Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Xoves, 28 de novembro de 2013 Páx. 46195

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 5 de novembro de 2013 polo que se dá publicidade á resolución do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña sobre o expediente número 419, que afecta os montes de Agrilloi, solicitados como veciñais en man común polos veciños do lugar de Agrilloi, parroquia de Agolada, concello de Coristanco.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a aplicación da Lei galega 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 30 de outubro do 2013, adoptou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente:

Xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña.

Antonio Manuel Aguión Fernández.

Vogais:

Letrada da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Susana Loreta Benedeti Corzo.

Representante do Colexio Provincial de Avogados da Coruña.

Augusto José Pérez-Cepeda Vila.

Representante das comunidades propietarias da provincia da Coruña.

Pilar Santamaría Calo.

Vogais representantes do lugar de Agrilloi da parroquia de Agolada do concello de Coristanco.

Francisco Recarey Giance e Gonzalo Giance Silvarredonda na súa condición de presidente e secretario da xunta promotora, respectivamente.

Secretaria:

Xefa de Sección do Servizo Xurídico-Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña.

Mª de los Dolores Añón Rodríguez.

Na cidade da Coruña, no día 30 de outubro de 2013, reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña coa asistencia das persoas indicadas anteriormente, e asistidos polo asesor técnico Inácio Xesús da Osa Ximénez co obxecto estudar e resolver, entre outros, o expediente de clasificación como veciñal en man común dos montes de Agrilloi, promovido polos veciños do lugar de Agrilloi da parroquia de Agolada do concello de Coristanco.

Antecedentes de feito:

1º. Francisco Recarey Giance e outros veciños do lugar de Agrilloi da parroquia de Agolada, no seu nome e segundo manifestan, en representación dos veciños deste lugar, presentan unha solicitude para a clasificación como monte veciñal dos montes de Agrilloi, da devandita parroquia do concello de Coristanco, coa planimetría dos montes (monte Barrosas e monte Bao) e diversa documentación xustificativa.

2º. Á vista de tal solicitude e dos documentos presentados, o Xurado, na súa reunión do 20.12.2012, acordou iniciar a tramitación e nomear instrutor do expediente de clasificación.

As características dos montes cuxa clasificación se solicita son as seguintes:

Monte: Agrilloi.

Comunidade veciñal solicitante: veciños do lugar de Agrilloi.

Parroquia: Agolada.

Concello: Coristanco.

Superficie total: 3,4429 ha.

Segundo o informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais do 1.3.2013, canto aos límites das dúas parcelas que constitúen os montes de Agrilloi, veñen reflectidos na información xeorreferenciada presentada polos promotores do expediente e que, en resumo, son:

• Monte da Barrosa: superficie de 2,0135 ha.

Formado polas parcelas catastrais 160,165 e 317 do polígono 28 as tres de titularidade comunal, e as súas estremas son:

Norte:

Polígono 28, parcela 9003 (pista do Espiño. Coristanco. Desconto).

Polígono 28, parcela 80 (Penedo Pose, Eliseo).

Polígono 28, parcela 166 (Bermúdez Lorenzo, José María).

Leste:

Polígono 29, parcela 9002 (camiño a Gatiande. Coristanco. Desconto).

Polígono 28, parcela 167 (Rama Mira, Manuel).

Polígono 28, parcela 168 (Recarey Suárez, Manuel).

Polígono 28, parcela 169 (Rodríguez Pena, María Pilar).

Sur:

Polígono 28, parcela 170 (Bertaina Ricardo, Antonio).

Polígono 28, parcela 171 (Cancela Díaz, Balbina).

Parcela RF 15029A02800354 (sen datos).

Polígono 28, parcela 159 (Recarey Suárez, Manuel).

Oeste:

Polígono 28, parcela 164 (Busto Rama, José).

Polígono 28, parcela 161 (Busto Rama, José).

• Monte do Bao: superficie de 1,4294 ha.

Formado pola parcela catastral 5 do polígono 49 de titularidade comunal, e as súas estremas son:

Norte:

Polígono 49, parcela 4 (Varela Lorenzo, Purificación).

Polígono 49, parcela 3 (Busto Rama, José).

Polígono 49, parcela 2 (Busto Rama, José).

Polígono 49, parcela 13 (Busto Rama, José).

Leste:

Polígono 49, parcela 9003 (camiño a Lagares).

Sur:

Polígono 49, parcela 10 (Vila García, María Ángeles).

Polígono 49, parcela 12 (Varela Lorenzo, Manuel).

Polígono 49, parcela 7 (Busto Rama, José).

Oeste:

Polígono 49, parcela 9013 (camiño Lagares-Pedreiro).

3º. En cumprimento do disposto no artigo 20 do Regulamento de montes veciñais en man común, solicitouse ao Servizo de Montes informe sobre os montes de referencia. O xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común emite un informe o 1.3.2013 en que manifesta, en síntese, que non se ten referencia ningunha deses montes no servizo, polo que se descoñece a súa titularidade e o seu deslindamento administrativo. Achega canda o informe as certificacións catastrais actuais das parcelas afectadas, nas cales se indica como titular en todas elas «comunal». Canto ao aproveitamento, remítese ao informe do Distrito Forestal II no cal, en síntese, se sinala a afectación da maior parte da parcela do monte da Barrosa polas obras da vía de Costa da Morte, que viñan realizando os veciños de Agrilloi en comunidade ata hai 30 anos algún aproveitamento do monte e que non lle consta que haxa reclamacións sobre os montes.

Conforme o disposto no artigo 21 do Regulamento de montes veciñais, solicitouse a correspondente certificación de asentos ao Rexistro da Propiedade de Carballo, que certifica o 20.3.2013 que «os predios indicados na dita solicitude, tal e como se describen nela, non figuran inscritos neste Rexistro da Propiedade, ao menos de forma en que poidan ser identificadas e segundo os datos subministrados».

4º. Para dar cumprimento ao disposto no artigo 23 do Regulamento do 4 de setembro de 1992, procedeuse á correspondente tramitación e librouse por orde do instrutor do expediente comunicación do acordo de inicio do expediente de clasificación ao Servizo de Montes para os efectos de aproveitamentos e de acordo co disposto no artigo 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro; ao alcalde do Concello de Coristanco, ao cal se lle remitiu edicto do acordo de inicio a fin de que, segundo o disposto no artigo 10 da Lei e 23 do Regulamento de montes veciñais en man común, sexa exposto polo período dun mes para os efectos de alegacións dos posibles interesados; ao representante da comunidade veciñal de Agrilloi; e ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación (DOG nº 90, do 13 de maio de 2013). No taboleiro de anuncios do concello estivo exposto, segundo certificación achegada pola secretaria do Concello do 14.8.2013, desde o 29.4.2013 ata o 12.8.2013.

5º. Durante o período de alegacións non se presentou ningunha.

6º. Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, exixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e polo seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia; Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais disposicións aplicables ao caso.

Fundamentos de dereito:

1º. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º. De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e o artigo 19 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños do lugar de Agrilloi, da parroquia de Agolada, do concello de Coristanco, son parte lexítima para solicitar o inicio do presente expediente de clasificación.

3º. Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características: a) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; b) Que se veña aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; c) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a cal se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, e artigos 1, 2 e 3 do seu regulamento).

É pois un elemento determinante para a clasificación dun monte como veciñal en man común que o Xurado teña elementos probatorios suficientes no expediente para determinar se o monte que se pretende clasificar reúne as condicións inherentes aos montes veciñais, e isto á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais que se puideren suscitar no procedemento, que deberán de dirimirse ante a xurisdición ordinaria segundo o disposto no artigo 10.2 da Lei estatal 55/1980, do 11 de novembro, de montes veciñais en man común.

No presente expediente consta como antecedente que no Catastro da riqueza rústica do ano 1958, e segundo certificacións expedidas pola responsable do Arquivo Histórico de Galicia, aparecen como comunais na parroquia de Agolada do concello de Coristanco as seguintes parcelas: a) A parcela 45 do polígono 85, cunha extensión de 1,5190 ha, que se correspondería co chamado monte Bao e que mantivo practicamente esta extensión ata a actualidade (no catastro actual coa referencia tamén de titularidade dominical comunal cunha extensión de 1,4294 ha). Ademais, na ortofoto deste polígono e parcela do arquivo de rústica faise constar «comunal que pastorean os veciños do l. de Agrilloi»; b) A parcela 199 do polígono 129 cunha extensión de 4,326 ha, que se correspondería co monte Barrosa que, con menos superficie, no catastro actual hai tres parcelas do polígono 28 con titularidade «comunal»: as parcelas 160, 165 e 317 cunha superficie total de 2,0135 ha. No expediente tamén constan varias escrituras de predios do lugar de Agrilloi e tamén chamadas «barrosas», nas cales se indica que limitan por algunha das súas estremas con «brañal común»; «monte veciñal»; «monte común» ou «braña veciñal».

Ademais, cómpre salientar que tanto os veciños do lugar de Agrilloi como os veciños dos lugares de Outeiro e Bormoio, todos eles da parroquia de Agolada, manifestaron nun expediente de clasificación dos montes de Agolada promovido a favor de toda a parroquia de Agolada, que os veciños de cada lugar tiñan os seus propios montes, aos que acudían para aproveitar leña, estrume e pastoreo, e que se opoñían a que fosen clasificados todos os montes de Agolada en favor da parroquia de Agolada como grupo social. De feito, os veciños de Agrilloi xa identificaban como parcelas veciñais súas naquel expediente as que agora están a solicitar.

Por último, no presente expediente non se presentou ningunha alegación á petición dos veciños de Agrilloi de que os devanditos montes sexan declarados veciñais no seu favor, nin oposición ningunha por parte do concello de Coristanco.

Por todo exposto, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito indicados, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, e logo da proposta do instrutor e por unanimidade dos asistentes con dereito a voto, este xurado acorda clasificar como montes veciñais en man común os montes de Agrilloi (monte Barrosa e monte Bao) descritos no antecedente segundo, en favor dos veciños do lugar de Agrilloi da parroquia de Agolada do concello de Coristanco coas estremas, superficie, características e planimetría que constan no expediente presentadas polos seus promotores, validadas no seu informe do 1.3.2013 polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común e que forma parte integrante desta resolución.

Notifíquese a presente resolución aos interesados.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

A Coruña, 5 de novembro de 2013

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común da Coruña