Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 20 de febreiro de 2014 Páx. 7110

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada.

A Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, logo da súa modificación a través da Lei 9/2013, do 4 de xullo, exixe reunir o requisito da competencia profesional para exercer a función de transportista por estrada. Intégrase así tamén no ordenamento interno o disposto no Regulamento (CE) nº 1071/2009, do 21 de outubro, polo que se establecen as normas comúns relativas ás condicións que se deben cumprir para o exercicio da profesión de transportista por estrada e polo que se derroga a Directiva 96/26/CE, de acordo co cal unha empresa que exerza a profesión de transportista por estrada nomeará, cando menos, unha persoa física, denominada xestor do transporte, que cumpra os requisitos de honorabilidade e competencia profesional (arts. 3 e 4). Precisamente para cumprir este requisito de competencia profesional o artigo 8 dispón que as persoas interesadas estarán en posesión dos coñecementos que responden ao nivel recollido no anexo I, parte I, do propio regulamento. A demostración de tales coñecementos farase mediante un exame escrito obrigatorio sobre as materias que se enumeran no referido anexo.

Para estes efectos, resulta aínda de aplicación a Orde do Ministerio de Fomento do 28 de maio de 1999, de desenvolvemento do capítulo I do título II do Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres en materia de expedición de certificados de capacitación profesional, que regula a forma e periodicidade mínima destas probas, cuxo contido e requisitos se axustan aos establecidos no Regulamento 1071/2009 e á nova redacción da Lei 16/1987. Xa que logo, na falta dunha nova disposición ministerial que efectúe unha actualización dese réxime, de resultar esta necesaria, procede desenvolver as probas consonte o disposto naquela orde.

Por outra banda, a convocatoria das probas correspóndelle á Xunta de Galicia con base na delegación de competencias efectuada pola Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de competencias do Estado nas comunidades autónomas en relación cos transportes por estrada e por cable.

A citada orde exixe que as probas se convoquen, como mínimo, unha vez ao ano. A resolución que agora se aproba non só atende a esa periodicidade mínima, senón que incluso eleva o número de probas que terán lugar a dúas. Deste xeito, e tendo en conta o intervalo de tempo que se prevé entre elas (arredor de seis meses), multiplícanse as posibilidades das persoas aspirantes para preparar e acceder ás probas.

En consecuencia, de conformidade coas previsións contidas no Regulamento 1071/2009, do 21 de outubro; na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo; na Lei 16/1987, do 30 de xullo; no Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, e na Orde do Ministerio de Fomento do 28 de maio de 1999, e de acordo coa autorización conferida pola Orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 8 de xuño de 1989,

DISPOÑO:

Artigo único. Convocatoria das probas

1. Convócanse probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de persoas viaxeiras, para a Comunidade Autónoma de Galicia e para o ano 2014.

2. As probas desenvolverante de conformidade coas bases que indican a continuación:

Primeira. Calendario das probas

1. As probas terán lugar preferentemente en sábado, domingo ou festivo abranguido entre:

– Primeira convocatoria: entre o 5 de abril e o 1 de xuño de 2014.

– Segunda convocatoria: entre o 4 de outubro e o 30 de novembro de 2014.

2. As persoas aspirantes que cumpran os requisitos para presentarse ás probas poderán facelo a calquera das convocatorias, ou ás dúas sucesivamente; igualmente, en calquera delas poderán presentarse á modalidade de xestor de transporte para empresas de transporte de mercadorías por estrada ou á de xestor de transporte para empresas de transporte de persoas viaxeiras por estrada, ou só a unha delas.

Segunda. Requisitos das persoas aspirantes

Para poder participar nas probas de xestor de transporte será preciso ter residencia habitual en Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Para tal efecto, presumirase que a residencia habitual da persoa aspirante se atopa no lugar en que figure o seu domicilio no documento nacional de identidade en vigor; só se admitirá que o domicilio sexa distinto ao que apareza no referido documento cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

– Que a persoa aspirante acredite que tivo o seu domicilio en Galicia, cando menos, durante cento oitenta e cinco (185) días naturais do último ano, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer aos exercicios;

– Que a persoa aspirante acredite que, sen cumprir o requisito do punto anterior, se viu obrigada por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia en Galicia; non obstante, non se entenderá cumprida esta exixencia nin cando se trate de estadías temporais nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada, nin cando se trate de supostos de asistencia a unha universidade, escola ou centro docente.

Terceira. Solicitudes

1. As solicitudes para tomar parte nas probas axustaranse ao modelo normalizado que se recolle como anexo I desta resolución, e que estará dispoñible tanto na guía de procedementos (http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos) como na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) co código MT312A.

2. Coa solicitude deberase presentar:

a) Fotocopia compulsada do DNI en vigor, no caso de que non preste a autorización para facer a consulta telemática de acordo co disposto nesta base, punto 6. No caso de que o documento non estea en vigor, deberá presentar un xustificante acreditativo da solicitude de renovación.

b) Impreso de taxa de autoliquidación correspondente á Administración.

c) Nos casos en que, consonte coa base segunda desta resolución, o domicilio que apareza no DNI non estea en Galicia, deberá achegarse a seguinte documentación, segundo corresponda:

– Certificado actualizado de empadroamento, no cal se acredite que a persoa aspirante tivo o seu domicilio en Galicia, cando menos, cento oitenta e cinco (185) días naturais do último ano, contados desde o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer aos exercicios. Para estes efectos, o certificado deberá especificar a data en que a persoa solicitante foi dada de alta no padrón municipal.

– Cando non se estea no suposto anterior, xunto co certificado actualizado de empadroamento achegarase a documentación que acredite que se viu obrigada a cambiar de residencia por razóns familiares ou profesionais; así, por exemplo, achegarase certificado do centro de traballo ou copia do contrato de traballo.

3. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

4. Os prazos de presentación de solicitudes establécense do seguinte xeito:

a) Primeira convocatoria: no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

b) Segunda convocatoria: do 1 ao 20 de agosto, incluídos ambos os dous días.

5. A non presentación da solicitude e o non pagamento da taxa en tempo e forma suporá a exclusión da persoa aspirante; igualmente, a consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polas persoas aspirantes dará lugar á súa exclusión, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

O enderezo que se faga constar na solicitude considerarase como o único válido para os efectos de notificacións; será responsabilidade exclusiva da persoa solicitante tanto o erro na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de Mobilidade de calquera cambio del.

6. Mediante a presentación da solicitude a persoa interesada autoriza expresamente a Administración pública para acceder aos seus datos de identidade a través dos sistemas de verificación de datos de identidade e residencia do Ministerio da Presidencia. Non obstante, poderá denegar ese consentimento, caso en que deberá presentar a copia do DNI nos termos que se indican no punto 2, letra a, desta base.

Cuarta. Dereitos de exame

1. De conformidade coa Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, e coa Lei 6/2003, do 29 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, para acceder a estas probas deberá aboarse, en concepto de taxas por dereitos de exame, a cantidade de vinte e un euros con corenta céntimos (21,40 €), por cada un dos exames a que as persoas interesadas se presenten, e por cada convocatoria.

2. O ingreso da/s taxa/s efectuarase en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos pola Comunidade Autónoma de Galicia; para tal fin, as persoas aspirantes terán que empregar os impresos de autoliquidación oficiais, que se poderán obter nos servizos centrais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ou da Dirección Xeral de Mobilidade, nos Servizos de Mobilidade de cada provincia, ou nos departamentos territoriais da consellería.

Os impresos de autoliquidación cubriranse indicando os seguintes códigos:

– Consellería de: MATI; código: 06.

– Delegación de: SS.CC.; código: 13.

– Servizo de: Transportes; código: 02.

– Denominación: dereitos exame capacitación; código: 31 01 06.

3. Así mesmo, o ingreso da/s taxa/s poderá facerse en liña, a través da Oficina Virtual Tributaria dispoñible na web da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es), indicando, para o efecto, os mesmos códigos sinalados no punto anterior.

Quinta. Admisión de persoas aspirantes

1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal encargado de avaliar as probas procederá a revisalas.

Rematado o proceso, exporase no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Mobilidade e na sección de formación da súa páxina web (http://www.cmati.xunta.es/mobilidade) a lista provisional de persoas admitidas e excluídas, con indicación do motivo da súa exclusión.

2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da exposición da devandita lista, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

3. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o tribunal publicará no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Mobilidade e na sección de formación da súa páxina web (http://www.cmati.xunta.es/mobilidade) a resolución pola que se anuncia a exposición pública das listas definitivas de persoas admitidas e excluídas, nos mesmos lugares e medios en que se expuxeron as relacións provisionais.

4. Devolveránselles os dereitos de exame ás persoas solicitantes excluídas definitivamente das probas, sempre que o soliciten no prazo dun mes contado a partir da publicación da resolución citada no punto anterior, empregando para o efecto o modelo que figura nesta resolución como anexo II.

Sexta. Desenvolvemento das probas

1. O lugar, a data e a hora de realización dos exercicios serán acordados polo tribunal e publicados no Diario Oficial de Galicia cunha antelación mínima de quince días naturais á data elixida.

Nesta publicación o tribunal completará as instrucións de funcionamento e desenvolvemento das probas coas indicacións que resulten adecuadas para garantir a súa correcta operatividade, sen menoscabo das que, para tal fin, poida adoptar no mesmo momento da súa realización.

2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento, e perderá o dereito a realizar a proba quen non compareza.

3. As persoas aspirantes deberán presentarse á realización das probas provistas de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal; a súa omisión dará lugar á súa non admisión á realización das probas. Recoméndase igualmente que concorran provistas dunha copia da solicitude de admisión e do impreso xustificativo do pagamento das taxas.

Non se permitirá o acceso e tenza no recinto onde se realicen os exercicios de teléfonos móbiles, axendas ou demais dispositivos de carácter electrónico, agás, se é o caso, máquinas calculadoras sen memoria RAM. Do mesmo xeito, queda prohibido o acceso con calquera outro material ou instrumento do cal se poidan valer os aspirantes para auxiliarse na realización das probas.

4. Concluído o exercicio, o tribunal establecerá os mecanismos precisos para que as persoas aspirantes poidan obter copia da súa folla de respostas; as respostas que o tribunal estime como correctas publicaranse con posterioridade na sección de formación da páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (http://www.cmati.xunta.es/mobilidade).

Unha vez publicadas consonte co anterior as relacións de respostas correctas, as persoas interesadas disporán do prazo de tres días hábiles para presentar ante o secretario do tribunal as impugnacións que estimen procedentes; no caso de non presentalas directamente ante o secretario, para a súa toma en consideración deberá remitirse, dentro do referido prazo, copia da impugnación presentada ao número de fax 981 54 43 51 ou ao enderezo electrónico formacion.transportes@xunta.es, dirixida ao secretario do tribunal. Pasado o prazo indicado, non se admitirán novas impugnacións nin se tomarán en consideración as ditas alegacións respecto da revisión de exames.

5. Á vista das impugnacións presentadas, o tribunal elaborará a relación definitiva de respostas correctas e procederá, acto seguido, a corrixir os exercicios de acordo con ela. Durante a corrección o presidente adoptará as medidas oportunas para garantir o anonimato das persoas aspirantes durante todo o proceso.

A relación definitiva de respostas correctas, así como a provisional de aspirantes aptos e non aptos, serán expostas no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Mobilidade, así como na sección de formación da súa páxina web (http://www.cmati.xunta.es/mobilidade). Na resolución do tribunal pola que se proceda á publicación establecerase un prazo de solicitude de revisión de exercicios de cinco días hábiles, para que as persoas interesadas fagan chegar ao secretario do tribunal as peticións de revisión; para a súa toma en consideración, as solicitudes de revisión que non se presenten directamente ante o secretario do tribunal deberán adiantárselle a este, dentro do referido prazo de cinco días, mediante a remisión de copia delas ao número de fax 981 54 43 51 ou ao enderezo electrónico
formacion.transportes@xunta.es

Revisados os exercicios, o tribunal procederá a adoptar o acordo definitivo sobre as persoas aspirantes aprobadas.

Sétima. Estrutura e cualificación dos exercicios

1. Os exercicios de que constarán as probas, a súa estrutura, forma de cualificación e áreas de coñecemento serán os establecidos na Orde do Ministerio de Fomento do 28 de maio de 1999, pola que se regulan estas probas.

2. Os exercicios constarán de dúas partes:

– Exercicio tipo test, onde se deberán contestar 100 preguntas, cada unha delas con catro respostas alternativas;

– Exercicio práctico, que consistirá en resolver seis supostos que requiran a aplicación das materias do programa a casos concretos; este exercicio poderá responderse mediante unha explicación escrita ou mediante a selección da resposta correcta entre varias indicadas polo tribunal.

En todo caso, a normativa a que se refire o contido do programa será a vixente o último día do prazo de inscrición para cada unha das probas.

3. O tempo dispoñible para a realización dos dous exercicios será de dúas horas para o test e outras dúas horas para o práctico, que se poderán desenvolver en unidade de acto ou por separado.

4. Cualificación dos exercicios: os exercicios cualificaranse de cero a dez puntos, consonte coas seguintes regras de valoración:

– No exercicio tipo test, cada resposta correcta valorarase con 0,04 puntos, e cada resposta incorrecta restará 0,02 puntos; as preguntas non contestadas ou que conteñan máis dunha resposta non puntuarán positiva nin negativamente.

– No exercicio práctico, cada un dos seis supostos valorarase entre 0 e 1 punto. As respostas incorrectas, non contestadas ou que conteñan máis dunha resposta non puntuarán positiva nin negativamente.

Para aprobar o exame será preciso obter unha puntuación non inferior a 2 na primeira parte nin a 3 na segunda, e que a suma das puntuacións obtidas en ambas as dúas sexa igual ou superior a 6.

Oitava. Tribunal

1. O tribunal cualificador das probas convocadas estará integrado polo seguinte persoal da Dirección Xeral de Mobilidade:

Presidente: Antón García Río.

Presidenta suplente: Mercedes López Caneda.

Vogais:

Eva Lorenzo Queiro.

María Mar Estévez Mosquera.

Pablo Alejandro Amenedo Bermúdez.

Vogais suplentes:

Mercedes López Caneda.

Elena Prado Veiga.

Secretario: David Conde Varela.

Secretario suplente: Manuel Eiras Abeijón.

2. O procedemento de actuación do tribunal axustarase, en todo momento, ao disposto para os órganos colexiados nos preceptos básicos da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Os membros suplentes do tribunal participarán, xunto cos titulares, cando sexa preciso para o bo desenvolvemento das probas.

3. As sesións do tribunal faranse constar en actas sucintas que se autorizarán coa sinatura do secretario e o visto e prace do presidente.

4. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ás do resto de participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten as adaptacións posibles de tempo e/ou medios para a súa realización.

Para a materialización destas previsións, as persoas aspirantes cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, especificando claramente tanto a porcentaxe de discapacidade que teñen recoñecida oficialmente como o órgano que realizou tal recoñecemento. En caso de que este órgano non dependa da Xunta de Galicia, deberán xuntarse á solicitude os documentos xustificativos da discapacidade. Así mesmo, deberán indicar na solicitude as adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios.

5. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios se corrixan a través de medios automatizados, utilizando para iso os impresos adecuados.

6. Para os efectos do Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG nº 122, do 25 de xuño), cualifícase o tribunal como de categoría primeira.

Novena. Expedición dos certificados

Concluída a cualificación das probas, o tribunal remitirá á Dirección Xeral de Mobilidade a relación definitiva de persoas aprobadas, para os efectos de expedir os certificados de competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada.

Décima. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da dirección xeral (www.cmati.xunta.es/mobilidade), sección de formación.

b) Os teléfonos 981 54 45 02 e 981 54 45 85, da devandita dirección xeral.

c) Enderezo electrónico: formacion.transportes@xunta.es

Disposición derradeira. Recursos

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, consonte co previsto polo artigo 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de calquera outro que a persoa interesada estime pertinente.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2014

María Camino Triguero Salas
Directora xeral de Mobilidade

missing image file
missing image file
missing image file