Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 4 de novembro de 2013 Páx. 42910

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 22 de outubro de 2013 de aprobación definitiva da modificación puntual número 5 do Plan xeral de ordenación municipal da Illa de Arousa.

O Concello da Illa de Arousa achega a modificación puntual número 5 do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), en solicitude da súa aprobación definitiva conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación remitida polo Concello da Illa de Arousa e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello da Illa de Arousa dispón, na actualidade vixente, dun PXOM que foi aprobado definitivamente o 14.2.2002.

I.2. Consta Decisión do 8.8.2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de non sometemento á avaliación ambiental estratéxica da modificación.

I.3. A presente MP foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesión do 5.7.2012. Foi sometida a información pública durante dous mes con anuncios nos xornais Faro de Vigo e Diario de Arousa do 19 de abril de 2013; e no DOG número 73, do 16 de abril de 2013. Consta no expediente audiencia ao Concello de Vilanova de Arousa.

I.4. Constan informes municipais: dous informes técnicos do 18.6.2012; e xurídicos, dous do 18.6.2012 e un do 4.1.2013.

I.5. Constan informes sectoriais favorables da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para os efectos do artigo 117 da Lei de costas e ao respecto da coherencia da MP co POL.

I.6. O Concello da Illa de Arousa Pleno, en sesión de 10.1.2013, aprobou provisionalmente a modificación puntual número 5 do PXOM, e o 5.9.2013 realizou unha nova aprobación.

II. Análise e consideracións.

II.1. A modificación puntual ten por finalidade modificar tres epígrafes da normativa do PXOM, que se refiren a:

– Modificar a configuración das cubertas ao matizar as determinacións respecto das pendentes mínimas e os materiais de remate exixidos na normativa (puntos 2 e 4 da epígrafe 2.1. Condicións xerais de volume e hixiénicas-construcións por enriba da altura máxima).

– Modifícase a altura libre mínima para locais comerciais en edificacións cunha determinada antigüidade dentro da trama urbana primixenia (punto 6 da epígrafe 2.2.4 Uso comercial).

– Modifícanse os criterios exixibles respecto do dimensionamento de ocos (punto 3. Ocos, da epígrafe 2.3.2.1 Edificacións destinadas preferentemente a vivenda e usos que supoñan residencia).

II.2. As razóns de interese público exixidas no artigo 94.1 da LOUG veñen xustificadas pola mellora da calidade da ordenación urbanística na aplicación do PXOM e a protección e potenciación do patrimonio cultural do concello.

II.3. Por tratarse dunha modificación de planeamento que non implica a reclasificación de solo, nin incremento da intensidade de uso, nin altera os sistemas xerais previstos no PXOM, non precisou obter informe previo á aprobación inicial a que fai referencia o artigo 85.1 en relación co 93.4 da LOUG.

II.4. Unha vez analizada a documentación remitida polo Concello da Illa de Arousa, non se observa impedimento a ela.

De conformidade cos artigos 89, 93.4 e 95.2 da LOUG, e o artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente a modificación puntual número 5 do PXOM do Concello da Illa, ao abeiro do establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2º. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

4º. Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas