Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 19 de febreiro de 2014 Páx. 6857

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 15/2014, do 6 de febreiro, polo que se modifican os estatutos da Axencia Galega de Innovación e a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, autoriza na súa disposición adicional segunda a creación da Axencia Galega de Innovación (Gain), adscrita á Consellería de Economía e Industria. A finalidade da Gain é apoiar e impulsar a innovación das empresas galegas e fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas. No ano 2012 aprobouse o Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 19, do 27 de xaneiro). No ano 2013, o Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 140, do 24 de xullo), recolle a Axencia Galega de Innovación no seu artigo 35, en que se ocupa de organismos, entes e órganos colexiados adscritos.

Posteriormente o Decreto 134/2013, do 1 de agosto, polo que se procede á reorganización das entidades instrumentais adscritas á Consellería de Economía e Industria con competencias en materia de innovación e se modifica a estrutura orgánica da dita consellería (DOG núm. 155, do 14 de agosto), tendo en conta a similitude de obxecto e fins entre a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e a Axencia Galega de Innovación, autoriza a extinción da Fundación asumindo os seus medios persoais e materiais a Axencia Galega de Innovación.

Esta absorción que dá cumprimento ás previsións do I Plan de avaliación de entidades dependentes da Xunta de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na sesión do 22 de abril de 2010 require, como primeira medida, a modificación da estrutura orgánica da Gain. É preciso establecer o marco xurídico-administrativo en que a Gain vai desenvolver os seus obxectivos aprobando unha nova estrutura ata o nivel de departamento distribuíndo as funcións asignadas dun modo racional para outorgar a máxima eficacia ao seu exercicio. Por isto, suprímese o artigo 17.4 e modifícase a sección 4ª do capítulo II, «Estrutura organizativa» dos estatutos da Axencia Galega de Innovación, aprobados polo Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro.

A nova estrutura orgánica que aproba este decreto aséntase baixo os criterios de eficiencia e austeridade, coa aplicación dunha notable redución de estrutura directiva e de mandos intermedios. Isto supón a supresión de catro postos de alta dirección e a eliminación de vinte postos de responsabilidade existentes na Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

Por outra banda, e sen prexuízo do anterior, de conformidade co previsto nos artigos 27 e 33 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, créase na estrutura orgánica da Consellería unha nova asesoría xurídica coa denominación de Asesoría Xurídica de Economía e Innovación, modificándose en consecuencia o artigo 5 e 11 do Decreto 110/2013, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria. Por razóns baseadas exclusivamente nas diferentes áreas funcionais que ten tanto a consellería coma os entes adscritos a esta, diferéncianse formalmente dúas asesorías xurídicas na Consellería, a Asesoría Xurídica de Enerxía, Minas e Comercio e a xa citada Asesoría Xurídica de Economía e Innovación con independencia da organización funcional interna e de repartición de traballo entre as dúas unidades ao abeiro do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

A motivación da diferenciación de dúas asesorías xurídicas e atribución a cada unha dunha diferente área funcional vén xustificada pola asunción de maiores e novas funcións de asesoramento xurídico tanto nas competencias materiais da Consellería como das entidades instrumentais adscritas a esta como consecuencia dos recentes procesos de reorganización das entidades instrumentais adscritas á Consellería de Economía e Industria.

A Asesoría Xurídica de Economía e Innovación créase con nivel orgánico de subdirección xeral e quedará adscrita organicamente á Secretaría Xeral Técnica e dependerá funcional e xerarquicamente da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, de conformidade co previsto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Cabe destacar que para a Gain non se prevé a dotación da praza de asesoría xurídica, polo que é necesario que a asistencia xurídica de acordo cos seus estatutos a preste a Asesoría Xurídica de Economía e Innovación, ao corresponder ao seu ámbito funcional, de acordo co artigo 1.3 do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Esta nova estrutura está amparada pola competencia exclusiva que os artigos 148.1º.1 da Constitución española e 27.1º do Estatuto de autonomía de Galicia lle atribúen á Comunidade Autónoma galega para organizar as súas institucións de goberno e atende aos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación que, conforme co disposto no artigo 103.1º do texto fundamental, deben presidir a actuación administrativa.

De conformidade co exposto, por iniciativa da Consellería de Economía e Industria, vistos os informes favorables das consellerías competentes en materia de administracións públicas e facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión de seis de febreiro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación dos estatutos da Axencia Galega de Innovación, aprobados polo Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro

Un. Suprímese o número 4 do artigo 17.

Dous. Modifícase o artigo 20 dos estatutos da Axencia Galega de Innovación que queda redactado como segue:

«Artigo 20. Estrutura organizativa

1. A Axencia Galega de Innovación quedará estruturada en unidades orgánicas dependentes directamente da Dirección da Axencia.

2. As unidades orgánicas nas que se estruturará a Axencia serán catro áreas:

a. Área de Xestión.

b. Área de Programas.

c. Área de Servizos.

d. Área de Centros.

3. A estrutura das distintas unidades orgánicas da Axencia responderá á correcta execución das competencias e funcións definidas no artigo 9 dos estatutos da Axencia, para o cal contará cos correspondentes departamentos».

Tres. Modifícase o artigo 21 dos estatutos da Axencia Galega de Innovación que queda redactado como segue:

«Artigo 21. Área de Xestión

1. Á Área de Xestión, con nivel orgánico de subdirección xeral, correspóndelle a xestión e coordinación dos servizos xerais e administrativos da Axencia, a través do desenvolvemento das seguintes funcións:

a) A tramitación, seguimento e control dos expedientes de contratación administrativa promovida pola Axencia.

b) A interlocución coa Secretaría Xeral Técnica da Consellería para os asuntos de trámite e para calquera outro que lle sexa encomendado polo director da Axencia.

c) A xestión da execución económica e orzamentaria.

d) A colaboración no deseño, e a execución das convocatorias de axudas á innovación.

e) A xestión administrativa integral das convocatorias de axudas.

f) A tramitación e xestión administrativa dos convenios de colaboración.

g) As tarefas de arquivo e rexistro.

h) A xestión dos medios materiais adscritos a Axencia.

i) A xestión do inventario e do patrimonio da Axencia.

j) A redacción de informes e, se é o caso, das propostas de resolución dos recursos interpostos contra os actos administrativos ditados polos órganos de goberno da Axencia, agás aqueles que se refiran a conflitos no ámbito laboral ou de recursos humanos.

k) A coordinación coa Secretaría Xeral Técnica da Consellería competente en materia de innovación, en termos de planificación, desenvolvemento e xestión da política de recursos humanos da Axencia e do seu réxime interno así como na elaboración de borradores e anteproxectos de iniciativas normativas no ámbito das competencias da Axencia.

l) Calquera outra función que se lle encomende no ámbito da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes departamentos con nivel orgánico de xefatura de servizo:

– Departamento de Xestión de Axudas.

– Departamento de Xestión Económica e Orzamentaria.

3. O Departamento de Xestión de Axudas será responsable da elaboración e tramitación das convocatorias dos distintos programas de innovación e terá as seguintes funcións:

a) A elaboración e tramitación das convocatorias correspondentes aos distintos programas de innovación.

b) A promoción e divulgación das convocatorias de axudas.

c) O asesoramento a potenciais beneficiarios para o acceso ás distintas convocatorias de axudas.

d) A elaboración e tramitación dos convenios de colaboración con outras entidades.

e) O Rexistro de Axentes do Sistema galego da innovación e o deseño do mapa de capacidades do Sistema galego de I+D+i.

f) Calquera outra función que se lle encomende no ámbito da súa competencia.

4. O Departamento de Xestión Económica e Orzamentaria será responsable da xestión económica e orzamentaria da Axencia e terá as seguintes funcións:

a) Colaborar na elaboración do borrador do anteproxecto de orzamentos da Axencia, o seu seguimento e control.

b) A coordinación, supervisión e o seguimento en materia de xestión económica da execución dos orzamentos.

c) A tramitación e o seguimento das modificacións orzamentarias.

d) A coordinación, supervisión e o seguimento en materia dos fondos, por fontes de financiamento.

e) A execución da xestión orzamentaria, efectuando os trámites económico-administrativos dos expedientes de gastos e as propostas de pagamento, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros departamentos.

f) A habilitación xeral de pagamentos da Axencia.

g) O asesoramento económico e orzamentario a todas as unidades da Axencia.

h) A xestión económica de convenios de colaboración e cooperación e das convocatorias de axudas.

i) A tramitación das autorizacións para expedientes plurianuais e/ou que superen os límites previstos na normativa de réxime económico e financeiro.

j) A coordinación da xestión e recadación de taxas, prezos públicos e outros ingresos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Facenda.

k) A provisión periódica á Plataforma de innovación galega (Pinng) de datos económicos relevantes e a participación na súa difusión.

l) A elaboración dos estudos e informes que lle sexan encomendados pola persoa titular da Dirección da Axencia.

m) O estudo dos asuntos de natureza económico-financeira que teñan que elevarse ao Consello Reitor, ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Control.

n) A asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección da Axencia.

o) E, en xeral, aquelas funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas pola Dirección da Axencia».

Catro. Modifícase o artigo 22 dos estatutos da Axencia Galega de Innovación que queda redactado como segue:

«Artigo 22. Área de Programas

1. Correspóndelle a Área de Programas o deseño e planificación estratéxica en materia de innovación, investigación e desenvolvemento tecnolóxico, así como a avaliación das convocatorias de axudas impulsadas pola Axencia no ámbito da I+D+i, e terá as seguintes funcións:

a) A definición e planificación de estratexias e programas en materia de I+D+i.

b) O fomento dos vínculos de relación entre as empresas e os restantes axentes do Sistema galego de I+D+i.

c) O desenvolvemento de programas de apoio aos grupos de investigación e centros tecnolóxicos para que incrementen os seus resultados.

d) O deseño e fomento de políticas que permitan desenvolver, proxectar e atraer talento ás empresas e axentes de I+D+i.

e) A avaliación de convocatorias de axudas no eido da I+D+i impulsadas pola Axencia.

f) O desempeño das accións precisas para a difusión de coñecementos, sensibilización social, información e promoción da ciencia e a tecnoloxía.

g) A información e difusión en materia de propiedade industrial.

h) Calquera outra función que se lle encomende no ámbito da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cun Departamento de Xestión da Innovación con nivel orgánico de xefatura de servizo e que terá as seguintes funcións:

a) A avaliación técnica das solicitudes de axudas impulsadas pola Axencia, directamente ou en cooperación con outras entidades rexionais, nacionais ou europeas. Esta avaliación poderá realizarse con medios propios ou a través de avaliadores externos designados pola Axencia, para o cal se articulará o instrumento xurídico adecuado.

b) O seguimento e control co fin de verificar o cumprimento da finalidade das convocatorias de axudas.

c) A xestión das funcións derivadas de acordos coa Oficina Española de Patentes e Marcas.

d) A prestación de servizos de asesoramento e información sobre cuestións relacionadas coa propiedade industrial a través do Servizo Galego de Propiedade Industrial (Segapi).

e) Calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, se lle encomende».

Cinco. Engádese un novo artigo 22 bis aos estatutos da Axencia Galega de Innovación que queda redactado como segue:

«Artigo 22 bis. Área de Servizos

1. Correspóndelle a esta área o desenvolvemento de instrumentos para a captación de recursos nacionais e europeos de I+D+i, o asesoramento directo ás empresas neste ámbito, a avaliación e seguimento dos proxectos financiados, a xestión de programas de vixilancia tecnolóxica, e terá atribuídas as seguintes funcións:

a) O impulso dos instrumentos de investimento de capital risco e o fomento da cooperación público-privada para o desenvolvemento de proxectos innovadores.

b) O asesoramento aos axentes de I+D+i e ás empresas galegas nas distintas liñas de financiamento nacional e internacional no eido da innovación.

c) O fomento á participación das empresas e axentes de I+D+i nos diferentes programas de financiamento.

d) O fomento á participación dos axentes galegos de I+D+i en distintas plataformas tecnolóxicas europeas.

e) O fomento da vixilancia tecnolóxica.

f) A avaliación e seguimento dos resultados dos proxectos en que participen empresas e axentes de I+D+i galegos, para os que se conseguiu financiamento nacional e internacional.

g) Calquera outra función que se lle encomende no ámbito da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cun Departamento de Servizos e Observatorio da Innovación, con nivel orgánico de xefatura de servizo e que terá as seguintes funcións:

a) Deseño e propostas de actuación de novos instrumentos de apoio á innovación das pemes.

b) A mobilización de capital privado e o fomento da cooperación público-privada para o desenvolvemento de proxectos innovadores.

c) O asesoramento e apoio ás entidades galegas (organismos públicos de investigación, centros tecnolóxicos, empresas, etc.), no proceso de captación de fondos nacionais e internacionais a través da Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDi).

d) O deseño de actuacións de información e formación sobre programas europeos e internacionais.

e) O incentivo e promoción de proxectos innovadores con apoio dos fondos nacionais e europeos.

f) A promoción e o fomento de servizos de transferencia tecnolóxica.

g) A elaboración e xestión de programas en materia de vixilancia tecnolóxica.

h) O deseño e implantación de mecanismos e instrumentos obxectivos de medición dos resultados e do impacto das distintas convocatorias de axudas, programas e/ou plans de I+D+i da Axencia (definición de indicadores, etc.).

i) A avaliación do proceso de desenvolvemento e dos resultados das convocatorias, programas e/ou plans de I+D+i da Axencia, xerando os correspondentes informes periódicos e finais de avaliación.

j) A avaliación, seguimento e control técnico e/ou económico dos proxectos financiados a través dos diferentes programas e instrumentos de innovación da Axencia.

k) A coordinación con outras entidades rexionais e nacionais no proceso de medición de resultados e impacto (IGE, INE, etc.).

l) A provisión periódica á Plataforma de innovación galega (Pinng) da información actualizada dos resultados obtidos e a participación na súa difusión.

m) A xestión do Observatorio Galego de Innovación como instrumento para a análise e a diagnose do impacto en Galicia das políticas públicas de innovación.

n) Calquera outra función que se lle encomende no ámbito da súa competencia.

3. Co fin de facilitar o desenvolvemento adecuado das tarefas de avaliación e seguimento, designaranse entre o persoal da área, técnicos de programas e/ou plans de innovación e técnicos de proxectos. Estes serán responsables das funcións de avaliación e seguimento dos programas e/ou carteira de proxectos que se lles asignen periodicamente».

Seis. Engádese un novo artigo 22ter aos estatutos da Axencia Galega de Innovación que queda redactado como segue:

«Artigo 22ter. Área de Centros

1. Correspóndelle á Área de Centros a dirección administrativa, xestión operativa e promoción dos centros e infraestruturas tecnolóxicas e produtivas que dependan da Axencia, a coordinación con outras infraestruturas tecnolóxicas do ecosistema de innovación galego, cos que se establezan convenios de colaboración e cooperación para o desenvolvemento de programas e proxectos. Esta área tamén dará apoio á Área de Xestión na xestión económica e na xestión dos recursos humanos correspondente aos centros.

2. O impulso á innovación nos sectores industriais máis estratéxicos asumindo a prestación de servizos avanzados ás empresas a través dos centros tecnolóxicos, confírenlle á Axencia a condición de organismo público de investigación para os efectos do previsto na Lei 14/2011, do 1 de xuño, e na Lei 6/2013, do Sistema universitario de Galicia.

3. Para o desenvolvemento das súas funcións a Área de Centros contará cun Departamento de Programación de Centros, con nivel orgánico de xefatura de servizo á cal lle corresponderá a xestión operativa e dinamización das devanditas infraestruturas tecnolóxicas e espazos produtivos. Este departamento terá as seguintes funcións:

a) A definición da misión, obxectivos e liñas estratéxicas dos centros baixo as directrices da Dirección da Axencia.

b) O deseño e a implantación do sistema de xestión operativa dos centros, a avaliación do seu funcionamento e a proposta das melloras necesarias.

c) A aprobación dos programas de actuación, liñas de traballo e catálogo de servizos avanzados dos centros.

d) A promoción e difusión dos programas de actuación e catálogo de servizos dos centros, e a coordinación da actividade comercial asociada.

e) A promoción e difusión dos programas de actuación e catálogo de servizos dos parques tecnolóxicos e demais entidades en que participe a Axencia.

f) A xestión e desenvolvemento das funcións encomendadas ou proxectos en coordinación con outras institucións públicas do ámbito tecnolóxico e da innovación.

g) A provisión periódica á Plataforma de innovación galega (Pinng) dos resultados derivados das actuacións dos centros e a participación na súa difusión.

h) Calquera outra función que se lle encomende no ámbito da súa competencia.

4. En particular, os centros que estarán adscritos á Axencia e cuxa xestión corresponderá ao Departamento de Programación de Centros son os seguintes centros de innovación e servizos de Galicia (CIS), organismos públicos facilitadores da transferencia de innovación e tecnoloxía ás pemes e empresas de sectores clave en Galicia, propiciando a súa transformación e a mellora do posicionamento competitivo das empresas:

• CIS Ferrol-Centro de Innovación e Servizos do Deseño e a Tecnoloxía.

• CIS Madeira-Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia.

A través destes centros produtivos e cada un deles no seu ámbito de especialización tecnolóxica, a Axencia ofreceralles ás empresas galegas, con especial foco nas pemes, os seguintes servizos avanzados e desenvolvemento de produtos e procesos:

• Servizos especializados a empresas: asistencia técnica, mellora de procesos, desenvolvemento de software tecnolóxico e industrial, control de calidade e ensaios de materiais e produtos, etc.

• Participación en proxectos en colaboración con empresas, como partners tecnolóxicos.

• Transferencia de tecnoloxía e coñecemento nos seus ámbitos de especialización.

• Asesoramento tecnolóxico.

• Difusión da cultura do coñecemento e tecnolóxica.

• Formación tecnolóxica especializada».

Artigo 2. Modificación do Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria

Un. Modifícase o artigo 5 quedando redactado como segue:

«Artigo 5. Estrutura

A Secretaría Xeral Técnica estrutúrase, para o exercicio das súas funcións e baixo a superior dirección do/da conselleiro/conselleira, nas seguintes unidades:

1) Vicesecretaría Xeral.

a) Servizo de Persoal e Asuntos Xerais.

b) Servizo de Contratación.

c) Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria.

2) Servizo Técnico-Xurídico.

3) Asesoría Xurídica de Enerxía, Minas e Comercio.

4) Asesoría Xurídica de Economía e Innovación.

5) Intervención Delegada».

Dous. Modifícase o artigo 11 quedando redactado como segue:

«Artigo 11. Asesorías xurídicas da Consellería de Economía e Industria

A Asesoría Xurídica de Enerxía, Minas e Comercio e a Asesoría Xurídica de Economía e Innovación adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica con niveis de subdireccións xerais e dependentes funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral.

A Asesoría Xurídica de Enerxía, Minas e Comercio e a Asesoría Xurídica de Economía e Innovación rexeranse polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, desenvolverán as funcións previstas no artigo 13.2 do devandito decreto en relación coas súas respectivas áreas funcionais. En particular, estas asesorías xurídicas ocuparanse nas súas respectivas áreas funcionais, da asistencia xurídica ás entidades instrumentais dependentes da consellería, segundo o Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica Xeral, todo isto sen prexuízo da repartición funcional de traballo que poida realizar a Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral de acordo co expresado no antedito decreto.

As devanditas asesorías xurídicas terán adscrito o persoal que se estableza na correspondente relación de postos de traballo».

Disposición adicional única. Referencias normativas

Todas as referencias normativas ás antigas áreas da Axencia Galega de Innovación deben entenderse referidas ás novas áreas.

Disposición transitoria primeira. Adscrición provisional

1. As persoas que veñen desenvolvendo os postos de director/a das áreas de Crecemento e Valorización e da Área de Financiamento da estrutura que se derroga serán as titulares, ata a súa cobertura regulamentaria, da Área de Programas e da Área de Xestión, respectivamente.

2. As persoas titulares da División de Administración e Contratación, da División de Asesoramento, Programas de Financiamento e Investimentos Estratéxicos e da División de Xestión da Innovación-Segapi da estrutura que se derroga serán titulares, ata a súa cobertura regulamentaria, do Departamento de Xestión Económica e Orzamentaria, do Departamento de Xestión de Axudas e do Departamento de Xestión da Innovación, respectivamente.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de febreiro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria