Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 18 de outubro de 2013 Páx. 41309

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 17 de outubro de 2013 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 8 de agosto de 2013, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a execución de infraestruturas de uso público destinadas aos concellos de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Diario Oficial de Galicia número 152, do 9 de agosto).

Mediante a Orde do 8 de agosto de 2013, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establecéronse as bases reguladoras e se convocaron subvencións para a execución de infraestruturas de uso público destinadas aos concellos de Galicia.

Esta convocatoria está cofinanciada nun 80 % con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), e nun 20 % con cargo a fondos FCI. Estes fondos Feder están incluídos no programa operativo Feder 2007-2013, no seu eixe 5 de desenvolvemento sustentable local e urbano, tema prioritario 58, actuación 5, que ten como fin, entre outros, as axudas ás entidades locais para infraestruturas de uso público.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A 760.3 (código de proxecto: 2008 00178 Plans de desenvolvemento local), ata unha contía máxima dun millón cento setenta e un mil douscentos setenta e un euros con corenta céntimos (1.171.271,40 €), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Na mesma aplicación orzamentaria e no mesmo código de proxecto orzamentario, existe crédito dispoñible por importe de 123.108,67 € proveniente dunha incorporación de crédito de exercicios anteriores.

Considérase que este crédito é susceptible de aplicarse para o financiamento da convocatoria de subvencións que nos ocupa, polo que se pretende o incremento da dotación orzamentaria de referencia a través do suposto previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, recollido expresamente no artigo 4.2 da Orde do 8 de agosto de 2013.

De conformidade cos devanditos preceptos regulamentarios, o órgano concedente debe publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

En consecuencia co exposto, de acordo co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no cal se atribúe á Dirección Xeral de Administración Local o fomento das liñas de colaboración coas entidades locais galegas no referente á convocatoria e execución das subvencións destinadas a elas,

Dispoño:

Artigo único

Primeiro. Amplíase a dotación orzamentaria determinada na Orde do 8 de agosto de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a execución de infraestruturas de uso público destinadas aos concellos de Galicia, cofinanciada nun 80 % con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), e nun 20 % con cargo a fondos FCI.

Estes fondos Feder están incluídos no programa operativo Feder 2007-2013, no seu eixe 5 de desenvolvemento sustentable local e urbano, tema prioritario 58, actuación 5, que ten como fin, entre outros, as axudas ás entidades locais para infraestruturas de uso público.

Segundo. O incremento da dotación para o exercicio 2013 será de 123.108,67 €, con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A.760.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, quedando establecida en 1.294.380,07 € a contía máxima das subvencións que se concedan.

Terceiro. Esta modificación non afecta o prazo establecido na Orde do 8 de agosto de 2013 para a presentación de solicitudes nin implica o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza