Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Xoves, 6 de marzo de 2014 Páx. 9704

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2014, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada LMT, CT, RBT Vilar, no concello do Carballiño (expediente IN407A 2013/49-3).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na Batundeira, 2, Velle, 32960 Ourense, sobre autorización administrativa e declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia, así como a aprobación do seu proxecto de execución, asinado o 30.7.2013 por Burkard Hecht Elorduy, enxeñeiro industrial colexiado nº 2633; resultan os seguintes:

Antecedentes de feito:

Primeiro. A petición someteuse a información pública por Resolución do 28 de agosto de 2013, da Xefatura Territorial de Ourense, publicada no DOG do 18 de setembro, no BOP de Ourense do 16 de setembro, no xornal La Región de Ourense do 20 de novembro de 2013, no taboleiro de anuncios do concello afectado e nesta xefatura territorial, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de aplicación da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. Dentro do prazo establecido para iso non se presentou ningunha alegación en contra do establecemento destas instalacións eléctricas.

Terceiro. As características técnicas básicas das instalacións proxectadas, que teñen un orzamento de 164.838,91 euros, son as seguintes:

– LMT subterránea, a 20 kV, de 685 m de lonxitude con condutor RHZ1, con orixe na LMT ALB802 Boborás-2 e remate no CT proxectado, prefabricado, de 160 kVA e R/T 20.000/400-230 V.

– RBT aerosubterránea de Vilar, A Grova e Ponte Veiga, de 1.070 m en aéreo, con condutor RZ, e 437 m en subterráneo, con condutor XZ1, con entrada e saída no CT proxectado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Ourense é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000, polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, e polo Decreto 245/2009, do 30 de abril, que regula as delegacións territoriais da Xunta de Galicia (DOG do 1 de maio).

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da sinalada Lei 54/1997, de aplicación ao expediente polo indicado na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. O proxecto de execución, que está informado de xeito favorable polos servizos técnicos desta xefatura territorial, reúne todos os requisitos necesarios para a súa execución, efectuándose a comprobación sobre o terreo da traza da liña eléctrica, na que non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar, aprobar o proxecto e declarar de utilidade pública, en concreto, as ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto, e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables, e en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Segundo. Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado/a se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 10 de febreiro de 2014

P.S.L. (Decreto 110/2013, do 4 de xullo)
Alfonso Tomás Paz Doniz
Xefe do Servizo de Administración Industrial