Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Mércores, 8 de xaneiro de 2014 Páx. 525

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia.

Exposición de motivos

1

Galicia experimentou unha transformación acelerada na súa paisaxe agraria nos últimos anos. Cambios profundos nas estruturas familiares agrarias, tanto no modo de producir coma nos cultivos agrícolas e forestais, mudaron dun modo substancial os compoñentes do territorio e, por tanto, as condicións dos hábitats, que derivaron no incremento das poboacións dalgunhas especies en detrimento doutras.

Nestas circunstancias, e dado que a superficie cinexética de Galicia comprende máis do 80 % do territorio galego, a caza cobra un singular protagonismo, necesario no control de determinadas poboacións de especies silvestres para lograr un equilibrio ecolóxico e fundamental no normal desenvolvemento dos ecosistemas naturais. A actividade cinexética transcende da súa condición deportiva e lúdica e gaña peso na súa función social e ambiental.

2

Ademais diso, a caza móstrase como un instrumento de grande interese para o desenvolvemento económico de amplas zonas do noso territorio, non só pola entidade dos recursos que promove, que poden ser moi elevados, senón porque o fai nun medio social ao cal resulta especialmente interesante crear riqueza, dadas as poucas alternativas produtivas de que dispón, e pode poñer freo así ao despoboamento do medio rural.

Nestes últimos anos fíxose un considerable esforzo por incrementar a calidade da nosa caza e para mellorar os seus hábitats, afondouse no coñecemento e seguimento de varias especies e identificáronse os patróns xenéticos das especies cinexéticas autóctonas, a fin de mellorar as poboacións e con iso a oferta cinexética da nosa comunidade.

A caza menor, maioritaria hai uns poucos anos, cedeu protagonismo á caza maior, que crece na afección dos cazadores e cazadoras galegos e atrae progresivamente o interese dos cazadores e cazadoras foráneos.

3

É un feito constatable que o medio cambiou e as circunstancias en que se practica a caza tamén, e por iso é necesario modificar a normativa que a organiza e ordena.

A Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, aínda que modificada parcialmente pola Lei 6/2006, do 23 de outubro, e pola Lei 2/2010, do 11 de febreiro, non puido facer fronte ao conxunto de problemas que orixina o exercicio da caza na actualidade. Nestes poucos anos aquela lei envelleceu, o medio experimentou un cambio substancial e con el, a propia actividade cinexética. Actualmente faise necesaria unha lei nova que non só mellore a anterior senón que, ademais, saiba adaptarse á realidade que ten que ordenar e que se poña en sintonía con outras disposicións autonómicas que, salvando as peculiaridades que lles son propias, utilizan instrumentos xurídicos, medios e procedementos similares para atender exixencias que a todas son comúns.

4

A caza constitúese como un dereito orixinario que corresponde a todos os administrados, aínda que sometido a limitacións administrativas coa imposición de requisitos para o seu exercicio, e que pode practicarse en todos aqueles lugares en que non se encontre expresamente prohibida por disposicións legais ou polo exercicio de dereitos privados.

5

Cando Galicia asumiu as competencias en materia de caza a través do seu Estatuto de autonomía, fíxoo co designio de orientala non só polos rumbos da nosa tradición cinexética senón tamén como un instrumento importante para o desenvolvemento rural. Proclamouse a imperiosa necesidade de ordenar a actividade cinexética e de dimensionala de xeito adecuado para posibilitar a súa xestión. Ao longo dos anos en que tivo vixencia a Lei 4/1997, do 25 de xuño, cumpríronse eses obxectivos e da súa man operouse un cambio substancial no mundo da caza galega.

6

Agora son outros os obxectivos que han de orientar a ordenación legal da caza.

Os esteos básicos en que se fundamenta esta reforma son:

a) Propender cara a unha caza mais ética e responsable.

b) A sustentabilidade da caza en harmonía co medio natural en que se desenvolve.

c) A mellora da calidade dos instrumentos de ordenación como a mellor garantía da sustentabilidade.

d) Unha distribución máis xusta da responsabilidade polos danos causados polas especies cinexéticas.

e) A seguridade na actividade cinexética, non só para os cazadores e cazadoras senón tamén para os demais usuarios e usuarias do monte.

f) A dinamización económica do mundo rural a través da explotación cinexética.

g) Un réxime sancionador claro e preciso.

7

Avógase nesta lei polo exercicio dunha caza máis responsable, máis sustentable e máis ética. Especial empeño pon a lei en que a caza se realice en condicións de máxima seguridade para as persoas e os bens. A exixencia de boas prácticas na caza, que aseguren unha caza sen sobresaltos, pasa de ser unha simple recomendación a se converter nunha exixencia formal da lei.

Refórmase o réxime aplicable ás zonas de seguridade e faise un esforzo para facelo máis claro e rigoroso para todos.

Defínese e confórmase a figura do/da cazador/a, como elemento básico na regulación da caza, e establécense os seus deberes, que afondan no designio do exercicio responsable da caza.

Acóllense no dereito sancionador condutas antixurídicas novas e cualifícanse como tales outras que xa aparecían declaradas anteriormente.

Adquire unha significación especial a problemática que provocan os danos que causan as especies silvestres non só no ámbito agrario senón tamén no da circulación viaria. Dada a relevante importancia social, económica e ambiental que ten a caza na nosa comunidade autónoma, créase unha figura nova, o Fondo de Corresponsabilidade, expresiva da solidariedade na repartición das cargas que derivan da responsabilidade polos danos que causan as especies cinexéticas. Con el, preténdese achegar fondos públicos para a adopción de medidas preventivas e mais de medidas paliativas dos danos para evitar que se produzan ou para contribuír ao esforzo económico que representan.

Harmonízase o réxime da vixilancia privada coas demais lexislacións autonómicas.

Incídese dun xeito destacado na regulación das explotacións cinexéticas comerciais, chamadas a ser un instrumento dinamizador da economía rural, co compoñente empresarial que procura na rendibilización dos recursos da caza un instrumento para o impulso económico do medio rural, xunto a algunhas modificacións que se fixeron na ordenación dos tecores, ben que, por entendérense axeitadas, se respectan as liñas esenciais na ordenación territorial da caza que no seu día supuxo a transformación dos coutos de caza en tecores.

8

A lei estrutúrase en seis títulos, noventa e sete artigos, cinco disposicións adicionais, catro disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e unha disposición derradeira.

No título I enúncianse os obxectivos e a orientación cara á cal se ordena a regulación da caza en Galicia.

No título II insístese no dimensionamento axeitado dos espazos cinexéticos como presuposto básico para a súa xestión. Mantense a clasificación dos terreos, con algunha modificación puntual, cal é a de incluír entre os terreos non cinexéticos os refuxios de fauna, que son, pola súa propia natureza, espazos incompatibles coa práctica da caza, sen que iso supoña convertelos en santuarios para todas as especies.

O título III recolle o interese da lei nunha ordenación tecnicamente rigorosa para a protección e defensa dos valores naturais da caza, afondando nos valores de sustentabilidade das poboacións e do ambiente e da valorización da caza como recurso económico.

O título IV acolle cantos elementos congrega a actividade cinexética: o/a cazador/a, os cans, as armas e as súas municións, a vixilancia na caza e a responsabilidade derivada da caza ou das especies obxecto da acción venatoria. Este título presenta novidades que convén salientar: define o/a cazador/a dun xeito pormenorizado e preciso, establece a prohibición de usos de armas e municións inapropiadas para un exercicio deportivo e cabal da caza e pon especial empeño na seguridade na caza, para que o seu exercicio non sexa causa de problemas para os propios cazadores e cazadoras nin para outras persoas ou os seus bens. As normas de seguridade na caza pasan de ser recomendacións a se converteren en obrigas legais. Establécese a responsabilidade persoal do/da cazador/a polos danos que puider causar durante o desenvolvemento da acción de caza. Os tecores, como titulares dos dereitos cinexéticos, manteñen a responsabilidade polos danos que causan as especies cinexéticas, pero, no marco das competencias propias da Comunidade Autónoma galega, a lei reclama unha repartición máis equilibrada e equitativa desta responsabilidade patrimonial e anuncia a creación dun Fondo de Corresponsabilidade para ese fin. Dáse un cambio importante no que respecta á vixilancia privada na caza, que é incentivada polos poderes públicos, e recoñéceselle a súa transcendental importancia para a xestión técnica da caza, e que asumirá responsablemente quen posúa a titularidade cinexética segundo as súas propias necesidades.

O título V recolle e estrutura a necesaria participación dos sectores sociais en todo canto concirne ao mundo da caza da nosa comunidade.

No título VI regúlase o réxime sancionador e, como principal novidade, sinálase un aumento no cómputo dos prazos de prescrición, o establecemento dun completo catálogo de medidas cautelares, o incremento de tipos infractores e a posibilidade de graduar a sanción por tramos.

Esta lei foi sometida ao ditame preceptivo do Consello Económico e Social de Galicia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de caza de Galicia.

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta lei ten por obxecto regular o exercicio da caza na Comunidade Autónoma de Galicia coa finalidade de protexer, conservar, fomentar e aproveitar ordenadamente os seus recursos cinexéticos de xeito compatible co equilibrio natural e cos distintos intereses afectados.

Artigo 2. Acción de cazar

1. Para os efectos desta lei, considérase acción de cazar a exercida, cos instrumentos e medios permitidos, para buscar, atraer, perseguir, acosar ou agardar a chegada das pezas de caza e cuxa finalidade sexa capturalas ou abatelas, ou facilitar a súa captura por un terceiro.

2. Non se consideran acción de cazar as accións preparatorias das cazarías realizadas sen armas nas modalidades colectivas de caza maior, o adestramento de cans e o voo libre das aves en cetraría.

Artigo 3. Obxecto da caza

1. Son obxecto da caza os exemplares pertencentes ás especies que se declaren como cinexéticas, que desde ese momento terán a condición de pezas de caza.

2. Son especies cinexéticas as declaradas obxecto de caza mediante orde da persoa titular da consellaría competente en materia de caza.

3. As especies protexidas e os animais domésticos non poderán ser obxecto de caza.

4. Para os efectos de planificación, ordenación e aproveitamento cinexéticos, as especies cinexéticas clasifícanse en dous grandes grupos:

a) Especies de caza maior.

b) Especies de caza menor.

Artigo 4. Competencia en materia de caza

A planificación, ordenación, fomento, vixilancia e control da caza corresponderá á consellaría competente en materia de caza, a cal realizará cantas actuacións considere precisas para alcanzar os obxectivos desta lei.

Artigo 5. Propiedade das pezas de caza

1. Cando a acción de cazar se axuste ás prescricións desta lei, o/a cazador/a adquire a propiedade das pezas de caza mediante a ocupación. Entenderanse ocupadas as pezas de caza desde o momento da súa morte ou captura.

2. O/A cazador/a que fira unha peza de caza dentro dun terreo onde lle estea permitido cazar ten dereito a cobrala aínda que entre en terreos de titularidade allea, sempre que sexa visible desde o linde, e debe entrar a cobrala coa arma descargada.

3. Cando o/a cazador/a entre en tecores alleos, tratándose de pezas de caza maior, non será necesario o consentimento de quen sexa titular do dereito cinexético do terreo, sempre que aquela dea rastro de sangue e o/a cazador/a entre a cobrar a peza coa arma descargada. Cando o terreo alleo estiver cercado ou no caso de que a peza non sexa visible desde o linde, o/a cazador/a necesitará autorización de quen sexa titular do dereito cinexético do terreo para entrar a cobrala. Quen se negue a conceder o seu consentimento para o acceso terá a obriga de entregar a peza ferida ou morta, sempre que sexa achada e poida ser aprehendida.

4. Cando un/unha ou varios/as cazadores/as levanten e persigan unha peza de caza, calquera outro/a cazador/a deberá absterse, en canto dure a persecución, de abater ou intentar abater a devandita peza.

Entenderase que unha peza de caza é perseguida cando o/a cazador/a que a levantou, con ou sen axuda de can ou doutros medios, vaia no seu seguimento e teña unha razoable posibilidade de cobrala.

5. Na acción de cazar, cando haxa dúbidas respecto da propiedade das pezas de caza, aplicaranse os usos e costumes do lugar. Na falta destes, o dereito de propiedade sobre a peza cobrada corresponderá ao/á cazador/a que lle dese morte, se se trata de pezas de caza menor, e ao/á autor/a do primeiro sangue, cando se trate de pezas de caza maior.

TÍTULO II
Clasificación dos terreos

Artigo 6. Clasificación dos terreos

Para os efectos desta lei, o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia clasifícase en terreos cinexéticos e terreos non cinexéticos.

CAPÍTULO I
Terreos cinexéticos

Artigo 7. Definición

1. Son terreos cinexéticos aqueles en que está permitido o exercicio da caza.

2. A declaración de terreos cinexéticos ten como finalidade o aproveitamento ordenado e sustentable das especies cinexéticas asegurando a súa protección e fomento.

Artigo 8. Clases

Os terreos cinexéticos clasifícanse en:

1. Terreos sometidos a réxime común.

2. Terreos sometidos a réxime especial.

Sección 1ª. Terreos cinexéticos sometidos a réxime común

Artigo 9. Terreos cinexéticos sometidos a réxime común. Zonas libres e zonas de exclusión

1. Os terreos sometidos a réxime cinexético común son aqueles espazos en que o exercicio da caza pode ser realizado por todos/as os/as cazadores/as sen máis limitacións que as establecidas nesta lei e demais normativa que resulte aplicable.

2. Compréndense dentro destes terreos todos aqueles terreos cinexéticos que non estean sometidos ao réxime especial previsto nesta lei.

3. Os terreos cinexéticos sometidos a réxime común clasifícanse nas seguintes categorías:

a) As zonas libres.

b) As zonas de exclusión.

4. As zonas libres son aqueles terreos sometidos a réxime común que presenten unha superficie igual ou superior a 500 hectáreas continuas, nos cales está permitido o exercicio da caza sen máis limitacións que as establecidas nesta lei e demais normativa que resulte aplicable. A xestión cinexética destes terreos corresponde á Xunta de Galicia.

5. As zonas de exclusión son aqueles terreos sometidos a réxime común que presenten unha superficie inferior a 500 hectáreas, nos cales o exercicio da caza está prohibido, sen prexuízo de que por razóns técnicas, de seguridade, científicas, sanitarias ou sociais a persoa titular da dirección xeral competente en materia de caza acorde a súa autorización para especies determinadas.

Sección 2ª. Terreos cinexéticos sometidos a réxime especial

Artigo 10. Terreos cinexéticos sometidos a réxime especial

1. Os terreos cinexéticos sometidos a réxime especial son aqueles en que o exercicio da caza está limitado a quen teña a titularidade cinexética sobre eles, coa exclusión de todos/as os/as demais. Para os efectos desta lei, enténdese por titular cinexético o/a propietario/a ou, se é o caso, quen ten a titularidade doutros dereitos reais ou persoais que impliquen o uso e gozo do aproveitamento da caza, sexa persoa física ou xurídica.

2. Os terreos cinexéticos sometidos a réxime especial divídense nas seguintes categorías:

a) Terreos cinexéticos ordenados (tecores).

b) Reservas de caza.

c) Terreos cinexético-deportivos.

d) Explotacións cinexéticas comerciais.

Subsección 1ª. Terreo cinexético ordenado

Artigo 11. Terreo cinexético ordenado (tecor)

1. Terreo cinexético ordenado (en adiante, tecor) é toda superficie continua de terreos susceptible de aproveitamento cinexético especial que fose declarada e recoñecida como tal mediante resolución da persoa titular da consellaría competente en materia de caza, e na cal a poboación cinexética debe estar protexida e fomentada e se aproveita de forma ordenada.

2. Para a constitución dun tecor debe acreditarse a titularidade cinexética dunha superficie mínima e continua de 2.000 hectáreas polo período polo cal se solicite a duración do seu réxime especial, que en ningún caso será menor de dez anos.

Artigo 12. Cesión dos dereitos cinexéticos

No caso de cesión dos dereitos cinexéticos, esta terá unha duración mínima de dez e máxima de vinte e cinco anos. Ao cabo do período de cesión dos dereitos cinexéticos, se non se presentase reclamación para recuperar a titularidade sobre eles, entenderanse prorrogados de forma indefinida. En calquera momento, quen sexa titular de dereitos cinexéticos cuxa cesión fose prorrogada de forma indefinida por aplicación deste artigo poderá obter a segregación dos seus terreos do tecor mediante o procedemento que regulamentariamente se estableza.

Artigo 13. Titularidade

1. Os tecores poderán ser de titularidade pública, societaria ou particular, segundo promovan a súa constitución as administracións públicas, as sociedades ou asociacións de cazadores/as legalmente constituídas ou persoas físicas ou xurídicas de carácter particular. En función de a quen corresponda a titularidade dos tecores, poderán ser de carácter autonómico, de carácter local, de carácter societario ou de carácter individual.

2. A declaración dos terreos cinexéticos como tecores leva inherente a favor de quen sexa titular a reserva do dereito de caza de todas as especies cinexéticas que se encontren nel e, consecuentemente, a titularidade dos dereitos e obrigas que, de conformidade con esta lei, deriven do devandito aproveitamento cinexético.

3. Para o exercicio da caza nos tecores será necesario ser titular do tecor ou contar co permiso correspondente, expedido por quen sexa titular do propio tecor.

Artigo 14. Cambio de réxime

1. O réxime cinexético especial dos tecores manterase malia a perda de dereitos cinexéticos sobre determinados terreos que o integren, sempre que a superficie restante non sexa inferior á mínima sinalada no número 2 do artigo 11 e non perda continuidade ou que, aínda sendo menor, a dita perda proceda da declaración dunha parte como refuxio de fauna.

2. Calquera cambio na titularidade cinexética da totalidade ou parte dos terreos comprendidos no tecor debe ser comunicado á Administración por quen sexa titular del no prazo máximo de tres meses e por escrito.

3. A Administración pública fomentará as agrupacións e as fusións de tecores.

4. En todo caso, as medidas de protección, conservación e fomento da riqueza cinexética regularanse a través dos correspondentes plans de ordenación cinexética e dos plans anuais de aproveitamento cinexético, que deben ser aprobados pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de caza e pola persoa titular do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza, respectivamente.

Artigo 15. Procedemento xeral de declaración dun tecor

1. A declaración dun tecor iníciase por medio dunha solicitude do/da interesado/a á que se achegarán os documentos acreditativos da titularidade cinexética dos terreos e a especificación da súa superficie e dos seus lindes, así como unha memoria coas directrices básicas do plan de ordenación cinexética.

2. O procedemento de declaración dos tecores incluirá, en todo caso, un trámite de información pública, por un prazo de dous meses, no cal os/as propietarios/as dos terreos afectados ou quen teña a titularidade doutros dereitos que leven unido o seu aproveitamento cinexético poderán efectuar as alegacións que consideren pertinentes, e o informe do Comité Provincial ou Galego de Caza segundo corresponda ao seu ámbito territorial.

3. Unha vez iniciado o procedemento de declaración dos tecores e acreditado o cumprimento do previsto nos números 1 e 2 deste artigo, a persoa titular da consellaría competente en materia de caza ditará resolución de aprobación provisional para que no prazo máximo de catro meses se presenten o plan de ordenación cinexética e o plan anual de aproveitamento cinexético, se realice a sinalización e se adopten as medidas adicionais que se sinalen nela. Se non se cumprir algunha destas obrigas no citado prazo, quedará sen efecto a resolución de aprobación provisional.

4. Durante o prazo establecido no número anterior non poderá realizarse aproveitamento cinexético ningún.

5. Unha vez cumpridas as obrigas que se sinalan no número 3, a persoa titular do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza emitirá certificación do seu cumprimento e a persoa titular da citada consellaría declarará constituído o tecor no prazo máximo de dous meses desde a emisión da certificación. Transcorrido o prazo citado sen que mediase declaración administrativa ao respecto, entenderase autorizada a constitución do tecor.

Ata que se dite resolución expresa pola que se declare o tecor ou, na súa falta, ata que transcorra o prazo para entenderse autorizada a súa constitución, manterase a prohibición de realizar actividade cinexética ningunha.

6. Ao vencemento do prazo de vixencia do tecor, se houber reclamación para recuperar a titularidade cinexética, os/as titulares deste poderán iniciar o procedemento de renovación segundo se estableza regulamentariamente.

7. O procedemento de renovación do tecor debe seguir unha tramitación semellante á da constitución e incluír un trámite de información pública.

Artigo 16. Modificación do ámbito territorial dun tecor

1. Os procedementos de ampliación e segregación dos terreos cinexéticos serán tramitados e resoltos pola persoa titular do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza, oído o correspondente comité de caza.

2. A ampliación do ámbito territorial dun tecor só será efectiva a partir do inicio da tempada hábil xeral de caza posterior á data de notificación da resolución administrativa correspondente.

3. As modificacións do ámbito territorial dun tecor que se produzan con posterioridade á aprobación dun novo plan de ordenación cinexética e que superen o 15 % del requirirán a aprobación dun novo plan de ordenación cinexética.

Artigo 17. Facultade de exclusión

1. Os/As titulares dos terreos que non cederon o dereito cinexético de xeito expreso a favor do/da titular ou titulares do tecor conservan o seu pleno dereito a prohibir que se practique a caza nos devanditos terreos.

2. O exercicio da facultade de exclusión dun terreo para a práctica da caza entenderase expresado de modo manifesto pola colocación de sinais perfectamente visibles que prohiban a entrada nel, con carácter xeral ou para a práctica da caza en particular, colocados no perímetro ou nos accesos practicables do respectivo terreo.

Artigo 18. Extinción dos tecores

Os tecores poden extinguirse polas seguintes causas:

a) Falecemento ou extinción da personalidade xurídica de quen sexa titular.

b) Renuncia de quen sexa titular.

c) Resolución administrativa ditada en procedemento sancionador na cal se impoña a extinción do tecor.

d) Expiración do prazo polo cal se constituíse ou prorrogase.

e) Perda da titularidade dos dereitos cinexéticos sobre a superficie mínima exixida.

f) Inviabilidade do exercicio ordenado e sustentable da actividade cinexética.

g) Constitución doutro réxime cinexético que determine a súa incompatibilidade coa subsistencia do tecor.

Artigo 19. Vedados de caza

1. Os vedados de caza son aquelas superficies de terreo integradas dentro dun tecor que constitúen un reservatorio da fauna cinexética para fomentar determinadas especies e protexelas da acción da caza, e nos cales con carácter xeral se prohibe o exercicio da caza.

2. A superficie mínima destes espazos será a dun 10 % da superficie total do tecor, que poderá repartirse en varios espazos menores e que en ningún caso poderán ser dunha extensión menor de 50 hectáreas cada un. A situación e as condicións destes vedados deben ser as que resulten máis idóneas para asegurar os obxectivos para os cales se crean.

3. Os vedados de caza poderán ser obxecto de xestión cinexética por quen sexa titular do tecor de xeito tal que a persoa titular do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza poderá autorizar a práctica de actividades cinexéticas por razóns técnicas, de seguridade, científicas, sanitarias ou sociais, que deberán motivarse.

4. Nos vedados de caza está prohibido circular coa arma cargada, agás que, conforme o disposto no punto anterior, se dispoña da preceptiva autorización para cazar neles.

Artigo 20. Tecores de carácter autonómico

1. A Administración autonómica poderá ser titular dun tecor co fin de garantir o ordenado aproveitamento das especies cinexéticas e de favorecer o acceso dos cazadores e cazadoras galegos á actividade cinexética.

2. Os tecores autonómicos constituiranse sobre terreos de titularidade cinexética da Comunidade Autónoma ou sobre terreos de aproveitamento cinexético común no modo en que regulamentariamente se estableza, contando sempre na súa declaración cun trámite de información pública.

3. A xestión cinexética dos tecores autonómicos poderá ser realizada directamente pola Administración autonómica competente en materia de caza ou por medio de sociedades ou asociacións de cazadores e cazadoras ás cales se adxudique o devandito aproveitamento, seguindo as directrices da normativa que regula a contratación no sector público.

Artigo 21. Tecores de carácter local

1. Os concellos ou entidades locais menores poderán solicitar ao seu favor a declaración de tecores de carácter local sempre que acrediten documentalmente, polo menos, a titularidade cinexética do 75 % dos terreos para os cales se solicite a devandita declaración e non estean sometidos a outro réxime especial.

2. Presumirase a cesión da titularidade do resto da superficie solicitada, que se incluirá no tecor en canto os/as propietarios/as ou quen teña a titularidade cinexética dos terreos non manifesten expresamente e por escrito a súa negativa á integración nel no correspondente trámite de información pública.

3. Os concellos ou entidades locais menores solicitantes da declaración ao seu favor dun determinado territorio como tecor de carácter local deben realizar os trámites previstos no artigo 15:

a) A acreditación da titularidade dos dereitos cinexéticos; no caso de cesión de dereitos cinexéticos por terceiros, esta deberá estar asinada por quen sexa titular deles e coa especificación da superficie do terreo, polígono e parcela e do prazo de cesión.

b) O plano á escala adecuada que permita a localización do terreo e dos seus lindes.

c) A memoria coas directrices básicas do plan de ordenación cinexética.

4. Dous ou máis municipios poderán agruparse e solicitar mancomunadamente a declaración ao seu favor dun tecor de carácter local.

5. A xestión cinexética dos tecores de carácter local poderá ser realizada directamente polo concello ou ben mediante unha sociedade ou asociación de cazadores e cazadoras legalmente constituída á cal se lle ceda ou adxudique o dito aproveitamento.

6. Esta cesión do aproveitamento a unha sociedade ou asociación de cazadores e cazadoras realizarase de acordo coa lexislación de réxime local e por un prazo non superior ao indicado na resolución de declaración do tecor.

Artigo 22. Tecores de carácter societario

1. As sociedades ou asociacións de cazadores e cazadoras legalmente constituídas poderán solicitar ao seu favor a declaración de tecores de carácter societario sempre que acrediten documentalmente, polo menos, a titularidade cinexética do 75 % dos terreos para os cales se pretenda a declaración.

2. Presumirase a cesión da titularidade do resto da superficie solicitada, que se incluirá no tecor en canto quen teña a titularidade cinexética dos terreos incluídos na solicitude non manifeste expresamente e por escrito a súa negativa á integración no correspondente trámite de información pública.

3. As asociacións ou sociedades de cazadores e cazadoras que soliciten a declaración ao seu favor dun determinado territorio como tecor de carácter societario deben realizar os trámites previstos no artigo 15:

a) A acreditación da titularidade dos dereitos cinexéticos; no caso de cesión de dereitos cinexéticos por terceiros, esta deberá de estar asinada por quen sexa titular deles e coa especificación da superficie do terreo, polígono e parcela e do prazo de cesión.

b) Os planos á escala adecuada que permitan a localización do terreo e dos seus lindes.

c) A memoria coas directrices básicas do plan de ordenación cinexética.

d) A documentación acreditativa da constitución e o legal funcionamento da sociedade ou asociación.

e) A copia autenticada dos estatutos en vigor legalmente aprobados.

Artigo 23. Tecores de carácter individual

1. As persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares de dereitos cinexéticos dunha superficie continua mínima de 2.000 hectáreas poderán solicitar a declaración desta como tecor de carácter individual.

2. Deberá acreditarse documentalmente a titularidade e cesión de dereitos cinexéticos sobre a totalidade do terreo, especificando que se ceden para un tecor de carácter individual.

3. Na constitución dos tecores de carácter individual deberán realizarse os trámites previstos no artigo 15 e non será aplicable a presunción de cesión de titularidade cinexética establecida nos artigos 21.2 e 22.2.

Subsección 2ª. Reservas de caza

Artigo 24. Reservas de caza

1. Son reservas de caza aqueles espazos declarados por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de caza, en núcleos que presentan excepcionais posibilidades cinexéticas coa finalidade de promover, conservar, fomentar e protexer determinadas especies cinexéticas e os seus hábitats, subordinando o seu posible aproveitamento á devandita finalidade e, se é o caso, á cría para repoboar de forma natural outros terreos cinexéticos.

2. A titularidade cinexética das reservas de caza corresponde á Xunta de Galicia. A súa administración corresponde á consellaría con competencia en materia de caza, que asegurará o seu aproveitamento racional a través dun plan de ordenación cinexética e de plans anuais de aproveitamento cinexético.

3. A compensación a que teña dereito quen sexa titular dos dereitos cinexéticos pola privación do aproveitamento cinexético destes ao seren adscritos a unha reserva de caza realizarase mediante unha compensación, que consistirá nunha cantidade económica ou unha cota de capturas ou accións cinexéticas equivalentes que deberán fixarse no decreto de declaración.

4. O decreto de creación precisará a composición e as funcións de quen desempeñe a dirección técnica e da xunta consultiva, na cal estarán representadas de forma equilibrada as persoas ou entidades con intereses afectados. Así mesmo, determinarase o procedemento de cálculo e repartición da compensación á que se refire o número anterior.

Subsección 3ª. Terreos cinexéticos deportivos

Artigo 25. Terreos cinexéticos deportivos

1. Terán a condición de terreos cinexéticos deportivos aquelas áreas do territorio en que poida practicarse a caza de conformidade coa lexislación específica que regule as prácticas deportivas.

2. A federación de caza, as sociedades e as asociacións constituídas ao abeiro da lexislación do deporte poderán solicitar a declaración de terreo cinexético-deportivo para practicar nel a caza cun exclusivo carácter deportivo, exento de calquera ánimo de lucro. En ningún caso a actividade ou os seus resultados poderán ser obxecto de venda ou comercialización.

3. Quen presente a solicitude deberá acreditar a titularidade cinexética consonte o establecido no artigo 23 e dispoñer de terreos continuos cuxa superficie mínima e máxima sexa de 50 e 250 hectáreas respectivamente. A xestión cinexética destes terreos será realizada directamente pola entidade titular, que informará periodicamente, e cunha frecuencia mínima anual, a consellaría competente en materia de caza do calendario de probas, modalidades e calquera outro requisito que se determine regulamentariamente.

Subsección 4ª. Explotacións cinexéticas comerciais

Artigo 26. Explotacións cinexéticas comerciais

1. Para os efectos desta lei, terán a consideración de explotacións cinexéticas comerciais aquelas que sexan constituídas por suxeitos ou por sociedades mercantís para a explotación comercial da actividade cinexética. O aproveitamento das explotacións cinexéticas comerciais rexerase, ademais de por esta lei, pola lexislación mercantil e civil e pola normativa de sanidade animal que lle resulte aplicable.

2. As explotacións cinexéticas comerciais que se refiran a especies de caza menor exclusivamente deberán ser sempre abertas.

3. As explotacións cinexéticas comerciais que se refiran a especies de caza maior deberán ser cercadas, agás nos supostos que regulamentariamente se determinen; nestas explotacións poderá compatibilizarse o aproveitamento cinexético de caza menor e maior.

Artigo 27. Declaración dunha explotación cinexética comercial

1. A declaración de explotación cinexética comercial correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de caza, logo da solicitude do/da interesado/a, na que acredite a titularidade cinexética do 100 % dos terreos para os cales se pretenda a declaración, en superficie continua, que sirvan de base territorial a esta por un período mínimo de dez anos, e da presentación dun plan de viabilidade empresarial da explotación cinexética.

O procedemento de declaración debe contar cun trámite de información pública, por un prazo de dous meses, no cal os/as propietarios/as dos terreos afectados ou quen teña a titularidade doutros dereitos que leven consigo o seu aproveitamento cinexético poderán efectuar as alegacións que consideren pertinentes.

En todo caso, na documentación con que se acredite a titularidade cinexética antes citada deberán constar expresamente o coñecemento dos fins e características deste tipo de explotacións e o consentimento para a súa constitución de quen sexa titular dos dereitos cinexéticos dos terreos ou un instrumento xurídico que acredite a titularidade cinexética propia sobre os devanditos terreos.

2. A persoa titular da consellaría competente en materia de caza dispoñerá dun prazo de seis meses, contados a partir da presentación da solicitude, para resolver a petición e, en todo caso, o silencio será positivo. A consellaría competente poderá denegar a solicitude por razóns debidamente motivadas cando razóns de índole técnica, sanitaria, biolóxica, medioambiental, de seguridade ou social así o recomenden.

Cando a autorización afecte espazos naturais protexidos, o promotor ou promotora debe presentar un proxecto para os efectos de que o órgano ambiental decida en cada caso, de forma motivada, se os devanditos proxectos deben someterse ou non a unha avaliación de impacto ambiental.

3. Os cambios que se produzan na titularidade das explotacións cinexéticas deben ser autorizados pola persoa titular da consellaría competente en materia de caza.

Artigo 28. Réxime xurídico

A superficie mínima para poder autorizar este tipo de explotacións é de 500 hectáreas se se dedican a caza maior, e de 100 hectáreas cando o obxecto da explotación sexa a caza menor.

As explotacións cinexéticas comerciais estarán obrigadas á subscrición dun seguro de responsabilidade civil que cubra os riscos derivados da súa actividade.

Por vía regulamentaria determinaranse as condicións a que deberá suxeitarse a actividade das explotacións cinexéticas, que será coherente cos seus fins e características, así como o procedemento de extinción, no cal se asegurará a debida publicidade.

Artigo 29. Ordenación e xestión da caza nas explotacións cinexéticas comerciais

Quen sexa titular das explotacións cinexéticas comerciais en que se practique exclusivamente a caza sobre especies silvestres, ou de forma simultánea sobre especies procedentes de granxas e especies silvestres, debe elaborar un plan de ordenación cinexética. Así mesmo, todas as explotacións cinexéticas comerciais deben elaborar anualmente un plan anual de aproveitamento cinexético. Regulamentariamente determinarase o procedemento para a presentación e a aprobación dos devanditos plans.

A caza poderá exercitarse durante todo o ano sobre animais procedentes de granxas cinexéticas ou doutros establecementos autorizados tales como parques de voo, cercados de aclimatación, biótopos, etc., de conformidade cos plans establecidos e previamente aprobados pola consellaría competente en materia de caza, respectando en todo caso os tres meses de maior sensibilidade para a cría das especies silvestres, nos cales o exercicio da caza estará prohibido.

Quen sexa titular das explotacións cinexéticas comerciais deberá xustificar anualmente ante o órgano administrativo competente en materia de caza o cumprimento da ordenación cinexética vixente en cada momento e a realidade da súa actividade económica, mediante unha memoria económica e a acreditación das contas anuais.

Artigo 30. Sinalización das explotacións cinexéticas comerciais

Quen sexa titular destas explotacións debe sinalizalas conforme a normativa regulamentaria que para tal efecto se dite e, en todo caso, ten a obriga de sinalizar os terreos que se encontren dentro do perímetro da explotación e para os cales non se dispoña de autorización expresa de quen sexa titular deles para o seu aproveitamento cinexético.

CAPÍTULO II
Terreos non cinexéticos

Artigo 31. Definición

1. Son terreos non cinexéticos aqueles en que por expresa declaración desta lei ou por resolución da consellaría competente en materia de caza se estableza a prohibición de cazar.

2. Nos devanditos terreos, a consellaría competente en materia de caza poderá executar controis de poboación ou autorizar o exercicio excepcional da caza por razóns técnicas, de seguridade, científicas, sanitarias ou sociais.

Artigo 32. Clases

Para os efectos desta lei, os terreos non cinexéticos clasifícanse en:

a) Refuxios de fauna.

b) Zonas habitadas.

c) Áreas industriais.

d) Outros terreos non cinexéticos que sexan declarados como tales.

Sección 1ª. Refuxios de fauna

Artigo 33. Refuxios de fauna

1. Son refuxios de fauna os terreos que queden subtraídos ao aproveitamento cinexético por razóns de carácter biolóxico, científico ou educativo, co fin de asegurar a conservación de determinadas especies da fauna silvestre.

2. Nestas áreas a caza estará permanentemente prohibida, sen prexuízo de que por circunstancias especiais a consellaría competente en materia de caza poida executar controis de poboación ou autorizar o exercicio excepcional da caza por razóns técnicas, de seguridade, científicas, sanitarias ou sociais.

Artigo 34. Creación de refuxios de fauna

1. A creación de refuxios de fauna poderaa promover de oficio a Xunta de Galicia. O expediente iniciarase por instancia da persoa titular do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza, que xustificará a conveniencia da súa creación atendendo as razóns expostas no artigo anterior.

2. A creación de refuxios de fauna silvestre tamén se poderá promover por instancia de entidades públicas e privadas cuxos fins sexan culturais, deportivos, científicos ou ambientais, xuntando á solicitude unha memoria xustificativa da súa conveniencia e finalidade.

3. Corresponde á consellaría competente en materia de caza a tramitación do procedemento para a creación dos refuxios de fauna. Sen prexuízo do seu ulterior desenvolvemento regulamentario, no procedemento de creación debe incluírse en todo caso un trámite de información pública. A creación dun refuxio de fauna efectuarase mediante orde da persoa titular da consellaría competente en materia caza.

4. A modificación dos límites ou a súa supresión tramitaranse polo procedemento establecido para a súa creación.

5. Os tecores afectados pola declaración dun refuxio de fauna non perderán tal condición se por causa dela viren reducido o seu territorio por baixo da superficie mínima exixida para a súa declaración como tecores, nos termos establecidos no artigo 11.2.

6. A administración, control e vixilancia dos refuxios de fauna corresponde á consellaría competente en materia de caza.

Sección 2ª. Zonas habitadas

Artigo 35. Zonas habitadas

Considéranse zonas habitadas os núcleos de poboación urbanos e rurais, os parques urbanos e periurbanos de recreo, os aeroportos e os lugares de acampada permanente.

Sección 3ª. Áreas industriais

Artigo 36. Áreas industriais

1. Considéranse áreas industriais os terreos ocupados polas industrias ou fábricas, as instalacións agropecuarias e forestais, os invernadoiros, as canteiras e calquera outro asentamento de carácter industrial mentres manteña a súa actividade.

2. Exclúense da consideración de área industrial os parques eólicos.

Sección 4ª. Outros terreos non cinexéticos

Artigo 37. Outros terreos non cinexéticos

1. A consellaría competente en materia de caza, por razón da seguridade das persoas ou dos seus bens ou do interese xeral, poderá declarar, de oficio ou por petición dos/das interesados/as, como non cinexéticos os terreos que pola súa circunstancia o requiran.

2. Estes terreos deberán ser debidamente sinalizados pola consellaría competente en materia de caza cando a declaración sexa de oficio ou polo/a interesado/a cando sexa por pedimento deste/a.

3. Regulamentariamente determinarase o procedemento de declaración dun terreo como non cinexético a que se refire o número 1, tendo en conta que cando a declaración se faga de oficio deberá preverse un trámite de audiencia a quen sexa titular dos dereitos cinexéticos no cal poida alegar contra as razóns da consellaría para a declaración.

CAPÍTULO III
Cercados

Artigo 38. Definición

Enténdese por cercado, para os efectos desta lei no que afecta os terreos cinexéticos sometidos ao réxime especial, o terreo que se encontre rodeado materialmente por muros, cercas ou valados construídos co fin de impedir ou prohibir o acceso ás persoas ou a animais alleos ou para evitar a saída dos propios.

Artigo 39. Clases

Os terreos cercados clasifícanse nas seguintes categorías:

a) Cercados cinexéticos.

b) Zonas de aclimatación.

Artigo 40. Cercados cinexéticos

1. Os cercados cinexéticos son aqueles terreos cercados por muros, cercas ou valos que están integrados dentro dun terreo cinexético sometido a réxime especial e que se destinan a impedir o tránsito das especies cinexéticas de caza maior. O seu obxectivo non será albergar exemplares para a repoboación.

2. Os cercados cinexéticos poderán ser de aproveitamento, cando o seu fin sexa facilitar a actividade cinexética, e de protección, cando teñan por finalidade procurar amparo aos animais que se atopen no seu interior, e o seu réxime determinarase regulamentariamente.

3. Os cercados cinexéticos terán unha superficie mínima de 500 hectáreas e terán a consideración de explotación gandeira para os efectos da normativa reguladora de sanidade animal.

4. A construción do peche dun cercado cinexético non exime o/a interesado/a da obriga de respectar as servidumes de paso ou de calquera outra natureza, sexan estas públicas ou privadas.

5. En ningún caso o cerramento material do terreo poñerá en risco ou perigo as persoas ou animais silvestres. O deseño e os materiais empregados serán respectuosos co medio natural, desde o punto de vista do impacto ecolóxico.

6. Regulamentariamente desenvolveranse o procedemento de autorización e as características e os requisitos dos cercados cinexéticos, así como os casos en que proceda a supresión destes co obxecto de promover maiores unidades de aproveitamento e mellorar as condicións de vida dos animais.

Artigo 41. Zonas de aclimatación

1. As zonas de aclimatación son aqueles terreos cercados que están integrados dentro dun tecor ou dunha explotación cinexética comercial e que se destinan a impedir o tránsito das especies cinexéticas de caza maior e menor co obxecto de adaptalas ás condicións ecolóxicas do lugar.

2. A instalación dunha zona de aclimatación non exime o/a interesado/a da obriga de respectar as servidumes de paso ou de calquera outra natureza, sexan estas públicas ou privadas.

3. En ningún caso o cerramento material da zona de aclimatación poñerá en risco ou perigo as persoas ou animais silvestres. O deseño e os materiais empregados serán respectuosos co medio natural desde o punto de vista do impacto ecolóxico.

4. Regulamentariamente desenvolverase o réxime de autorización e funcionamento das zonas de aclimatación.

CAPÍTULO IV
Zonas de seguridade

Artigo 42. Definición

1. Son zonas de seguridade aquelas áreas en que deban adoptarse medidas precautorias especiais co obxecto de garantir a integridade física e a axeitada protección das persoas e dos bens.

2. Considéranse zonas de seguridade:

a) As vías públicas, entendéndose por tales, para os efectos desta lei, as vías férreas, as autoestradas, as autovías, as vías para automóbiles e as estradas convencionais que se encontren debidamente sinalizadas como tales, sexan de titularidade estatal, autonómica ou local, así como as súas marxes e zonas de servidume das vías públicas e das vías férreas, ampliadas nunha franxa de 50 metros de largura a ambos os lados do eixe da vía e, se estiveren pechadas, a 50 metros do peche.

b) O dominio público marítimo-terrestre e o dominio público hidráulico e as súas marxes, máis unha franxa de 5 metros, en cada unha das súas marxes. Para estes efectos, exclúense os ríos, as masas de auga e as canles que presenten unha largura inferior a 3 metros de media na zona en que se desenvolve a acción de caza.

c) As zonas habitadas segundo a definición do artigo 35, ampliados os propios terreos cunha franxa de 100 metros en todas as direccións. Nos núcleos de poboación tomaranse como referencia as construcións máis exteriores.

d) Os edificios habitables illados, xardíns e parques públicos, áreas recreativas, zonas de acampada, recintos deportivos e as áreas industriais segundo a definición do artigo 36, ampliados os propios terreos cunha franxa de 100 metros en todas as direccións.

e) Calquera outro lugar que polas súas características sexa declarado como tal pola persoa titular da consellaría competente en materia de caza para asegurar a protección das persoas e dos seus bens.

3. Malia o previsto no número anterior, a persoa titular do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza, con carácter excepcional e logo da petición dos/das titulares cinexéticos/as interesados/as, informando o concello correspondente, poderá autorizar a caza nas marxes das vías públicas, así como nas canles e marxes dos ríos e regueiros que atravesen terreos cinexéticos ou constitúan o límite entre eles, se as súas condicións permiten o exercicio seguro da caza, ou situar os postos para os zapeos, ganchos e montarías. A autorización entenderase denegada unha vez transcorridos tres meses desde que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

4. Nas resolucións que se diten para o efecto, se son afirmativas, fixaranse as condicións aplicables en cada caso para exercitar a caza baixo a responsabilidade de quen sexa titular da autorización.

5. Calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, poderá solicitar, fundadamente, á consellaría competente en materia de caza a declaración como zona de seguridade dun determinado espazo en que concorran as circunstancias do número 1. Os devanditos espazos, no caso de seren declarados así, deberán ser sinalizados polo promotor ou promotora conforme se determine regulamentariamente.

Artigo 43. O exercicio da caza nas zonas de seguridade

Prohíbese en todas as zonas de seguridade circular con armas cargadas, usalas ou disparar en dirección a elas de xeito que poidan ser alcanzadas, con perigo para as persoas ou os seus bens, agás que se dispoña de autorización expresa para cazar nese terreo.

CAPÍTULO V
Zonas de adestramento e de caza permanente e sinalización dos espazos cinexéticos

Sección 1ª. Zonas de adestramento de cans e aves de cetraría

Artigo 44. Zonas de adestramento de cans e aves de cetraría

1. Nos terreos cinexéticos sometidos a réxime especial e co fin de que os cans de caza e as aves de cetraría poidan ser adestrados, poderán delimitarse nos plans de ordenación cinexética as zonas, épocas e condicións en que se poderá levar a cabo a devandita actividade.

2. A zona terá unha axeitada e doada delimitación e quedará separada dos núcleos habitados pola zona de seguridade, e dos lindeiros doutro terreo sometido ao dito réxime por unha distancia mínima de 500 metros, agás que medie acordo entre os/as titulares lindantes.

3. Nas zonas de adestramento non se permitirá a caza con armas durante a tempada hábil de caza, sen que poidan incluírse na superficie que os tecores deben destinar a vedados de caza.

4. Non se poderá adestrar durante a época de maior sensibilidade na cría das especies silvestres, tanto cinexéticas coma non cinexéticas, presentes na zona. Estas épocas determinaranse regulamentariamente.

5. O adestramento de cans para a caza e das aves de cetraría regularase regulamentariamente.

Sección 2ª. Zonas de caza permanente

Artigo 45. Zonas de caza permanente

1. Son zonas de caza permanente aquelas partes integradas dentro do territorio dun tecor que se reserven para a caza durante todo o ano, coa excepción dos tres meses de maior sensibilidade para a cría das especies silvestres, nos cales o exercicio da caza estará prohibido. Nestes espazos a caza realizarase sobre exemplares procedentes de soltas autorizadas.

2. Estas zonas deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) Deberán situarse en lugares en que non se poñan en risco as poboacións de especies silvestres.

b) Estarán perfectamente sinalizadas e os seus contornos delimitados.

c) Gardarán unha distancia de 500 metros dos lindeiros do tecor, agás que medie acordo entre quen sexa titular dos tecores estremeiros.

d) Deberán incluírse no plan anual de aproveitamento cinexético.

Sección 3ª. Sinalización dos terreos cinexéticos

Artigo 46. Sinalización dos terreos cinexéticos

1. Quen sexa titular dos terreos cinexéticos sometidos a réxime especial ten a obriga de sinalizar os seus límites con carteis indicadores da súa condición cinexética.

2. A consellaría competente en materia de caza está obrigada a sinalizar as zonas libres en que estea permitida a caza.

3. Está prohibido destruír, alterar ou cambiar os sinais indicadores da condición cinexética dun terreo, así como colocar os sinais indicadores na vexetación.

4. Regulamentariamente establecerase o réxime aplicable á sinalización nos terreos cinexéticos.

TÍTULO III
Ordenación e aproveitamento cinexéticos

CAPÍTULO I
Ordenación cinexética

Artigo 47. Definición

A ordenación cinexética de terreos cinexéticos ten como fin a organización da súa produción cinexética, atendendo sempre as exixencias ecolóxicas, a sustentabilidade e os beneficios indirectos que produce.

Artigo 48. Obriga da ordenación

1. Quen sexa titular dos tecores e das explotacións cinexéticas comerciais en que se cacen especies silvestres deberá presentar obrigatoriamente un plan de ordenación cinexética para un período de cinco anos, redactado por unha ou un técnico universitario competente, que, unha vez aprobado pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de caza, será de obrigado cumprimento para o ordenado desenvolvemento da actividade cinexética, dentro do marco dos períodos hábiles xerais. Non obstante, quen sexa titular de tecores que voluntariamente quixer revisalo poderá solicitar a súa revisión en calquera momento antes de finalizar o seu período de vixencia.

2. Quen sexa titular dos tecores e das explotacións cinexéticas comerciais en que se cacen especies silvestres deberá presentar obrigatoriamente, dirixido á persoa titular do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza e cunha anticipación mínima de dous meses ao comezo de cada tempada de caza, un plan anual de aproveitamento cinexético que desenvolva as previsións contidas no plan de ordenación cinexética para esa tempada. A persoa titular do dito órgano territorial dispoñerá dun prazo dun mes para ditar e notificar a correspondente resolución. Na falta de resolución expresa no prazo indicado, non se entenderá aprobado.

Unha vez aprobado o plan, será de obrigado cumprimento.

3. O incumprimento das obrigas contidas nos plans regulados nos números anteriores determinará a falta de dilixencia na conservación dos terreos afectados por parte de quen sexa titular destes.

Artigo 49. Plan de ordenación cinexética

1. O plan de ordenación cinexética é a norma que rexerá toda a actividade cinexética e que buscará a consecución dos obxectivos da ordenación cinexética.

2. O plan deberá ter, como mínimo, o seguinte contido:

a) O estado cinexético do terreo sometido a réxime especial, a definición e descrición das unidades de xestión e o inventario e a estimación dos parámetros poboacionais, así como unha avaliación da capacidade de carga cinexética do hábitat.

b) O establecemento dos obxectivos de ordenación, de acordo coa información recollida na fase de inventario.

c) A estimación da extracción sustentable en función da evolución prevista das poboacións cinexéticas.

d) A zonificación da área, un sistema de seguimento da propia planificación e unha previsión de mecanismos correctores, coa previsión do desaxuste a que se refire o artigo 51 desta lei.

e) As accións de conservación e/ou de recuperación das especies cinexéticas, así como, se proceder, doutras especies silvestres.

f) As accións complementarias tales como o adestramento de cans e aves de cetraría, a solta-captura e outras similares, desenvolvidas en espazo e tempo.

g) A xestión dos vedados de caza.

h) O estudo dos hábitats e das especies e a súa compatibilidade coa acción cinexética.

i) A sinalización do tecor sometido a réxime especial, atendendo as súas características físicas, cinexéticas e sociais.

j) Calquera outro aspecto que regulamentariamente se determine en relación coa sanidade das especies ou cos posibles danos causados pola fauna cinexética.

Artigo 50. Plan anual de aproveitamento cinexético

É a norma que rexerá toda a actividade cinexética durante unha tempada concreta suxeitándose ás directrices fixadas no correspondente plan de ordenación cinexética e tendo en conta as capturas dos anos anteriores. Regulamentariamente determinarase o contido mínimo do plan anual de aproveitamento cinexético, que deberá determinar as especies cazables, os días de caza e as cotas, as modalidades e as actuacións de mellora do hábitat.

Artigo 51. Revisión do plan de ordenación cinexética e do plan anual de aproveitamento cinexético

Cando, por circunstancias non imputables a quen sexa titular dun tecor ou dunha explotación cinexética comercial en que se cacen especies silvestres, se orixinen desaxustes graves entre as previsións do plan de ordenación cinexética ou do plan anual de aproveitamento cinexético e a realidade do aproveitamento cinexético, incendios ou epizootias, a persoa titular do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza poderá requirir a quen sexa titular do tecor ou da explotación cinexética comercial en que se cacen especies silvestres para que no prazo de tres meses proceda á revisión do plan ou plans que se vexan afectados polo devandito desaxuste, e a persoa titular do dito órgano territorial pode suspender a actividade cinexética mentres non se aproben a revisión ou revisións que procedan.

CAPÍTULO II
Execución da ordenación da caza

Artigo 52. Desenvolvemento e execución da ordenación

1. Antes da data de presentación do plan de aproveitamento cinexético, quen sexa titular dos tecores e das explotacións cinexéticas comerciais en que se cacen especies silvestres deberá presentar ao órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza unha memoria que conteña os datos relativos ao desenvolvemento e execución do plan anual de aproveitamento cinexético e a súa adecuación ás previsións contidas no plan de ordenación cinexética.

2. Sen prexuízo da memoria a que se fai referencia no número anterior, quen sexa titular dos tecores e das explotacións cinexéticas comerciais ten a obriga de comunicar á persoa titular do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza calquera dato que lles sexa requirido en relación co desenvolvemento e execución do plan de ordenación cinexética.

3. A falta de comunicación de datos que impida facer o seguimento da execución do plan de ordenación cinexética ou do plan anual de aproveitamento supoñerá a denegación da aprobación do plan anual de aproveitamento cinexético da tempada seguinte a aquela da cal non se proporcionasen datos na forma legalmente establecida.

Artigo 53. Repoboacións cinexéticas

1. As soltas de espécimes de especies cinexéticas exixirán a autorización previa da persoa titular do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza.

2. A persoa titular do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza deberá comprobar que se cumpren todas as obrigas legais establecidas no tocante á procedencia, calidade xenética e estado sanitario dos exemplares.

3. Dispoñerá dun prazo de tres meses, contados a partir da presentación da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, para ditar e notificar a resolución. En todo caso, o silencio será positivo.

CAPÍTULO III
Resolución anual

Artigo 54. Regulación da tempada anual de caza

A consellaría competente en materia de caza, oído o Comité Galego de Caza, publicará anualmente, cunha anticipación mínima de tres meses ao comezo da tempada, unha resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de caza na cal se determinarán as épocas hábiles de caza e as medidas de control por danos, así como os réximes especiais por especies.

CAPÍTULO IV
Regulación da actividade cinexética

Artigo 55. Xornada hábil de caza

A xornada hábil de caza iniciarase unha hora antes da saída do sol e finalizará unha hora despois do ocaso, agás na modalidade de espera nocturna ou autorización expresa en contrario.

Artigo 56. Finalización da actividade cinexética

A actividade cinexética darase por concluída:

a) Cando conclúa a xornada hábil de caza.

b) Cando se cobre a cota establecida. Non obstante, cando se advirta que unha peza quedou ferida, poderase seguir o seu rastro, a fin de cobrala mentres dure a xornada hábil e coa arma descargada.

c) Cando, a xuízo dos/das axentes da autoridade con competencia en materia de caza, quen participe na cazaría incorra nunha conduta que poida ser constitutiva dunha infracción grave ou moi grave, que poña en perigo o aproveitamento cinexético ou a seguridade das persoas ou dos seus bens.

d) Cando así o dispoña quen sexa responsable da cazaría.

TÍTULO IV
O exercicio da caza

CAPÍTULO I
O/A cazador/a, requisitos, licenzas e responsabilidade

Artigo 57. Definición de cazador/a

É cazador/a quen exercita a acción de cazar e reúne os requisitos exixidos polas leis e disposicións aplicables para iso.

Sección 1ª. Requisitos para o exercicio da caza

Artigo 58. Requisitos para o exercicio da caza

1. Para poder practicar a caza é preciso cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter 16 anos feitos. Para practicar a caza con armas, as persoas menores de idade deberán ter a idade requirida pola normativa de armas e ir acompañadas e vixiadas por unha persoa maior de idade a unha distancia máxima de 50 metros.

b) Ser titular dunha licenza de caza en vigor.

c) Ter concertado un contrato de seguro de responsabilidade civil do/da cazador/a, na contía mínima que se determine regulamentariamente, que cubra os danos e perdas dimanantes do uso da arma ou de calquera outro medio e do exercicio da caza en xeral.

Para practicar a caza con arco, o seguro de responsabilidade civil do/da cazador/a deberá incluír expresamente o arco como arma de caza.

d) Posuír un documento oficial acreditativo da identidade do/da cazador/a.

e) Posuír a licenza de armas e a guía de pertenza, no caso de empregar armas, ou as correspondentes autorizacións que sexan exixibles no suposto de utilizar outros medios de caza, de conformidade coa lexislación sectorial aplicable.

f) Ter a autorización de quen sexa titular do aproveitamento cinexético, se é o caso.

g) Ter calquera outro permiso ou autorización que por razón do lugar, dos métodos ou das especies exixa a normativa aplicable.

h) Non estar inhabilitado/a por resolución firme en vía administrativa ou por sentenza firme en vía xudicial para practicar a caza ou para obter licenza de caza durante o prazo que dure a inhabilitación.

2. Durante o desenvolvemento da actividade de caza, o/a cazador/a deberá portar cantos documentos, permisos ou autorizacións sexan exixidos nesta lei.

Sección 2ª. Licenzas

Artigo 59. Licenzas. Validez e clases

1. A licenza de caza da Comunidade Autónoma de Galicia é o documento persoal e intransferible que acredita a habilitación de quen é titular dela para practicar a caza na Comunidade Autónoma de Galicia. As licenzas de caza serán expedidas pola consellaría competente en materia de caza.

2. A persoa menor de idade non emancipada que fixese 16 anos necesitará autorización escrita da persoa que legalmente a represente para obter a licenza de caza.

3. Regulamentariamente estableceranse os distintos tipos de licenzas, que terán en conta se son para a práctica cinexética ou a utilización de medios, a residencia da persoa titular e a súa idade, o seu prazo de validez, que poderá ser dun ano ou dun mes, e os procedementos de expedición delas.

4. A Comunidade Autónoma, no exercicio das súas competencias, poderá establecer convenios de colaboración coas administracións doutras comunidades autónomas, baseados na equivalencia dos requisitos necesarios das respectivas licenzas de caza, co fin de arbitrar procedementos que faciliten a obtención.

5. Para obter por primeira vez a licenza de caza será necesario superar as probas que acrediten a aptitude e os coñecementos precisos, e que se determinarán regulamentariamente. A Comunidade Autónoma poderá establecer acordos con outras comunidades para o recoñecemento mutuo da validez dos certificados expedidos por ambas as administracións.

6. Recoñecerase como válida para obter a licenza de caza de Galicia a documentación de caza equivalente aos/ás cazadores/as estranxeiros/as, nos termos en que os tratados e acordos internacionais e a normativa que poida resultar aplicable determinen.

7. Os/As acompañantes, axotadores/as, encargados/as dos cans e secretarios/as non necesitarán licenza de caza nin seguro de responsabilidade civil cando actúen como auxiliares das cazarías.

8. Cando unha ou un deportista federado participe en campionatos e probas oficiais non necesitará licenza de caza.

Artigo 60. Persoas inhabilitadas para renovaren a licenza

Non terán dereito á renovación da licenza as persoas inhabilitadas en virtude de sentenza firme, ou de resolución administrativa firme nun expediente sancionador, que leve unida a inhabilitación.

Sección 3ª. Deberes e responsabilidades

Artigo 61. Deberes do/da cazador/a

1. Os animais obxecto de caza serán abatidos ou capturados nas condicións menos cruentas e dolorosas posibles. Para iso, os/as cazadores/as teñen a obriga de tomar as medidas oportunas para garantir o axeitado trato do animal, antes, durante e mesmo despois da súa morte ou captura.

2. O/A cazador/a, no exercicio da caza con armas, ten a obriga de:

a) Coñecer as peculiaridades da arma e da munición empregada canto ás súas prestacións e alcance e absterse de disparar cando a traxectoria efectiva de impacto da munición empregada poida poñer en perigo as persoas, animais ou bens. Así mesmo, ten a obriga de descargar a arma ante a presenza próxima de persoas alleas á caza, así como nos momentos de descanso ou reunión entre os/as cazadores/as.

b) Empregar munición e armas apropiadas para procurar unha morte rápida e co menor sufrimento posible.

c) Disparar só cando sexa recoñecida a especie. A obriga do recoñecemento da peza esténdese ao sexo ou á idade cando a autorización de caza refira algo en relación con estes aspectos.

d) Procurar o cobramento das pezas mortas ou feridas e absterse de disparar ante situacións de imposible cobramento.

e) Proporcionar unha morte rápida e apropiada aos exemplares abatidos e feridos.

f) Dar un trato axeitado aos animais que participen na cazaría.

g) O/A cazador/a, tanto nos espazos cinexéticos coma nos traxectos de ida e volta destes, ten a obriga de facilitar a acción dos/das axentes da autoridade encargados de inspeccionar a actividade cinexética.

h) Todos os animais de caza maior que sexan abatidos deberán ser identificados do xeito que regulamentariamente se estableza.

Artigo 62. Responsabilidade polos danos que causan as especies cinexéticas

1. A responsabilidade polos accidentes de tráfico causados pola irrupción de especies cinexéticas nas vías de circulación rexerase polo disposto na lexislación de tráfico.

2. Nos demais casos, quen sexa titular dos aproveitamentos cinexéticos en terreos suxeitos a réxime cinexético especial responderá polos danos que causen as especies cinexéticas que procedan dos devanditos terreos, non sendo que o dano fose debido a culpa ou neglixencia de quen sufrise o prexuízo ou dun terceiro alleo a quen é titular da explotación ou por causa de forza maior.

3. A consellaría competente en materia de caza responderá polos danos causados polas especies cinexéticas procedentes dos terreos sometidos a réxime común, tecores autonómicos da súa administración, reservas de caza, refuxios de fauna e calquera outro terreo cuxa administración e xestión correspondan á devandita consellaría.

4. A Xunta de Galicia, no exercicio das competencias que lle son propias, constituirá un Fondo de Corresponsabilidade para contribuír á prevención e á compensación dos danos que causan as especies cinexéticas nas explotacións agrarias. O devandito fondo nutrirase coas achegas económicas da Administración autonómica.

5. Cando se produza a exacción de responsabilidade patrimonial polos danos causados por especies cinexéticas, quen sufrise o prexuízo, nun prazo que permita a quen ten a titularidade cinexética a valoración dos danos, deberá poñer no seu coñecemento tal circunstancia, a fin de que poida efectuar a súa valoración.

Artigo 63. Seguridade nas cazarías

1. Prohíbese a caza baixo a influencia de estupefacientes, alcohol, substancias psicotrópicas ou calquera outra droga que poida alterar ou altere sensiblemente as facultades normais do/da cazador/a ou a súa capacidade de reacción.

Os/As cazadores/as que sexan sorprendidos/as cazando con síntomas de se encontraren baixo a influencia de estupefacientes, alcohol, substancias psicotrópicas ou calquera outra droga que altere sensiblemente as facultades normais do/da cazador/a ou a súa capacidade de reacción deberán someterse ás oportunas probas de detección cando sexan requiridos/as para iso polos membros dos corpos e forzas de seguridade que teñan atribuída esta competencia. Por vía regulamentaria determinaranse o procedemento, as dilixencias que se deben levar a cabo e, en xeral, as regras a que deberá axustarse esta actuación.

2. Cando os/as cazadores/as se atopen a menos de 50 metros de persoas alleas á cazaría, deben descargar as súas armas.

3. Nos axotamentos de caza menor, os postos deberán quedar á vista uns doutros sempre que se encontren ao alcance dos disparos. Se a distancia de separación é inferior a 50 metros, será obrigatoria a colocación de pantallas a ambos os lados de cada posto á altura conveniente para que queden a cuberto dos postos inmediatos.

4. Nas modalidades colectivas de caza prohíbese portar as armas cargadas e desenfundadas antes de chegar ao posto ou despois de abandonalo, e non poderán dispararse as armas mentres non se der o sinal convido para iso, nin o facer despois de se dar por rematada a cazaría, cuxo momento e forma deberá sinalar quen sexa responsable da cazaría en forma axeitada. Para os efectos deste punto, non se aplicará a prohibición de portar a arma desenfundada no caso das batidas.

5. Nas montarías e batidas quen sexa responsable colocará os postos de forma que queden sempre protexidos dos disparos dos demais cazadores ou cazadoras, procurando aproveitar, para tal efecto, os accidentes do terreo. En todo caso, cada cazador ou cazadora ten a obriga de coñecer a posición dos postos máis próximos. Quen sexa titular de explotacións cinexéticas comerciais deberá nomear unha persoa organizadora para cada cazaría colectiva que se realice dentro do seu ámbito de actuación, que terá a condición de responsable da cazaría.

6. Prohíbese o cambio ou abandono dos postos polos cazadores ou cazadoras e os seus ou súas auxiliares durante a cazaría, agás nas batidas, e deben facelo unicamente coa autorización de quen sexa responsable desta.

7. Nas montarías será obrigatorio sinalizar os camiños de uso público que se internen na zona onde se desenvolva a actividade. No caso das batidas, o réxime de sinalización determinarase regulamentariamente.

8. Nas batidas, montarías e zapeos de raposo todas as persoas participantes deberán levar obrigatoriamente pezas de roupa de alta visibilidade que permitan ou favorezan a mellor visualización do/da cazador/a.

9. Quen sexa responsable da cazaría colectiva deberá adoptar as medidas de seguridade indicadas e calquera outra complementaria das anteriores que derive da especificidade do lugar ou cazaría concreta, e débeas poñer en coñecemento de todas as persoas participantes, as cales estarán obrigadas a cumprilas.

10. Nas modalidades que entrañen máis risco, tales como as esperas nocturnas, poderán establecerse medidas precautorias complementarias nas autorizacións.

11. Prohíbese o exercicio de calquera práctica que entorpeza o lexítimo funcionamento das cazarías.

Artigo 64. Uso e tenza de cans de caza e aves de cetraría

1. Os/As donos/as de cans e aves de cetraría utilizados para a práctica da caza terán a obriga de cumprir as prescricións xerais que sobre tenza, identificación e vacinación diten as autoridades competentes.

2. A práctica da caza con axuda de cans e aves de cetraría, a utilización de cans nas accións preparatorias da caza, o adestramento de cans e aves de cetraría sen captura de pezas e o rastrexo das pezas feridas con cans atrelados só poderá realizarse en terreos onde por razón de época, especie e lugar estea o/a cazador/a que teña a facultade para facelo, e que será responsable das accións daqueles en canto se vulnere esta lei ou as normas que se diten para a súa aplicación; en todo caso, evitará que danen as crías ou os niños.

3. As persoas que practiquen a caza con cans e aves de cetraría, aínda que non porten armas ou outros medios para cazar, precisan estar en posesión da licenza de caza correspondente.

4. Para o emprego de mandas será necesario estar en posesión de licenza expedida pola consellaría competente en materia de caza. Para tales efectos, considerarase manda toda agrupación composta de entre 15 e 25 cans do mesmo propietario ou propietaria.

5. As persoas que transiten por terreos cinexéticos acompañadas de cans ou aves de cetraría baixo a súa custodia estarán obrigadas a impedir que estes vaguen sen control, evitando que danen as especies silvestres, as súas crías e os niños. Considérase que vagan sen control cando se afasten máis de 100 metros en terreos sen vexetación e 50 metros cando a vexetación poida ocultalos.

6. As persoas responsables dos cans ou das aves de cetraría poderán entrar naqueles terreos en que non lles estea permitido cazar coa finalidade de recuperaren os cans ou as aves de cetraría. Cando o terreo alleo estiver cercado, a persoa responsable necesitará autorización de quen sexa titular do dereito cinexético do terreo para entrar a recuperala e quen se negue a conceder o seu consentimento para o acceso ten a obriga de entregar os cans ou as aves.

CAPÍTULO II
Prohibicións en relación coas armas, municións e dispositivos auxiliares

Artigo 65. Armas

1. A tenza e o uso de armas rexeranse pola súa lexislación específica.

2. Os/As acompañantes, axotadores/as, batedores/as ou auxiliares que asistan en condición de tales a calquera modalidade de caza non poderán portar ningún tipo de armas nin aves de cetraría.

3. Exceptúanse da prohibición establecida no número anterior os/as secretarios/as, que poderán portar armas enfundadas, e os/as batedores/as, que poderán portar e utilizar armas brancas para o remate das pezas nas montarías.

Artigo 66. Armas prohibidas para o exercicio da caza

Quedan prohibidos os seguintes tipos de armas para o exercicio da caza:

a) Armas accionadas por aire e outros gases comprimidos.

b) Armas de fogo automáticas ou armas semiautomáticas cuxo cargador poida conter máis de dous cartuchos.

c) Armas de inxección anestésica.

d) Armas de fogo curtas e armas de guerra.

e) Armas de fogo longas riscadas de calibre 5,6 milímetros, de percusión anular.

f) Aquelas cuxo uso estea prohibido conforme a normativa de armas vixente.

g) Armas que dispoñan de mira telescópica, agás para as modalidades de caza maior.

Artigo 67. Municións

1. Queda prohibida a tenza e o uso de cartuchos con munición de postas, entendéndose por postas os proxectís introducidos nos cartuchos cuxo peso unitario sexa igual ou superior a 2,5 gramos ou cuxo diámetro sexa igual ou superior a 4,5 milímetros.

2. No exercicio da caza menor queda prohibido o emprego e tenza de munición de bala, agás autorización expresa.

3. No exercicio da caza maior queda prohibido o emprego e tenza de cartuchos con munición de perdigón, entendéndose por perdigóns os proxectís introducidos nos cartuchos cuxo peso unitario sexa inferior a 2,5 gramos e cuxo diámetro sexa inferior a 4,5 milímetros.

4. Queda prohibido o abandono dos cartuchos baleiros, vaíñas ou calquera outro resto ou material utilizado durante a práctica da actividade cinexética, así como calquera outro residuo usado nas prácticas cinexéticas.

5. Queda prohibido o uso e tenza de balas explosivas.

6. Queda prohibido o uso e tenza de calquera tipo de bala, cartucho ou proxectil que fose manipulado con posterioridade á súa fabricación.

7. Nas modalidades de caza maior colectivas, as autorizacións poderán impoñer medidas de seguridade máis restritivas no que respecta á munición e ás armas de fogo.

Artigo 68. Dispositivos auxiliares prohibidos

Quedan prohibidos os seguintes dispositivos auxiliares no exercicio da caza:

a) Silenciadores.

b) Dispositivos de mira dos cales forme parte un convertedor ou un amplificador electrónico de luz para tiro nocturno.

c) O láser ou calquera outro dispositivo que sinale o albo.

d) Calquera outro que se declare contrario ao exercicio ético da caza.

Artigo 69. Outros instrumentos, medios e procedementos de caza prohibidos

1. Queda prohibida con carácter xeral a tenza, utilización e comercialización de todos os procedementos masivos ou non selectivos para a captura ou morte de exemplares de especies cinexéticas, así como daqueles que poidan causar localmente a desaparición ou turbar gravemente a tranquilidade das poboacións dunha especie cinexética. Para estes efectos, enténdese que un procedemento de caza é non selectivo cando o seu emprego é susceptible de causar a captura ou morte indiscriminada de exemplares de diversas especies e particularmente:

– Animais vivos, mortos ou naturalizados, cegos ou mutilados utilizados como chamarices.

– Gravadores e magnetófonos, aparellos electrocutantes e dispositivos eléctricos e electrónicos que poidan matar ou atordar.

– Fontes luminosas artificiais, espellos e dispositivos para iluminar os albos. Exceptúanse desta prohibición as esperas nocturnas, nas cales poderán utilizarse os devanditos elementos co fin de potenciar a seguridade da actividade cinexética.

– Trampas non selectivas no seu principio ou nas condicións de emprego.

– Redes, lazos, cepos, trampas-cepos, velenos, cebos envelenados ou tranquilizantes.

– Visgos, explosivos, aparellos que produzan asfixia con gas ou fume, béstas e anzois.

2. Queda prohibido o emprego de aeronaves de calquera tipo, de vehículos terrestres motorizados e de embarcacións en movemento como medio de transporte de armas desenfundadas ou calquera outro medio de caza listo para o seu uso en calquera época do ano, así como lugares desde onde realizar os disparos, agás autorización expresa.

3. Quedan prohibidos os cercados con mallas que non permitan o libre tránsito das especies silvestres na totalidade do seu perímetro, coa excepción das especies cinexéticas de caza maior, agás cando a súa utilización se realice nas zonas de aclimatación definidas no artigo 41 e nos biótopos artificiais. Igualmente, prohíbense os cercados electrificados e abrir portelos en cercas ou valados ou construír artificios, trampas, barreiras ou calquera outro dispositivo que sirva ou poida servir para beneficiarse da caza allea.

CAPÍTULO III
Protección das pezas de caza e autorizacións especiais

Artigo 70. Protección e conservación das especies de caza

1. Con carácter xeral establécense, ademais das contidas con carácter xeral no número 3 do artigo 62 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, agás autorización excepcional, as seguintes prohibicións:

a) Cazar ou estar en posesión de pezas de caza vivas ou mortas cuxa procedencia non poida xustificarse nos períodos de vedas que se establezan na correspondente disposición xeral de períodos hábiles.

b) Cazar nos chamados días de fortuna, entendendo estes como aqueles nos cales como consecuencia de incendios, nevadas, epizootias, inundacións, secas ou outras causas as pezas de caza se ven privadas das súas facultades normais de defensa ou obrigadas a concentrarse en determinados lugares.

c) Cazar cando polo neboeiro, nevadas, fumes ou outras causas se reduza a visibilidade de forma que poida resultar perigoso para as persoas ou os seus bens. En todo caso, prohíbese cazar cando a visibilidade sexa inferior a 250 metros.

d) Cazar fóra da xornada hábil de caza establecida no artigo 55.

e) Cazar en liña de retranca en caza maior facendo uso de armas de fogo.

f) Portar armas de caza desenfundadas ou dispostas para o seu uso cando se circule polo campo en época de veda ou día non hábil para a caza.

g) Calquera práctica que tenda a atraer ou escorrentar a caza en terreos alleos ou zonas protexidas.

h) Cazar ocultándose na maquinaria agrícola ou forestal.

i) Cazar crías ou as femias seguidas de crías, de especies de caza maior, ou machos sen corna.

j) Cazar en montarías ou batidas en postos interiores a menos de 200 metros de cerramentos cinexéticos coñecibles.

k) Cazar con furón.

l) Cazar a cabalo, agás no exercicio da cetraría, así como no caso de discapacidade física que impida practicar a caza a pé.

m) Cazar pombas nos seus bebedoiros habituais ou a menos de 1.000 metros dun pombal debidamente sinalizado.

n) Destruír ou danar instalacións destinadas á protección e fomento da caza.

2. Prohíbese a introdución de especies alóctonas e a manipulación xenética de especies cinexéticas destinadas para a súa liberación no medio natural, agás autorización expresa da persoa titular da dirección xeral competente en materia de caza.

3. Prohíbese a comercialización, vivas ou mortas, das especies que regulamentariamente se determinen, de acordo cos convenios internacionais e a normativa da Unión Europea.

Artigo 71. Autorizacións especiais

1. Poderán quedar sen efecto as prohibicións previstas neste capítulo, logo da autorización da dirección xeral competente en materia de caza, cando concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Cando da súa aplicación deriven efectos prexudiciais para a saúde e seguridade das persoas.

b) Cando da súa aplicación deriven efectos prexudiciais para especies protexidas.

c) Para previr prexuízos importantes para os cultivos, o gando, os bosques, a propia caza, a pesca ou a calidade das augas.

d) Para protexer a flora e a fauna silvestres e os hábitats naturais.

e) Cando sexa necesario por razón de investigación, educación, repoboación ou reintrodución, ou cando se precise para a cría en catividade orientada a eses fins.

f) Para previr accidentes en relación coa seguridade aérea.

2. A autorización administrativa, que será persoal, intransferible e de carácter temporal, deberá ser motivada e especificar:

a) O obxecto ou razón da acción.

b) A especie ou especies a que se refira.

c) Os medios, os sistemas ou métodos empregables e os seus límites, así como o persoal cualificado, se for o caso.

d) As condicións de risco e as circunstancias de tempo e lugar.

e) Os controis que se exercerán, se é o caso.

3. O medio ou método autorizado será proporcionado ao fin que se persiga.

4. Se por razóns de urxente necesidade non puider obterse a autorización administrativa previa en calquera dos supostos citados, darase conta, nun prazo non superior ás vinte e catro horas da acción realizada, á persoa titular do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza, que abrirá expediente administrativo para determinar a urxencia alegada e a xustificación do medio empregado, e que poderá, como resultado das devanditas actuacións informativas, ordenar a incoación do correspondente procedemento sancionador.

CAPÍTULO IV
Modalidades de caza

Artigo 72. Modalidades de caza

1. As modalidades autorizadas para a caza maior son as seguintes:

a) Montaría: consiste en bater con axuda de cans unha mancha ou extensión de monte pechada por cazadores/as que se distribúen en armadas e se colocan en postos fixos. Neste caso os/as batedores/as só poderán portar armas brancas para o remate das pezas. O número de cazadores/as en postos será entre 20 e 50 e o de cans, ata 5 mandas.

b) Batida: é unha modalidade de caza colectiva para a caza maior e a caza do raposo na cal participan un mínimo de 10 cazadores/as e un máximo de 30 e na cal poden variarse os postos durante o desenvolvemento da actividade. Poderanse utilizar ata 30 cans, en dous grupos como máximo, sen prexuízo dunha posterior confusión. Os cans poden ser acompañados por cazadores/as no exercicio da caza. Nesta modalidade non hai auxiliares de caza. A acción consistente no rastrexo polos/as cazadores/as da zona da batida con cans atrelados para localizar o encame das pezas considérase acción preparatoria da caza.

c) Axexo: consiste en que o/a cazador/a, co ánimo de abatela, busca a peza con axuda dun/dunha garda ou dun/dunha guía.

d) Agarda ou espera: consiste en que o/a cazador/a espera apostado/a nun lugar a que a peza acuda espontaneamente a el.

En todas as modalidades de caza maior as pezas de caza cobradas deberán ir identificadas cun precinto de caza.

2. As modalidades autorizadas para a caza menor son as seguintes:

a) En man: consiste nun grupo de cazadores/as que, con ou sen a axuda de cans, colocados en liña e separados entre si por unha distancia variable, avanzan cazando nun terreo.

b) Tobo: técnica de caza utilizada para a caza do raposo, nos seus lugares de refuxio, baseada no traballo dos cans especializados na persecución e acoso a esta especie nas súas tobeiras ou refuxios subterráneos.

c) Axotamento: consiste en bater un determinado terreo por axotadores/as sen cans para que a caza pase por unha liña de cazadores/as que se apostan en lugares fixos.

d) Ao salto: consiste en que o/a cazador/a, en solitario ou con can, percorre o terreo para dar caza ás pezas de caza que encontre.

e) Ao paso ou en posto fixo ou espera: consiste en que o/a cazador/a, desde un posto fixo, espera a que as pezas pasen polo lugar ou acudan a el espontaneamente ou con axuda de chamarices.

f) Zapeo: modalidade usada exclusivamente para o coello e o raposo, consistente en bater un determinado terreo por cazadores/as con ou sen axuda de cans, para que os coellos ou raposos escorrentados pasen por onde se apostan os outros cazadores ou cazadoras do grupo, podendo variarse con liberdade de movemento durante a realización do zapeo. O número máximo de cazadores/as deberá ser inferior a 10.

g) Caza ao dente: trátase dunha modalidade tradicional de caza sen armas onde un ou varios cazadores ou cazadoras na compañía de cans buscan e levantan as pezas con intención de que as capturen os cans.

3. As modalidades autorizadas para a caza maior ou menor indistintamente son as seguintes:

a) Caza con arco: é a que se realiza con este método de captura.

b) Cetraría: entenderase por cetraría a modalidade de caza que utiliza as aves de presa mantidas en catividade para o seu uso como medio de caza.

4. Regulamentariamente determinaranse as condicións e os requisitos para a práctica das modalidades de caza.

5. No caso de que xurdan modalidades non tradicionais en Galicia que non supoñan risco para as poboacións das especies cinexéticas sobre as cales se practiquen, poderanse definir e autorizar regulamentariamente.

Artigo 73. Competicións cinexéticas

1. Teñen a consideración de competicións cinexéticas as probas cualificadas como tales pola Federación Galega de Caza, cuxa práctica, no que non se refire ás regras deportivas, deberá ser conforme as disposicións desta lei e as súas normas de desenvolvemento.

2. As competicións cinexéticas só poderán realizarse en terreos cinexéticos sometidos a réxime especial e coa autorización da persoa titular do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza cando o ámbito sexa unha provincia, e da persoa titular da dirección xeral competente en materia de caza cando o ámbito sexa autonómico.

3. Con carácter xeral, as competicións realizaranse durante o período hábil de caza; non obstante, os órganos citados no número anterior poderán autorizar competicións fóra deste sempre que sexa con caza sementada.

Artigo 74. Caza con outros fins

1. Cando existan razóns de orde técnica, sanitaria ou científica que o aconsellen, a persoa titular do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza poderá autorizar a captura de determinados exemplares da fauna cinexética con consentimento de quen sexa titular do dereito cinexético.

2. As autorizacións conterán, polo menos, as seguintes especificacións:

a) A finalidade da actividade cinexética e o destino dos exemplares obxecto de captura.

b) As especies e o número de exemplares que poden ser obxecto de captura.

c) Os días e horas hábiles para a caza.

d) Os métodos ou medios autorizados.

e) Os terreos en que pode practicarse a caza con outros fins.

f) O prazo polo cal se outorga a autorización.

3. Finalizado o prazo concedido para a caza con outros fins, as persoas autorizadas deberán presentar ante o órgano autorizante unha memoria descritiva do desenvolvemento da actividade, coa expresión dos días e horas en que se desenvolveu, os medios de captura utilizados, o número de exemplares capturados por especies e os resultados da actuación.

CAPÍTULO V
Vixilancia e coidado da caza

Artigo 75. Vixilancia da actividade cinexética

1. A vixilancia da actividade cinexética e do cumprimento dos preceptos desta lei e da normativa que a desenvolva será desempeñada polos/as axentes facultativos/as medioambientais e os/as axentes forestais dependentes da consellaría competente en materia de caza, polos demais corpos e institucións da Administración pública que, con carácter xeral, teñan encomendadas funcións de custodia dos recursos naturais e polos/as gardas de caza.

2. No exercicio das súas funcións, os/as axentes facultativos/as medioambientais e axentes forestais terán a consideración de axentes da autoridade.

3. Os/As axentes da autoridade, no exercicio das funcións de vixilancia, inspección e control, poderán:

a) Solicitar a exhibición da documentación obrigatoria para o exercicio da caza.

b) Examinar, ocupar e reter, cando proceda, as pezas cobradas e os medios de caza empregados.

c) Proceder a practicar calquera dilixencia de investigación, exame ou proba que consideren necesaria para comprobar que as disposicións legais en materia de caza se observan correctamente.

4. No exercicio das súas funcións terán prohibido o exercicio da caza.

5. Calquera cidadán ou cidadá poderá solicitar a intervención dos/das axentes da autoridade cando detecte actuacións prohibidas ou advirta circunstancias perigosas para a fauna silvestre.

6. Nos procedementos sancionadores que se instrúan como consecuencia de infraccións tipificadas nesta lei, as denuncias formuladas polos/as axentes da autoridade, no exercicio das súas funcións, que presenciasen os feitos gozarán da presunción de veracidade.

Artigo 76. Os/As gardas de caza

1. Os terreos cinexéticos sometidos a réxime especial poderán dotarse de vixilancia privada para o coidado e control da actividade cinexética.

2. A función de vixilancia poderá ser individual ou compartirse entre varios tecores. O dito servizo poderá ser individual ou compartido, propio ou prestado por particulares ou empresas, de acordo co previsto nas normas específicas.

3. Para acceder á condición de garda de caza deberanse cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade.

b) Non ter sufrido sanción por resolución administrativa firme por infracción administrativa grave ou moi grave ou por condena penal por infracción da normativa relacionada coa caza, a pesca fluvial, o patrimonio natural ou a biodiversidade, nos últimos cinco anos.

c) Superar as probas de aptitude establecidas para o efecto.

4. Os/As gardas de caza serán nomeados/as pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de caza.

5. A condición de garda de caza habilita para realizar nos terreos cinexéticos as seguintes funcións:

a) Vixilancia da caza e dos seus hábitats.

b) Colaboración na execución e seguimento dos plans de ordenación e de aproveitamento cinexéticos e, en particular, na práctica da caza selectiva e no control de poboacións.

c) Cantos outros labores a favor da caza poidan encomendárselle.

6. O exercicio da súa actividade está restrinxido ao ámbito territorial dos terreos cinexéticos para os que fosen contratados/as e é incompatible co exercicio da actividade cinexética neles.

7. Os/As gardas de caza colaborarán coas forzas e corpos de seguridade do Estado e cos/coas axentes facultativos/as medioambientais e axentes forestais de Galicia para o efectivo cumprimento da normativa cinexética dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

8. Para exercer as súas funcións deberán estar contratados/as por quen teña a titularidade cinexética dos terreos citados ou polas súas asociacións ou federacións, sendo necesario poñer en coñecemento da consellaría competente en materia de caza a formalización dos contratos.

9. O incumprimento das súas funcións producirá a revogación do seu nomeamento, que será acordada pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de caza, en resolución motivada e logo da audiencia da persoa interesada.

10. Os/As gardas de caza, no exercicio das súas funcións, deberán portar a documentación que os/as acredite como tales e facer uso do uniforme e distintivos previstos que se determinen regulamentariamente para todo o territorio de Galicia.

11. De toda incidencia de que teñan coñecemento, relacionada coas súas funcións, que poida resultar de interese para o mellor coñecemento e conservación da natureza, os/as gardas de caza elevarán un parte a quen sexa titular cinexético do terreo, quen, se é o caso, o poñerá á disposición da Administración competente.

TÍTULO V
Entidades colaboradoras e órganos consultivos

Artigo 77. Entidades colaboradoras

1. Consideraranse entidades colaboradoras aquelas que realicen accións en favor da riqueza cinexética, a conservación das especies e o seu hábitat e o seu ordenado aproveitamento, ademais ou indistintamente das que lles correspondan, se é o caso, como titulares de terreos de réxime cinexético especial.

2. Serán declaradas pola persoa titular da dirección xeral competente na materia e regulamentariamente determinaranse os requisitos necesarios para a obtención da condición de entidade colaboradora, entre os cales se atoparán ter a sede social en Galicia, non ter ánimo de lucro e ter desenvolvido actividades de colaboración coa citada dirección xeral, así como os seus beneficios e obrigas.

Artigo 78. Órganos consultivos

1. A función de información á Administración autonómica galega en representación das organizacións de cazadores/as e outros grupos vinculados á actividade cinexética e das organizacións non gobernamentais relacionadas coa conservación da natureza realizarase a través do Comité Galego de Caza, de ámbito autonómico, e dos comités provinciais de caza, de ámbito provincial.

2. Ambos os comités, de carácter informativo, analizarán e farán proposta de cantas materias sexan de interese para a caza, no seu respectivo ámbito territorial, e, de modo particular, debaterán sobre as propostas de resolucións anuais de períodos hábiles e calquera outra cuestión de interese cinexético.

3. A composición dos comités de caza incluirá no seu ámbito unha representación ampla das entidades relacionadas co mundo da caza, da conservación da natureza e das administracións públicas.

4. Regulamentariamente determinaranse a composición e as funcións do Comité Galego de Caza e dos comités provinciais de caza.

5. Na composición dos comités de caza procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 79. A Xunta de Homologación de Trofeos de Caza

1. A Xunta de Homologación de Trofeos de Caza é un órgano adscrito á consellaría competente en materia de caza cuxa función principal é a homologación dos trofeos de caza, conforme as fórmulas e baremos establecidos polos organismos nacionais e internacionais e que vén substituír a actual Comisión de Homologación de Trofeos de Caza.

2. A súa composición e réxime de funcionamento determinarase regulamentariamente.

3. Na composición da Xunta de Homologación de Trofeos de Caza procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

TÍTULO VI
Réxime sancionador

CAPÍTULO I
Medidas provisionais

Artigo 80. Medidas provisionais

1. Antes da iniciación do procedemento sancionador, os/as axentes da autoridade, ou, se é o caso, o órgano competente para inicialo, poderán adoptar as medidas de carácter provisional que xulguen necesarias para asegurar a eficacia da resolución que no seu día se dite e que poden consistir en comisos da caza, viva ou morta, incautacións das armas, útiles, instrumentos ou substancias e precintaxe dos vehículos ou embarcacións empregados para a comisión dalgún dos feitos tipificados como infraccións graves no artigo 85, puntos 10, 11, 13, 22, 23 e 30, ou moi graves no artigo 86, puntos 1, 2, 3, 7, 8, 9, 11, 14, 16 e 17.

2. As medidas provisionais do número anterior deberán ser confirmadas, modificadas ou levantadas no acordo de iniciación do procedemento, que deberá efectuarse dentro dos quince días seguintes á súa adopción. En todo caso, as mencionadas medidas quedarán sen efecto se non se inicia o procedemento no devandito prazo ou cando o acordo de iniciación non conteña un pronunciamento expreso acerca destas.

3. Iniciado o expediente, o órgano que ordenase a súa incoación poderá acordar a adopción de medidas provisionais para evitar a continuidade da infracción ou o agravamento dos danos. As devanditas medidas deben ser proporcionais á natureza e gravidade da infracción.

4. O órgano competente para resolver poderá adoptar en calquera momento, mediante acordo motivado, as medidas de carácter provisional que resulten necesarias para asegurar a eficacia da resolución que poida ditarse, o bo fin do procedemento, evitar o mantemento dos efectos da infracción e as exixencias dos intereses xerais.

Cando así o exixan razóns de urxencia inaprazable, o órgano competente para iniciar o procedemento ou o órgano instrutor poderán adoptar as medidas provisionais que resulten necesarias.

As medidas provisionais poderán ser levantadas ou modificadas durante a tramitación do procedemento, de oficio ou por instancia de parte; en todo caso, extinguiranse logo de que sexa ditada a correspondente resolución.

5. Na resolución do procedemento sancionador, o órgano competente determinará o destino definitivo das armas, útiles, instrumentos, substancias ou outros elementos comisados, que deberá axustarse ás seguintes prescricións:

a) Cando o seu uso fose declarado como ilícito, serán destruídos e levantarase a correspondente acta.

b) Cando o seu uso fose declarado lícito, depositaranse na consellaría competente en materia de caza, agás as armas, para dirixilo a algún dos destinos que se fixen na resolución do procedemento: devolución, rescate ou venda en poxa pública.

Artigo 81. Comisos

Cando se adopten as medidas provisionais establecidas no artigo 80, ao comisado daráselle algún dos seguintes destinos:

1. As pezas capturadas que se encontren vivas e con posibilidade de seguir vivindo serán postas en liberdade e devoltas ao seu medio natural unha vez adoptadas as medidas necesarias para a súa correcta identificación, se iso for preciso. Ás pezas que estean feridas proporcionaránselles os coidados necesarios para a súa recuperación.

2. A caza morta útil para o consumo será entregada nun centro benéfico.

3. Os trofeos serán postos á disposición do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza.

4. En todos os casos o/a axente da autoridade denunciante expedirá recibo do comisado á persoa denunciada, no cal constará o seu destino e posta á disposición da autoridade correspondente.

Artigo 82. Retirada e devolución de armas

1. O/A axente da autoridade denunciante procederá á retirada das armas e da súa correspondente guía só naqueles casos en que fosen utilizadas para cometer a presunta infracción, por disparo directo, despois de producir a ferida ou morte de animais non cazables ou o seu uso en lugar ou tempo non autorizados. En todo caso, darase recibo en que consten a clase, a marca, o número e o posto da Garda Civil onde quedará depositada.

2. O uso ou tenza durante o exercicio da caza de armas ou medios non autorizados dará lugar á súa retirada polo/a axente da autoridade denunciante. As armas serán depositadas no posto da Garda Civil máis próximo a onde se producisen os feitos denunciados.

3. A negativa á entrega da arma ou medios, cando a persoa presuntamente infractora sexa requirida para iso, poderá dar lugar á denuncia ante o xulgado competente para os efectos previstos na lexislación penal.

4. As armas ou medios retirados, se son de lícita tenza e utilización conforme esta lei, serán devoltos por algúns dos seguintes procedementos:

a) De forma gratuíta, cando o procedemento sancionador incoado non conclúa coa imposición de sanción ningunha.

b) Gratuitamente, ou mediante rescate por disposición expresa de quen instrúa o expediente, logo do levantamento das medidas provisionais consonte o establecido no artigo 80.3 e sempre que este non teña pendente de pagamento sancións por infraccións desta lei.

c) Cando se fagan efectivas as sancións e indemnizacións impostas nos supostos de infracción grave ou moi grave.

5. Ás armas comisadas non rescatadas daráselles o destino establecido na lexislación do Estado na materia. Os demais medios materiais non rescatados serán alleados ou destruídos.

CAPÍTULO II
Suxeitos responsables

Artigo 83. Suxeitos responsables

1. Os/As cazadores/as serán responsables das contravencións a esta lei polos seus actos individuais, incluído o cumprimento das instrucións que para o bo desenvolvemento da cazaría lles dese quen sexa responsable da cazaría cando participen en modalidades colectivas.

2. Todo cazador ou cazadora ten a obriga de indemnizar polos danos e perdas que ocasione en consecuencia do exercicio da caza, agás cando o feito causante fose debido a culpa ou neglixencia de quen sufrise o prexuízo ou por causas de forza maior.

3. Quen sexa responsable da cazaría, que será nomeado/a por quen sexa titular do terreo sometido a réxime especial, é quen ten a responsabilidade de organizar a actividade cinexética de acordo coa normativa legal e con respecto aos principios de prudencia e seguridade, respondendo do cumprimento dos requisitos e medidas concernentes á preparación e desenvolvemento daquelas, especialmente no que se refire á identificación e aptitude das persoas participantes, colocación dos cazadores ou cazadoras nos seus postos e adopción das medidas de seguridade necesarias para o desenvolvemento da actividade.

4. Quen sexa titular dos terreos sometidos a réxime especial será en todo caso responsable:

a) De cumprir as condicións establecidas na resolución de declaración e nas autorizacións que se obteñan posteriormente.

b) De axustar a actividade cinexética ao plan de ordenación cinexética e ao plan anual de aproveitamento cinexético unha vez aprobados pola consellaría competente en materia de caza.

c) De proporcionar a información sobre a execución do contido dos plans, previsto no artigo 52.

d) De dotar os devanditos terreos da sinalización prevista no artigo 46.

e) Da obtención das autorizacións necesarias para o exercicio da actividade cinexética que así o requira.

f) Da organización e correcta execución das actividades cinexéticas que se leven a cabo no seu terreo cinexético sometido a réxime especial.

g) De colaborar coa Administración pública na protección e fomento da fauna cinexética, subministrando os datos estatísticos que aquela lle solicite, realizando os controis sobre as especies susceptibles de captura, poñendo en coñecemento da consellaría competente en materia de caza a aparición de epizootias e adoptando as medidas sanitarias que se establezan.

h) De calquera outra condición establecida ou que estableza a consellaría competente en materia de caza.

CAPÍTULO III
Infraccións

Artigo 84. Infraccións leves

Son infraccións leves:

1. Cazar sendo menor de 16 anos.

2. Cazar con armas de fogo sen alcanzar a maioría de idade, cando se faga a máis de 50 metros da persoa maior de idade encargada da vixilancia.

3. Non levar consigo durante o exercicio da caza a documentación preceptiva, aínda sendo titular desta.

4. Cazar sen renovar a licenza.

5. Abater ou intentar abater unha peza que fose levantada e sexa perseguida por outro/a ou outros/as cazadores/as con axuda ou non dos seus cans ou aves de cetraría, en canto dure a persecución.

6. Non abrir ou descargar a arma cando se aproximen ao/á cazador/a persoas ou grupos de persoas alleas á cazaría, así como nos momentos de descanso ou reunión entre os/as cazadores/as.

7. Practicar a caza a cabalo, agás no exercicio da cetraría ou no caso de discapacidade física.

8. Cazar pombas nos seus bebedoiros habituais ou a menos de 1.000 metros dun pombal debidamente sinalizado.

9. Non impedir que os cans propios vaguen sen control, evitando que danen as especies silvestres, as súas crías e os niños en calquera época do ano.

10. Incumprir o establecido no artigo 5 desta lei sobre a entrada e o cobramento de pezas en terreos de titularidade allea.

11. Incumprir as normas que regulen o adestramento de cans e aves de cetraría nas zonas que se establezan para o efecto recollidas nos plans de ordenación cinexética, facelo na época de maior sensibilidade na cría das especies silvestres ou facelo fóra destas.

12. Non cumprir o establecido no artigo 42.3 sobre caza en camiños e augas públicas que atravesen ou linden con terreos cinexéticos.

13. Incumprir o establecido no artigo 63.8 no referente ás pezas de roupa de alta visibilidade que permitan ou favorezan a mellor visualización do/da cazador/a.

14. Calquera práctica que tenda a atraer ou espantar a caza en terreos alleos ou zonas protexidas.

15. Infrinxir o disposto no artigo 5.3 desta lei respecto da entrega de pezas de caza feridas ou mortas que entren en terreos cinexéticos doutra titularidade, cando quen solicitase o acceso acredite que a peza foi ferida en terreo onde lle estaba permitido cazar.

16. Infrinxir o/a cazador/a as limitacións ou prohibicións que regulen o exercicio da caza nas resolucións anuais que establecen os períodos hábiles en terreos sometidos a réxime cinexético especial, cando a persoa infractora estea en posesión do correspondente permiso para exercitar a caza neles.

17. Incumprir, os/as acompañantes, axotadores/as, batedores/as ou auxiliares de caza, o establecido no artigo 65.2, agás os/as secretarios/as, que deberán transportalas enfundadas, e os/as batedores/as nas montarías, a quen se autoriza o uso de armas brancas para o remate das pezas de caza.

18. Estar en posesión de armas ou municións legais non permitidas para a modalidade de caza que se estea a practicar.

19. Non precintar as pezas de caza maior ao final da cazaría.

20. Incumprir o establecido no artigo 67.4 respecto do abandono dos cartuchos baleiros e vaíñas, así como calquera outro residuo usado nas prácticas cinexéticas.

21. Incumprir as responsabilidades que atribúe o artigo 63 a quen sexa responsable das cazarías e a quen sexa titular dos terreos sometidos a réxime especial, agás que estea tipificado como infracción grave ou moi grave.

22. Incumprir, por parte dos/das cazadores/as, as indicacións de quen sexa responsable da cazaría naqueles aspectos que non afecten directamente a seguridade das persoas.

23. Non presentar a memoria descritiva do desenvolvemento da actividade, coa expresión dos días e horas en que se desenvolveu, medios de captura utilizados, número de exemplares capturados por especies e conclusións da actividade que se establece no artigo 74.3 desta lei.

24. Incumprir, por parte dos/das cazadores/as, as limitacións contidas no plan anual de aproveitamento cinexético oficialmente aprobado ou no plan de ordenación cinexética, agás que estea tipificado como infracción específica de maior gravidade nesta lei.

25. Incumprir o establecido no artigo 69.3 cos cercados.

26. Empregar aeronaves de calquera tipo, vehículos terrestres motorizados e embarcacións en movemento, como medio de transporte de armas desenfundadas, ou calquera outro medio de caza listo para o seu uso en día hábil de caza.

27. Cazar nos chamados días de fortuna, segundo a definición que fai o artigo 70.1.b), sen autorización.

28. O adestramento de cans ou aves de cetraría en terreos sometidos a un réxime cinexético especial cando a persoa infractora non estea en posesión do correspondente permiso de quen sexa titular dos dereitos cinexéticos.

29. A vulneración das prohibicións ou o incumprimento de obrigas previstas nesta lei cando non sexa constitutivo de infracción grave ou moi grave.

30. Incumprir o disposto no artigo 46.1 sobre sinalización por parte de quen sexa titular dos dereitos cinexéticos ou cando unha resolución administrativa impoña a súa obrigatoriedade.

Artigo 85. Infraccións graves

Son infraccións graves:

1. Cazar crías ou as femias seguidas de crías, así como os machos sen corna, agás autorización expresa.

2. Circular con armas de caza cargadas, usalas ou disparar en dirección ás zonas de seguridade, agás que se dispoña de autorización para iso.

3. Usar postas, segundo a definición que fai o artigo 67.1.

4. Portar chamarices, produtos e aparellos dos descritos no artigo 69.1 en calquera tipo de terreo sen autorización.

5. No exercicio da caza menor, usar munición de bala, agás autorización expresa.

6. No exercicio da caza maior, usar cartuchos con munición de perdigón.

7. Usar munición que conteña chumbo contravindo a Lei 42/2007, do 13 de decembro.

8. Incumprir as condicións que se fixen nas autorizacións para realizar batidas ou incumprir as indicacións de quen sexa responsable da cazaría naqueles aspectos que afecten directamente a seguridade das persoas. Enténdese, en calquera caso, que a contravención do disposto no artigo 63 desta lei afecta directamente a seguridade das persoas.

9. Empregar aeronaves de calquera tipo, vehículos terrestres motorizados e embarcacións en movemento como medio de transporte de armas desenfundadas ou calquera outro medio de caza listo para o seu uso, en día inhábil de caza.

10. Cazar ou portar medios dispostos para a caza sen autorización de quen sexa titular do dereito cinexético ou sen cumprir a normativa legal por veda, épocas, horas, lugares ou circunstancias prohibidas.

11. Usar en terreos cinexéticos armas accionadas por aire e outros gases comprimidos.

12. Portar en terreos cinexéticos sen autorización instrumentos, medios e procedementos de caza prohibidos polo artigo 66 e seguintes.

13. Cazar sen obter a licenza anteriormente, sen tela renovada durante máis dun ano ou estando inhabilitado/a para obtela.

14. A caza polos/as axentes da autoridade e os/as gardas de caza durante o exercicio das súas funcións.

15. Impedir aos/ás axentes da autoridade, facultativos/as medioambientais e axentes forestais dependentes da consellaría competente en materia de caza, e demais corpos e institucións da Administración pública que, con carácter xeral, teñan encomendadas funcións de custodia dos recursos naturais, realizaren as actuacións previstas no artigo 75.3.

16. Negarse a exhibir a documentación establecida no artigo 58.1 aos/ás axentes da autoridade cando esta sexa solicitada.

17. O incumprimento por parte de quen teña a titularidade cinexética das condicións establecidas nas resolucións de declaración de tecor, terreo cinexético-deportivo ou explotación cinexética comercial.

18. Incumprir por parte de quen teña a titularidade cinexética o establecido nos plans de ordenación cinexética e anuais de aproveitamento cinexético, unha vez aprobados estes polos órganos competentes.

19. Incumprir por parte de quen teña a titularidade cinexética as obrigas de comunicación establecidas no artigo 52.

20. Explotar comercialmente a caza sen autorización ou incumprir as condicións fixadas nesta.

21. Cazar con furóns sen autorización, así como vulnerar as condicións de autorización outorgada para a utilización destes animais.

22. Estar en posesión de pezas de caza vivas ou mortas cuxa procedencia non poida xustificarse nos períodos de vedas que se establezan na correspondente disposición xeral de períodos hábiles.

23. O exercicio da caza en terreos sometidos a un réxime cinexético especial cando a persoa infractora non estea en posesión do correspondente permiso para exercitar a caza neles.

24. Pechar ou cercar terreos con fins cinexéticos sen autorización ou sen cumprir os requisitos establecidos nela, así como danar ou alterar os que estean autorizados.

25. Cazar con armas de fogo sen cumprir as medidas de seguridade que regulamentariamente se especifiquen.

26. Cazar en liña de retranca en caza maior facendo uso de armas de fogo.

27. Abrir portelos en cercas ou valados ou construír artificios, trampas, barreiras ou calquera outro dispositivo que sirva ou poida servir para beneficiarse da caza allea.

28. Destruír ou danar as instalacións destinadas á protección e fomento da caza.

29. Cazar con armas de fogo automáticas ou semiautomáticas cuxo cargador poida conter máis de dous cartuchos ou rifle anestésico sen autorización.

30. Cazar con armas ou medios que precisen de autorización especial sen estar en posesión do correspondente permiso.

31. Cazar sen ter concertado un contrato de seguro de responsabilidade civil do/da cazador/a na contía mínima que se determine regulamentariamente que cubra os danos e perdas dimanantes do uso da arma ou de calquera outro medio e do exercicio da caza en xeral.

32. Destruír, alterar ou cambiar os sinais indicadores da condición cinexética dun terreo.

33. Alterar os precintos e marcas regulamentarios utilizados para as pezas cobradas ou para instrumentos de caza autorizados.

34. Atribuírse indebidamente a titularidade de terreos sometidos a réxime cinexético especial.

35. Incumprir as condicións dunha autorización especial das previstas no artigo 71.

36. Non se someter durante o exercicio da caza ás probas para a comprobación da influencia de estupefacientes, alcohol, substancias psicotrópicas ou calquera outra droga, cando estas sexan requiridas polos membros dos corpos de seguridade.

37. Cazar aproveitándose de maquinaria agrícola ou forestal.

38. Negarse á entrega da arma ou doutros medios de caza cando a persoa presuntamente infractora sexa requirida para iso por un ou unha axente da autoridade.

39. Realizar repoboacións cinexéticas sen autorización administrativa ou incumprindo as condicións establecidas nela.

40. Cazar en vedados de caza, onde o exercicio da caza estea expresamente prohibido e sinalizado, sen estar en posesión dunha especial autorización, aínda que non se cobrase ningunha peza.

Artigo 86. Infraccións moi graves

Son infraccións moi graves:

1. Usar en terreos cinexéticos sen autorización instrumentos, medios e procedementos de caza prohibidos polo artigo 69.1.

2. Usar ou portar en terreos cinexéticos sen autorización calquera tipo de bala, cartucho ou proxectil que fose manipulado con posterioridade á súa fabricación, ou balas explosivas.

3. Usar con fins de cazar en terreos cinexéticos gases, substancias velenosas, tranquilizantes, atraentes ou repelentes, ou produtos para crear cheiro e os explosivos.

4. Utilizar calquera medio de transporte para disparar con armas en día, período, lugar ou circunstancias prohibidas.

5. Cazar animais domésticos.

6. Impedir aos/ás axentes da autoridade realizaren as actuacións de investigación do paradoiro de pezas de caza ilegalmente cobradas.

7. Cazar especies con aparellos electrocutantes ou paralizantes capaces de matar ou atordar.

8. Cazar con armas ou outras artes autorizadas en terreos con prohibición permanente de cazar, cando existan nos seus accesos sinais ou carteis indicativos de tal condición.

9. Cazar en refuxios de fauna ou naquelas zonas dos espazos naturais protexidos onde o exercicio da caza estea expresamente prohibido e sinalizado sen estar en posesión dunha especial autorización, aínda que non se cobrase ningunha peza.

10. A introdución de especies alóctonas e a manipulación xenética de especies cinexéticas destinadas á súa liberación no medio natural, agás autorización expresa da persoa titular da dirección xeral competente en materia de caza.

11. Cazar servíndose do lume.

12. Agredir ou ameazar os/as axentes da autoridade cando se encontren no exercicio das súas funcións.

13. Instalar cercados electrificados con fins cinexéticos.

14. Cazar empregando faros, lanternas, espellos e outras fontes luminosas artificiais, agás nas esperas nocturnas autorizadas.

15. Incumprir quen sexa titular das explotacións cinexéticas comerciais o establecido no artigo 28 no referente ao seguro de responsabilidade civil.

16. Usar ou portar con fins de caza por terreos cinexéticos armas de fogo das prohibidas polo artigo 66 ou armas con munición non autorizada ou prohibida cuxo uso non estea establecido como infracción especifica nesta lei.

17. Usar os dispositivos auxiliares que se relacionan no artigo 68.

18. Cazar con armas baixo a influencia de estupefacientes, alcohol, substancias psicotrópicas ou calquera outra droga que poida alterar ou altere sensiblemente as facultades normais do/da cazador/a ou a súa capacidade de reacción.

Artigo 87. Prescrición das infraccións

1. As infraccións previstas nesta lei prescribirán nos seguintes prazos:

a) Aos nove meses, as infraccións leves.

b) Aos tres anos, as infraccións graves.

c) Aos cinco anos, as infraccións moi graves.

2. O prazo de prescrición comezará a contar desde o día en que se cometese a infracción.

3. Nas infraccións derivadas dunha actividade continuada, o momento inicial do cómputo será o da finalización da actividade ou do último acto en que se consume a infracción.

4. Interromperá a prescrición da infracción a iniciación, co coñecemento do/da interesado/a, do procedemento sancionador e volverá transcorrer o prazo de prescrición se o expediente sancionador estiver paralizado máis dun mes por causa non imputable a quen sexa presuntamente responsable.

CAPÍTULO IV
Sancións

Artigo 88. Sancións aplicables

1. As infraccións tipificadas nesta lei poderán ser sancionadas polas autoridades competentes coas sancións seguintes:

a) Multa de 60 a 600 euros para as infraccións leves.

b) Multa de 601 a 6.000 euros para as infraccións graves, que poden levar unida a retirada da licenza de caza e a inhabilitación para obtela dun ano e un día a cinco anos nos supostos determinados no artigo 85, números 3, 4, 9, 14, 15, 21, 23, 30, 31, 33, 37 e 38. En todo caso, acordarase a retirada da licenza e a inhabilitación para obtela naqueles supostos en que se impoña a sanción de multa no seu grao máximo.

c) Multa de 6.001 a 30.000 euros para as infraccións moi graves e retirada da licenza de caza e inhabilitación para obtela de cinco anos e un día a dez anos; para obter novamente a licenza, a persoa infractora deberá someterse ás mesmas probas de aptitude que resulten necesarias para obtela por primeira vez.

Nos casos de inhabilitación, quen sexa titular da licenza deberá entregar o documento acreditativo e absterse de solicitar unha nova, en canto dure esta.

2. Nos supostos de comisión de infraccións moi graves das establecidas no artigo 86, números 7, 11, 12, 13, 14 e 17, por parte de quen teña a titularidade cinexética, a sanción levará unida a suspensión ou anulación da actividade cinexética por un período dun a cinco anos ou a inhabilitación para ser titular de terreos sometidos a réxime cinexético especial dun a cinco anos.

A suspensión poderá consistir na declaración de vedado temporal ou na prohibición temporal para comercializar pezas de caza; a anulación do réxime especial poderá dar lugar a un vedado ou á declaración dun tecor autonómico ou doutra figura que impida a caza indiscriminada das especies cinexéticas existentes.

Artigo 89. Criterios para a graduación das sancións

1. As sancións pecuniarias poderán impoñerse en tres graos: mínimo, medio ou máximo, en función dos criterios sinalados no número seguinte.

2. Para a graduación das sancións, teranse en conta os seguintes criterios:

a) A intencionalidade.

b) A transcendencia social, o prexuízo causado aos recursos cinexéticos ou aos hábitats, o prazo de recuperación ou a irreversibilidade dos prexuízos causados aos recursos cinexéticos ou aos hábitats.

c) A situación de risco creada para as persoas ou os bens.

d) O ánimo de lucro e o beneficio obtido.

e) A natureza e volume dos medios ilícitos empregados.

f) A reincidencia por comisión no termo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza cando así fose declarado por resolución firme. Se se apreciar esta circunstancia, o importe da multa que corresponda impoñer incrementarase nun 50 %.

g) A agrupación ou organización de persoas para cometer a infracción.

3. Atendendo as circunstancias específicas do caso, cando a persoa infractora proceda a corrixir a situación creada pola comisión da infracción ou restaure o dano causado durante a tramitación do procedemento sancionador, de forma motivada, poderase determinar a imposición da sanción no seu grao mínimo.

Artigo 90. Reparación do dano e indemnizacións

1. As sancións serán compatibles coa exixencia á persoa infractora da reposición da situación alterada por ela ao seu estado orixinario, así como coa indemnización polos danos e perdas causados.

2. Os danos ocasionados ao ecosistema cinexético e o prazo para a súa reparación determinaranse segundo criterio técnico debidamente motivado na resolución que poña fin ao procedemento sancionador. Cando non se poida determinar nesta resolución, a indemnización polos danos e perdas causados determinarase mediante un procedemento complementario, cuxa resolución será inmediatamente executiva. Este procedemento será susceptible de terminación convencional, pero nin esta nin a aceptación pola persoa infractora da resolución que poida ditarse implicarán o recoñecemento voluntario da súa responsabilidade. A resolución do procedemento poñerá fin á vía administrativa.

3. A reparación terá como obxectivo a restauración do ecosistema cinexético á situación previa á comisión da infracción.

4. Poderá requirirse, así mesmo, indemnización nos casos en que o beneficio económico da persoa infractora sexa superior á máxima sanción prevista. Esta indemnización será como máximo do dobre da contía do devandito beneficio.

5. O deber de restaurar o medio natural ao estado anterior á comisión da infracción non prescribe nunca.

Artigo 91. Prescrición das sancións

1. As sancións previstas nesta lei prescribirán nos seguintes prazos:

a) Ao ano, as impostas por infraccións leves.

b) Aos tres anos, as impostas por infraccións graves.

c) Aos cinco anos, as que se impoñan por infraccións moi graves.

2. O prazo de prescrición comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que a resolución pola que se impoña a sanción adquira firmeza en vía administrativa.

3. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á persoa infractora.

CAPÍTULO V
Procedemento e competencia

Artigo 92. O expediente sancionador e a súa caducidade

1. Para impoñer as sancións previstas nesta lei será precisa a incoación e instrución do correspondente expediente sancionador de acordo co previsto na normativa vixente, aplicando, no non previsto expresamente, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, e o Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

2. A competencia para incoar o expediente sancionador en materia de caza atribúese á persoa titular do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza por razón de territorio.

3. A iniciación dos procedementos sancionadores, que se debe notificar á persoa ou persoas presuntamente responsables, formalizarase co contido mínimo seguinte:

a) A identificación da persoa ou persoas presuntamente responsables.

b) Os feitos, sucintamente expostos, que motivan a incoación do procedemento, a súa posible cualificación e as sancións que poidan corresponder, sen prexuízo do que resulte da instrución.

c) O/A instrutor/a e, se é o caso, o/a secretario/a do procedemento, coa expresa indicación do réxime de recusación destes/as.

d) O órgano competente para a resolución do expediente e a norma que lle atribúa tal competencia, indicando a posibilidade de que a persoa presuntamente responsable poida recoñecer voluntariamente a súa responsabilidade, cos efectos previstos no artigo 8 do Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto.

e) As medidas de carácter provisional que acordase o órgano competente para iniciar o procedemento sancionador, sen prexuízo das que se poidan adoptar durante el, de conformidade co artigo 15 do Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto.

f) A indicación do dereito a formular alegacións e á audiencia no procedemento e dos prazos para o seu exercicio.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa que poña fin ao procedemento será de nove meses, contados desde a data de inicio do procedemento sancionador, que corresponde coa data do acordo de incoación. Unha vez transcorrido ese prazo sen que se notificase a resolución, producirase a caducidade deste. A resolución que declare a caducidade ordenará o arquivamento das actuacións.

5. Nos supostos en que o procedemento se paralice por causa imputable ao/á interesado/a, interromperase o cómputo do prazo para resolver e notificar a resolución.

Excepcionalmente, poderá acordarse a ampliación do prazo máximo de resolución e notificación mediante motivación clara das circunstancias concorrentes e só unha vez esgotados todos os medios dispoñibles posibles.

A caducidade non producirá por si soa a prescrición das accións do particular ou da Administración, pero os procedementos caducados non interromperán o prazo de prescrición.

Artigo 93. Presunción de existencia de delito ou falta

1. En calquera momento do procedemento sancionador en que os órganos competentes consideren que os feitos tamén poden ser constitutivos de ilícito penal, comunicarano ao Ministerio Fiscal, solicitándolle testemuño sobre as actuacións practicadas respecto da comunicación.

Recibida a comunicación de que pode ser constitutiva de delito ou de falta do órgano xurisdicional e se se considera que existe identidade de suxeito, feito e fundamento entre a infracción administrativa e a infracción penal que puider corresponder, o órgano competente para a resolución do procedemento acordará a súa suspensión ata se ditar resolución xudicial.

2. Se non se considerar a existencia de delito ou falta, continuarase o expediente administrativo ata a súa resolución definitiva, con base, se é o caso, nos feitos que a xurisdición penal considere probados.

3. A tramitación das dilixencias penais interromperá o prazo de prescrición da infracción.

Artigo 94. Competencia para a imposición de sancións

A competencia para a imposición das sancións a que se refire esta lei corresponderá:

a) Á persoa titular do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza por razón de territorio, nas infraccións cualificadas como leves.

b) Á persoa titular da dirección xeral competente en materia de caza, nas infraccións cualificadas como graves.

c) Á persoa titular da consellaría competente en materia de caza, nas infraccións cualificadas como moi graves.

CAPÍTULO VI
Executividade da resolución sancionadora

Artigo 95. Executividade da resolución sancionadora

1. Contra as resolucións sancionadoras poderán interpoñerse os recursos previstos na lexislación vixente.

2. A resolución será executiva cando poña fin á vía administrativa.

Artigo 96. Medios de execución forzosa

1. A Xunta de Galicia, a través dos órganos correspondentes en cada caso, poderá proceder, logo do apercibimento, á execución forzosa dos actos administrativos, agás nos supostos determinados no artigo 85 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Para acadar o cumprimento das resolucións adoptadas, e de conformidade co disposto no artigo 99 da mesma lei, poderán impoñerse multas reiteradas por lapsos de tempo non inferiores a quince días e cun importe que non exceda en cada caso 3.000 euros.

CAPÍTULO VII
Rexistro de Infractores e Infractoras de Caza

Artigo 97. Rexistro de Infractores e Infractoras de Caza

1. Na Comunidade Autónoma de Galicia seguirá en vigor o Rexistro de Infractores e Infractoras de Caza, creado polo artigo 72 da Lei 4/1997, de caza de Galicia, no cal se inscribirán de oficio todas aquelas persoas infractoras que sexan sancionadas por resolución firme, en expediente incoado como consecuencia do exercicio da actividade cinexética.

2. As inscricións e variacións que se produzan nos asentamentos do Rexistro serán remitidas ao Rexistro Nacional de Infractores de Caza e Pesca.

Disposición adicional primeira. Exclusión do ámbito de aplicación da lei

Exclúese do ámbito de aplicación desta lei a actividade de control de especies non cinexéticas que estean a causar danos en algures ou nunha época determinada, aínda que se utilicen medios ou procedementos cinexéticos para tal fin.

Disposición adicional segunda. Actualización do importe das multas pecuniarias

O importe das multas a que fai referencia o artigo 88 poderá ser actualizado por decreto do Consello da Xunta de Galicia tendo en conta as variacións do índice de prezos de consumo.

Disposición adicional terceira. Sentido do silencio

Nos procedementos iniciados por solicitude do/da interesado/a previstos nesta lei, o vencemento do prazo máximo sen notificarse resolución expresa lexitima o/a interesado/a ou interesados/as que formulen a solicitude para entendela estimada por silencio administrativo, sen prexuízo da resolución que a Administración debe ditar de forma expresa.

Disposición adicional cuarta. Perspectiva de xénero e principio de igualdade

A consellaría competente en materia de caza da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia considerará a perspectiva de xénero e o principio de igualdade entre mulleres e homes no exercicio das súas competencias relacionadas con esta materia, así como nas accións derivadas do desenvolvemento e aplicación desta lei.

Disposición adicional quinta. Xunta de Homologación de Trofeos de Caza

Mantéñense nos seus propios termos o réxime, composición, funcións e demais aspectos referidos a este órgano colectivo, ben que facendo un cambio na súa denominación, que pasa de chamarse Comisión de Homologación de Trofeos de Caza a chamarse Xunta de Homologación de Trofeos de Caza.

Disposición transitoria primeira. Explotacións cinexéticas comerciais

As explotacións cinexéticas comerciais declaradas con anterioridade á entrada en vigor desta lei non se verán afectadas pola limitación territorial establecida nos artigos 28 e 40.3.

Disposición transitoria segunda. Os tecores de titularidade compartida e de adhesión ao plan de ordenación cinexética doutro tecor

Aos tecores que utilizaron a fórmula prevista na disposición transitoria segunda, punto 4, da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, para constituírense en tecores, seralles aplicable o mesmo réxime xurídico con que foron creados, en canto se manteñan nesa mesma situación.

Disposición transitoria terceira. Os procedementos sancionadores en tramitación

Os expedientes sancionadores que se encontren en tramitación á entrada en vigor desta lei someteranse ás normas da lexislación baixo a cal iniciaron a súa tramitación, agás que a normativa presente lles resulte máis favorable.

Disposición transitoria cuarta. Os comités de caza

Mentres non se desenvolvan a composición e as funcións do Comité Galego de Caza e dos comités provinciais de caza, estes rexeranse polo disposto na Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, e polo seu regulamento, aprobado polo Decreto 284/2002, do 11 de outubro.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas a Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ou contradigan o disposto nesta lei.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente