Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Mércores, 14 de agosto de 2013 Páx. 32980

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 134/2013, do 1 de agosto, polo que se procede á reorganización das entidades instrumentais adscritas á Consellería de Economía e Industria con competencias en materia de innovación e se modifica a estrutura orgánica da dita consellería.

A Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia foi constituída o 1 de outubro de 1996 en escritura pública outorgada ante o notario, con residencia en Santiago de Compostela, José Antonio Montero Pardo, co número de protocolo 1699 de 1996, e declarada de interese galego polo Consello da Xunta de Galicia en sesión do día 19 de decembro de 1996 (DOG nº 253, do 30 de decembro).

Son fins da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, entre outros de interese xeral, o fomento do desenvolvemento tecnolóxico e a investigación, e ten a consideración de medio propio instrumental e de servizo técnico da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia segundo a modificación estatutaria aprobada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 17 de marzo de 2010.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN), é unha axencia pública autonómica creada polo Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro (DOG nº 19, do 27 de xaneiro) que ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas, e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas, a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes, asumindo, entre outras, as competencias da extinta Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

O Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG) é un centro integrado na Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia que desenvolve funcións análogas ás que se atribúen ao Servizo de Metroloxía e Laboratorios oficiais e ao Laboratorio de Contrastación de Metais Preciosos no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 140, do 24 de xullo).

O I Plan de Avaliación de Entidades dependentes da Xunta de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na sesión do 22 de abril de 2010, propón a refundición e reformulación da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, na cal xa se operou unha importante estruturación.

Tendo en conta a similitude de obxecto e fins entre a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e a Axencia Galega de Innovación, e entre o LOMG e o Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficias, procede autorizar a extinción da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, de tal maneira que asuma os seus medios persoais e materiais a Axencia Galega de Innovación, agás o LOMG, que será asumido pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas. Adóptanse tamén as disposicións que determinan o destino dos bens, dos dereitos e das obrigas dos ditos organismos, así como as medidas aplicables aos empregados do organismo que se suprime, no marco da lexislación reguladora de cada tipo de persoal, ao abeiro do disposto no artigo 44 do Estatuto dos traballadores verbo da sucesión de empresa.

O Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción (DOG nº 112, do 13 de xuño), é de aplicación ao persoal da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e permite a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia, cumprindo determinados requisitos.

O artigo 114 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dispón que a constitución, transformación, modificación de estatutos, fusión e extinción das fundacións do sector público da Comunidade Autónoma, os actos que impliquen a perda do seu carácter de fundación do sector público autonómico ou a adquisición de tal carácter por unha fundación preexistente deberán ser autorizados por acordo do Consello da Xunta. No mesmo sentido o artigo 22 dos Estatutos da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia prevén a súa extinción por acordo do Padroado.

O acordo adopta a forma de decreto co obxecto de efectuar as modificacións na estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, para o cal se modifica o Decreto 110/2013, do 4 de xullo (DOG nº 140, do 24 de xullo), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

O Padroado da Fundación adoptará o preceptivo acordo segundo o previsto no artigo 22 dos seus estatutos.

De conformidade co exposto, por iniciativa da Consellería de Economía e Industria, vistos os informes favorables das consellerías competentes en materia de administracións públicas e facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día un de agosto de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1. Autorización da extinción da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia

Autorízase a extinción da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 114 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 2. Destino dos bens, dos dereitos e das obrigas da Fundación

A Axencia Galega de Innovación subrogarase nos bens, dereitos e obrigas da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, agás os correspondentes á rama de actividade da Fundación constituída polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia.

A Administración xeral da Comunidade Autónoma subrogarase nos bens, dereitos e obrigas da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia correspondentes á rama de actividade da Fundación constituída polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia.

Artigo 3. Integración do Laboratorio Oficial de Contrastación de Metais Preciosos no Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia

Suprímese o Laboratorio Oficial de Contrastación de Metais Preciosos, unidade administrativa adscrita á Consellería de Economía e Industria a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial, dependendo funcionalmente do Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais. As súas funcións e competencias serán asumidas polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia desde que se produza a súa integración na Administración xeral da Comunidade Autónoma.

O persoal afectado quedará á disposición do secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria, de conformidade co disposto no artigo 7.2.a.7) do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia (DOG nº 213, do 3 de novembro de 2008).

Artigo 4. Disposicións relativas ao persoal laboral fixo da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia

1. O persoal laboral fixo da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, coa excepción do punto seguinte, adscribirase á Axencia Galega de Innovación como persoal laboral fixo dende a data da efectividade do traspaso, subrogándose a GAIN nos dereitos e obrigas laborais e de Seguridade Social da fundación de acordo co establecido na lexislación laboral.

2. O persoal laboral fixo que presta servizos no Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia adscribirase á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria como persoal laboral fixo desde a data da efectividade do traspaso, subrogándose a Xunta de Galicia nos dereitos e obrigas laborais e de Seguridade Social da fundación de acordo co establecido na lexislación laboral.

3. Como regra xeral, o persoal laboral fixo da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia integrarase voluntariamente como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, logo do procedemento previsto na correspondente orde de convocatoria e sempre que se cumpran os requisitos establecidos no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

4. No prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto, a Consellería de Economía e Industria efectuará a proposta de inicio do proceso de integración a que se refire o título II do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable a persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

Artigo 5. Disposicións relativas ao persoal laboral indefinido non fixo da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia

1. O persoal laboral que teña a condición de indefinido non fixo e preste servizos na Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, coa excepción do punto seguinte, adscribirase á Axencia Galega de Innovación nas mesmas condicións de contratación existentes na fundación de procedencia, co mesmo réxime e condicións que tiña na fundación e con efectos desde a data da súa transmisión.

2. O persoal laboral que teña a condición de indefinido non fixo e preste servizos no Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia adscribirase á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria nas mesmas condicións de contratación existentes na fundación de procedencia, co mesmo réxime e condicións que tiña na fundación e con efectos desde a data da súa transmisión.

3. A GAIN e, se é o caso, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, subrogaranse nos dereitos e obrigas laborais e de Seguridade Social da dita fundación, de acordo co establecido na lexislación laboral.

Artigo 6. Disposicións relativas á adscrición e reorganización do persoal temporal da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia

O persoal laboral temporal da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia que desenvolve obras ou servizos determinados nas actividades que, respectivamente, son asumidas pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas e a Axencia Galega de Innovación, adscribirase a estas nas mesmas condicións de contratación existentes na fundación de procedencia, agás que se produza o fin da obra ou o servizo que o dito persoal viñese desempeñando, caso en que a relación laboral se extinguirá, coas consecuencias establecidas na lexislación laboral.

Artigo 7. Relacións de postos de traballo da Axencia Galega de Innovación e da Consellería de Economía e Industria

1. As relacións de postos de traballo da Axencia Galega de Innovación e da Consellería de Economía e Industria deberán ser obxecto das modificacións necesarias para axustalas ás consecuencias desta asunción do persoal da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

Para estes efectos, a Axencia Galega de Innovación e, se é o caso, a Consellería de Economía e Industria, procederán a realizar de oficio un estudo organizativo do servizo, tendo en conta a racionalización da súa estrutura orgánica, a evitación de tarefas redundantes e as duplicidades, mantendo o emprego estrutural, así como as previsións orzamentarias, e a propoñer a modificación da relación de postos de traballo ou do cadro de persoal, para a súa creación formal ou ben a amortización daqueles postos que non sexan necesarios para o funcionamento do servizo.

2. A cobertura dos postos de traballo polos procedementos legalmente establecidos ou a aprobación da súa amortización producirá a extinción da relación laboral, de acordo co disposto na lexislación laboral, todo isto sen prexuízo de que o traballador poida acceder ao emprego público logo da superación do correspondente proceso selectivo.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación da estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria

Un. Modifícase o parágrafo segundo do artigo 29 do Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que queda coa seguinte redacción:

«O Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, adscrito á Consellería de Economía e Industria a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial, dependerá funcionalmente do Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais e exercerá competencias en materia de metroloxía legal e industrial e contrastación de metais preciosos, así como as que lle atribúa a Dirección Xeral de Enerxía e Minas».

Dous. Modifícase a alínea a) do número 2 do artigo 35 do Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que queda coa seguinte redacción:

«a) O Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial da Dirección Xeral de Enerxía e Minas».

As modificacións citadas producirán os seus efectos a partir da data da efectividade do traspaso do persoal, bens e dereitos da Fundación á Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería de Economía e Industria para ditar cantas medidas sexan necesarias para a execución deste decreto e, singularmente, para establecer mediante resolución a relación do persoal e de bens da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia que se traspasan á Axencia Galega de Innovación e á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, así como para fixar a data e efectividade do traspaso.

Disposición derradeira terceira. Adscrición do persoal

Por resolución do conselleiro de Economía e Industria e, se for o caso, do director da Axencia Galega de Innovación, disporase a adscrición do persoal correspondente á Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia á nova estrutura orgánica da consellería derivada deste decreto ou á estrutura da Axencia, mentres non se proceda á aprobación das relacións de postos de traballo adaptadas á nova situación.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de agosto de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria