Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Luns, 23 de decembro de 2013 Páx. 49395

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 13 de decembro de 2013 pola que se regula o procedemento de autorización da prolongación da permanencia no servizo activo do persoal funcionario público pertencente á escala de saúde pública e Administración sanitaria.

De conformidade co previsto no artigo 67 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, o persoal funcionario pode solicitar a prolongación da permanencia no servizo activo máis aló da idade de xubilación forzosa, e como máximo ata os setenta anos de idade. A Administración pública competente debe resolver de forma motivada a aceptación ou a denegación da dita prolongación.

Pola súa parte, o artigo 4 da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, modificou o artigo 49.1 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, establecendo determinados aspectos que se deben ter en conta para conceder ou denegar a prolongación da permanencia no servizo activo, como son as razóns organizativas derivadas da planificación do emprego público, os resultados da avaliación do desempeño da persoa funcionaria, así como a súa capacidade psicofísica. Así mesmo, prevese a concesión da prolongación da permanencia na situación de servizo activo por períodos anuais, e facúltase á conselleira ou conselleiro competente para ditar, de ser o caso, as normas complementarias de procedemento.

Por Orde da Consellería de Facenda do 7 de xaneiro de 2013 regúlase o procedemento de autorización da prolongación da permanencia no servizo activo do persoal funcionario pertencente a corpos e escalas adscritos á consellería competente en materia de función pública no ámbito da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Entre as normas de procedemento que compete ditar a esta Consellería de Sanidade nesta materia figuran as aplicables ao colectivo de persoal funcionario da escala de saúde pública e Administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro.

O antedito procedemento de prolongación baséase nas seguintes premisas:

a) Os preceptos con rango de lei que rexen a súa xubilación ou posible prolongación no servizo activo son os xa citados do réxime xeral da función pública de Galicia.

b) Este colectivo presta servizos en órganos centrais da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, e territoriais da Consellería, xunto a un colectivo maioritario de persoal –mesmo profesionais de carácter sanitario como o persoal veterinario– ao cal lle resulta de aplicación o procedemento fixado na devandita Orde da Consellería de Facenda do 7 de xaneiro de 2013.

Sobre estas bases resulta oportuno que o procedemento de autorización de prolongación sexa o mesmo que establece a orde da Consellería de Facenda, coas peculiaridades que resultan ineludibles por razóns de competencia.

En virtude do anterior, de conformidade coas atribucións que me confiren os artigos 17 e 49 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e da súa Presidencia, e o Decreto 303/1990, do 31 de maio, polo que se desenvolve a Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma, oída a comisión de persoal, e de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de autorización da prolongación da permanencia no servizo activo do persoal funcionario pertencente á escala de saúde pública e Administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, así como das renovacións anuais destas, ata como máximo os setenta anos de idade ou a idade máxima que legalmente se estableza.

2. Esta orde non será de aplicación ao persoal funcionario daqueles corpos e escalas sanitarias que teñan normas específicas de xubilación de acordo co disposto na normativa básica estatal.

Artigo 2. Órgano competente

Delégase na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde a competencia para resolver as solicitudes de prolongación da permanencia no servizo activo obxecto desta orde.

Artigo 3. Procedemento

1. O procedemento para a concesión da prolongación da permanencia no servizo activo iniciarase por solicitude da persoa funcionaria interesada dirixida á devandita Dirección Xeral de Recursos Humanos, segundo o modelo normalizado que figura como anexo desta orde (punto a). A solicitude deberá ser presentada cunha antelación mínima de tres meses e máxima de catro meses á data en que a persoa funcionaria faga a idade de xubilación forzosa.

2. Recibida a solicitude, a Dirección Xeral remitirá unha copia ao órgano de dirección ou xefatura territorial en que a persoa interesada estea prestando os seus servizos, que emitirá informe motivado relativo á procedencia da concesión ou denegación da prolongación da permanencia no servizo activo ao funcionario peticionario dela, no cal se deberán ter en conta algún ou algúns dos seguintes aspectos:

a) As razóns organizativas ou funcionais existentes.

b) O rendemento ou os resultados obtidos.

c) O absentismo observado durante o ano inmediatamente anterior á data da solicitude.

Á vista dese informe, e para o caso de que sexa favorable á prolongación da permanencia no servizo activo pedida pola persoa funcionaria, a Dirección Xeral de Recursos Humanos solicitará ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Administración xeral da Xunta de Galicia a realización dun recoñecemento médico da persoa funcionaria e unha avaliación do posto de traballo desta, e deberá emitir un certificado de aptitude médico laboral relacionado co posto. A non presentación da persoa funcionaria ao recoñecemento médico sen que medie causa xustificada determinará a denegación da prolongación da permanencia no servizo activo.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Recursos Humanos poderá solicitar calquera outro informe que xulgue conveniente.

Todos os informes serán emitidos no prazo máximo de dez días, que se contará desde a recepción da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa emisión.

3. De ser o caso, e unha vez instruído o procedemento, a Dirección Xeral de Recursos Humanos concederá un prazo de dez días para que a persoa funcionaria poida alegar e presentar os documentos e xustificacións que considere pertinentes.

4. Este procedemento é tamén aplicable ás solicitudes de renovación anual das prolongacións da permanencia no servizo activo, que deberán presentarse, segundo o modelo normalizado que figura como anexo desta orde (punto b), cun prazo de antelación mínima de tres meses e máxima de catro meses á data de finalización da prolongación concedida.

Artigo 4. Resolución

1. Unha vez recibidos os informes e, de ser o caso, as alegacións formuladas e os documentos presentados, a Dirección Xeral de Recursos Humanos ditará resolución motivada concedendo ou denegando a prolongación da permanencia no servizo activo ou a renovación anual desta.

A resolución notificarase á persoa interesada e ao órgano en que estea prestando os seus servizos.

2. Se antes dos quince días anteriores á data de cumprimento da idade de xubilación forzosa non se dita resolución expresa sobre a prolongación da permanencia no servizo activo, entenderase estimada a solicitude da persoa interesada, para os efectos establecidos no artigo 43 e concordantes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A prolongación da permanencia no servizo activo inadmitirase:

a) Cando a persoa interesada careza do requisito de idade.

b) Cando a solicitude se presente fóra do prazo establecido no artigo 3 desta orde.

4. A prolongación da permanencia no servizo activo denegarase:

a) Cando o informe previsto no número 2 do artigo 3 sexa desfavorable á concesión da prolongación.

b) Cando a persoa interesada non compareza para o seu recoñecemento médico sen que medie causa xustificada apreciada pola Dirección Xeral de Recursos Humanos.

c) Cando quede acreditado que a persoa non reúne a capacidade psicofísica necesaria para o desempeño do posto de traballo, sobre a base do resultado do recoñecemento médico ou da avaliación do posto de traballo.

d) Cando existan razóns organizativas derivadas da planificación do emprego público que o xustifiquen.

5. A solicitude da prolongación da permanencia no servizo activo comportará automaticamente a suspensión do inicio de oficio pola Administración sanitaria do procedemento de xubilación forzosa por idade da persoa interesada; suspensión que se manterá ata a data en que se adopte a resolución definitiva, a que se refire este artigo, sobre a indicada solicitude.

6. A resolución da solicitude de prolongación da permanencia no servizo activo pon fin á vía administrativa. Contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou, no prazo dun mes, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 5. Persoal funcionario en situación administrativa distinta á de servizo activo

1. O persoal funcionario que se encontre en situación administrativa distinta á de servizo activo, e que desexe prolongar a súa permanencia nel para cando obteña, de ser o caso, o reingreso ao servizo activo, poderá facer reserva deste dereito dirixindo unha solicitude á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, segundo o modelo normalizado que figura como anexo desta orde (punto c), cunha antelación mínima de tres meses á data de cumprimento da idade de xubilación forzosa.

A data de entrada do escrito a que se refire o parágrafo anterior nos rexistros da Consellería de Sanidade ou Servizo Galego de Saúde determinará a non iniciación ou a suspensión do procedemento de xubilación forzosa por idade, que será comunicada á persoa interesada.

En calquera momento, previamente ao reingreso á situación de servizo activo, a persoa interesada poderá solicitar á Dirección Xeral de Recursos Humanos a iniciación ou continuación da tramitación do procedemento de xubilación forzosa por idade.

2. Cando o persoal funcionario que teña reservado o dereito á prolongación da permanencia no servizo activo solicite o reingreso, e de concorreren os supostos que habiliten para este, a Administración iniciará de oficio o procedemento previsto nesta orde.

Os efectos económicos e administrativos da prolongación da permanencia no servizo activo, que se producirá unha vez reingresada a persoa funcionaria, serán coincidentes coa data de reingreso, na resolución determinarase a data de finalización da prolongación concedida, e aplicarase o procedemento previsto nesta orde cando a persoa funcionaria solicite a renovación anual da prolongación concedida.

Artigo 6. Duración e finalización da prolongación da permanencia no servizo activo

A prolongación da permanencia no servizo activo concederase por períodos dun ano renovables anualmente por solicitude da persoa interesada presentada cun prazo de antelación mínima de tres meses e máxima de catro meses á data de finalización da prolongación concedida, e como máximo ata que a persoa funcionaria faga a idade de setenta anos ou a idade máxima que legalmente se estableza.

Se antes de finalizar a prórroga concedida a persoa interesada non presenta a correspondente solicitude de renovación da prolongación de permanencia no servizo activo no prazo establecido, declararase de oficio a súa xubilación forzosa.

Non obstante, a persoa interesada poderá poñer fin á prolongación da permanencia no servizo activo comunicándoo á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, cunha antelación mínima de tres meses, e indicando a data en que desexa que se produza a súa xubilación, iniciándose o procedemento de xubilación forzosa por idade a partir da comunicación, sen prexuízo de que os efectos da xubilación se produzan a partir da data que o interesado sinale como límite da súa permanencia no servizo activo.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da su publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2013

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO
Solicitude de prolongación da permanencia no servizo activo

Nome:

Apelidos:

DNI:

Data de nacemento:

Data de cumprimento da idade de xubilación forzosa:

Clase

SOLICITA, ao abeiro da Orde do 13 de decembro de 2013 pola que se regula o procedemento de prolongación da permanencia no servizo activo do persoal funcionario público pertencente á escala de saúde pública e Administración sanitaria:

� a) A prolongación por un período dun ano da permanencia no servizo activo ao abeiro do artigo 49.1. do texto refundido da Lei da función pública de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo (modificado pola Lei 1/2012, do 29 de febreiro).

� b) A renovación da autorización de permanencia no servizo activo. Achégase copia da resolución de autorización inmediatamente anterior.

� c) A reserva do dereito a prolongar a permanencia no servizo activo para cando se produza, de ser o caso, o reingreso ao servizo activo. Achégase resolución de declaración da actual situación administrativa distinta á de activo.

En ……………………………….., o ...... de ........................... de ..............

Dirección Xeral de Recursos Humanos

Servizo Galego de Saúde

Edificio Administrativo de San Lázaro

15703 Santiago de Compostela, A Coruña