Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución da instalación que a continuación se cita:
Solicitante: Electra del Jallas, S.A. (na actualidade, por absorción, Unión Fenosa Distribución, S.A.)
Domicilio social: avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña.
Denominación: LMTS, CT estrada de Fisterra, 80.
Situación: concello de Zas.
Características técnicas:
– Liña eléctrica de media tensión subterránea, a 20 kV, cunha lonxitude de 0,39 km, coa orixe na LMTS VIM-803 ao CT Baio IV (expediente 52.459) unha vez entre e saía do centro de transformación proxectado, con condutor tipo 2RHZ1-2OL-12/20 kV-3(1×240) AL.
– Centro de transformación non prefabricado, cunha potencia de 250 kVA e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.
En virtude da Resolución do 7 de novembro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizouse o cambio de titularidade e a subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a nome de Electra del Jallas, S.A.U. a favor de Unión Fenosa Distribución, S.A.
A dita autorización supeditouse a que Unión Fenosa Distribución, S.A. acreditase nun prazo de seis meses a transmisión da dita titularidade e a comunicase nun prazo dun mes desde que se fixese efectiva.
O 18 de xaneiro de 2013, Unión Fenosa Distribución, S.A. comunicou á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a devandita transmisión, e quedou constancia de que o 4 de decembro de 2012 se elevou a pública a escritura de fusión da sociedade Unión Fenosa Distribución, S.A. e Electra del Jallas, S.A.U. outorgada ante o notario de Madrid Fernando de la Cámara García, baixo o número 2.571 do seu protocolo e foi inscrita no Rexistro Mercantil de Madrid o 31 de decembro de 2012, tomo 30183, libro 0, folio 105, sección 8, folla M503809, inscrición ou anotación 28.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro (BOE nº 285), do sector eléctrico, e no título VII, capítulo II do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE nº 310), polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:
Autorizar e aprobar o proxecto de execución da devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.
Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
A instalación executarase nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.
A Coruña, 20 de xuño de 2013
Susana Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña

