Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 14 de novembro de 2013 Páx. 44276

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 4 de novembro de 2013 pola que se designan novos vogais da Comisión Xestora do municipio de Oza-Cesuras.

Os municipios de Cesuras e Oza dos Ríos culminaron un pioneiro procedemento de fusión para constituírse nun municipio único, que deu lugar á aprobación do Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras.

O citado Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras, na súa disposición adicional establece que, mediante orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, se procederá ao nomeamento dunha comisión xestora, que se ocupará de rexer e administrar o novo municipio ata as vindeiras eleccións municipais e cuxo número de membros será igual ao de concelleiros segundo a poboación resultante do novo concello.

Mediante a Orde do 7 de xuño de 2013, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 109, do 10 de xuño, procedeuse á designación dos membros da Comisión Xestora do municipio fusionado de Oza-Cesuras.

Esta comisión constituíse con data do 14 de xuño de 2013, ás 12.00 horas, como dispón o propio artigo 3 da Orde do 7 de xuño de 2013.

– Xoán Manoel Vázquez García e Eva Mª Rodríguez Rodríguez foron designados vogais da Comisión Xestora segundo o artigo 2 da Orde do 7 de xuño de 2013.

– Xoán Manoel Vázquez García e Eva Mª Rodríguez Rodríguez presentaron, ambos os dous, o escrito de renuncia a formar parte da Comisión Xestora do municipio fusionado de Oza-Cesuras, con data de rexistro de entrada no antigo Concello de Cesuras do 13 de xuño de 2013 e número 932-C e 944-C.

A Comisión Xestora, en sesión extraordinaria do 25 de xuño de 2013, tomou coñecemento da renuncia presentada por Xoán Manoel Vázquez García e Eva Mª Rodríguez Rodríguez e remitiu certificación do acordo á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos oportunos.

A designación dos novos vogais faise seguindo os mesmos criterios de repartición utilizados para as eleccións municipais e segundo os resultados producidos nestas no conxunto dos municipios afectados.

Para esta designación débense tomar os cocientes de cada formación e cada concelleiro efectivamente no desempeño do seu cargo no momento de entrada en vigor do Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras, e repártense de maior a menor, asignándolles un número na lista ata chegar ao número total de vogais.

En consecuencia, no exercicio das facultades outorgadas polo Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade co disposto polo artigo 39 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, e dándolle cumprimento ao establecido na disposición adicional do Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Constitúe o obxecto desta orde a designación de dous membros da Comisión Xestora do municipio de Oza-Cesuras, en substitución de Xoán Manoel Vázquez García e Eva Mª Rodríguez Rodríguez, ante a renuncia presentada por estes e a toma de razón desta pola Comisión Xestora.

Artigo 2. Designación de dous novos membros da Comisión Xestora

Os novos vogais da Comisión Xestora do municipio de Oza-Cesuras, en substitución de Xoán Manoel Vázquez García e Eva Mª Rodríguez Rodríguez, serán:

– Víctor Manuel Sánchez Vázquez.

– María del Carmen Lesta Rodríguez.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza