Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 20 de decembro de 2013 Páx. 49038

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2013, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 2 de abril de 2013 pola que se regulan as bases para a concesión das axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

No Diario Oficial de Galicia do 5 de abril de 2013 publicouse a Orde do 2 de abril de 2013 pola que se regulan as bases para a concesión das axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

No artigo 3 da dita orde establécese que o crédito asignado para atender as solicitudes que se aproben, que se imputan á aplicación orzamentaria 05.11313D.480.0, ascende a 688.850,00 euros para o ano 2013 e que se reservan 1.120.000,00 euros do ano 2014 para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das beneficiarias durante o exercicio seguinte. Este crédito, segundo o establecido no dito artigo, poderá ser ampliado cando a aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por outra banda, o artigo 8.1.h) da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, dispón que, con independencia dos supostos previstos no punto 1 do artigo 64 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, terán excepcionalmente condición de ampliables «os créditos incluídos na aplicación 05.11.313D.480.0, destinados ao pagamento de axudas periódicas a mulleres que sofren violencia de xénero».

A través da Resolución do 4 de novembro de 2013, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG núm. 212, do 6 de novembro), ampliouse a dotación orzamentaria asignada para a concesión destas axudas na contía de 155.061,33 euros para o exercicio corrente.

Na data actual, dado o volumen de solicitudes presentadas desta axuda e que non poden ser atendidas polo esgotamento do crédito asignado, así como as necesidades das posibles beneficiarias, resulta necesario incrementar novamente a dotación orzamentaria destinada a esta axuda.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único

Primeiro. Amplíase a dotación orzamentaria asignada para a concesión das axudas económicas de carácter periódico de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero na contía de 157.599,32 euros para o exercicio corrente, con cargo á partida orzamentaria 05.11.313D.480.0.

Segundo. Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2013

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade