Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Xoves, 3 de outubro de 2013 Páx. 39408

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

DECRETO 155/2013, do 19 de setembro, polo que se modifica o Decreto 112/2011, do 3 de xuño, polo que se regula o procedemento de recoñecemento e rexistro das organizacións de produtores de leite na Comunidade Autónoma de Galicia.

O obxecto do Decreto 112/2011, do 3 de xuño, é regular o procedemento de recoñecemento e rexistro das organizacións de produtores de leite e das súas asociacións en que a sede da súa dirección efectiva radique na Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolvendo o disposto na normativa básica estatal que, no momento da súa aprobación, viña constituída polo Real decreto 460/2011, do 1 de abril, polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite e das organizacións interprofesionais no sector lácteo e se explicitan as decisións de España sobre a contratación no sector lácteo en relación coa normativa europea que modificará para o sector lácteo o Regulamento (CE) nº 1234/2007, do Consello. O dito real decreto foi derrogado polo Real decreto 1363/2012, do 28 de setembro, polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite e das organizacións interprofesionais no sector lácteo e se establecen as súas condicións de contratación. Este último real decreto recolle modificacións na materia debidas aos cambios que sufriu durante a súa tramitación o Regulamento (UE) nº 261/2012, do Parlamento Europeo e do Consello, do 14 de marzo, que modifica o Regulamento (CE) nº 1234/2007, do Consello, no que atinxe ás relacións contractuais no sector do leite e dos produtos lácteos.

Os cambios citados fan necesaria a modificación da normativa autonómica reguladora do recoñecemento e rexistro das organizacións de produtores de leite contida no Decreto 112/2011, do 3 de xuño, sen prexuízo da aplicabilidade directa da normativa comunitaria e estatal correspondente, que se reproduce en parte por razóns de operatividade na aplicación do marco normativo.

O decreto consta dun artigo, tres disposicións derradeiras e catro anexos.

A través del suprímense das definicións da normativa autonómica aquelas que facían referencia aos servizos de substitución e inclúense definicións non previstas na normativa anterior, a saber: organización de produtores transnacional, produtor e transformador.

Modifícase, así mesmo, o artigo 4.1, e establécese a obrigatoriedade do recoñecemento como organización de produtores de leite daquelas entidades que cumpran os requisitos previstos no Decreto 112/2011, do 3 de xuño, modificando tamén as finalidades que deben perseguir as citadas organizacións, limitando estas á adecuación da produción á demanda e á optimización de custos e estabilización de prezos. Esta obrigatoriedade do recoñecemento tamén resulta aplicable ás asociacións de organizacións de produtores previstas no artigo 15.

Tamén se modifica a redacción do primeiro e segundo parágrafo do artigo 5 para aclarar a súa redacción, e disponse que o cómputo do volume da produción comerciable se terá en conta para efectos do volume mínimo comerciable necesario para o recoñecemento das organizacións. Así mesmo, adáptanse ao cambio na normativa básica estatal as referencias normativas previstas nos artigos 8 e 9 do decreto.

Adáptanse determinados prazos que sufriron modificacións ou aclaracións na normativa de referencia, así substitúese o artigo 6 no que se regula o período mínimo de adhesión, reducíndoo a dous anos e fixando os contidos mínimos do Regulamento interno das organizacións de produtores, e, por outro lado, modifícase o artigo 13 para prever a comprobación da produción comerciable mínima referida á data 1 de abril de cada ano.

Finalmente, introdúcense cambios no artigo 10.4 para recoller a comunicación da información aos produtores doutras nacionalidades do recoñecemento en Galicia dunha organización da que formen parte. Esa comunicación efectuarase preferentemente a través da aplicación informática de xestión. Finalmente, substitúense os anexos II, III, IV e V, e en relación co anexo II prevese a posibilidade de presentación do arquivo informático en formato Open Document Database (.odb).

En consecuencia, por proposta da conselleira do Medio Rural e do Mar e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de setembro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 112/2011, do 3 de xuño, polo que se regula o procedemento de recoñecemento e rexistro das organizacións de produtores de leite na Comunidade Autónoma de Galicia

O Decreto 112/2011, do 3 de xuño, polo que se regula o procedemento de recoñecemento e rexistro das organizacións de produtores de leite na Comunidade Autónoma de Galicia, modifícase nos seguintes termos:

Un. O artigo 3 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 3. Definicións

Para os efectos deste decreto serán de aplicación as seguintes definicións:

a) Comercialización: tenza con vistas á venda, á oferta para a venda, á subministración ou a calquera outra forma de posta no mercado de leite cru.

b) Leite cru: leite de vaca, ovella ou cabra que non fose quentado a unha temperatura superior a 40º C nin sometido a un tratamento de efecto equivalente.

c) Organización de produtores transnacional: organización constituída por produtores de leite cuxas explotacións se localicen en dous ou máis Estados membros da Unión Europea.

d) Produtor: o gandeiro, persoa ou agrupación de persoas, que produza e comercialice leite ou se prepare para facelo a moi curto prazo.

e) Transformador: persoa que adquire leite cru para transformala en produtos lácteos».

Dous. O número 1 do artigo 4 queda redactado da seguinte forma:

«1. Deberán ser recoñecidas como organizacións de produtores de leite todas aquelas entidades con personalidade xurídica propia, de carácter civil ou mercantil, constituídas exclusivamente por produtores, que o soliciten e cumpran co obxectivo de perseguir a concentración da oferta e levar a cabo a comercialización da produción dos seus membros.

Ademais, deberán, polo menos, perseguir unha das seguintes finalidades:

a) Garantir que a produción se planifique e axuste de acordo á demanda, sobre todo no referente á calidade e á cantidade.

b) Optimizar os custos de produción e estabilizar os prezos de produción».

Tres. O artigo 5 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 5. Produción comerciable

O volume da produción comerciable calcularase sobre a base das cantidades de leite cru subministradas polos seus membros. O período de referencia para o cálculo será o correspondente aos doce meses anteriores á presentación da solicitude de recoñecemento.

Este cómputo terase en conta para os efectos do volume mínimo comerciable necesario para o recoñecemento das organizacións de produtores».

Catro. O artigo 6 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 6. Período mínimo de adhesión

1. Os socios da entidade deberán adherirse á organización de produtores durante un mínimo de dous anos e, en caso de que desexen causar baixa unha vez concluído o dito prazo, comunicar por escrito a renuncia en calidade de membro coa antelación establecida pola organización.

2. A organización de produtores regulará mediante regulamento interno, polo menos, os seguintes aspectos:

a) Prazo de aviso previo de comunicación de baixa, dunha duración máxima de seis meses.

b) Data de efecto da renuncia, con criterios xerais que eviten discriminacións entre asociados.

c) Posibles penalizacións por incumprimento do período mínimo de adhesión á organización, así como dos incumprimentos derivados do volume de leite comprometido no mandato emitido a favor da organización para que esta realice a negociación no seu nome.

d) Causas de forza maior admitidas para causar baixa nun período inferior ao establecido no número 1 deste artigo.

3. Independentemente do establecido no número anterior, os produtores que incumpran o período mínimo de adhesión establecido no número 1 deste artigo non poderán solicitar a alta noutra organización durante un período dun ano contado desde a data efectiva da baixa.

4. Todas as baixas causadas nunha organización de produtores deberán ser comunicadas por esta ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) nun prazo máximo de 30 días hábiles desde que se produza a dita baixa».

Cinco. O artigo 7 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 7. Presentación da solicitude

1. As entidades solicitantes dirixiranlle a solicitude de recoñecemento contida no anexo III, acompañada, segundo o caso, da documentación prevista nos artigos 8 e 9, á persoa directora do Fogga, órgano competente para a inscrición no Rexistro de Organizacións e Asociacións de Organizacións de Produtores de Leite da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dependentes delas, e unha vez aprobada pola Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, os interesados poderán presentar electronicamente as solicitudes e a documentación que se lle xunte a esta na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.es. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos.

3. As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes de forma presencial por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Seis. O artigo 8 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 8. Documentación que presentarán as entidades solicitantes do recoñecemento como organizacións de produtores de leite

As entidades solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:

a) Copia cotexada do NIF da entidade.

b) Copia cotexada do NIF do representante fiscal ou autorización ao Fogga, de conformidade co disposto no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

c) Copia cotexada dos estatutos da entidade.

d) Copia cotexada do acordo do órgano competente da entidade en que se nomee a persoa representante para os efectos do establecido no Real decreto 1363/2012, do 28 de setembro.

e) Certificación ou informe do responsable da entidade en que figuren o nome e NIF dos membros da xunta directiva, se for o caso.

f) Copia cotexada da documentación que acredite a personalidade xurídica da entidade.

g) Relación dos titulares de explotacións leiteiras pertencentes á entidade, de acordo co anexo II (ficheiro informático).

h) Declaración de compromisos e mandatos dos asociados e da posta no mercado de leite das organizacións de produtores lácteos, de acordo co disposto no anexo IV.

i) Memoria descritiva da dotación de persoal técnico e/ou administrativo do equipamento material de que dispón, con referencia expresa a:

1º. Persoal técnico.

2º. Persoal administrativo.

3º. Locais axeitados e suficientes onde o Fogga poida examinar os documentos e rexistros obrigatorios.

4º. Medios informáticos e de conexión adecuados para o cumprimento das obrigas establecidas».

Sete. O artigo 9 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 9. Documentación que presentarán as entidades solicitantes do recoñecemento como asociación de organizacións de produtores de leite

As entidades solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:

a) Copia cotexada do NIF da entidade.

b) Copia cotexada do NIF do representante fiscal ou autorización ao Fogga, de conformidade co disposto no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

c) Copia cotexada dos estatutos da entidade.

d) Copia cotexada do acordo do órgano competente da entidade en que se nomee a persoa representante para os efectos do establecido no Real decreto 1363/2012, do 28 de setembro.

e) Certificación ou informe do responsable da entidade en que figuren o nome e NIF dos membros da xunta directiva, se for o caso.

f) Copia cotexada da documentación que acredite a personalidade xurídica da entidade.

g) Relación de organizacións de produtores lácteos membros da entidade e documentación xustificativa do seu recoñecemento

h) Declaración de compromisos e mandatos dos asociados e da posta no mercado de leite da entidade».

Oito. Os números 3, 4 e 5 do artigo 10 quedan redactados da seguinte forma:

«3. A persoa directora do Fogga ditará e notificará a correspondente resolución de recoñecemento no prazo máximo dun mes desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

4. Informaranse os produtores de leite da Comunidade Autónoma de Galicia que formen parte da organización desta resolución e, no caso de produtores doutras comunidades autónomas, a autoridade competente da comunidade autónoma á cal pertenzan para o seu traslado aos produtores membros da organización. Para os efectos de información aos produtores doutros países do recoñecemento en Galicia dunha organización da cal formen parte, darase traslado do dito recoñecemento á Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente preferentemente por medios electrónicos».

5. Unha vez transcorrido o prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, entenderase estimada a solicitude por silencio administrativo».

Nove. O número 4 do artigo 13 queda redactado da seguinte forma:

«4. Para os efectos de comprobar o requisito de produción comerciable mínima e número mínimo de produtores/as asociados/as, o Fogga será o encargado de efectuar o dito control o 1 de abril de cada ano. No caso de que se detecte o incumprimento do dito requisito, dentro dunha porcentaxe que non supere o 20 %, a organización disporá dun período de 6 meses para corrixir o incumprimento. Pasado este tempo sen que o incumprimento sexa emendado, a retirada do recoñecemento será efectiva».

Dez. O artigo 15 queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 15. Asociacións de organizacións de produtores

Deberán ser recoñecidas como asociacións de organizacións de produtores de leite todas aquelas entidades con personalidade xurídica propia, constituídas por organizacións de produtores de leite recoñecidas, que así o soliciten da autoridade competente e que sexan quen de levar a cabo eficazmente calquera das actividades dunha organización de produtores recoñecida e cumprir as condicións establecidas no artigo 4».

Once. Os anexos II, III, IV e V substitúense polos que se aproban neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Referencias á normativa estatal

As referencias ao Real decreto 460/2011, do 1 de abril, polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite e das organizacións interprofesionais no sector lácteo e se explicitan as decisións de España sobre a contratación no sector lácteo, en relación coa normativa europea que modificará para o sector lácteo o Regulamento (CE) nº 1234/2007, do Consello, que figuran no Decreto 112/2011, do 3 de xuño, deben entenderse feitas ao Real decreto 1363/2012, do 28 de setembro, polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite e das organizacións interprofesionais no sector lácteo e se establecen as súas condicións de contratación.

Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento.

Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de medio rural para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e ás materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de setembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO II
Datos mínimos que conterá o Ficheiro informático dos titulares de explotacións leiteiras pertencentes á organización de produtores de leite

O ficheiro informático terá formato Access en calquera das súas versións ou Open Document Database (.odb), e incluirá os seguintes datos:

A) Identificación da organización de produtores de leite:

Denominación.

NIF.

Enderezo.

Concello.

Código postal.

Provincia.

Teléfono, fax e enderezo de correo de electrónico.

Nome do representante.

NIF do representante.

B) Identificación dos produtores de leite:

Deseño do rexistro: incluirase unha liña por cada código REGA de explotación de acordo coa seguinte táboa:

Código REGA da explotación conforme o establecido no artigo 5 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo

Letra do NIF do produtor. En caso de se tratar dunha persoa física, cubrirase un cero ou a letra correspondente

DNI ou numeración do NIF do produtor

Letra do NIF do produtor. En caso de se tratar dunha persoa xurídica, cubrirase un espazo en branco

Apelidos e nome do produtor

Data da sinatura do anexo V

Si/non confire mandato por toda a súa produción

Cantidade en quilogramos cedida para a negociación no caso de non conferir mandato por toda a súa produción

Data de inicio da cesión no caso de non conferir mandato por toda a súa produción

Data de remate da cesión no caso de non conferir mandato por toda a súa produción

missing image file
missing image file
missing image file