Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 22 de outubro de 2013 Páx. 41663

III. Outras disposicións

Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2013, da Dirección da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, pola que se ordea a publicación do convenio de adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística do Concello de Barro.

O día 11 de outubro de 2013 a Axencia e o Concello de Barro asinaron o convenio de adhesión dese concello á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

De conformidade co establecido no artigo 9.1 dos Estatutos da Axencia aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro, dispoño a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2013

María Martínez Allegue
Directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

Convenio de adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2013.

Interveñen:

Dunha parte, José Antonio Landín Eirín, alcalde do Concello de Barro, provincia de Pontevedra, en representación do Concello, de conformidade co disposto no artigo 61 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no artigo 21 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

E doutra parte, María Martínez Allegue, directora xeral da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, en representación do ente público, de conformidade co disposto no artigo 18 dos Estatutos aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro.

Expoñen:

1. A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, no seu artigo 226, establece que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é un ente público de natureza consorcial, dotado de personalidade xurídica, patrimonio e orzamento propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións, para o desenvolvemento en común pola Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela das funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo e o desempeño de cantas outras competencias lle asignan os seus estatutos.

Así mesmo, establece que son membros da Axencia a Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela. A incorporación dos municipios realizarase a través do correspondente convenio de adhesión, que deberá obter a aprobación previa do Pleno da Corporación e do Consello da Xunta de Galicia e será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística foron aprobados polo Decreto autonómico 213/2007, do 31 de outubro, e publicados no Diario Oficial de Galicia nº 222, do 16 de novembro.

2. O Concello de Barro ten atribuídas competencias en materia de disciplina urbanística, en virtude do disposto no artigo 80 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, no artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e nos artigos 209 e seguintes da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no seu artigo 10 determina que a Administración local e as demais administracións públicas axustarán as súas relacións recíprocas aos deberes de información mutua, colaboración, coordinación e respecto aos ámbitos competenciais respectivos, e que procederá á coordinación das competencias das entidades locais entre sí e, especialmente, coas das restantes administracións públicas, cando as actividades ou os servizos locais transcendan o interese propio das correspondentes entidades, incidan ou condicionen relevantemente os das devanditas administracións ou sexan concorrentes ou complementarios dos delas.

O texto refundido das disposicións vixentes en materia de réxime local, aprobado polo Decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, no seu artigo 69, establece que as competencias compartidas ou concorrentes poderán ser exercidas conxuntamente pola Administración do Estado ou da comunidade autónoma e a local, mediante a constitución de entes instrumentais de carácter público ou privado.

3. En virtude do establecido nos artigos 222.2 e 226 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a Axencia exercerá as competencias que lle sexan delegadas polos concellos consorciados.

Neste senso, o artigo 9 dos estatutos da Axencia, aprobados polo Decreto autonómico 213/2007, do 31 de outubro, dispón que a adhesión necesariamente producirá a atribución á Axencia das competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística que correspondan ao municipio integrado voluntariamente na Axencia, nos supostos que determinan os artigos 209, 210 e 211 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, segundo se estableza no convenio de adhesión.

4. Este convenio de adhesión obtivo a aprobación previa do Pleno da corporación municipal de Barro en sesión que tivo lugar o 13 de agosto de 2013, co voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros da corporación, de conformidade co disposto no 226.2 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e no artigo 215.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Así mesmo, obtivo a aprobación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 27 de setembro de 2013, de conformidade co disposto no artigo 226.2 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Os intervenientes recoñecen mutua capacidade para o outorgamento do presente convenio de adhesión, de conformidade coas seguintes,

EstipulaciónS:

Primeira. Incorporación á Axencia

O Concello de Barro, provincia de Pontevedra, incorpórase e adhírese como membro da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, e asume os dereitos e obrigas que disto derivan, de conformidade co estipulado no presente convenio de adhesión e o establecido nos estatutos da Axencia, aprobados polo Decreto autonómico 213/2007, do 31 de outubro, e na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segunda. Delegación de competencias

1. O Concello de Barro delega na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística o exercicio das competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística establecidas nos artigos 209, 210, 211 e 222 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en relación coas obras e usos do solo que se executen sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións, sempre que estean situadas nalgunha das seguintes clases de solo:

a) Solo rústico ou non urbanizable en calquera das súas categorías (artigos 15 e 32 e disposición transitoria primeira, alínea 1.f) da Lei 9/2002).

b) Solo urbanizable ou apto para urbanizar, mentres non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento (artigo 14 e disposición transitoria primeira, alínea 1.d) da Lei 9/2002).

c) E núcleos rurais tradicionais delimitados no planeamento urbanístico municipal (artigo 13 e disposición transitoria primeira, alínea 1.e) da Lei 9/2002).

A Axencia exercerá efectivamente estas competencias desde o día seguinte ao da publicación do convenio no Diario Oficial de Galicia.

2. Nesta delegación de competencias non está incluída a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora en relación coas obras completamente rematadas antes da publicación deste convenio, que serán exercidas polo concello.

3. A resolución dos recursos administrativos interpostos contra os actos ditados pola Axencia en exercicio de competencias delegadas corresponderá ao Concello.

Para resolver o recurso deberá solicitarse informe da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Cando se reciba o escrito de interposición de recurso na Axencia, esta deberá remitirlo ao Concello co seu informe e unha copia completa e ordenada do expediente administrativo.

4. A delegación de competencias poderá ser revogada en calquera momento polo Pleno da Corporación, coa maioría exixida no artigo 215.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. A revogación será efectiva unha vez comunicada á dirección da Axencia e publicada no Diario Oficial de Galicia.

Terceira. Contribución ao sostemento da Axencia

1. O Concello de Barro contribuirá ao sostemento da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística coas seguintes achegas económicas:

a) O 50 % do produto das multas coercitivas impostas pola Axencia para a execución das ordes de reposición da legalidade ditadas no exercicio das competencias delegadas polo Concello.

b) E o 50 % do importe das sancións impostas pola Axencia aos responsables de infraccións urbanísticas no exercicio das competencias delegadas polo Concello.

2. O importe das multas coercitivas e das sancións impostas pola Axencia no exercicio de competencias delegadas polo Concello serán ingresadas polos suxeitos obrigados directamente na conta xeral da Axencia. No suposto de que non sexan aboadas en período voluntario, a Axencia solicitará da Consellería de Facenda o seu cobramento pola vía de constrinximento.

Ao finalizar cada exercicio anual, a Axencia transferirá ao Concello de Barro unha cantidade equivalente ao 50 % dos ingresos percibidos polas sancións impostas no exercicio das competencias delegadas.

Cuarta. Obrigacións asumidas polo Concello

O Concello de Barro asume as seguintes obrigacións:

a) Prestar a cooperación e a asistencia activa que a Axencia lle solicite para o eficaz exercicio das súas competencias.

b) Facilitar ao persoal da Axencia o acceso inmediato aos expedientes de planeamento, xestión e disciplina urbanística, así como canta información, documentación e axuda material precise para o adecuado cumprimento das súas funcións.

c) Prestar o auxilio da policía local para facilitar as inspeccións, executar as ordes de precinto de obras e identificar os responsables de posibles infraccións.

d) Absterse de outorgar licenzas urbanísticas que impliquen a legalización de obras e usos do solo respecto dos cales a Axencia ordenase a súa demolición, cesamento ou restauración da realidade física alterada.

e) Solicitar informe da Axencia previamente á resolución dos recursos administrativos interpostos contra os actos ditados no exercicio das competencias delegadas polo concello.

f) Contribuír ao sostemento económico da Axencia nos termos establecidos no presente convenio de adhesión.

g) Respectar as estipulacións do presente convenio e o establecido nos estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística aprobados polo Decreto autonómico 213/2007, do 31 de outubro.

Quinta. Programa de incorporación

A incorporación do Concello á Axencia será efectiva desde o día seguinte ao de publicación deste convenio no Diario Oficial de Galicia.

Os expedientes relativos ás obras en execución nas materias que son obxecto de delegación deberán ser remitidos á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística no prazo dun mes desde a data de entrada en vigor deste convenio.

Sexta. Prazo de vixencia do convenio

Este convenio entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e o seu prazo de vixencia será indefinido.

A resolución do presente convenio producirase no suposto de que o Concello de Barro perda a condición de membro da Axencia por calquera da causas que se establecen no artigo 12 dos estatutos da Axencia e cos efectos que o mesmo artigo dispón.

Sétima. Interpretación do convenio

As controversias que puideren xurdir na interpretación do presente convenio e a súa aplicación serán resoltas polo Consello Executivo da Axencia, de conformidade co disposto no artigo 10 dos estatutos da Axencia aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro.

E para que así conste, asinan o presente convenio de adhesión, por duplicado exemplar, no lugar e data arriba indicados.