Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 13 de novembro de 2013 Páx. 44230

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Innovación

CÉDULA do 23 de outubro de 2013 pola que se notifica a revogación parcial do expediente 10DPI080E, cuxa notificación por oficio foi devolta polo servizo de Correos.

De conformidade co disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro), despois de intentar sen éxito a notificación da revogación parcial correspondente ao expediente 10DPI080E no último domicilio social coñecido da entidade Idega Prevención, S.L. procédese á súa notificación por medio de anuncio no taboleiro do concello do último domicilio social coñecido e no Diario Oficial de Galicia. En virtude disto, reprodúcese integramente o texto da notificación da revogación parcial:

Para efectos de notificación, comunícolle que, con data do 25 de xuño de 2013, o director da Axencia Galega de Innovación ditou a seguinte resolución:

«En relación coa subvención concedida á empresa Idega Prevención, S.L., con NIF B36873156, para a realización do proxecto: “Desenvolvemento e mellora de prototipo para detección de gases en espazos confinados de alta sinistralidade con interface de comunicación inarámica” (código: 10DPI080E), resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. Por Resolución da Consellería de Economía e Industria do 13 de decembro de 2010 pola que se adxudican as subvencións correspondentes aos programas sectoriais de Investigación aplicada, PEME I+D e I+D Suma do Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica (DOG do 24 de decembro), convocadas pola Orde do 6 de xullo de 2010 (DOG do 7 de xullo), concédese a Idega Prevención, S.L. unha subvención para a realización do mencionado proxecto de 61.641,10 €, correspondente ao 45 % do custo subvencionable do proxecto, tal e como se indica a continuación:

1ª anualidade

2ª anualidade

3ª anualidade

Total

3.194,15 €

22.636,34 €

35.810,61 €

61.641,10 €

Segundo. Con data do 16 de decembro de 2010, Idega Prevención, S.L. acepta a concesión da dita subvención, polo que se lle fai ingreso do anticipo correspondente á primeira anualidade do ano 2010 de 3.194,15 euros.

Terceiro. Con data do 30 de decembro de 2010, a entidade presenta a documentación xustificativa para o gasto realizado correspondente á anualidade 2010. Comprobada a documentación xustificativa da realización do gasto da mencionada anualidade, fáiselle ingreso do anticipo correspondente á segunda anualidade do ano 2011 de 22.636,34 euros.

Cuarto. Con data do 15 de decembro de 2011, Idega Prevención, S.L. presenta a documentación xustificativa correspondente á anualidade 2011, sendo a documentación xustificativa do gasto desta anualidade comprobada correctamente.

Quinto. Con data do 1 de outubro de 2012, Idega Prevención, S.L. presenta a documentación xustificativa correspondente á anualidade 2012.

Sexto. Con data do 23 de novembro de 2012, remítese escrito á entidade indicando os defectos emendables detectados na mencionada xustificación e concedéndolle, de acordo co disposto no artigo 46 do Decreto 11/2009, un prazo de 10 días, para emendar as deficiencias sinaladas no mesmo. A dita documentación requirida consiste nos documentos que a continuación se sinala:

– Xustificante bancario de pagamento correspondente o segundo aboamento da nómina de David Gómez de febreiro de 2012.

– TC1 e xustificantes bancarios de pagamento (orixinais e copias ou copias cotexadas) correspondentes os TC2 de febreiro e marzo de 2012 dos traballadores imputados nos mencionados meses.

– TC1 e xustificantes bancarios de pagamento (orixinais e copias ou copias cotexadas) e TC2 correspondentes aos meses de maio e xuño de 2012 e o traballador Marcos Mourelle, selados e asinados polo titular da autorización.

– Certificados vixentes do cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, Conselleria de Facenda e Seguridade Social.

– Modelo A5. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas.

– Modelo A8 de informe final do proxecto, en soporte físico, asinado polo responsable do proxecto, e en soporte informático.

– Memoria en formato libre en soportes físico e informático.

Transcorrido o prazo indicado, Idega Prevención, S.L., non presenta a documentación requirida.

Sétimo. Con data do 5 de febreiro de 2013 e tendo en conta que Idega Prevención, S.L. non presentou a documentación xustificativa completa e correcta da subvención concedida dentro dos prazos establecidos, dáselle á entidade trámite de audiencia indicándolle que non se acreditou correctamente o cumprimento da finalidade que determinou a súa concesión e que procede iniciar resolución de revogación da subvención para deixar sen efecto a Resolución do 13 de decembro de 2010. O dito feito implica, en cumprimento do artigo 21.1º da mencionada Orde do 6 de xullo, o reintegro por parte do beneficiario da cantidade que lle foi ingresada en concepto de pagamento da subvención correspondente ás anualidades 2010 e 2011 do proxecto. No citado escrito indícase que se lle concede un prazo de 10 días hábiles para realizar as alegacións que estimen pertinentes.

Oitavo. Con data do 11 de febreiro de 2013, Idega Prevención, S.L. presenta o modelo A5 de declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, o modelo A8 de informe final do proxecto e a memoria en formato libre, quedando sen presentar a restante documentación sinalada no punto sexto. O xestor da tecnoloxía de deseño e produción industrial (DPI), unha vez analizados o informe final e a memoría libre, acredita positivamente os logros e cumprimento dos obxetivos obtidos durante a realización deste proxecto.

Noveno. Con data do 21 de febreiro de 2013, Idega Prevención, S.L. acepta unha redución de 28.342,70 euros da subvención concedida á anualidade 2012, correspondente a unha xustificación dos investimentos da dita anualidade de 16.595,35 euros, que é inferior ao custo subvencionable, que ascendía a 79.579,13 euros.

Décimo. Con data do 19 de abril de 2013 e tendo en conta que Idega Prevención, S.L. non fixo entrega dos certificados vixentes do cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaría do Estado, coa Administración pública da Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social antes citados dentro dos prazos establecidos, dáselle á entidade trámite de audiencia indicándolle que non se acreditou correctamente o cumprimento da finalidade que determinou a súa concesión e que procede iniciar resolución de revogación parcial da subvención para deixar sen efecto a Resolución do 13 de decembro de 2010. No citado escrito indícase que se lle concede un prazo de 10 días hábiles para realizar as alegacións que estimen pertinentes.

Décimo primeiro. Transcorrido o prazo indicado no parágrafo anterior, Idega Prevención, S.L. non presenta alegacións en resposta ao trámite de audiencia.

Décimo segundo. Tendo en conta que a entidade non fixo entrega das alegacións antes citadas e non cumpre a condición de beneficiario debido a que non acreditou atoparse ao corrente das súas obrigas co Estado, Comunidade Autónoma e Seguridade Social, de acordo co disposto no artigo 10.2º da Lei de subvencións de Galicia, procede iniciar resolución de revogación parcial con perda de dereito ao cobramento da última anualidade da subvención para deixar sen efecto a Resolución do 13 de decembro de 2010 (DOG do 24 de decembro) pola que se refire á subvención concedida á entidade Idega Prevención, S.L., para a realización do proxecto titulado «Desenvolvemento e mellora de prototipo para detección de gases en espazos confinados de alta sinistralidade con interface de comunicación inarámica» (código: 10DPI080E), por incumprimento da finalidade que fundamentou a concesión da subvención.

Fundamentos de dereito

Primeiro. Esta axencia é a competente para ditar esta resolución con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril (BOE do 28 de abril); na Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia (DOG do 23 de agosto); na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro); no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG do 20 de abril); no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG do 17 de xuño) modificado polo Decreto 89/2011, do 31 de marzo (DOG do 24 de maio); no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG do 3 de febreiro); no Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (DOG nº 19, do 27 de xaneiro); e na Orde 6 de xullo de 2010 xa citada.

Segundo. O artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece que son obrigas dos beneficiarios das axudas, entre outras:

(.......)

b) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, de ser o caso, o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

(......)

e) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que se atopa ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceiro. O artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece o procedemento de aprobación do gasto e do pagamento:

(........)

5. O pagamento da subvención realizarase logo de xustificación polo beneficiario da realización da actividade, proxecto, obxectivo ou adopción do comportamento para o cal se concedeu nos termos establecidos na normativa reguladora da subvención.

Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da presente lei.

(........)

7. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto o beneficiario non se atope ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

Tendo en conta os feitos expostos e os fundamentos legais, esta Axencia estima que procede tramitar a revogación parcial con perda de dereito ao cobramento da última anualidade da subvención pendente de liquidar, por non acreditarse estar ao corrente das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa Administración pública da Comunidade Autónoma e coa Tesourería Xeral da Seguridade Social e en consecuencia,

PROPÓN:

Primeiro. Expedir os documentos contables negativos pertinentes por importe de 35.810,61 euros, correspondente ao cobramento da última anualidade da subvención para a realización do indicado proxecto.

Contra esta resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Axencia Galega de Innovación no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde a mesma data e sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar calquera outro que estimen oportuno.

Notifíquese a presente resolución ao interesado.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2013 - A xefa da División de Asesoramento, Programas de Financiamento e Investimentos Estratéxicos. Cristina Blanco Aragón.

Hai un selo que di: XUNTA DE GALICIA - CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA - AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN».

O que se notifica por medio de anuncio para o seu coñecemento e para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2013

Manuel Varela Rey
Director da Axencia Galega de Innovación