Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 6 de febreiro de 2014 Páx. 5031

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se convocan exames ordinarios teóricos e prácticos para a obtención das titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas na Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co establecido na Orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 8 de xaneiro de 2009, pola que se establecen as condicións e se regulan os requisitos para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 11, do 16 de xaneiro) e no Real decreto 259/2002, do 8 de marzo, polo que se actualizan as medidas de seguridade na utilización das motos náuticas (BOE núm. 61, do 12 de marzo), esta dirección xeral, no uso das facultades que lle confire o Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), convoca exames teóricos e prácticos ordinarios para a obtención dos títulos de patrón/patroa para navegación básica, patrón/patroa de embarcacións de lecer, patrón/patroa de iate, capitán/capitá de iate, patrón/patroa de moto náutica A e patrón/patroa de moto náutica B.

1. Obxecto.

O obxecto desta resolución é establecer os requisitos para acceder ás probas ordinarias teóricas e prácticas para a obtención das titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, así como fixar as datas e lugar de realización das ditas probas.

2. Normas xerais.

Os exames teóricos e prácticos celebraranse por aqueles tribunais que se constitúan de conformidade co establecido no artigo 3 da Orde do 28 de novembro de 2007, pola que se regula a composición dos tribunais para a obtención de titulacións marítimo pesqueiras e náutico-deportivas (DOG núm. 243, do 18 de decembro).

3. Solicitudes e documentación necesaria para presentarse aos exames teórico prácticos.

Os/As candidatos/as solicitarán a súa admisión ao exame teórico ou práctico mediante a instancia dirixida ao/a presidente/a do tribunal do centro oficial de ensino pesqueiro onde realizará o exame, completando o modelo de solicitude do procedemento PE616C, que figura como anexo I da Orde do 8 de xaneiro de 2009. O modelo de solicitude facilitarase nas oficinas da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, nas xefaturas territoriais, nas xefaturas de Coordinación da Área do Mar, nas xefaturas comarcais da Consellería do Medio Rural e do Mar e tamén na Guía de Procedementos e Servizos en https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos-e-servizos.

Coa solicitude achegarase a seguinte documentación para presentarse aos exames teórico prácticos:

a) Unha fotografía recente tamaño carné.

b) O consentimento expreso para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao sistema de verificación de datos, de acordo co Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos e a Orde do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve o antedito decreto. De non dar este consentimento achegarase unha copia do DNI ou NIE.

c) Recoñecemento psicotécnico, no caso de que sexa necesario, de acordo co disposto na Resolución do 11 de xaneiro de 2010, da Dirección Xeral da Mariña Mercante, sobre a acreditación da aptitude psicofísica para o manexo de embarcacións de lecer (BOE núm. 40, do 15 de febreiro).

Non será necesario realizar o dito recoñecemento se transcorreu un período menor de dous anos desde a data de obtención ou renovación de calquera título, ou desde a realización de calquera outro exame de titulacións náuticas de lecer.

d) Acreditar o pagamento das taxas.

As taxas polos dereitos de exame das distintas titulacións de lecer, segundo o establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (BOE núm. 12, do 14.1.2004) e na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014 (DOG núm. 42, do 31.12.2013) son as seguintes:

d.1. Exames teóricos:

– Patrón/patroa para navegación básica: 29,45 €.

– Patrón/patroa de embarcacións de lecer: 37,91 €.

– Patrón/patroa de iate: 53,11 €.

– Capitán/capitá de iate: 64,45 €.

– Patrón/patroa de moto náutica A ou B: 28,60 €.

d.2. Exames prácticos:

– Patrón/patroa para navegación básica: 73,59 €.

– Patrón/patroa de embarcacións de lecer: 73,59 €.

– Patrón/patroa de iate: 110,40 €.

– Capitán/capitá de iate: 110,40 €.

e) Os/as candidatos/as que se presenten ao exame teórico ou práctico de seguridade e navegación de patrón/patroa de iate ou de capitán/capitá de iate, deberán achegar copia de estar en posesión do título anterior, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Os/as candidatos/as que teñan superada unha parte do programa de patrón/patroa de iate ou de capitán/capitá de iate fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán achegar coa solicitude de exame a copia do certificado orixinal do último exame realizado e solicitar a validación das materias aprobadas en anteriores convocatorias.

g) Unha vez finalizado o prazo de solicitude de inscrición nos exames, farase pública a listaxe provisional dos aspirantes admitidos e excluídos na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar http://www.medioruralemar.xunta.es e nos taboleiros de anuncios de cada centro oficial de ensino pesqueiro, dando un prazo de 10 días hábiles para que os aspirantes excluídos poidan emendar as deficiencias, de acordo co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Achega de solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior ao de peche da convocatoria.

Así mesmo, as solicitudes poderán presentarse directamente nos centros oficiais de ensino pesqueiro onde se examinen os aspirantes.

5. Lugares e datas de matrícula.

Os exames teóricos e prácticos celebraranse nos seguintes centros:

– Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo (avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléféfono: 986 23 56 09).

– Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (r/ 19 de Febreiro, 30-34, 15405 Ferrol. Teléfono: 981 37 01 79).

– Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira (r/ Praia de Coroso, s/n, 15960 Ribeira. Teléfono: 981 87 44 76).

As datas de matrícula son as seguintes:

Convocatoria de maio: 31 de marzo ao 17 de abril ambos inclusive.

Convocatoria de setembro: do 1 de agosto ao 20 de agosto ambos incluídos.

As datas dos exames teóricos e prácticos aparecen no anexo II desta resolución. As horas de inicio dos exames serán anunciadas polo/a presidente/a do tribunal no taboleiro de anuncios de cada centro e na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar.

6. Tribunais.

Os tribunais para a realización das probas serán nomeados pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, unha vez coñecido o número de candidatos/as presentados/as aos exames nas distintas titulacións.

7. Desenvolvemento das probas.

7.1. Rematados os exames teóricos, o/a secretario/a do tribunal publicará no taboleiro de anuncios do centro, unha copia do exame e a folla coas respostas correctas co fin de que os/as interesados/as poidan comprobar o resultado do seu exercicio.

7.2. Realizadas as probas de seguridade e navegación do exame práctico, o/a presidente/a do tribunal comunicará ao/á interesado/a o seu resultado coa cualificación de apto/a ou non apto/a.

Unha vez corrixidos os exames teóricos, o tribunal fará públicas no taboleiro de anuncios do centro as listas provisionais das cualificacións, así como na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Unha vez realizadas as probas prácticas de seguridade e navegación, o tribunal fará públicas no taboleiro de anuncios do centro as listas provisionais das cualificacións, así como na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar.

7.3. Os/as interesados/as disporán dun prazo de 10 días hábiles para formular reclamacións contra as cualificacións provisionais. As reclamacións irán dirixidas ao tribunal.

7.4. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o/a presidente/a do tribunal ditará unha resolución coa lista dos/as aspirantes que superaron as probas teóricas e outra cos aspirantes que superaron as probas prácticas de seguridade e navegación. Estas resolucións serán publicadas no taboleiro de anuncios do centro así como na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar.

7.5. Contra as resolucións do/a presidente/a do tribunal os/as interesados/as poderán interpor recurso de alzada perante a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da listaxe definitiva coas cualificacións obtidas polos/as aspirantes.

8. Contra esta resolución poderán os/as interesados/as interpor recurso de alzada perante o secretario xeral do Mar, no prazo dun mes, contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

9. Para obter o título correspondente, ademais da superación destas probas, os/as interesados/as deberán reunir os requisitos establecidos na Orde do 8 de xaneiro de 2009.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2014

Susana Rodríguez Carballo
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

ANEXO II

Convocatoria de maio.

Matrícula: do 31 de marzo ao 17 de abril ambos incluídos.

Titulación

Exame teórico

Exame práctico

Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos e prácticos

Patrón/Patroa para Navegación Básica

19 de maio

29 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo (avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléf.: 986 23 56 09)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (r/ 19 de Febreiro, 30-34, 15405 Ferrol. Teléf.: 981 37 01 79)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira (r/ Praia de Coroso, s/n, 15960 Ribeira. Teléf.: 981 87 44 76)

Patrón/Patroa de Embarcacións de Lecer

20 de maio

29 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/Patroa de Iate

21 e 22 de maio

29 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Capitán/Capitá de Iate

26 e 27 de maio

29 e 30 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Patrón/Patroa de Moto Náutica A ou B

28 de maio

29 e 30 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Convocatoria de setembro.

Matrícula: do 1 de agosto ao 20 de agosto, ambos incluídos.

Titulación

Exame teórico

Exame práctico

Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos e prácticos

Patrón/Patroa para Navegación Básica

16 de setembro

24 de setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo (avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléf.: 986 23 56 09)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (r/ 19 de Febreiro, 30-34, 15405 Ferrol. Teléf.: 981 37 01 79)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira (r/ Praia de Coroso, s/n, 15960 Ribeira. Teléf. 981 87 44 76)

Patrón/Patroa de Embarcacións de Lecer

17 de setembro

24 de setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/Patroa de Iate

18 e 19 de setembro

24 de setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Capitán/Capitá de Iate

22 e 23 de setembro

24 de setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

missing image file
missing image file