Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 27 de novembro de 2013 Páx. 45887

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 20 de novembro de 2013 pola que se fai pública a ampliación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 11 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral e ás súas entidades promotoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

A Orde do 11 de xuño de 2013, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral e ás súas entidades promotoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013 (Diario Oficial de Galicia núm. 117, do 20 de xuño), establece na súa disposición adicional terceira, na cal se recollen os créditos que financian a orde, que poderá ampliarse a contía máxima destes créditos e que o incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

En consecuencia, como existen outras dotacións que poden ser utilizadas para os mesmos fins, como consecuencia dos remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo a créditos incluídos no mesmo programa e servizo, cómpre ampliar o importe dos créditos destinados ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da orde que se cita nesta disposición, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de persoas beneficiarias posible.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Amplíase o importe total das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 11 de xuño de 2013, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral e ás súas entidades promotoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013 (Diario Oficial de Galicia núm 117, do 20 de xuño), na contía de 125.000 euros e con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.322C 472.6, código de proxecto 2012 00606, que figura dotada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Artigo 2

Esta ampliación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar