Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 13 de novembro de 2013 Páx. 44150

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 6 de novembro de 2013 pola que se aproban e se dá publicidade aos modelos oficiais de solicitude de autorización de persoas e entidades para desenvolver actividades de auditoría dos sistemas de prevención e de notificación sobre a concorrencia das condicións que non fan necesario recorrer á auditoría do sistema de prevención, que se presentarán na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 29.1º atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, a competencia de execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

Como normativa estatal básica, o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, modificado polo Real decreto 337/2010, do 19 de marzo, polo que se regulan os servizos de prevención, establece no seu artigo 33 que as persoas ou entidades especializadas que pretendan desenvolver a actividade auditora do sistema de prevención deberán contar coa autorización da autoridade laboral competente do lugar onde radiquen as súas instalacións principais, logo de solicitude ante esta, nas cales se farán constar as previsións sinaladas nas alíneas a), c), d), e) e g) do artigo 23 desta disposición.

O artigo 29.3º do dito real decreto establece que as empresas de ata 50 traballadores, con actividades non incluídas no anexo I, que desenvolvan as actividades preventivas con recursos propios, considerarase que cumpriron coa obriga da auditoría cando cubran e remitan á autoridade laboral competente unha notificación sobre a concorrencia das condicións que non fan necesario recorrer a esta, segundo o modelo establecido no anexo II deste regulamento.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar atribúe a esta consellería a competencia nas materias de emprego e relacións laborais e, a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, correspóndelle, entre outras, a execución das competencias en materia de seguridade e saúde laboral.

O procedemento de autorización de persoas e entidades para desenvolver actividades de auditoría dos sistemas de prevención e o de notificación sobre a concorrencia das condicións que non fan necesario recorrer á auditoría do sistema de prevención son tramitados na Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, polo Servizo de Seguridade e Saúde Laboral dependente da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Por outra banda, á vista do establecido na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, así como na Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, resulta imprescindible adaptar os modelos da solicitude e da notificación ás novas exixencias ofrecendo a posibilidade de levar a cabo a súa presentación a través de medios telemáticos, facilitando así a comunicación entre a Administración e a sociedade.

Polo anteriormente exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes preceptivos na tramitación, e en exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar e dar publicidade aos modelos normalizados, de solicitude de autorización de persoas e entidades para desenvolver actividades de auditoría dos sistemas de prevención así como de notificación sobre a concorrencia das condicións que non fan necesario recorrer á auditoría do sistema de prevención, que se presentarán na Comunidade Autónoma de Galicia, que se conteñen nos anexos desta orde, en virtude do establecido nos artigos 33 e 29.3º do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, modificado polo Real decreto 337/2010, do 19 de marzo, polo que se regulan os servizos de prevención.

Artigo 2. Presentación

1. Os referidos modelos deberán presentarse ante o Servizo de Seguridade e Saúde Laboral, dependente da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os modelos de solicitude e de notificación deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de comunicación normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación dos formularios será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

3. A documentación que a persoa solicitante desexe achegar xunto cos respectivos formularios poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2º da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3º do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. No caso de non presentarse de forma telemática, poderase optar por presentar a solicitude ou notificación que corresponda e demais documentación que consideren axeitada en soporte papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file