Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Martes, 31 de decembro de 2013 Páx. 53074

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 26 de decembro de 2013 pola que se fixa a data da efectividade do traspaso do persoal, bens, dereitos e obrigas da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia á Axencia Galega de Innovación e á Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

O Decreto 134/2013, do 1 de agosto, polo que se procede á reorganización das entidades instrumentais adscritas á Consellería de Economía e Industria con competencias en materia de innovación e se modifica a estrutura orgánica da dita consellería (DOG núm. 155, do 14 de agosto de 2013), autoriza a extinción da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e dispón que asuma os seus medios persoais e materiais a Axencia Galega de Innovación, agás o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, que será asumido pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Mediante o dito decreto adoptáronse as disposicións que determinan o destino dos bens, dos dereitos e das obrigas dos ditos organismos, así como as medidas aplicables aos empregados do organismo que se suprime, no marco da lexislación reguladora de cada tipo de persoal, ao abeiro do disposto no artigo 44 do Estatuto dos traballadores verbo da sucesión de empresa.

O día 18 de decembro de 2013 os representantes dos traballadores e da Consellería de Economía e Industria acadaron acordo de modificación substancial das condicións de traballo, acordo ratificado pola Mesa Xeral de Empregados Públicos do día 20 de decembro de 2014.

O día 26 de decembro de 2013 o Padroado da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia adoptou o acordo de extinción con efectos do 1 de xaneiro de 2014.

A disposición derradeira segunda do Decreto 134/2013, do 1 de agosto, autoriza a persoa titular da Consellería de Economía e Industria para ditar cantas medidas sexan necesarias para a execución deste decreto e, singularmente, para establecer mediante resolución a relación do persoal e de bens da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia que se traspasan á Axencia Galega de Innovación e á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, así como para fixar a data e efectividade do traspaso.

Por todo isto, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Fixar o día 1 de xaneiro de 2014 como data da efectividade do traspaso do persoal, bens, dereitos, e obrigas da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia á Axencia Galega de Innovación e á Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2013

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria