Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 6 de novembro de 2013 Páx. 43364

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 2013 pola que se convocan os cursos de formación presencial para o persoal dos corpos da policía local de Galicia.

Dentro das actividades programadas para o ano 2013 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dos seguintes cursos, de acordo coas súas bases, que se atopan publicadas na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública:

1. Datos das actividades.

1.1. Denominación: condución evasiva e de seguridade.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 8.

Modalidade: presencial.

Destinatarios/as:

Persoal dos corpos de policía local de Galicia.

Prazas ofertadas:

16 prazas. Reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

Lugar: circuíto de Forcarei.

Horario: das 9.00 ás 18.30 horas.

Días:

1ª edición: 25 de novembro de 2013.

Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 18 de novembro de 2013.

1.2. Denominación: básico de formación en seguridade e destreza no manexo da arma de fogo regulamentaria (dúas edicións).

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

Destinatarios/as:

Persoal dos corpos de policía local de Galicia que non participasen nas prácticas de tiro regulamentarias nos últimos dous anos.

Prazas ofertadas:

18 prazas. Reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

Que os/as alumnos/as ao rematar o curso recuperen destreza e seguridade no manexo da arma regulamentaria.

Contido:

1. Normas de seguridade.

2. Manipulación da arma e elementos dela.

3. Empuñamentos.

4. Posturas de tiro.

5. Elemento de puntería.

6. Tacto do disparador.

7. Cambios no cargador.

Lugar: Agasp.

Horario: das 16.00 ás 21.00 horas.

Días:

1ª edición: 25, 26, 27, 28 de novembro de 2013.

2ª edición: 16, 17, 18, 19 de decembro de 2013.

Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 18 de novembro de 2013.

Lista de solicitudes seleccionadas:

O día 21 de novembro de 2013 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

2. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir os formularios de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É conveniente consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

3. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet dispoñerase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax 886 20 61 22 ou do enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección:

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos dous anos, segundo consten nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia (hai que ter en conta o persoal específico a quen vai dirixida a actividade).

c) Antigüidade.

Obrigas das persoas seleccionadas:

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Comezados os cursos, ao alumnado só se lle permitirá a falta de asistencia a un 10 % como máximo das horas totais, e sempre xustificadamente. De superar esta porcentaxe non terá dereito ao diploma ou certificado e dará lugar a penalización.

4. Baremación das actividades.

Certificado de aproveitamento:

Ao finalizaren as actividades entregarase un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a esta e superen as correspondentes probas de coñecementos.

5. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento das actividades ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

6. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal das actividades para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 4 de novembro de 2013

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública