A disposición derradeira terceira do Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia prevé a aprobación mediante orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza dos modelos normalizados de solicitudes e autorizacións previstas neste regulamento.
En virtude desta previsión aprobáronse os referidos modelos mediante Orde do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 16 de decembro de 2008.
Por outra banda, tamén en desenvolvemento do citado Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia e, en concreto, para a regulación dos sistemas de interconexión de máquinas recreativas e de azar ditouse a Orde do 28 de marzo de 2011, pola que se regula a homologación e autorización de instalación de sistemas de interconexión de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia e mediante a dita orde aprobáronse unha serie de modelos normalizados de solicitudes para os procedementos regulados nesta.
Porén, algúns dos modelos aprobados mediante ambas as dúas ordes precisan ser adaptados á nova realidade normativa xa que o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia foi modificado en varias ocasións e, como consecuencia das ditas modificacións, fóronse introducindo cambios nalgúns procedementos de solicitudes e autorizacións previstos no dito regulamento que deben ter o seu reflexo nos modelos normalizados correspondentes.
Precisamente, en virtude desta necesidade, mediante a disposición derradeira primeira e a disposición derradeira segunda apartado 2 do Decreto 147/2013, do 19 de setembro, facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de xogo para modificar mediante orde os referidos modelos e esta tarefa abórdase na presente orde.
No exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Aprobación de novos modelos
Apróbanse os modelos correspondentes aos procedementos de homologación e inscrición de modelo de máquinas tipo A especial, B, B especial e C no Rexistro de Modelos (PR326X) e de modificación da autorización de instalación e localización (PR327G).
Artigo 2. Modificación de modelos
Modifícanse os modelos correspondentes aos seguintes procedementos:
– Transmisión da autorización de explotación de máquinas (PR329F).
– Inscrición modelo de máquinas tipo A (PR326E) que pasa a denominarse Inscrición de modelo de máquina tipo A no Rexistro de Modelos.
– Modificación substancial da inscrición no Rexistro de Modelos de máquinas tipo A (PR326K) que pasa a denominarse Modificación substancial da inscrición de modelo de máquina tipo A no Rexistro de Modelos.
– Inscrición no Rexistro de Modelos doutros aparellos de xogo (PR326H) que pasa a denominarse Homologación e inscrición no Rexistro de Modelos doutros aparellos de xogo.
– Modificación substancial da inscrición no Rexistro de Modelos (PR326L) que pasa a denominarse Modificación substancial da homologación e inscrición de máquina tipo A especial, B, B especial e C no Rexistro de Modelos.
– Homologación e inscrición de sistemas de interconexión de máquinas (PR326Q).
– Homologación e inscrición de sistemas de interconexión entre establecementos (PR326R).
– Modificación substancial da inscrición no Rexistro de Modelos doutros aparellos de xogo (PR326S).
Artigo 3. Baixa de modelos
Danse de baixa os modelos correspondentes aos procedementos de homologación máquinas tipo A ou recreativas (PR326A), homologación máquinas tipo B e C (PR326C), inscrición máquinas tipo B e C (PR326G), homologación no Rexistro de Modelos doutros aparellos de xogo (PR326D) e cambio do titular do negocio desenvolvido nun local autorizado (PR327D).
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor no día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2013
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza