Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Xoves, 5 de decembro de 2013 Páx. 46924

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

ORDE do 27 de novembro de 2013 pola que se modifica a Orde do 28 de maio de 2013, pola que se regulan os cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia, a súa subministración electrónica e a presentación e o pagamento electrónico dos tributos sobre o xogo do bingo.

O día 31 de maio de 2013 publicouse a Orde da Consellería de Facenda e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 28 de maio de 2013 pola que se regulan os cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia, a súa subministración electrónica e a presentación e o pagamento electrónico dos tributos sobre o xogo do bingo.

A disposición transitoria única regulaba a prohibición de convivencia dos cartóns de bingo da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda cos cartóns de subministración electrónica regulados na referida orde nas salas de xogo do bingo, circunstancia que nestes momentos non se considera necesario manter.

Por este motivo, de acordo co establecido no artigo 38.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e en virtude das competencias normativas que o artigo 50 da Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias, outorga sobre os aspectos de aplicación da taxa fiscal sobre o xogo do bingo e de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 17/2010, do 16 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da dita cesión, e consonte coas disposicións contidas no artigo 31 do TRTC aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, e no artigo 1 do Decreto 247/1991 e coas habilitacións establecidas na disposición adicional do dito Decreto 247/1991 e no artigo 4 e disposición adicional primeira do Decreto 113/2010,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 28 de maio de 2013 pola que se regulan os cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia, a súa subministración electrónica e a presentación e o pagamento electrónico dos tributos sobre o xogo do bingo

Introdúcense as seguintes modificacións na Orde do 28 de maio de 2013 pola que se regulan os cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia, a súa subministración electrónica e a presentación e o pagamento electrónico dos tributos sobre o xogo do bingo:

Un. Modifícase a disposición transitoria única, que queda redactada como segue:

«Disposición transitoria única. Cartóns de bingo da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda

1. A dirección da Axencia Tributaria de Galicia determinará mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia a data a partir da cal non se subministrarán cartóns de bingo da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda a través das delegacións da Axencia Tributaria de Galicia.

2. A dirección da Axencia Tributaria de Galicia determinará mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia a data a partir da cal comezará a subministración electrónica dos cartóns regulados nesta orde.

3. A dirección xeral competente en materia de xogo determinará, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, a data a partir da cal poderán ser postos á venda nas salas de bingo de Galicia os cartóns regulados na presente orde.

4. Os cartóns expedidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda que fosen subministrados con anterioridade á data sinalada no parágrafo 1 poderán seguir sendo utilizados no desenvolvemento do xogo do bingo ata o seu esgotamento».

Dous. Engádese unha disposición derradeira, que será a primeira, coa seguinte redacción:

«Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

As disposicións en materia tributaria contidas nesta orde poderán ser modificadas mediante orde da consellería competente en materia de facenda. As disposicións en materia de xogo contidas nesta orde poderán ser modificadas mediante orde da consellería que teña a competencia na dita materia».

Tres. A disposición derradeira única pasa a ser a disposición derradeira segunda.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2013

Elena Muñoz Fonteriz Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleira de Facenda Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza