fondos procedentes do Feder (eixe 1, tema prioritario 01: actividades de I+D en centros de investigación. Actuación 1: consolidación e estruturación sistema público de I+D). O cofinanciamento do Feder acadará como máximo o 80 % da axuda.

Dado que o financiamento destas axudas procede do Plan de financiamento do SUG 2011-2015, a anualidade do 2016 quedará condicionada pola aprobación do novo plan de financiamento para os anos seguintes.

Dado o cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2007-2013, os beneficiarios das axudas deberán cumprir os requisitos de publicidade que establece o artigo 8 do Regulamento 1828/2006, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento 1083/2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo de Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e ao Regulamento 1080/2006 relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como cumprir os requisitos de xustificación que estableza esa mesma normativa. En todo caso, as medidas de publicidade e información deberán ser coherentes co establecido na Guía de publicidade e Información das intervencións cofinanciadas polos Fondos Estruturais 2007-2013 en Galicia.

Disposición derradeira primeira

A presente orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Disposición derradeira segunda

Contra esta orde poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Grupos de referencia competitiva

1. Obxecto da axuda.

Axudas para a consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D constitúan unha referencia no Sistema galego de innovación.

2. Requisitos.

Ser un grupo de investigación do SUG recoñecido pola universidade de orixe que cumpra os criterios seguintes:

– Ter polo menos 5 investigadores.

– Cumprir como mínimo un dos seguintes requisitos nos tres anos anteriores á solicitude:

• Ter polo menos tres proxectos competitivos, cun importe superior a 15.000 € cada un, activos no período.

• Ter ingresos medios anuais por actividades de I+D superiores a 250.000 €.

– Cumprir polo menos dous dos seguintes criterios de produción científica nos tres anos anteriores á solicitude:

• Artigos en publicacións incluídas en SCOPUS ou Web of Science: polo menos seis publicacións.

• Libros publicados: polo menos tres (só para grupos das áreas de coñecemento Humanidades e Arte ou Ciencias Sociais e Xurídicas).

• Teses dirixidas e lidas: polo menos catro teses.

• Patentes en explotación nas que a universidade sexa titular: polo menos dúas patentes (ou catro rexistros de propiedade intelectual de software).

• Acordos de explotación ou empresas (EBT) xerados a partir de resultados obtidos polo grupo: polo menos un acordo ou EBT.

• Participación, como líder, en proxectos de Programa marco da UE: polo menos un liderado de proxecto ou de workpackage.

3. Contía e duración.

As axudas serán de aplicación por un período de dúas anualidades prorrogables a outras dúas, mediante o pagamento anual dunha contía fixa máis outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo como un indicador xenérico da súa competencia e capacidade de consolidación. En consecuencia, a axuda constará de dous módulos.

1. Módulo fixo: por importe de 50.000 € anuais.

2. Módulo variable, acumulable ao anterior, en función dos ingresos anuais medios do grupo nos tres exercicios anteriores á concesión, segundo os seguintes tramos:

– Ingresos medios de 200.000 a 300.000 €: ata 20.000 € anuais.

– Ingresos medios de 300.000 a 400.000 €: ata 30.000 € anuais.

– Ingresos medios superiores a 400.000 €: ata 50.000 € anuais.

Ao final da segunda anualidade realizarase unha avaliación parcial do cumprimento dos obxectivos de consolidación que foron recollidos na resolución individual de concesión. De non superar esta avaliación, aplicarase o establecido no artigo 10 desta orde. Ademais, realizarase unha avaliación final ao remate da cuarta anualidade. Aqueles grupos que non obteñan unha cualificación final favorable, non poderán presentar solicitude de axudas deste programa, en ningunha das súas modalidades, durante un período de dous anos.

ANEXO II
Grupos con potencial de crecemento (GPC)

1. Obxecto da axuda.

Axudas para a consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D amosan potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do SUG.

2. Requisitos.

Ser un grupo de investigación do SUG recoñecido pola universidade de orixe que cumpra os criterios seguintes:

– Ter polo menos tres investigadores.

– Non ter mais dun proxecto activo do INCITE (Programa de promoción xeral da investigación (PXI) ou dos programas sectoriais de investigación aplicada para equipos de investigación) nos cales un membro de grupo sexa investigador principal.

– Cumprir como mínimo catro dos seguintes requisitos de actividade nos tres anos anteriores á solicitude:

• Ingresos medios anuais por actividades de I+D: superior a 100.000 € (ou superior a 50.000 € cando se trate de grupos das áreas de coñecemento Humanidades e Arte ou Ciencias Sociais e Xurídicas).

• Proxectos competitivos activos: polo menos dous proxectos de importe superior a 15.000 € cada un.

• Contratos ou convenios con empresas ou institucións: polo menos dous contratos o convenios, de importe superior a 15.000 €.

• Artigos en publicacións incluídas en SCOPUS ou Web of Science: polo menos tres publicacións.

• Libros publicados: polo menos dous (só para grupos das áreas de coñecemento Humanidades e Arte ou Ciencias Sociais e Xurídicas, sempre que sexa autor individual ou co-autor entre un máximo de tres autores).

• Teses dirixidas e lidas: polo menos tres teses.

• Patentes en explotación nas cales a universidade sexa titular: polo menos unha patente (ou dous rexistros de propiedade intelectual de software).

• Empresas creadas a partir de resultados de investigación do grupo: polo menos unha empresa.

• Participación, como socio ou líder, en proxectos de Programa marco da UE: polo menos unha participación.

3. Contía e duración.

As axudas serán de aplicación por un período de dous anos (tres anualidades), mediante o pagamento anual dunha contía fixa de 35.000 €.

Ao final da segunda anualidade, realizarase unha avaliación final do cumprimento dos obxectivos de consolidación que foron recollidos na resolución individual de concesión. De non superar esta avaliación, aplicarase o establecido no artigo 10 desta orde.

Se un grupo de investigación cumpre os requisitos das modalidades de Grupo de referencia competitiva e de Grupos con potencial de crecemento, poderá presentar a solicitude a ambas, pero só poderá ser destinatario dunha delas. Entenderase que cando un grupo teña posibilidade de ser financiado en ambas as dúas modalidades, optará sempre pola de maior contía, polo que renunciará á outra.

Os grupos de investigación que perciban esta axuda e obteñan unha cualificación favorable ao seu remate, poderán optar á modalidade de Grupos de referencia competitiva ao ano seguinte, sempre que cumpran os requisitos de entrada establecidos. Aqueles grupos que non obteñan unha cualificación final favorable, non poderán presentar solicitude de axudas deste programa, en ningunha das súas modalidades, durante un período de dous anos.

A porcentaxe de axudas desta modalidade concedidas para cada ámbito de coñecemento (Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias Socias e Xurídicas; Enxeñaría e Arquitectura; Ciencias da Saúde) non será inferior ao 15 % das axudas concedidas, sempre que o número de solicitudes o permita. O 25 % restante será distribuído por puntuación con independencia da área de coñecemento a que pertenza.

ANEXO III
Criterios de avaliación

Criterios

Puntuación
máxima

A) Estrutura/organización de investigación: tamaño do grupo, rede ou agrupación, mecanismos de xestión e organización e infraestruturas. Ata un total de 5 puntos

Composición, estrutura, interdisciplinariedade e coherencia do grupo e da súa actividade

4

Liderado do grupo feminino

1

B) Actividade investigadora (no período 2010-2012). Ata un total de 65 puntos

Teses de doutoramento defendidas no período 2010-2012/nº investigadores do grupo

3

Contratados pre e posdoutorais, procedentes de convocatorias competitivas

3

Proxectos de convocatorias de ámbito autonómico/nº investigadores

2

Proxectos de convocatorias de ámbito estatal/nº investigadores

7

Proxectos de convocatorias de ámbito internacional

7

Contratos e convenios con empresas ou institucións

6

Ingresos por contratos, convenios e convocatorias/nº investigadores

3

Publicacións incluídas en SCOPUS ou Web of Science

Libros e capítulos de libros publicados

Publicacións de actas de congresos internacionais

Resultados de creatividade artística (para grupos de Arquitectura e Belas Artes)

23

Patentes en explotación (*)

6

Empresas creadas a partir de resultados de investigación do grupo

3

Participación como editor (xefe ou asociado) en comités editoriais de revistas científicas indexadas en SCOPUS/WoS.

2

C) Estratexia do grupo de investigación. Ata un total de 20 puntos

Calidade e viabilidade da proposta de desenvolvemento do grupo

Estratexia de aplicabilidade dos resultados que alega o grupo

20

Puntuación da comisión de Selección. Ata 10 puntos

Pertenza do grupo a unha área prioritaria ou de especialización da súa universidade. En caso de que a universidade non achegue esta priorización, aplicaranse as priorizacións derivadas da Estratexia estatal de ciencia, tecnoloxía e innovación ou da Estratexia RIS3 de Galicia

5

Participación no equipo de investigadores dos campus periféricos, isto é, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Ourense. Se todo o equipo pertence a un destes campus, 5 puntos; se algún membro pertence a estes campus, 1 punto

5

Puntuación total máxima

100

* Dado que as solicitudes das áreas de Humanidades e Artes e de Ciencias Sociais e Xurídicas non poden obter puntos polo rexistro e explotación de patentes, os 6 puntos máximos deste criterio acumularanse ao máximo de 23 puntos que se conceden por produción académica.