Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 3 de decembro de 2013 Páx. 46692

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 174/2013, do 21 de novembro, polo que se modifica o Decreto 177/1998, do 11 de xuño, polo que se crea a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública.

O Decreto 177/1998, do 11 de xuño, respondeu á necesidade de contar con instrumentos que facilitasen información útil sobre a situación de saúde/enfermidade na nosa comunidade autónoma, así como para coñecer a súa evolución, entendendo que os datos epidemiolóxicos e o seu estudo constitúen unha actividade fundamental do sistema sanitario, tal como aparece recoñecido no artigo 8 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

Baixo tal premisa, o manexo de información epidemiolóxica serve para orientar con maior eficacia a prevención dos riscos para a saúde, así como a planificación e avaliación sanitaria. Para tal efecto, debe dispoñerse dun sistema organizado de información sanitaria, vixilancia e actuación.

Tendo en conta a evolución do marco normativo e a experiencia acumulada polo funcionamento do sistema, cómpre melloralo introducindo mecanismos de alerta e resposta máis eficaces e inmediatos, utilizando as tecnoloxías dispoñibles.

Así, o Regulamento Sanitario Internacional (2005) exixe que no nivel primario de resposta de saúde pública se teña capacidade suficiente para detectar eventos que supoñan niveis de morbi-mortalidade superiores aos previstos e para aplicar de inmediato as medidas de control e realizar todas as accións previstas na citada norma as 24 horas do día.

As primeiras persoas que poden detectar os ditos eventos son os/as profesionais sanitarios/as que atenden os/as pacientes con enfermidades capaces de modificar nun moi breve lapso de tempo o nivel de morbi-mortalidade, ou mesmo detectar o aumento nas primeiras etapas da difusión da enfermidade, se ben que son as unidades de Saúde Pública as encargadas de aplicar de inmediato as medidas de control e realizar todas as accións previstas segundo a normativa de aplicación.

Por tanto, pódese mellorar a rede de vixilancia existente establecendo mecanismos que fagan máis inmediato e áxil o contacto entre os profesionais sanitarios e as unidades de Saúde Pública.

Para tal efecto, partindo da experiencia acumulada no funcionamento da rede, cómpre constituír formalmente un sistema que recolla a información sobre eventos que supoñan niveis de morbi-mortalidade superiores aos previstos e facilite a interacción inmediata entre os profesionais competentes. Ese sistema denominarase Sistema de alerta epidemiolóxica de Galicia (SAEG) e servirá fundamentalmente para habilitar vías de intercambio permanente da información que se recibe a través das declaracións obrigatorias urxentes.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de novembro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modifícase o artigo 4 do Decreto 177/1998, do 11 de xuño, polo que se crea a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública, engadíndolle unha alínea c) coa seguinte redacción:

c) O Sistema de alerta epidemiolóxica de Galicia (SAEG).

Artigo 2. Engádese un artigo 9 ao Decreto 177/1998, do 11 de xuño, polo que se crea a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública, coa seguinte redacción:

«Artigo 9. Sistema de alerta epidemiolóxica de Galicia (SAEG)

1. Créase o Sistema de alerta epidemiolóxica de Galicia (SAEG), como parte integrante da Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública.

2. Este sistema ten por obxectivos:

a) Recibir as declaracións obrigatorias urxentes de eventos que supoñan niveis de morbi-mortalidade superiores aos previstos.

b) Facilitar a resposta máis axeitada ás declaracións recibidas, e iniciar de inmediato as investigacións ou intervencións necesarias.

c) Aplicar as medidas previstas na normativa sanitaria».

Artigo 3. Engádese un artigo 10 ao Decreto 177/1998, do 11 de xuño, polo que se crea a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública, coa seguinte redacción:

«Artigo 10. Funcionamento

1. O Sistema de alerta epidemiolóxica de Galicia (SAEG) atenderá por vía telefónica e de xeito ininterrompido as declaracións obrigatorias urxentes previstas no presente decreto e nas súas disposicións de desenvolvemento.

2. Durante o horario de oficina, as declaracións urxentes realizaranse a través do teléfono das seccións de epidemioloxía dos servizos de Alertas Epidemiolóxicas das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de sanidade.

3. Fóra do horario de oficina, as declaracións urxentes realizaranse a través dun teléfono único para toda Galicia. Este teléfono estará atendido por persoal experto en epidemioloxía das xefaturas territoriais ou do órgano que teña atribuído o exercicio das funcións en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade.

4. Os teléfonos do SAEG serán accesibles a través dos teléfonos de emerxencias de Galicia».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para ditar cantas normas sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de novembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade