Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Mércores, 14 de agosto de 2013 Páx. 33136

IV. Oposicións e concursos

Parlamento de Galicia

RESOLUCIÓN da Presidencia do Parlamento de Galicia, do 1 de agosto de 2013, pola que se convocan probas selectivas para a cobertura dunha praza, por promoción interna, do corpo administrativo do Parlamento de Galicia e pola que se aproban as bases reguladoras do procedemento de selección.

De conformidade coas medidas de planificación dos recursos humanos para o ano 2013 adoptadas pola Mesa do Parlamento de Galicia, entre as que se inclúe proceder á convocatoria dunha praza do corpo administrativo do Parlamento de Galicia, mediante promoción interna, ao abeiro do disposto nos artigos 30.1.2 e 60.3 do Regulamento do Parlamento de Galicia e 16 do seu Estatuto de persoal, a Presidencia do Parlamento de Galicia, facendo uso da delegación de competencias conferida pola Mesa do Parlamento de Galicia mediante acordo do 13 de xullo de 2009 (BOPG núm. 48, do 13 de xullo), aprobou as seguintes bases que rexerán as probas selectivas para a provisión desta praza.

Bases

Primeira. Normas xerais

1.1. Características da praza.

Convócase proceso selectivo para cubrir, mediante promoción interna, unha praza do corpo administrativo, grupo C, incluída na relación de postos de traballo do Parlamento de Galicia.

A praza está dotada coas súas retribucións correspondentes, consignadas nos orzamentos do Parlamento de Galicia para o ano 2013.

A este proceso selectivo élle aplicable o Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia e o disposto nesta convocatoria.

1.2. Procedemento de selección.

Ao abeiro do establecido no artigo 35 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia, o sistema de selección será, mediante promoción interna, o de concurso-oposición.

1.3. Incompatibilidades.

O posto de traballo está sometido ao réxime xeral de incompatibilidades establecido no Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

Segunda. Requisitos dos aspirantes

2.1. Xerais.

Para seren admitidos/as á realización das probas selectivas, os/as aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Pertencer como funcionario/a de carreira ao corpo auxiliar do Parlamento de Galicia (grupo D) e ter unha antigüidade nese corpo de, polo menos, dous anos.

b) Non exceder a idade de xubilación forzosa.

c) Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter o título de bacharelato (LOE), bacharelato (LOXSE), bacharelato unificado polivalente (Lei 14/1970, do 4 de agosto, xeral de educación), bacharelato superior (plan 1957), técnico (LOE), técnico (LOXSE), técnico especialista da Lei 14/1970 ou equivalente, ou ter aprobadas as probas de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase posuír o documento acreditativo da súa homologación.

d) Non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das funcións correspondentes.

e) Non ter sido obxecto dunha separación de servizo de calquera administración pública mediante expediente disciplinario nin dunha inhabilitación con carácter firme para o exercicio de funcións públicas.

2.2. Concorrencia.

Os requisitos establecidos no punto anterior deberán cumprirse no último día de prazo de presentación de solicitudes e manterse ata o momento de toma de posesión da praza resultante deste proceso selectivo.

Terceira. Solicitudes

3.1. Forma.

Quen desexe tomar parte nas probas selectivas deberá formular a súa solicitude segundo o modelo do anexo I, que tamén estará dispoñible na páxina web do Parlamento de Galicia. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Xustificante de ter aboados os dereitos de exame ou, na súa falta, de ser o caso, documentación acreditativa de se atopar nalgunha das situacións susceptibles da exención do pagamento ás que fai referencia esta convocatoria.

b) Declaración de que non se atopa separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha administración pública nin inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas, e de que non padece enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das correspondentes funcións (anexo III).

c) Documento xustificativo orixinal ou fotocopia debidamente compulsada do nivel Celga 4 ou de perfeccionamento de coñecemento da lingua galega, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, para os efectos da exención prevista no segundo exercicio.

d) Documentación acreditativa dos méritos alegados na fase de concurso.

3.2. Destinatario, prazo e lugar de presentación.

As solicitudes haberán de dirixirse á Presidencia do Parlamento de Galicia. O prazo de presentación será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación de solicitudes farase no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia, situado na rúa do Hórreo, en Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.3. Dereitos de exame.

O aboamento do seu importe, de 30,56 euros, acreditarase acompañando á solicitude para participar nas probas selectivas o xustificante do ingreso realizado mediante transferencia bancaria na conta corrente de Novagalicia Banco 2080-0388-21-3110000502, no cal se indicará o seguinte concepto: «Dereitos de exame do proceso selectivo dunha praza do corpo administrativo do Parlamento de Galicia. DNI do solicitante ....».

Aos/Ás aspirantes excluídos/as devolveráselles o importe ingresado, sempre que o soliciten no prazo dun mes, contado desde a publicación da relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Non obstante, estarán exentos/as do pagamento da taxa dos dereitos de exame os/as aspirantes que estean incursos/as nalgunha das situacións a que fai referencia a normativa vixente en materia de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3.4. Os/As aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecida polo órgano competente, e deberán solicitar as posibles adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria.

Cuarta. Admisión de aspirantes

Relacións de admitidos/as e excluídos/as.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Presidencia ditará resolución na que se declarará aprobada a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, con indicación dos apelidos, o nome e o número de documento nacional de identidade, xunto coa motivación da exclusión, de ser o caso. Esta resolución publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es).

Os/As aspirantes excluídos/as dispoñerán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivase a exclusión. Para tal efecto, a estimación ou a desestimación destas peticións de emenda entenderanse implícitas na resolución pola que se determine a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as.

Transcorrido este prazo, a Presidencia ditará resolución definitiva, contra a que se poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante este órgano no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A resolución definitiva será obxecto da mesma publicidade que a provisional.

O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se lles recoñeza aos/ás interesados/as a posesión dos requisitos exixidos nestas bases. Cando da documentación que deba presentarse, no caso de superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúe algún dos requisitos, o/a interesado/a decaerá en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste procedemento.

A resolución definitiva determinará o lugar, a data e a hora do comezo do primeiro exercicio.

Quinta. Tribunal cualificador

5.1. Composición.

O tribunal cualificador das probas selectivas será designado pola Presidencia da Cámara de acordo coa normativa reguladora da función pública aplicable nesta materia e non poderá estar composto maioritariamente por persoal do corpo ou escala de que se trate. Ningunha persoa integrante terá titulación inferior á exixida para a admisión ás probas. Na súa composición debe atenderse aos principios de imparcialidade e profesionalidade e ao disposto no artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes.

O tribunal poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide necesarios. Estes/as asesores/as limitaranse a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores/as deberá comunicárselle á Presidencia do Parlamento de Galicia.

5.2. Abstención e recusación.

Os membros do tribunal deberán absterse ou poderán ser recusados por calquera interesado/a, e particularmente polos/as aspirantes, cando concorran algúns dos supostos previstos nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes relativas a procesos selectivos de acceso ao corpo e escala aos que corresponde a praza obxecto desta convocatoria nos cinco anos anteriores á súa publicación, debendo, neste caso, comunicarllo á Presidencia do Parlamento. Cando se produza esta situación e, consecuentemente, a vacante dun membro do tribunal titular, o seu suplente cubrirá este posto e a Presidencia designará un novo suplente.

A presidenta ou o presidente, na sesión de constitución do tribunal, solicitará dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontraren incursos nas circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou na prevista nestas bases.

5.3. Constitución e actuación.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de polo menos tres dos seus membros.

As decisións adoptaranse por maioría dos presentes.

Por cada sesión do tribunal estenderase acta, coa sinatura do secretario ou secretaria e co visto e prace do presidente ou presidenta.

5.4. O tribunal non poderá en ningún caso aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao da praza convocada. Será nula de pleno dereito calquera proposta de aprobados/as que o contraveña.

Sexta. Proceso de selección

6.1. Fase de oposición.

Os programas que rexen as probas selectivas son os publicados como anexo II a estas bases.

6.1.1. Exercicios. Constará de dous exercicios de carácter obrigatorio e eliminatorio.

a) Primeiro exercicio. Constará de dúas probas:

– Primeira proba: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cincuenta preguntas tipo test sobre o contido do temario (agás os temas 23, 24 e 25), con tres respostas alternativas propostas polo tribunal, das que só unha será a correcta. No test poderanse incluír ata cinco preguntas máis de reserva para o caso de que se anule algunha das mencionadas anteriormente.

Por cada resposta incorrecta non se descontará ningunha resposta correcta.

O tempo máximo de duración desta proba será de sesenta minutos.

– Segunda proba: consistirá na resolución dun suposto práctico relacionado cos contidos do temario, para o que será requisito o manexo das ferramentas informáticas a que se refiren os temas 23, 24 e 25. Polo tanto, esta segunda proba deberá realizarse nun ordenador, o cal se lle facilitará a cada opositor/a.

O tempo máximo de duración desta proba será de dúas horas. O tribunal poderá determinar a realización das dúas probas na mesma sesión, sen prexuízo de que poida dispoñer a realización dunha pequena pausa entre unha e outra proba.

Cada proba cualificarase de 0 a 15 puntos. A cualificación total do exercicio será o resultado da suma das puntuacións da primeira e da segunda proba. Para poder superar este primeiro exercicio e poder realizar o segundo será necesario acadar unha puntuación mínima de 15 puntos.

b) Segundo exercicio. De carácter obrigatorio. Consistirá na realización de dúas traducións, unha do castelán ao galego e outra do galego ao castelán, durante o prazo máximo dunha hora.

Este exercicio cualificarase como apto/a ou non apto/a, e para superalo cómpre obter o resultado de apto/a.

Están exentos/as da realización deste exercicio os/as aspirantes que acrediten posuír, no día de remate do prazo de presentación de solicitudes, o nivel Celga 4 ou de perfeccionamento no coñecemento da lingua galega, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, para os efectos da exención prevista no segundo exercicio.

6.1.2. Unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, a puntuación da fase de oposición publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es). Concederase a partir de entón un prazo de dez días para que os/as aspirantes efectúen ante o tribunal as alegacións que coiden oportunas.

6.1.3. Os/As aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos/as do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identificación, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán levar bolígrafo azul ou negro.

6.1.4. Os exercicios realizaranse a porta pechada, sen outra presenza que a dos/das opositores/as, os membros do tribunal e os/as colaboradores/as designados por este.

6.1.5. Os/As aspirantes non poderán acudir ao recinto do exame provistos de teléfono móbil, obxectos ou demais dispositivos de carácter electrónico.

6.2. Fase de concurso.

A fase de concurso consistirá na valoración dos seguintes méritos aos/ás aspirantes que superen a fase de oposición:

a) Antigüidade, ata un máximo de 6 puntos:

1. Por servizos prestados como funcionario/a de carreira no extinto grupo E ou no actual grupo D do Parlamento de Galicia: 0,019 puntos/mes. Para estes efectos, considéranse servizos prestados o tempo de gozo da excedencia para o coidado de fillos/as e familiares.

2. Por servizos prestados como funcionario/a de carreira nos distintos corpos doutras administracións públicas nos grupos a que fai referencia o número anterior: 0,010 puntos/mes. Para estes efectos, considéranse servizos prestados o tempo de gozo da excedencia por coidado de fillos/as e familiares.

b) Traballo desenvolvido, ata un máximo de 4 puntos:

Segundo o grao persoal consolidado, do seguinte xeito:

– Nivel 13: 3 puntos.

– Nivel 14: 3,5 puntos.

– Nivel 17: 4 puntos.

c) Formación, ata un máximo de 2,5 puntos:

Pola realización de cursos de formación impartidos por escolas oficiais de formación das comunidades autónomas, universidades, administracións públicas ou por outras entidades, sempre que neste último caso os cursos conten cunha homologación oficial.

Para estes efectos valoraranse os cursos realizados sobre procedemento administrativo, arquivo, atención ao cidadán, seguranza e saúde laboral, contratación administrativa, xestión administrativa, persoal, igualdade, dereito sancionador, responsabilidade patrimonial, linguaxe administrativa, informática, idiomas oficiais da Unión Europea e calquera outra materia relacionada coas funcións propias deste tipo de postos de traballo.

A valoración dos cursos farase de acordo cos seguintes criterios:

– Por cada curso igual ou superior a 12 horas lectivas e ata 39 horas lectivas: 0,30 puntos por curso.

– Por cada curso igual ou superior a 40 horas lectivas e ata 74 horas lectivas: 0,50 puntos por curso.

– Por cada curso igual ou superior a 75 horas lectivas: 1 punto por curso.

Non se valorarán os cursos que non acrediten as horas de duración, os cursos inferiores a 12 horas lectivas nin os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares.

d) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ata un máximo de 0,5 puntos:

– Licenza de maternidade: 0,20 puntos/licenza.

– Permiso de paternidade: 0,20 puntos/permiso.

– Redución de xornada prevista no artigo 59.1.f) do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia: 0,20 puntos. Para estes efectos, só se computará unha redución por ano.

– Excedencia para coidado de fillos/as e familiares: 0,04 puntos/mes.

6.2.1. A puntuación obtida na fase de concurso non poderá superar os 12 puntos, sumados todos os méritos a que se refire a base 6.2.

6.2.2. A experiencia alegada nos puntos anteriores deberase referir á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

6.2.3. As puntuacións obtidas na fase de concurso faranse públicas no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia, con posterioridade ao remate do prazo para presentar alegacións ás puntuacións da fase de oposición da base 6.1.2.

Os/As aspirantes dispoñerán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para efectuaren ante o tribunal as alegacións que coiden oportunas respecto da puntuación outorgada na fase de concurso.

6.2.4. Os méritos a que se refiren os puntos 6.2.a).1, 6.2.a).2 e 6.2.b) deberán manifestarse na solicitude e acreditarse coa seguinte documentación, segundo o modelo do anexo IV:

a) No caso de servizos prestados no Parlamento de Galicia, mediante certificación da unidade administrativa do Parlamento de Galicia competente en materia de recursos humanos.

b) No caso de servizos prestados noutras administracións públicas, mediante certificación da unidade de persoal do organismo correspondente. No suposto de que tales servizos xa consten na Administración parlamentaria, poderán acreditarse coa certificación da unidade administrativa do Parlamento de Galicia competente en materia de recursos humanos.

Xunto co certificado achegarase documentación acreditativa debidamente compulsada dos méritos nel reflectidos, entre a que se incluirá o nomeamento como persoal funcionario, interino, contratado administrativo ou contratado laboral.

Non se terán en conta as certificacións que non se axusten ao establecido nestes puntos ou que, en calquera caso, non xunten a documentación acreditativa dos méritos reflectidos na certificación.

6.2.5. Os méritos a que se refire o punto 6.2.c) deberán manifestarse na solicitude e acreditaranse mediante copia compulsada do título ou diploma acreditativo.

6.2.6. Os méritos a que se refire o punto 6.2.d) deberán manifestarse na solicitude e acreditaranse mediante certificación expedida pola unidade administrativa competente en materia de recursos humanos do Parlamento de Galicia.

Sétima. Desenvolvemento dos exercicios

7.1. Os exercicios distribuiranse en galego. Non obstante, tamén se lles distribuirán en castelán aos/ás aspirantes que así o soliciten.

7.2. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos/as polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa personalidade.

7.3. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tiver coñecemento de que algún/algunha aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos pola convocatoria, logo da audiencia do/a interesado/a, deberá acordar a súa exclusión, se procede.

7.4. Os/As aspirantes serán convocados/as para cada exercicio en único chamamento e será excluído/a da oposición quen non compareza.

7.5. A publicación do anuncio de realización do segundo exercicio será efectuada polo tribunal na páxina web do Parlamento de Galicia con polo menos corenta e oito horas de anticipación á hora sinalada para a súa iniciación.

Oitava. Lista de aprobados

Ao rematar as probas, o tribunal sumará os resultados obtidos por cada aspirante nas fases de concurso e oposición, o que será publicado no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, e elevaralle á Mesa do Parlamento proposta en favor do/a aspirante que obtivese a maior puntuación.

No suposto de empate nas puntuacións de dous/dúas ou máis aspirantes, aquel resolverase a favor do/a aspirante que obtivese a puntuación máis alta na primeira proba do primeiro exercicio. De continuar o empate, resolverase acudindo á puntuación obtida na fase de concurso. De persistir o empate, resolverase por orde alfabética segundo o sorteo que se efectuará, de ser o caso.

Novena. Presentación de documentos

9.1. O/A aspirante que superase o proceso selectivo deberá presentar ante a Presidencia do Parlamento, no prazo de vinte días naturais desde que se faga público o acordo de aprobación pola Mesa do Parlamento de Galicia, e para o caso de que non conste na Administración parlamentaria, a fotocopia compulsada do título exixido na base 2.1.c) ou certificación académica, co xustificante do aboamento dos dereitos de expedición do título.

9.2. Se dentro do prazo fixado, e agás os casos de forza maior libremente apreciados polo letrado oficial maior, non presentase a documentación ou do exame dela se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base segunda, non poderá ser promocionado/a e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorra por falsidade na solicitude inicial.

Décima. Nomeamento

Unha vez presentados os documentos aos que fai referencia a base anterior, logo de transcorrer o prazo de presentación daqueles, a Presidenta procederá ao nomeamento do/a aspirante que superase o proceso selectivo como persoal funcionario do corpo administrativo do Parlamento de Galicia, que se publicará no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia. Deberá prestar xuramento ou promesa de cumprir fielmente as obrigas do cargo e gardar e facer gardar a Constitución e o Estatuto de autonomía de Galicia, e tomar posesión do seu posto dentro do prazo dun mes desde a notificación do nomeamento.

Décimo primeira. Cláusula derradeira

Contra esta convocatoria, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, potestativamente, recurso de reposición ante a Mesa do Parlamento de Galicia no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o artigo 10.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Os actos administrativos que deriven desta convocatoria e da actuación dos tribunais poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2013

Pilar Rojo Noguera
Presidenta do Parlamento de Galicia

ANEXO II
Temario

1. O Regulamento do Parlamento de Galicia: natureza e estrutura.

2. Os órganos parlamentarios: a Presidencia, a Mesa, as comisións, as ponencias, o Pleno, a Deputación Permanente e a Xunta de Portavoces. Os grupos parlamentarios. A xestión administrativa da súa actividade.

3. O funcionamento do Parlamento: a orde do día, as sesións e os debates.

4. O procedemento lexislativo ordinario. Os proxectos e as proposicións de lei. A súa tramitación administrativa.

5. Os procedementos lexislativos especiais. A súa tramitación administrativa.

6. Os diversos procedementos parlamentarios: a investidura, a moción de censura e a cuestión de confianza.

7. As interpelacións e as preguntas. As proposicións non de lei e as mocións. A súa xestión administrativa.

8. Os debates xerais, as comparecencias e as sesións informativas.

9. A lei: concepto e clases. Disposicións do executivo con forza de lei: decretos lei e decretos lexislativos.

10. O regulamento: clases. Fundamento e límites da potestade regulamentaria.

11. O acto administrativo: concepto e clases. Elementos do acto administrativo. Suxeito, obxecto, causa, fin e forma. Eficacia. Executividade e suspensión. Nulidade e anulabilidade. Denegación e revisión de oficio.

12. O procedemento administrativo: concepto e natureza. A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común: ámbito de aplicación. Principios informadores.

13. Iniciación, ordenación, instrución e finalización do procedemento administrativo.

14. Os recursos administrativos: concepto e clases. Requisitos xerais. Materias impugnables, lexitimación e órganos competentes. Recurso de alzada, de reposición e de revisión.

15. A contratación administrativa na Administración parlamentaria. Elementos e clases dos contratos. Formas de adxudicación.

16. Efectos, cumprimento e extinción dos contratos administrativos.

17. Autonomía administrativa do Parlamento. O Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia.

18. O persoal ao servizo da Administración parlamentaria. Clases de persoal. Os sistemas de acceso e provisión. Dereitos e deberes. O réxime disciplinario.

19. As situacións administrativas e o réxime de incompatibilidades do persoal da Administración parlamentaria. Extinción da relación funcionarial.

20. A normativa autonómica do traballo en igualdade en Galicia.

21. O sistema retributivo do persoal da Administración parlamentaria. Nóminas: estrutura e normas de confección. Altas e baixas.

22. O procedemento financeiro da execución do orzamento de gasto. Órganos competentes. Fases do procedemento.

23. Utilización das ferramentas ofimáticas Word e Excel.

24. Utilización da ferramenta ofimática Outlook.

25. Utilización da ferramenta ofimática Adobe.

missing image file
missing image file
missing image file