Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Luns, 7 de outubro de 2013 Páx. 39830

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2013 pola que se convocan cursos dirixidos ao persoal ao servizo da Administración autonómica da Comunidade Autónoma galega.

Aprobado o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2013 polo Consello Reitor, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, modificada pola Lei 10/1989, do 10 xullo,

RESOLVO:

Convocar os cursos dirixidos ao persoal ao servizo da Administración autonómica da Comunidade Autónoma galega cuxas bases, características e contido se detallan nos anexos desta resolución.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2013

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I
Bases

Primeira. Requisitos dos participantes

Poderá participar nas accións formativas convocadas por esta resolución o persoal ao servizo da Administración autonómica da Comunidade Autónoma galega que se atope en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúna os requisitos establecidos para cada un dos cursos no anexo II.

Toda persoa solicitante que no inicio do curso se encontre en situación de baixa laboral por incapacidade temporal, quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

As persoas solicitantes deberán dispor dunha conta de correo electrónico cuxo enderezo terán que indicar na solicitude e dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

Segunda. Actividades de formación

Os cursos realizaranse cos requirimentos, duración e condicións que para cada un deles se indican no anexo II. A información será actualizada e ampliada na páxina web da EGAP, http://egap.xunta.es

Terceira. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es/matricula, e non serán admisibles outras formas de solicitude. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación. Recoméndase facilitar unha conta de correo electrónico e un número de teléfono móbil para enviar mensaxes aos seleccionados.

b) A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar noutro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, remitirán á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a dita documentación por fax ao número 981 54 63 39 ou por correo electrónico ao enderezo xestion.egap@xunta.es, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A dita documentación deberá presentarse dentro do prazo a que fai referencia a letra e) desta base.

e) O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

f) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización.

g) As dúbidas, dificultades técnicas e solicitudes de información serán atendidas pola EGAP a través do número de teléfono 981 54 62 57/981 54 62 46, o número de fax 981 54 63 39 ou o enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Cuarta. Criterios de selección

a) Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto na citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

De haber empate, desfarase de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo. Para o ano 2013, segundo a Resolución do 15 de xaneiro de 2013 (DOG do 22 de xaneiro), comezarase pola letra «X».

b) No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso, poderá completarse o número de alumnos asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do persoal seleccionado

a) A EGAP publicará na súa páxina web http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de tres días hábiles desde a publicación.

Ademais, quen facilite os seus datos na solicitude será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Entenderase que as persoas que non figuren na relación de persoas seleccionadas ou na lista de espera foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ben ocupan un posto máis afastado na lista de espera, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará na súa páxina web http://egap.xunta.es a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar ás actividades formativas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa, mediante o modelo de renuncia publicado na nosa páxina web. Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es

– O número de fax 981 54 63 39.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde a finalización desta actividade.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar as actividades de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia á sesión presencial de apertura, se a houber.

– A lectura detallada dos contidos da actividade formativa. Cada actividade ten uns contidos teóricos que deben ser revisados na plataforma.

– A adecuada realización de todas as actividades que o titor propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non presentación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final.

Ao iniciar da actividade formativa publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación e indicaranse as probas de avaliación previstas, así como as datas en que estas terán lugar. Salvo que se determine outra cousa, nestas actividades as probas de avaliación finais desenvolveranse nos lugares e nas datas que se establezan. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e das horas da proba final.

Para poder aprobar a actividade formativa, o alumnado deberá superar unha proba final de avaliación.

Oitava. Certificado de aproveitamento

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe, en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e na xestión das actividades formativas e pode suprimir algunha, ampliar novas edicións da programación ou programar outras actividades diferentes cando así o exixan as circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Tamén lle corresponde á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. A execución material das actividades queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

3. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP resérvase o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

4. A EGAP poderá modificar os contidos, o desenvolvemento, as datas e os lugares das actividades formativas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento das actividades serán anunciadas na páxina web da Escola.

ANEXO II

Código: FC13219

Lingua alemá

1. Obxectivos.

Proporcionar coñecementos nos distintos niveis da lingua alemá.

2. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Administración autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Desenvolvemento.

Duración: 70 h.

Lugar: teleformación.

Datas: do 23 de outubro ao 20 de decembro de 2013.

Prazas: 200.

4. Contido.

Farase una proba de nivel para determinar o grupo en que se incorporará cada alumno/a:

Nivel A1: verbo sein - xénero e número do substantivo e adxectivo, artigos e a súa declinación.

Abecedario. Pronomes (Was? Wo? Wann? Wie? Wer? Warum? der, die, das, dieser, diese, dieses, jener, jene, jenes, mein/e, dein/e, sein/e, ihr/, partículas interrogativas e negativas: kein/e e nicht. Expresións: da ist / da sind / es gibt,. `auch.`. Nacionalidades e países, números, profesións, expresións da vida diaria, os días da semana, partes do día, horas e datas, números ordinais, comida, presentacións e conversas sinxelas, describir e definir persoas, obxectos.

Nivel A2: modais können e dürfen. Adverbios de frecuencia: immer, oft, häufig, manchmal.

Verbo haben. Imperativo: formación con nicht-kein/e. Verbos de movemento: gehen, abbiegen… Adverbios de cantidade genügend/genug, reichlich, ein wenig/ein bisschen, wenige. Expresións `es gab`,` es lag(en)` e `es stand(en)`. Verbo sein en pasado (Präteritum).

– Situacións con haben e sein. As cores. Roupa e accesorios. Partes do corpo. Descricións. Aniversarios. Edificios e monumentos. Compras. A casa e o fogar.

Nivel B1: Präteritum e Perfekt. Verbos modales: können, müssen, wollen, sollen e haben en presente. A negación con nicht e kein/e. Verbos especiais: sein, haben, werden, können e dürfen. Hast du schon einmal ...? e Hast du jemals ...? (unha vez, algunha vez). Indefinidos etwas, nichts, jemand e niemand. Os adverbios also e deshalb. Weil.

– Formas e materiais. Utensilios habituais. Restaurantes e alimentos. Medios de transporte. Bancos e diñeiro. Animais. Tradicións.

Nivel B2: construción do perfecto co verbo auxiliar sein. Adverbios de pasado (como früher e damals). `es gab/stand/lag e es standen/lagen. Adxectivo: graos comparativo e superlativo. Adverbios «noch» e «schon». haben o sein xunto con «gerade» e « jemals.» Modales können, dürfen, wollen, sollen, müssen e haben. Uso de tun e machen. Estilo indirecto: ordes e suxestións. Uso de Umlaut.

– Traballo e tempo libre. Deportes e xogos. Medicamentos e enfermidades. Tarefas domésticas. Sentimentos. Ambiente; ecoloxía. Expresións e opinións: estado de ánimo. Predicións probables sobre o futuro.

Código: FC13220

Lingua francesa A1 (iniciación)

1. Obxectivos.

Proporcionar coñecementos a nivel inicial (A1) da lingua francesa.

2. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Administración autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Desenvolvemento.

Edicións: 2.

Duración: 50 h por edición.

Lugar: Santiago de Compostela, sede da EGAP.

Datas: de luns a xoves, do 28 de outubro ao 9 de decembro de 2013.

Horario: de 16.00 a 18.00 h.

Prazas: 20 por edición.

4. Contido.

Nivel A1: abecedario, verbo être. Xénero e número do substantivo e adxectivo. Artigos. Pronomes. Formación das interrogativas e negativas. «Passé compossé».

– Nacionalidades e países. Números. Profesións. Expresións da vida diaria. Os días da semana, partes do día, horas e datas. A comida. Presentacións e conversas sinxelas. Describir e definir persoas, obxectos …

Código: FC13221

Lingua francesa B1 (intermedio)

1. Obxectivos.

Proporcionar coñecementos a nivel intermedio (B1) da lingua francesa.

2. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Administración autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Desenvolvemento.

Edicións: 2.

Duración: 50 h por edición.

Lugar: Santiago de Compostela, sede da EGAP.

Datas: de luns a xoves. do 28 de outubro ao 9 de decembro de 2013.

Horario: de 18.00 a 20.00 h.

Prazas: 20 por edición.

4. Contido.

Nivel B1: verbos irregulares: casos. Verbos modais. A concordancia do participio pasado, pluscuamperfecto. Os pronomes dobres. Estilo indirecto en presente. Subxuntivo. Pasivas.

– Formas e materiais. Utensilios de uso diario. Restaurantes e alimentos. Medios de transporte. Bancos e diñeiro. Animais.