Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 22 de novembro de 2013 Páx. 45493

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 13 de novembro de 2013 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

Mediante a Orde do 18 de setembro de 2012 (DOG do 27 de setembro) fíxose pública a composición dos consellos sociais das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o Consello Social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

O artigo 77 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que a representación dos intereses sociais no Consello Social lles corresponde a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social, de acordo coa seguinte distribución: o presidente ou presidenta do Consello Social; seis membros designados polo Parlamento de Galicia; seis membros designados pola Xunta de Galicia; un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia; catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega na área de influencia da universidade; un membro designado polas corporacións dos municipios en que se sitúan os campus; un membro designado pola asociación de antigos alumnos de cada unha das universidades; un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades.

Con data do 8 de xullo de 2013, a Secretaría Xeral de Universidades comunícalle aos presidentes dos consellos sociais a nova composición dos consellos sociais que resulta da regulación contida no artigo 77.3 da citada Lei 6/2013 e solicitaralles comuniquen o acordo de designación dos seguintes membros: d) Un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. g) Un membro designado pola asociación de antigos alumnos de cada unha das universidades. h) Un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades.

Con data do 26 de setembro de 2013 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia escrito do presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela que comunicaba a designación dos seguintes membros: 1) Polos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia: Emilio Crespo Correa, por Comisións Obreiras (CC.OO.); Marta Ferreiro Fernández, pola Confederación Intersindical Galega (CIG); José Rábade Arias, pola Unión Xeral de Traballadores (UGT). 2) Pola asociación de Antigos Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela: José Santiago Pérez. 3) Polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades: Rosa Álvarez Prada.

Con data do 29 de outubro de 2013, o presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, comunícalle ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a designación de Luís García Santalla como membro do Consello Social, en representación do Concello de Lugo, en substitución, por renuncia, de Francisco Martínez Iglesias. De acordo co artigo 79 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, o mandato do membro substituto estenderase só polo tempo que reste para concluír o do substituído.

Xúntase declaración de non estar incursos nas incompatibilidades sinaladas no artigo 78 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do Consello Social seranlle comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Nomear, en aplicación do artigo 77.3 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, os seguintes membros para formar parte do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela:

Emilio Crespo Correa, como representante do Sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.).

Marta Ferreiro Fernández, como representante da Confederación Intersindical Galega (CIG), en substitución de Francisco Xesús Anxo Louzao Rodríguez.

José Rábade Arias, como representante da Unión Xeral de Traballadores (UGT), en substitución de Jesús Otero Calvo.

José Santiago Pérez, como representante da Asociación de Antigos Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela.

Rosa Álvarez Prada, como representante dos colexios profesionais vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades.

Artigo 2

Nomear a Luís García Santalla como representante do Concello de Lugo no Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, en substitución, por renuncia, de Francisco Martínez Iglesias.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria