De conformidade co establecido no artigo 29.2 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e en uso das atribucións conferidas polo artigo 17.4 da mesma lei, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I.
Segundo. Poderán concorrer a el os funcionarios de carreira que reúnan as condicións sinaladas no anexo I.
Terceiro. As solicitudes para participar nesta convocatoria presentaranse no Rexistro Xeral da Consellería de Traballo e Benestar (Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela), nas súas xefaturas territoriais ou nas oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de quince (15) días, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo que se inclúe no anexo II.
Cuarto. Os aspirantes deberán unirlle á petición un curriculum vitae e xustificar, mediante certificación ou copia compulsada, os méritos que aleguen.
Quinto. No caso de que resulte seleccionado para ocupar o posto de traballo que se anuncia no anexo I desta orde un funcionario con destino noutras administracións públicas, tramitarase o seu traslado a esta comunidade autónoma conforme o artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes.
Sexto. A resolución desta convocatoria farase pública no DOG e poderá declararse deserto o posto de traballo, de considerarse oportuno.
Sétimo. O prazo de toma de posesión será de tres días, se o destino anterior está na mesma localidade do novo destino, e dun mes, se está en localidade distinta ou comporta o reingreso ao servizo activo.
O prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días seguintes ao da publicación no DOG, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso de funcionarios doutras administracións públicas.
Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG.
Oitavo. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, perante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, na súa nova redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou poderán impugnala directamente, perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2013
Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar
ANEXO I
Denominación do posto: director/a O.E.1.
Código: TR.C99.20.902.15350.001.
Nivel: 25.
Complemento específico: 10.093,56 €.
Grupo: A1-A2-C1.
Corpo/escala: xeral/especial.
Tipo de adscrición: A11.
Formación específica: 640.
Dependencia: Oficina de Emprego de Ferrol-Esteiro.
Localidade: Ferrol.
Descrición códigos de adscrición ás administracións públicas:
A11: adscrición indistinta a funcionarios da Administración da Xunta de Galicia, Administración do Estado, Administración de comunidades autónomas.
Descrición códigos de formación específica:
640: para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego (requisito indispensable).