Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Xoves, 26 de setembro de 2013 Páx. 38041

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2013 pola que se convoca un curso sobre aplicacións informáticas para bases de datos relacionais (Microsoft Access 2010).

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia: derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2013, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), e na cláusula 2ª do Convenio de colaboración asinado o 15 de xaneiro de 2013 entre a Escola Galega de Administración Pública e a Academia Galega de Seguridade Pública para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación anúnciase a convocatoria dun curso sobre aplicacións informáticas para bases de datos relacionais (Microsoft Access 2010), cunha edición, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo

Curso

Denominación

Aplicacións informáticas para bases de datos relacionais
(Microsoft Access 2010)

Modalidade

En liña

Edicións

1

Horas lectivas

50

Prazas

60

2. Obxectivos e contido.

Obxectivos: coñecer a aplicación informática para bases de datos relacionais Microsoft Access 2010 e o seu manexo.

Contido:

• Introdución ás bases de datos e Microsoft Access 2010.

• Bases de datos avanzadas.

• Consultas en Microsoft Access 2010.

• Formularios en Microsoft Access 2010.

• Informes en Microsoft Access 2010.

3. Destinatarios/as.

O curso vai dirixido a persoas de servizos que formen parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia) e que estean integrados nalgunha das seguintes categorías:

• Persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil.

• Profesionais de servizos relacionados coa xestión de riscos e de emerxencias, con independencia do réxime xurídico de xestión: servizos municipais e supramunicipais de protección civil e profesionais dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros municipais e comarcais).

4. Desenvolvemento da actividade.

Ambas as dúas edicións do curso desenvolveranse do seguinte xeito:

• Lugar: a través da plataforma de formación en liña.

• Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado.

• Data de comezo: 23 de outubro.

• Data de remate: 10 de decembro.

• Cuestionarios e tarefas: durante o desenvolvemento do curso o alumnado participante deberá cubrir unha serie de cuestionarios e tarefas de acordo cun calendario de presentación; a non cobertura dalgún no prazo establecido será sancionada coa baixa no curso. No suposto de que os exercicios non acaden un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do profesor, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso.

Os cuestionarios, agás a proba presencial final, e a cobertura das tarefas farase a través da plataforma de formación en liña.

5. Requirimentos técnicos mínimos para os equipos do alumnado.

Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning) son de nivel básico:

Aspectos recomendables para o PC:

• A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

• Preferentemente conexión á internet de banda larga e un antivirus actualizado.

• Navegador: Mozzila Firefox 2 (recomendado) ou Internet Explorer 6.0 ou superior.

• Ter Javascript e cookies activadas no navegador.

• Para ver os documentos en PDF necesitase ter instalado Acrobat Reader.

• Para que funcionen algúns elementos correctamente necesítase ter instalado o Adobe Flash Player.

6. Proba final.

A proba presencial final realizarase o día 17 de decembro ás 17.00 horas na Academia Galega de Seguridade Pública (avda. da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

7. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp: http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario da páxina web da Agasp. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición é de 12 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Academia Galega de Seguridade Pública a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

8. Criterios de selección do alumnado participante.

8.1. Na selección terán preferencia:

1º. Os/as integrantes das agrupacións de voluntarios de protección civil e, dentro delas, as persoas de maior rango xerárquico.

2º. Os/as integrantes dos servizos municipais e supramunicipais de protección civil e emerxencias e, dentro deles, de ser o caso, as persoas de maior rango xerárquico.

3º. As/os profesionais dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros municipais e comarcais).

8.2. En caso de empate en calquera deses grupos terán preferencia as persoas con menor número de cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

8.3. Na selección dentro de cada un dos grupos mencionados nos puntos anteriores reservaranse o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existir suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

9. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es, unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con, polo menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.emerxencias.agasp@xunta.es
ou por fax ao número 886 20 61 23.

10. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

11. Certificado de aproveitamento.

Unha vez rematado o curso e feita a avaliación correspondente, expediranse os certificados de aproveitamento aos alumnos que cumpran as seguintes exixencias:

• Visualización dos contidos.

• Superación dos cuestionarios.

• Formalización das tarefas segundo as exixencias indicadas.

• Superación da proba presencial final do conxunto do curso.

12. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

13. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións deste ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 19 de setembro de 2013

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública