Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Martes, 13 de agosto de 2013 Páx. 32844

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 9 de agosto de 2013 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada polo comité de empresa do Hospital Povisa, que terá lugar desde o día 19 de agosto de 2013 con carácter indefinido.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os cales se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

O comité de empresa do Hospital Povisa comunicou a convocatoria dunha folga que se desenvolverá desde as 00.00 horas do día 19 de agosto de 2013, con carácter indefinido, e que afectará a totalidade das traballadoras e traballadores que manteñen unha relación laboral co hospital, sexa cal for a súa categoría profesional.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga realizada polo comité de empresa deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se dispoñen na presente orde.

A folga abrangue toda a xornada laboral e afecta todas as áreas da institución sanitaria. Xa que logo, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos aos usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa atención aos usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado; e por iso mantéñense os servizos mínimos necesarios para garantir a asistencia imprescindible a pacientes hospitalizados, así como a atención urxente e permanente aos usuarios que non se pode aprazar sen consecuencias negativas para a saúde.

Tendo en conta que se trata dunha folga de carácter indefinido, co obxecto de evitar a posible falta de asistencia, para a determinación e mantemento durante a folga dos servizos mínimos establécense como base para a súa determinación os seguintes criterios reitores:

A. Persoal facultativo:

I. Cobertura do 100 % da actividade urxente nun triplo ámbito:

– Servizos de urxencias, gardas médicas, unidades de coidados intensivos, reanimación poscirúrxica, hospital de día, hematoloxía e diálise.

– Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos/as usuarios/as que requiran intervención cirúrxica inaprazable no seu ingreso.

– Atención aos paritorios.

II. Cobertura da actividade cirúrxica dos pacientes hospitalizados, respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde.

III. Na área de hospitalización establecerase un número necesario para garantir as visitas para valoracións médicas, a atención indefectible dos pacientes hospitalizados e as altas clínicas.

IV. No ámbito da atención ambulatoria realizarase a cobertura íntegra da atención oncolóxica (nas modalidades de hospital de día e atención onco-radioterápica) e atenderanse as consultas consideradas como urxentes ou preferentes, así como as interconsultas dos pacientes hospitalizados que o requiran, a criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos pacientes desprazados.

V. Garantirase, así mesmo, a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiren aos pacientes hospitalizados que, a criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables.

VI. Garantirase a dispensación de sangue, medicamentos e de produtos sanitarios que, a criterio do persoal facultativo, sexan necesarios.

B. Persoal sanitario non facultativo (categorías de diplomados sanitarios e formación sanitaria con prestación de servizos neste ámbito).

I. Cobertura do 100 % da actividade urxente nun triplo ámbito:

– Servizos de urxencias, gardas, unidades de coidados intensivos, reanimación poscirúrxica, hospital de día, hematoloxía e diálise.

– Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos usuarios que requiran intervención cirúrxica inaprazable no ingreso.

– Atención aos paritorios.

II. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos pacientes hospitalizados.

III. No ámbito da atención ambulatoria realizarase o apoio das consultas de hospital de día oncohematolóxico e o apoio das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

IV. No ámbito dos servizos centrais garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran aos pacientes hospitalizados que, a criterio do persoal facultativo, sexan necesarias. Así mesmo, apoio ás consultas inaprazables dos pacientes oncolóxicos e dos pacientes desprazados.

V. Garantirase a dispensación de sangue, medicamentos e produtos sanitarios.

C. Persoal non sanitario

I. Urxencias: o 100 % do persoal.

II. Área de hospitalización: un número necesario para garantir a asistencia aos pacientes hospitalizados.

III. Área de admisión e documentación clínica: un número necesario para garantir a asistencia aos pacientes hospitalizados.

IV. Cita previa: un número de efectivos que garantan a atención aos pacientes que o requiran, ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

V. Atención ao paciente: un número de efectivos que garantan a atención ao doente que o requira, ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

VI. Servizos de mantemento: un número necesario para garantir o correcto funcionamento dos servizos sanitarios.

VII. Servizo de lavandaría e lenzaría: un número necesario para garantir a asistencia ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

VIII. Limpeza: ata un máximo do 60 % dos efectivos da quenda.

IX. Hostalaría: un número necesario para garantir a asistencia en función das prestacións dependentes de hostalaría do centro.

Coa finalidade de garantir o adecuado mantemento do servizo, servirase, con carácter xeral, un único menú aos pacientes que non requiran dieta médica especial.

X. Condutores: un número necesario para garantir a asistencia cun mínimo, en todo caso, dun efectivo.

XI. Servizos administrativos:

– Información: o número de profesionais necesario para garantir a debida información aos pacientes.

– Persoal: o número imprescindible para garantir as incidencias e xestións derivadas da folga e como máximo ata o 40 % dos efectivos da quenda.

– Subministracións: o número imprescindible para garantir os pedidos urxentes e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

– Almacén: o número imprescindible para a xestión do almacén e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

Contabilidade: o número imprescindible para as xestións urxentes e ata un 25 % dos efectivos da quenda.

XII. Outras áreas de traballo ou servizos: establecerase, con carácter xeral, un número necesario para garantir a asistencia sanitaria.

Artigo 2

A determinación dos/as profesionais necesarios deberá estar suficientemente motivada. A xustificación debe obrar no expediente de determinación de mínimos do centro e debe exteriorizarse axeitadamente para xeral coñecemento dos/as destinatarios/as. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as prestacións mínimas.

Os/as profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados nos taboleiros de anuncios do centro, ao con 48 horas de anticipación á data da folga.

Coas premisas precedentes determinase o número de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos durante as xornadas de folga, tal e como figura no cadro anexo.

Artigo 3

A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer nos/as profesionais de xeito rotatorio, será determinada pola dirección do hospital e notificada aos profesionais designados.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 4

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios do centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 5

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 6

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2013

Por delegación de sinatura da conselleira de Sanidade
(Resolución do 24 de xullo de 2013)
María Nieves Domínguez González
Xerente do Servizo Galego de Saúde

ANEXO

Servizos mínimos

Servizos de hostalaría

• Almacén

Dous almaceneiros

• Cociña

Persoal de domingos

• Camareiras

Persoal de domingos

• Limpeza Nefroloxía, Urxencias, UVI-UDI-UMI, Bloque cirúrxico, Queimados e Partos

Persoal habitual

Enfermaría

• Plantas de hospitalización

Persoal de domingos

• Quirófano e posoperatorio

Persoal de domingos

• Consultas ambulatorias

Persoal necesario para atender as consultas de pacientes oncolóxicos

• Nefroloxía

Persoal habitual

• Hospital de día de quimioterapias

Persoal habitual

• Matronas

Persoal habitual

• Urxencias-UCO

Persoal habitual

• UVI-UDI-UMI

Persoal habitual

• Queimados

Persoal habitual

• HADO

Persoal habitual

• Clínica de día

50 % persoal habitual

Servizos centrais

• Laboratorio

Persoal de sábados

• Anatomía patolóxica

Un técnico

• Farmacia

Dúas enfermeiras en quimio e unha auxiliar

• Rehabilitación

Persoal de domingos

• Radioloxía xeral

Persoal de domingos

• Mamografías

Un técnico quenda partida

• Ecografías

Sen servizos mínimos

• TAC

Un técnico de mañá e tarde

• RMN

Un técnico de mañá e tarde

• Radioterapia

Persoal habitual

• Medicina nuclear

Persoal habitual

Administrativos

• Arquivo

Un administrativo de mañá e tarde

• UCAS

Un administrativo de mañá e tarde

• 1ª planta

Un administrativo de mañá e un de tarde

• Recepción central

Un administrativo de mañá e tarde e un a quenda partida

• Urxencias

Persoal habitual

• Dirección xeral

Un administrativo

• Persoal

Dous administrativos

Servizos xerais

• Mantemento

Persoal de domingos + 1 electrónico de mañá e 1 de tarde

• Control de visitas

Persoal de domingos

• Telefonistas

Persoal de domingos

• Informática

Un informático a quenda partida

• Microinformática

Un microinformático a quenda partida

Servizos médicos

• Plantas de hospitalización

Persoal de sábados

• Laboratorio

Persoal de sábados

• Anatomía patolóxica

Persoal de sábados

• Farmacia

Persoal de sábados

• Radioloxía xeral

Persoal de sábados

• Quirófano e posoperatorio

Persoal de domingos

• Nefroloxía

Persoal habitual

• Urxencias-UCO

Persoal habitual

• UVI-UDI-UMI

Persoal habitual

• Queimados

Persoal habitual

• HADO

Persoal habitual

• Clínica de día

Persoal habitual

• Radioterapia

Persoal habitual

• Medicina nuclear

Persoal habitual

• Consultas ambulatorias

Persoal necesario para atender as consultas de pacientes oncolóxicos