Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 21 de novembro de 2013 Páx. 45083

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 8 de novembro de 2013 pola que se clasifica de interese social, cívico, educativo e cultural a Fundación San Vicente de Vilaboa.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación San Vicente de Vilaboa, con domicilio no lugar de San Vicente de Vilaboa, en Valdoviño (A Coruña).

Feitos:

1. Fernando Sanesteban Coira, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de interese galego.

2. A Fundación San Vicente de Vilaboa foi constituída en escritura pública outorgada en Valdoviño (A Coruña), no 28 de novembro de 2012, ante o notario Raúl Gerardo Muñoz Maestre, co número de protocolo 3.854, por Fernando Sanesteban Coira, Andrés Pita Pita, Luis Graña Pita, Juan Jaime Caamaño Villar e Manuel Ángel Casas Rodríguez, todos eles no seu propio nome e dereito, e a Cooperativa de Vilaboa de Consumidores e Usuarios, Sociedade Cooperativa Galega, que actúa representada por Ángel Caneiro Vilela.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto fins de asistencia social, de inclusión social, de desenvolvemento, promoción, financiamento, organización, realización e prestación en calquera forma de axudas, servizos, actos ou actividades sociais, cívicas, educativas ou culturais como a promoción, fomento e difusión da lingua e cultura galegas e outros fins de análoga natureza e de interese xeral para Galicia.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Fernando Sanesteban Coira como presidente; Andrés Pita Pita como secretario; Luis Graña Pita como tesoureiro; e Juan Jaime Caamaño Villar e Manuel Ángel Casas Rodríguez como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social, cívico, educativo e cultural da Fundación San Vicente de Vilaboa, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese social, cívico, educativo e cultural e a súa adscrición á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 4 de novembro de 2013,

DISPOÑO:

Clasificar de interese social, cívico, educativo e cultural a Fundación San Vicente de Vilaboa e adscribila ao protectorado da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e pódese interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza