Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Venres, 9 de agosto de 2013 Páx. 32231

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 129/2013, do 1 de agosto, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada AC-215: Fonteculler (AC-211)-O Portádego (N-550), a prol do Concello de Culleredo.

A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma e das entidades locais deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón, no artigo 54, que as estradas autonómicas ou provinciais, ou os treitos determinados delas nos cales a circulación adquira características urbanas, se lles entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da Administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os dous organismos.

A Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Culleredo asinan un convenio de colaboración para levar a cabo a execución de beirarrúas e recollidas de pluviais na estrada AC-215. Entre as obrigas das partes, a AXI financia a totalidade das obras e o Concello de Culleredo acepta a transferencia de titularidade da estrada AC-215, desde o p.q. 0+000 ao p.q. 0+800 antes da licitación da obra.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade da estrada AC-215: Fonteculler (AC-211)-O Portádego (N-550), na súa totalidade, a prol do Concello de Culleredo.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de agosto de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Culleredo da estrada AC-215; Fonteculler (AC-211)-O Portádego (N-550) na súa totalidade.

Artigo 2

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, o Concello de Culleredo deberá incorporar ao seu plan de estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega da vía formalizarase mediante a sinatura da correspondente acta, que deberá realizarse antes da licitación da obra.

Artigo 4

Corresponderalle ao Concello de Culleredo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de agosto de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas