Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 19 de febreiro de 2014 Páx. 6898

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 7 de febreiro de 2014 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Monterrei (Ourense).

O Concello de Monterrei eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente do Plan xeral de ordenación municipal, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O 23.12.2013 esta Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu orde de non aprobación do PXOM de Monterrei, ao abeiro do establecido no artigo 85.7.b) da LOUG e sinalou unha serie de deficiencias que se debían corrixir.

2. O 3.1.2014 o Concello Pleno de Monterrei aprobou o documento refundido do modificado do Plan xeral de ordenación municipal.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar o documento refundido do PXOM de Monterrei, redactado por Territorio y Arquitectura, S.L., datado en xaneiro de 2014 e con aprobación plenaria do 3.1.2014; e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, púidose comprobar que o proxecto dá cumprimento ás deficiencias sinaladas na anterior Orde da CMATI do 23.12.2013.

Porén, obsérvanse nel os seguintes erros:

1. Respecto dos condicionantes do informe da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 15.2.2013, na ficha da casa reitoral de Infesta (0402 AR 01) consta erroneamente o número 0402.1. de plano do anexo en vez do 0401.1.

2. O informe do Ministerio de Fomento en materia de estradas do 9.7.2012 obriga a facer constar na normativa que se exceptúan de obter licenza municipal as obras públicas en xeral ou aquelas obras que se deban realizar nas estradas do Estado; esta condición reflíctese no artigo II.28, epígrafe 8 da normativa só para as obras que cumpran os requisitos da disposición derradeira primeira da LOUG (proxectos sectoriais de marcado carácter territorial), debendo facerse extensiva ao resto.

3. Conforme o artigo 47.2 da LOUG, o estándar para dotacións locais de espazos libres nos ámbitos de solo urbano non consolidado cumprirá 18 m2 por cada 100 m2 edificables ou o 10 % da superficie total do ámbito.

4. Cómpre eliminar as referencias á delimitación de áreas de repartición en solo de núcleo rural, que só se prevén na LOUG para o solo urbano non consolidado e urbanizable (artigo 111.1).

5. A parte do proxecto sectorial do parque empresarial de Verín que afecta Monterrei, deberá clasificarse como solo urbanizable delimitado, considerando que o proxecto sectorial contén a ordenación detallada e está actualmente en desenvolvemento.

6. Na ficha da OE5 (Casal da Paradiña) clasifícase o ámbito como solo rústico común, correspondéndolle solo rústico de protección das augas.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do concello de Monterrei, de acordo co artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, con suxeición estrita á corrección dos erros sinalados no punto II desta orde.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Monterrei, 7 de febreiro de 2014

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas