Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 20 de novembro de 2013 Páx. 44955

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2013 pola que se someten ao trámite de información pública o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental da obra de variante da estrada AC-550 no núcleo de Portosín. Clave AC/12/060.01.

Por resolución da Axencia Galega de Infraestruturas do 16 de outubro de 2013 aprobouse provisionalmente o estudo informativo e estudo de impacto ambiental da obra de variante da estrada AC-550 no núcleo de Portosín. Clave AC/12/060.01.

Con esta actuación preténdense estudar as alternativas posibles que permitan mellorar as comunicacións na comarca de Noia, polo suroeste, no concello de Porto do Son, permitindo así a conexión e continuidade coa vía de alta prestación da variante de Noia e esta, pola súa vez, co corredor Brión-Noia.

Na actualidade, a rede viaria que comunica os núcleos da serra da Barbanza pola ría de Noia apóiase na estrada AC-550, pertencente á rede primaria básica da Comunidade Autónoma de Galicia; a dita estrada está formada por diversas travesías de poboación desde Taramancos ata Porto do Son, cun importante volume de tráfico local de longo percorrido.

É por isto que a Xunta de Galicia ten como obxectivo a construción dunha vía de novo trazado que reduza os tempos de percorrido e dea continuidade á nova variante de Noia, actualmente en execución.

Esta proposta baséase na dificultade de mellorar a capacidade da AC-550 por motivos xeométricos e de dispoñibilidade de espazo, e por iso, a solución máis axeitada co obxecto de diminuír as retencións nos centros urbanos polos que discorre a AC-550 é proxectar una vía de nova execución, que minore a duración dos traxectos, mellore o transporte de mercadorías, favoreza o desenvolvemento da zona, sirva para unha circulación máis segura e incremente a mobilidade e o nivel de servizo da actualidade.

De acordo co establecido no artigo 21.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado estudo informativo sométese ao trámite de información pública, durante un período de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular por escrito, ante as oficinas da Axencia Galega de Infraestruturas en Santiago de Compostela, as observacións que crean convenientes, relativas á concepción global do trazado da estrada.

Así mesmo, durante este período sométese ao trámite de información pública o estudo de impacto ambiental contido no estudo informativo, segundo o Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, e o Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos.

A exposición ao público, para os efectos da presente resolución, realízase na Axencia Galega de Infraestruturas en Santiago de Compostela, no Servizo de Infraestruturas da Coruña e nos concellos de Noia, Porto do Son e Lousame. Así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/tema/c/Infraestruturas_Estradas) atópase á disposición dos interesados o documento do estudo.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2013

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas