Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 28 de febreiro de 2014 Páx. 8650

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 21/2014, do 20 de febreiro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos afectados polas obras do emisario submarino da estación depuradora de augas residuais do Lagares, no termo municipal de Vigo (Pontevedra), expediente OH.336.1078.

O 2 de agosto de 2010, a Xunta de Galicia, o Concello de Vigo, Augas de Galicia e Aguas de las Cuencas del Norte, S.A. subscribiron un convenio para a construción das infraestruturas hidráulicas da actuación de saneamento de Vigo. Entre os elementos da dita actuación recóllese un novo emisario submarino.

No dito convenio a Xunta de Galicia asume a obriga de tramitar os procedementos expropiatorios e o Concello de Vigo asume a obriga de financiar os novos terreos e bens necesarios para a execución das obras. Pola súa vez, o artigo 132.4 do texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, dispón que as sociedades estatais que teñan por obxecto a construción de obras públicas hidráulicas terán a condición de beneficiarias por causa de utilidade pública nos procedementos de expropiación forzosa que se desenvolvan con ocasión da construción das obras públicas hidráulicas que leven a cabo.

O 15 de marzo de 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Anuncio do 8 de marzo de 2010, da presidenta de Augas de Galicia, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental (DIA) do anteproxecto para a ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais (EDAR) do Lagares, declaración preceptiva emitida pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. A dita declaración incluía os aspectos ambientais relativos ao emisario submarino e foi ditada nun sentido favorable á viabilidade e necesidade ambiental das obras.

O 6 de outubro de 2010 foi publicado no Diario Oficial de Galicia o Decreto 164/2010, do 23 de setembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos afectados polas obras de ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais do Lagares, Vigo (Pontevedra) (expediente OH.336.889). No dito decreto non foron incluídos os bens e dereitos necesarios para a execución das obras referidas ao emisario da dita estación depuradora, motivo polo que procede agora a aprobación deste decreto.

O 6 de maio de 2013 tivo lugar a fusión da sociedade estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A. (no sucesivo, Acuaes), por absorción, entre outras, da extinta sociedade estatal Aguas de las Cuencas del Norte, S.A. (sociedade absorbida), quedando subrogada a sociedade absorbente na totalidade de dereitos e obrigas da sociedade absorbida.

O 22 de marzo de 2013 o director de Augas de Galicia ditou unha resolución pola que se somete ao preceptivo trámite de información pública o anteproxecto do emisario submarino da estación depuradora de augas residuais (no sucesivo, EDAR) do Lagares (Vigo), a solicitude de autorización de vertedura e a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados necesarios para a súa execución. Esta resolución foi publicada no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra número 70, do 11 de abril de 2013, no Diario Oficial de Galicia número 72, do 15 de abril de 2013 e nos xornais Faro de Vigo e La Voz de Galicia do 6 de abril de 2013.

O 14 de novembro de 2013 Acuaes emite un informe en que conclúe a desestimación de todas as alegacións presentadas.

O 13 de decembro de 2013 o director de Augas de Galicia ditou unha resolución pola que se aproba e se dá por rematado o trámite de información pública.

O 16 de decembro de 2013 o director de Augas de Galicia ditou a resolución de aprobación técnica e definitiva do anteproxecto do emisario submarino da EDAR do Lagares (Vigo).

Esta actuación hidráulica está cofinanciada con fondos da Unión Europea ao abeiro da Decisión da Comisión C (2013) 5857.

As obras de referencia aparecen recollidas no apéndice X.1 do programa de medidas do Plan hidrolóxico Galicia-Costa, aprobado polo Real decreto 1332/2012, do 14 de setembro, polo que, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, a dita obra hidráulica é de interese da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 29 da Lei 9/2010, xa citada, dispón que a aprobación definitiva do proxecto, anteproxecto ou documento similar de obras hidráulicas declaradas de interese da comunidade autónoma levará implícita a declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación dos bens e adquisición de dereitos, para os fins de expropiación forzosa e ocupación temporal, de acordo co disposto na lexislación correspondente. Esta declaración referirase tamén aos bens e dereitos que se poidan incluír na reformulación do documento técnico correspondente e ás modificacións de obras e obras complementarias que, se é o caso, se poidan aprobar posteriormente.

As obras que motivan esta expropiación completan a nova EDAR do Lagares, actualmente en execución, e consisten basicamente nunha estación de bombeo e nun emisario submarino. A primeira integrada por unha arqueta de entrada onde o efluente pode derivarse ás bombas ou pasar directamente á cámara de carga do emisario. A evacuación do efluente realizarase a través do emisario, en dous tramos, un primeiro terrestre executado en finca e o segundo submarino, en finca e en gabia, rematando nun tramo difusor.

A construción do emisario é parte esencial do sistema de saneamento do Lagares e como parte deste considérase debidamente xustificada a urxente ocupación dos terreos, bens e dereitos precisos para a execución das obras. Así resulta acreditado no expediente, esencialmente pola necesidade inaprazable de dar unha solución coa máxima rapidez e eficiencia aos graves problemas de contaminación continua e progresiva que se están producindo nas augas da ría de Vigo, que provocan un estado actual deficiente e deteriorado da súa calidade con posible afección a zonas de baño, por razón de que as actuais instalacións non contan coa capacidade de dimensionamento hidráulico suficiente, cos conseguintes danos e perdas ambientais que esta situación supón.

No ámbito da Unión Europea foron aprobadas diferentes directivas en materia hídrica e de saneamento que os Estados membros teñen a obriga de cumprir e que resultan, en concreto, directamente aplicables ás augas da ría de Vigo. Así, na Directiva 2006/113/CE disponse que nas augas onde exista cría de moluscos deberase reducir a contaminación para adecuar a súa calidade aos requisitos, valores e parámetros necesarios que permitan unha adecuada cría de moluscos comestibles; na Directiva 2006/7/CE regúlase a xestión da calidade das augas de baño; na Directiva 91/271/CEE, relativa ás augas residuais urbanas, exíxese que as aglomeracións de máis de 2.000 habitantes equivalentes dispoñan dun sistema de depuración secundaria; e, en definitiva, na Directiva 2000/60/CE, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas, establécese a obriga de acadar o bo estado ecolóxico das augas para o ano 2015.

Así mesmo, e por mor do problema sinalado de degradación ambiental que se está ocasionando pola incapacidade das instalacións de saneamento existentes, tamén é urxente a inmediata e efectiva dispoñibilidade dos bens e dereitos afectados polas obras de execución do emisario coa finalidade de evitar que a ría de Vigo resulte gravemente afectada co tempo na súa consideración como unidade socioeconómica ao ser fonte de gran riqueza marisqueira e variedade do seu medio natural pola ampla gama de produtos do mar que nela se producen, circunstancias naturais que poñen de manifesto igualmente un significativo interese social na conclusión de todas as obras de saneamento proxectadas na zona para reducir a contaminación das augas da ría de Vigo e asegurar que se adecuan aos valores e parámetros exixidos.

Faise, por tanto, imprescindible axilizar ao máximo a execución das obras do emisario, como parte integrante e imprescindible da ampliación e modernización da estación depuradora do Lagares, coa pretendida finalidade pública de recuperar e protexer o ambiente hídrico e retornar ás condicións de calidade necesarias das augas da ría de Vigo mediante a construción e subseguinte posta en funcionamento, no eido do saneamento de Vigo, dun sistema de depuración adecuado e suficiente dos caudais de augas residuais que permita alcanzar e manter con garantías os obxectivos exixidos de calidade en microbioloxía das augas de acordo co disposto na normativa e suprimir ou diminuír substancialmente os efectos negativos que se estean producindo no medio, evitándose así os altos custos derivados deles.

Os bens e dereitos en que se concreta a declaración de urxente ocupación, tanto de pleno dominio como de ocupación temporal ou de calquera outra imposición sobre eles que sexa necesaria, figuran individualizados coa súa correspondente valoración no expediente instruído para o efecto, que se someteu no seu día ao preceptivo trámite de información pública tal e como se indicou. A sociedade estatal Acuaes asumirá a condición de beneficiaria no procedemento de expropiación forzosa, de conformidade co disposto no artigo 132.4 do texto refundido da Lei de augas, xa citado.

A competencia para a declaración de urxente ocupación tena atribuída o Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto no artigo 2 do Decreto 24/1987, do 29 de xaneiro, sobre asunción de competencias en materia de obras hidráulicas.

Por canto antecede e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e concordantes do seu regulamento, do 26 de abril de 1957, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte de febreiro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e dispoñer a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, afectados pola execución das obras do emisario submarino da estación depuradora de augas residuais do Lagares, no termo municipal de Vigo (Pontevedra).

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de febreiro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas